Inicio Blog Páxina 1863

Acusan ó Concello de impulsar o PXOM na corentena para non ter en conta ás asociacións veciñais

Malestar entre as asociacións de veciños de Vigo por un Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) desenvolto “ás costas dos movemento veciñal” e “con nocturnidade”. A Federación de Asociacións de Veciños ‘Eduardo Chao’ (FAVEC), que representa un total de 32 plataformas da cidade, denuncia que o borrador do plan foi publicado “en plena corentena”, cando, debido ó estado de alarma, os colectivos veciñais non tiñan capacidade para reunirse e estudalo. Dende a federación lamentan que o consistorio de Abel Caballero nin sequera “informara” ós colectivos: “é coma se non existísemos”, apuntan.

Ante esta situación, o secretario da FAVEC, Óscar Álvarez, anunciou que desenvolverán unha rolda de encontros coas asociacións veciñais da cidade para explicar e debater un borrador que xerou “todas as dúbidas” nos colectivos veciñais. As charlas, que contarán con asesores urbanísticos e xurídicos, comezarán o 2 de xullo na AA.VV. de Freixeiro. A elas foron convidados todos os grupos políticos da cidadade, entre os cales tan só confirmaron asistencia Alfonso Marnotes (PP) e Rubén Pérez (Marea de Vigo).

Surf, piragüismo ou remo, de balde durante este mes na ría de Vigo

A Asociación Ría de Vigo de Entidades Náuticas (Ariven) desenvolverá un programa de actividades gratuítas ata finais deste mes co obxectivo de presentar a oferta do sector.

Esta iniciativa foi avanzada este xoves no marco da presentación da asociación, realizada en Vigo, onde se indicou que a proposta foi denominada ‘Semana Azul-Mergúllate connosco!’. Así, apuntouse que se busca pór en valor a riqueza cultural, histórica e ambiental da ría de Vigo vinculada ao sector náutico, segundo trasladou a entidade nun comunicado.

Un dos socios fundadores de Ariven e vogal da mesma, Rubén Pérez, explicou que, mediante este proxecto, cuxa posta en marcha foi suspendida ata este momento debido á crise sanitaria, búscase celebrar “a reactivación da náutica, como actividade segura, saudable e xeradora de benestar social”.

A iniciativa incluirá bautismos de mar e a práctica de deportes como piragüismo, surf, paddle surf, windsurf, kaiak, polo, remo, vela lixeira e outras actividades de carácter náutico, ademais dunha ruta en catamarán pola ría de Vigo. O programa definitivo será difundido a través da páxina web de Ariven e as súas redes sociais.

PRESENTACIÓN

Así mesmo, presentouse Ariven, unha entidade nada en 2019 e impulsada pola Autoridade Portuaria de Vigo no marco da estratexia Blue Growth. Mediante a asociación, buscouse dar resposta á demanda de entidades públicas e privadas que aspiraban a reforzar e situar o sector náutico deportivo como un referente de innovación e competitividade dado o seu impacto na economía, o medio ambiente e o benestar.

Neste contexto, Rubén Pérez remarcou que Ariven naceu co obxectivo de “aglutinar toda a cadea de valor” do sector e permitir un traballo conxunto para fortalecelo e mellorar o seu competividad “axuntando intereses comúns”.

Ferida grave unha traballadora que quedou atrapada baixo unha máquina nun polígono industrial no Porriño

0

Unha traballadora resultou ferida grave ao quedar atrapado baixo unha máquina hidráulica nunha nave dunha empresa situada no Polígono das Gándaras, no Porriño.

Segundo confirmou o 112 Galicia, a alerta saltou sobre as 14,30 horas, e ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos dos bombeiros do Baixo Miño, Policía Local e Garda Civil, así como do 061.

Debido á gravidade do accidente, inicialmente deuse por falecida a traballadora, aínda que os esforzos dos sanitarios do 061 permitiron que recuperase o pulso.

A ferida foi evacuada en estado grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

(Vídeos) Así están os supermercados vigueses

Grandes colas e desabastecementos puntuais de productos básicos. Así están os grandes supermercados de Vigo antes de que se active o Estado de Alarma.

SondeSeu poñerá o broche musical á cerimonia da Capital da Cultura do Eixo Atlántico en Braga

A Cerimonia de Apertura Oficial de VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico realízase este sábado, 8 de febreiro, ás 21h30 (hora local), no Altice Forum Braga, cun concerto de música tradicional compartido polo portugués Daniel Pereira Cristo e a galega SondeSeu Orquestra Folk.

Desta maneira, a VI Capital da Cultura do Eixo Atlántico pretende incentivar a implicación da comunidade na crecente dinámica cultural non só da cidade de Braga, senón de todo o territorio transfronteirizo.

Para Ricardo Río, alcalde de Braga, a Capital da Cultura reafírmase como a celebración da cooperación transfronteiriza. “Queremos que a Capital da Cultura do Eixo Atlántico – Braga 2020 sexa un momento de afirmación da nosa identidade e que contribúa a aumentar a dinámica cultural de cada unha das cidades que integran esta asociación transfronteiriza”, destaca o alcalde.

A programación deseñada para este ano inclúe 52 eventos de referencia do Municipio de Braga e un conxunto de novas iniciativas que contan coa colaboración de axentes culturais dos municipios do Norte de Portugal e de Galicia. Todo un conxunto de actividades que inclúen cultura urbana; artes plásticas – pintura, escultura, debuxo, gravado, cerámica, ourivaría, artesanía -; música contemporánea, clásica, ópera e folk; poesía, teatro, cinema, exposicións, concertos, encontros de industria cultural, fotografía, encontros sectoriais do mundo da cultura…

INAUGURACIÓN COA MÚSICA DE DANIEL PEREIRA E SONDESEU

A inauguración concluirá cun concerto de música tradicional compartido por Daniel Pereira Cristo e a galega SondeSeu Orquestra Folk que presentan un espectáculo con novas músicas, novas cancións e novas abordaxes dos seculares cordófonos e percusións. “Un espectáculo que coloca no presente e na contemporaneidade os nosos instrumentos e sons étnicos, conservándoos así para o futuro, para as músicas do mundo”, aseguran dende a organización.

SonDeSeu é unha das primeiras orquestras europeas de música folk contemporánea. O seu repertorio consta de temas procedentes da tradición oral da música popular de Galicia, arranxados especialmente para a formación polos seus compoñentes e responsables das distintas seccións que abarcan gaitas, percusión, zanfonas, violíns, frautas de madeira, arpas e corda pulsada. SonDeSeu naceu no ano 2001, fundada por Rodrigo Romaní no antigo departamento de Música Tradicional da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

Esta experiencia singular persegue a fusión entre formación especializada, práctica escénica e música en comunidade. Desde entón, tivo unha traxectoria ascendente proxectada cara ao panorama estatal e internacional, con diversas publicacións discográficas editadas e numerosos recoñecementos públicos. Os concertos en vivo convértense en toda unha celebración da recuperación do patrimonio oral e a súa integración na modernidade urbana, nos que o público, de xeracións diversas, toma parte activa.

A entrada ao concerto é libre, pero suxeita á dispoñibilidade do local. As entradas poden ser recollidas no despacho de billetes do Altice Forum Braga, entre as 09h00 e as 18h00 (entre as 10h e as 17 h., hora galega).

Povisa e o desembarco das multinacionais da sanidade

O concerto singular entre Sergas e a clínica Povisa de Vigo, implicou o ano pasado un investimento de 80 millóns de euros xunto a unha redución do gasto en medicamentos. O caso foi levado ao Consello de Contas de Galicia, que denunciou as prácticas da Xunta con Povisa. “A empresa Ribera Salud, propiedade da aseguradora norteamericana Centene, merca o centro vigués por 24 millóns de euros” di Manuel Martín. A compra saiu barata en comparación cos orzamentos enviados desde o Sergas. “Polo prezo que costou, a administración podía comprar Povisa”.

Cal foi o motivo polo que Povisa pasou a mans de Ribera Salud? “Alegan que teñen perdas, mais o que lle pagaban a Povisa por usuario era moito máis que o que pagaban aos hospitais públicos” di Javier Martínez. “Posiblemente queren traballar só no sector navieiro” di Chus Neira, do comité de empresa de Povisa da CIG.

“O ano pasado fixeran un pre-concurso de acredores, chegaron a un acordo para que o Sergas se fixese cargo da farmacia de alto impacto, tamén tiveron máis vantaxes do acordo, por iso non entendemos que acabaran vendendo” di Neira. A maiores, Povisa recibiu este ano un millón de euros para axudar a rebaixar as listas de espera da EOXI de Vigo, os hospitais do Sergas, segundo nos di Neira. Povisa ademais conta co concerto máis grande de España en canto centro privado de saúde coa administración pública. O número de usuarios e usuarias que ten asignado é de 137.000.

“Non temos moita información sobre Ribera Salud, agás que só traballan co sistema público, por concesión administrativa” di Xurxo Cabral de CCOO. Sobre as condicións da venda, Cabral tamén incide que non lles transmitiron nada. “Tivemos unha reunión coa dirección saínte o día despois que saíra a noticia da venda, preguntamos se nos ían informar e a resposta foi que a seguinte reunión sería cos novos directivos”. A dirección saínte avisou que todo estaría asinado a mediados de novembro.

Toda a información en Galicia Confidencial.

Carlos Oroza segue vivo

Tres anos van xa desque o poeta Carlos Oroza nos deixou. Pero segue vivo na súa poesía, esa que agora a Editorial Elvira recupera no libro-disco ‘Aute canta a Oroza’ e que serve de motor para as distintas homenaxes que se lle están facendo en Vigo.

A primeira foi no cemiterio de Pereiró, o pasado xoves, onde se recitou un dos seus poemas e descubriuse unha placa na súa memoria. A segunda grande homenaxe foi ese mesmo día na sala de conferencias de Afundación, onde se celebrou a mesa redonda ‘Carlos Oroza, o poeta oral’, na que participaron Javier Romeu, director da Editorial Elvira, Javier Monforte, produtor musical á fronte do libro-disco, o crítico de arte Antón Castro e Antón Patiño, escritor e pintor amigo de Oroza.

Alí congregouse unha boa representación do mundo cultural, pero tamén político da cidade: o deputado provincial Carlos López Font, a concelleira de Cultura Uxía Branco, o poeta Marcos de la Fuente, as escritoras Alicia Borrás, Graciela Baquero e María Lado…

CCarlos Oroza / Miguel Núñez
Carlos Oroza / Miguel Núñez

E o venres chegou o gran fasto, no auditorio de Afundación, onde se presentou ‘Aute canta a Oroza’, ao que acudiu o irmán do cantautor, José Ramón, en representación do artista, cun estado de saúde delicado. Alí citáronse eses nomes que dan ‘glamour’ a este tipo de actos, destacando a presenza do alcalde de Vigo, Abel Caballero, e do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín.

E así foi o acto, en imaxes:

Rexeitan unha explotación eólica na Serra do Galiñeiro con capital saudí e do xenro de Florentino Pérez

A Plataforma pola Protección da serra do Galiñeiro reuniuse en asemblea o pasado 2 de agosto para tratar a problemática da ameaza dunha nova explotación eólica na serra do Galiñeiro.

A través do Concello de Gondomar, tiveran noticias da intención de volver implantar un parque eólico nos cumios da serra. Trátase dunha empresa de capital saudí que xa mostrou o seu interese noutros lugares de Galicia, Alfanar Group, e que vén da man da madrileña Capital Energy dirixida polo xenro de Florentino Pérez, presidente do Real Madrid.

A asemblea decidiu retomar as mobilizacións e seguir na liña de rexeitamento a calquera proxecto que supoña “a destrución dos valores da serra”. Tamén abordou a problemática dos incendios, xa que “dez meses despois dos fatídicos lumes, aínda as Comunidades de Montes seguen paralizadas no seu traballo de restauración por falta de autorización de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia”.

“Non é limpa a enerxía que desposúe da propiedade do territorio aos seus lexítimos donos e llo entrega a multinacionais”

A Plataforma seguirá loitando ante calquera proxecto de agresión tal e como expresou na última manifestación celebrada en Compostela o pasado mes de xuño contra a megaminaría: “Que o monte estea queimado e degradado non pode ser desculpa, nin razón, para facilitar a implantación de proxectos aínda máis agresivos que o lume”.

Estamos a favor das enerxías renovables sempre que sexan limpas, isto é, que exista unha planificación do sector da enerxía eléctrica no país, non da ocupación de máis e máis territorio sen xestión consciente, sen ter en conta os excedentes de produción que xa hai, sen respectar nin facer unha valoración dos lugares onde se colocan os parques”, aclaran.

Porque, para a Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro, “non é enerxía limpa a producida por empresas que especulan coas concesións dos polígonos eólicos, que utilizan esas concesións para vender os dereitos sen ser usados e negociar con eles como con calquera outro produto”.

“Non é enerxía limpa a producida por aeroxeradores que non funcionan a tempo total, porque teñen que estar parados ao non haber liñas de evacuación de abondo. Non é limpa a enerxía producida a costa dunha ocupación do territorio que destrúe recursos tan esenciais como a auga, ao abrir pistas e construír cimentacións para cada aeroxerador, non é limpa a enerxía que destrúe recursos tan básicos coma as explotacións madeireiras, gandeiras e doutros produtos que dá o monte. Non é limpa a enerxía que fai desaparecer lugares de interese científico, didáctico e de ocio”, engaden.

Non é limpa a enerxía que desposúe da propiedade do territorio aos seus lexítimos donos e llo entrega a multinacionais. Non é limpa a enerxía que provén dunha política enerxética que só está ao servizo de intereses espurios”, selan.

A Plataforma pola Protección da Serra do Galiñeiro defende que esta serra, ademais de contar nun dos seus cumios cunha fortaleza da alta idade media, declarada Ben de Interese Cultural (BIC) polo Ministerio de Educación no ano 1949, alberga abundante patrimonio arqueolóxico en forma de petróglifos ou mámoas, e é un Lugar de Interese Paisaxístico segundo o Catálogo das Paisaxes de Galicia.

É tamén Lugar de Interés Geológico (LIG) polos altos valores da súa estrutura xeolóxica. Deste xeito, a Comunidade Europea considera “Hábitats de Interese” numerosos lugares da serra nos que se da unha combinación de especies vexetais pouco frecuentes: turbeiras, carrasqueiras de influenza atlántica e outras de ambiente mediterráneo, vexetación asociada á rocha espida ou das covas…

O Galiñeiro posúe tamén varias especies de plantas que son endémicas da península Ibérica, así como certas especies animais que, segundo a Comunidade Europea, son “de Interese Comunitario” (certas castes de morcegos, réptiles e anfibios) e outras especies que denomina a directiva europea “de Protección Estricta” (réptiles e anfibios).

Igualmente, considéranse de alto valor ambiental algunhas aves que aniñan aquí na primavera e outras que pasan o inverno, así como os cabalos do monte, especie que vive salvaxe no noroeste da península Ibérica dende hai miles de anos.

Polo tanto, a devandita plataforma fai un chamamento a todos os grupos políticos de cada un dos concellos que ten territorio na serra para que articulen a protección de Galiñeiro na canle administrativa e política que corresponda.

Así mesmo, apelan a todos os propietarios e propietarias, sexan particulares ou comunais, e por suposto a toda a cidadanía, “para que defendan o que en definitiva é de todos e de todas”.

A eles e elas comunicánlles que a Plataforma “está aberta a quen queira colaborar, e  poden poñerse en contacto con nós na web e no correo serradogalinheiro@gmail.com”, para reclamar a protección que a serra “merece e precisa”, para que este monte “poida servirlle de sustento ás vindeiras xeracións e para que no futuro siga a ser lugar de desfrute”.

Por todo isto a Plataforma fará unha mobilización coa celebración da súa VII Andaina este outono, facéndoa coincidir co primeiro aniversario da vaga de lumes de outubro do ano pasado.

O Consejo General de Enfermaría ofrece colaborar coa xustiza sobre o ocorrido no Colexio de Pontevedra

O Consello Xeral de Enfermaría emitiu un comunicado no que se pon a disposición da xustiza e dos investigadores para “colaborar en todo o necesario”, en relación coa suposta xestión irregular investigada no Colexio de Enfermaría de Pontevedra, cuxo presidente, Carlos Fernández, así como a súa muller e a súa filla, ingresaron en prisión provisional, investigados por branqueo, falsidade e administración desleal.

Lamentamos profundamente a situación, así como o feito de que a profesión enfermeira, un colexio profesional neste caso, teña que verse relacionada coas informacións publicadas nos medios por uns supostos feitos de natureza delituosa”, reza o comunicado do Consello.

Nesta situación, o organismo trasladou a súa disposición a colaborar coa xustiza e contribuír a “devolver a normalidade ao Colexio de Enfermaría de Pontevedra cando antes”.

Segundo lembrou o Consello, desde hai anos mantén un conflito legal co Colexio pontevedrés pola falta de pagamento de cotas, que se remonta a case 20 anos. De feito, o órgano colexial acumula dúas condenas por esa falta de pagamentos, que suman máis de 6 millóns de euros.

O Consello Xeral de Enfermaría espera agora que se aclare se o Colexio contará ou non cun administrador xudicial co que tratar a “débeda acumulada” e manifestou o seu interese en “buscar solucións que permitan garantir a estabilidade futura do Colexio en materia económica”.

Finalmente, defendeu que, xunto a toda a organización colexial, trabállase na implantación dun novo modelo de xestión “exclusivamente baseado no bo goberno, a transparencia e a xestión responsable, en beneficio e defensa da profesión enfermeira”.

Detido en Vigo por agredir á súa parella en presenza do seu fillo de 2 anos

Axentes da Policía Local de Vigo, en colaboración con efectivos da Policía Nacional, detiveron a un home de 49 anos de idade, M.A.R.F. e de orixe alemá, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, por agredir e ameazar á súa parella, en presenza do fillo menor dela, de 2 anos de idade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron nun domicilio da rúa Travesía de Vigo, onde acudiu unha dotación do 092 tras recibir unha chamada telefónica que alertaba dunha rifa familiar e da posibilidade de que un dos implicados portase unha arma branca.

Cando chegaron ao lugar, o presunto autor da agresión estaba a abandonar o edificio, pero foi interceptado por axentes da Policía Nacional, mentres que efectivos da Policía Local subiron á vivenda para entrevistarse coa vítima.

A muller, que se estaba co seu fillo, explicou que ela e a súa parella iniciaran unha discusión nun local e que ela optou por irse. Inicialmente, refuxiouse en casa dun veciño pero, cando volveu ao seu domicilio e a súa parella chegou, comezou unha nova rifa, no trancurso da cal, o presunto agresor tiroulle comida á cara e suxeitouna fortemente do pescozo.

A muller entrou en pánico e comezou a gritar pedindo axuda, o que alertou aos veciños e provocou que a súa parella abandonase o domicilio a fume de carozo.

Ademais, a vítima asegurou que tiña medo porque eran “habituais” eses episodios violentos, e trasladou aos axentes a súa intención de interpor denuncia. Por estes feitos, o presunto agresor foi detido.

VULNERA ORDE DE AFASTAMENTO DA SÚA NAI

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron este xoves a un mozo de 24 de idade, S.M.V.G., como presunto autor dun delito de quebrantamento de condena, por vulnerar unha orde de afastamento da súa nai. Dáse a circunstancia de que o mozo xa fora interceptado ese mesmo día pola mañá e tamén foi detido fai menos dunha semana, polo mesmo motivo.

Segundo informaron fontes policiais, este mozo foi sorprendido ao mediodía do xoves nunha terraza dunha cafetaría na zona de Gran Vía, sentado xunto á súa nai, a pesar de ter en vigor unha orde que lle impide achegarse a menos de 500 da muller e do domicilio dela, polo que foi detido.

A última hora da tarde, a Policía volveu sorprendelo, esta vez a uns 150 metros do domicilio da súa nai. Nese caso, o 092 localizouno cando camiñaba pola rúa Teixugueiras e chamou a atención dos axentes porque mantiña unha actitude esquiva, tratando de ocultar o seu rostro.

Cando os axentes se achegaron, comprobaron que se trataba do mesmo mozo que fora detido pola mañá e que, de novo, estaba a vulnerar a orde de afastamento, polo que foi detido e trasladado á Comisaría de Policía Nacional para a súa posta a disposición xudicial.

Este home xa foi detido, polo mesmo motivo, o pasado luns. Nesa ocasión, ao decatarse da presenza dos axentes, o mozo tratou de fuxir e escondeuse baixo unhas escaleiras duns patios interiores na Avenida da Florida, aínda que foi localizado e arrestado.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed