Inicio Blog Páxina 1857

Rescatan a un condutor que envorcou tras quedar durmido nas Neves

0

Un condutor foi rescatado na mañá deste xoves tras envorcar o seu vehículo e chocar contra un poste de iluminación no municipio das Neves (Pontevedra) ao haberse quedado durmido ao volante.

Segundo informou o 112 Galicia, o condutor resultou ferido de carácter leve logo de sufrir un accidente co vehículo que conducía no concello pontevedrés das Neves. O home, segundo o seu relato, quedou durmido ao volante cando circulaba á altura da Chan de Vide, o que provocou que a furgoneta que conducía envorcase e acabase chocando contra un poste de iluminación pública.

Foi o mesmo condutor quen, sobre as 6,00 horas deste xoves, chamou ao 112 Galicia para pedir axuda. Segundo asegurou, estaba ferido e non podía saír do interior do vehículo. Por iso, o 112 Galicia alertou aos servizos de Urxencias Sanitarias e aos Bombeiros do Porriño e de Ponteareas. Así mesmo, solicitaron a colaboración dos axentes de Tráfico.

Unha vez liberado do interior do vehículo, os bombeiros mobilizados confirmaron o traslado do condutor polos servizos sanitarios.

Reclaman aos gobernos da Península a elaboración dun novo tratado bilateral España-Portugal

0

Dirixentes municipais, empresariais e académicos da fronteira hispano portuguesa, integrados na RIET (Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas) reclamaron aos gobernos de España e de Portugal que impulsen o Corredor Atlántico.

Foi durante a reunión da asemblea xeral deste organismo que tivo lugar na localidade portuguesa de Fundão na que analizaron as accións propostas a ambos os gobernos para ser debatidas na próxima Cimeira Ibérico, o 21 de novembro en Valladolid.

Durante a reunión, a RIET aprobou unha moción na que solicita que se cree un grupo de traballo para impulsar o corredor do Atlántico e os investimentos e medidas complementarias en todos os ámbitos para garantir o desenvolvemento do Atlántico.

Na moción aprobada, a RIET destaca que o espazo Atlántico representa a totalidade da fronteira máis longa de Europa, integrada por territorios de baixa densidade en alerta vermella demográfica. Por tanto, está en causa a cohesión da Península Ibérica e a súa competitividade económica e social no escenario europeo post crise.

Entre estas propostas analizáronse tamén as medidas para combater os incendios, contidas nun documento elaborado polo Eixo Atlántico, membro da RIET.

“España e Portugal manteñen a fronteira máis longa e estable de Europa, o que fai necesaria unha dobre diplomacia: a tradicional entre ambos os estados e unha específica de fronteira que contempla os problemas da poboación que viven neste territorio”, apunta nun comunicado o Eixo Atlántico.

Así, suliña que neste espazo existen problemas pero tamén oportunidades de colaboración, en asuntos relacionados co transporte, a planificación sanitaria conxunta, a compartición de recursos educativos ou o combate conxunto contra os incendios.

Uns obxectivos de colaboración que para desenvolverse requiren da elaboración dun tratado bilateral adecuado aos tempos tal e como propón a RIET no documento que se fixo chegar á ambos os gobernos.

A Rede Ibérica de Entidades Transfronteirizas de Cooperación (RIET) é un proxecto nado en 2009, constituído por organizacións municipais, empresariais e de educación próximas á fronteira de España e Portugal.

Actualmente, a RIET está formada por 8 asociacións empresariais, 8 entidades transfronteirizas e 10 universidades ao longo de toda a fronteira entre España e Portugal.

A Valedora do Pobo defende que a recollida de roupa sucia é tarefa das auxiliares de enfermaría

A Valedora do Pobo, Milagros María Otero, considerou “lexítima” a decisión da Consellería de Sanidade de atribuír aos auxiliares de enfermaría o traslado das bolsas de roupa sucia, como fixo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, e sostén que non aprecia niso “actuación irregular da administración”.

No seu escrito, a Valedora recalca que as tarefas de recollida da roupa sucia “poden ser legalmente desenvolvidas” polos técnicos en coidados de enfermaría (TCAE) e, de feito, engade que “se entenden como complementarias das súas funcións”.

Ademais, incide en que Sanidade “goza de capacidade de xestión e autoorganización en virtude do cal pode estruturar os seus servizos da forma que considere máis axeitada para unha maior eficacia“, e, neste caso, ve que “as xustificacións sinaladas pola administración para organizar os seus servizos, a través de empresas concesionarias ou co seu propio persoal, resultan suficientes”.

Auxiliares de enfermaría do Álvaro Cunqueiro (HAC) protestan nas portas de entrada do hospital / CIG

O Sergas destacou que, con iso, a Valedora do Pobo “dá a razón á EOXI de Vigo en relación ao conflito” cos TCAE. Así o fixo saber este xoves, coincidindo coa segunda xornada de folga convocada por este colectivo, a cal, lamentou, “volveu a ter un gran impacto na atención sanitaria aos pacientes”.

Tal e como informou o Sergas, este xoves suspendéronse un total de 14 intervencións cirúrxicas e 16 probas diagnósticas (11 endoscopias dixestivas e cinco de neurofisiología), e os pacientes afectados serán reprogramados “de forma inmediata”.

Bueu prepara as súas rúas para a tintura multicolor das Alfombras do Corpus, musicada por Roi Casal e a orquesta Marbella

Máis de sesenta alfombras encherán de cor e arte as rúas da vila de Bueu con motivo da celebración da Festa das Alfombras do Corpus, que será a vindeira fin de semana, e na que as persoas visitantes poderán gozar dos tapices así como dunhas xornadas con música e actividades para a rapazada.

Esta festa, que está sendo organizada pola Asociación Cultural das Alfombras de Bueu e o Concello, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Axencia Galega de Turismo e Abanca, busca poñer en valor a tradición e vinculala coa cultura, para chegar a todas as franxas de idade de poboación.

Así o detallou o concelleiro de cultura, Xosé Leal, durante a rolda de prensa celebrada este luns, na que estivo acompañado do alcalde Félix Juncal, da presidenta da Asociación das Alfombras, Carmen Santos, e do músico Roi Casal.

Leal destacou a importancia dunha “das maiores festas que temos na nosa vila, que ademais conta co distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia”, e que buscará achegar a cultura e o lecer a toda a poboación.

De aí que os pequenos e pequenas poidan gozar de diversos inchables e xogos tradicionais na Praza Massó o sábado de 17:00 a 21:00, e o domingo, de 11:30 a 13:30 e de 17:00 a 21:00 horas.

En canto á programación cultural, Roi Casal presentará o seu espectáculo “Son galego, son cubano” no exterior do Centro Social do Mar o sábado a partir das dez da noite.

A actuación, que contará con músicos galegos e cubanos, é unha homenaxe a Xosé Neira Vilas e a toda a emigración galega ao país da Habana, e poderá disfrutarse de balde grazas ao financiamento da Deputación de Pontevedra, a que, a través do programa Musigal, permite a organización de concertos en lingua galega para todos os concellos pontevedreses.

Casal mostrou a súa ledicia por formar parte do programa desta festa que “é unha homenaxe á cor e á diversidade, igual que a música”, e aproveitou para tocar unha peza de Rosalía de Castro, titulada “Ninfa das frescas augas” acompañado dunha arpa céltica.

O programa péchase o domingo, día grande e festivo, no que se se poderán ver as diversas rúas engalanadas con tapices florais elaborados polas diversas asociacións e colectivos. Tamén co obxectivo de achegar esta tradición á rapazada, o sábado a partir das 10 da mañá realizarase unha alfombra infantil que terá como temática a figura d’Os Bolechas.

Así mesmo, esta festa contará con actos relixiosos, sendo un dos máis destacados a misa solemne e procesión, que se celebrará o domingo ás 18.00 h no patio interior do Colexio Virxe Milagrosa, cantada pola Coral Polifónica de Bueu.

Ao remate sairá a procesión en dirección a Pazos Fontenla, continuando por Eduardo Vincenti, Montero Ríos e volta de novo a Pazos Fontenla e Virxe Milagrosa. E o peche será a cargo da orquestra Marbella, que actuará na noite do domingo na carpa das Lagoas.

Carmen Santos, presidenta do colectivo das alfombras, salientou durante a rolda de prensa que “o que veremos o próximo domingo é froito do traballo de todo un ano”, idea que tamén apuntou o rexedor da vila, Félix Juncal, quen mostrou a satisfacción porque “Bueu goza dunha longa primavera cultural, expresada na multitude de eventos que se están impulsando a través de proxectos ilusionantes que agardamos continuar no futuro”.

Horarios dos cortes das rúas

O domingo é o día grande desta festa declarada de Interese Turístico de Galicia. Por iso, a Policía Local deseñou un plan de actuación para a ordenación do tráfico rodado.

Desde o sábado algunhas rúas xa estarán cortadas, caso do tramo de Montero Ríos desde Rosalía de Castro a Francisco Escáneo (a partir das 9 da mañá), Pazos Fontenla desde Francisco Escáneo a Alexandre Bóveda (a partir das 15 horas), o tramo Eduardo Vincenti desde Montero Ríos a Pazos Fontenla (a partir das seis da tarde), e por último, ás 20 horas, permanecerán pechados os tramos de Montero Ríos que vai dende Eduardo Vincenti ata Rosalía de Castro, e Pazos Fontenla desde Eduardo Vincenti a Alexandre Bóveda.  

As alfombras florais, protagonistas da vila

A Asociación das Alfombras de Bueu, mediante a colaboración co Concello de Bueu Deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, leva desenvolvendo unha importante labor a prol da recuperación da tradición floral da vila morracense.

Por iso, dende a súa creación no 2015, organizaron diversas xornadas específicas que inclúen conferencias, exposicións e galas de homenaxe aos alfombristas máis veteráns. Este ano as devanditas xornadas tiveron lugar a finais de abril e comezos de maio, e trouxeron a persoeiros como Rafael Sánchez Bargiela, Director Xerente do Plan Xacobeo, Vicenta Pallarés, Presidenta da Comisión Xestora Internacional de Arte Efémero, Mariña Arbor, filóloga especialista no Pergamiño Vindel, ademais de dedicarse unha charla ao pintor local Otero Baena e a homenaxe aos colectivos de alfombristas veteráns.

Seguindo con esta importante labor, tamén organizan obradoiros para os máis pequenos/as nos centros de ensino e para os maiores dos centros de día da vila. Así mesmo, membros da entidade teñen participado en encontros internacionais en Malta ou San Valentino Torio, entre outros, levando a arte característica desta vila polo mundo adiante.

A historia do Corpus e das alfombras florais en Bueu

No municipio de Bueu, a celebración da festa do Corpus remóntase ao século XVII. A partir da documentación máis antiga atopada na parroquia (libros da Confraría do Santísimo Sacramento dende 1740) dedúcese que xa existía con anterioridade.

Durante todo este tempo, a procesión que se realiza despois da misa evolucionou moito, tanto no seu percorrido como nos elementos empregados na mesma. Nun principio, o Santísimo limitábase á igrexa, onde había rodas de adoración por parte dos fregueses. Despois, esta ampliouse cunha procesión arredor do adro da igrexa, e con posterioridade, ás zonas próximas.

Con todo, e malia a súa antigüidade, o auxe desta tradición podería situarse entre as décadas de 1940 e 1950, unha vez que se asfalta o camiño de Ramón Bares. Unha das costumes que máis lembran os veciños e veciñas da vila son as tradicionais carrozas que desfilaban na procesión e que se preparaban na antiga carpintaría da fábrica Massó, que deixou de realizarse a comezos dos 70 co peche da conserveira.

No ano 2015 nace a Asociación das Alfombras do Corpus de Bueu, colectivo que logrou revitalizar a tradición das alfombras na vila, cambiando algunhas cuestións para que o percorrido fose máis céntrico e visual, e que atraese a máis visitantes.

Hai que salientar que o Corpus de Bueu foi declarada Festa de Interese Local no ano 2002 e o pasado ano, Festa de Interese Turístico Galego pola Axencia Galega de Turismo.

 

O FICBueu estréase este venres da man de Javier Tolentino, con “Un blues para Teherán”

0

O director salmantino Javier Tolentino será o encargado de inaugurar este venres, coa proxección do seu traballo ‘Un blues para Teherán’, a 14ª edición do Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FICBueu).

Este evento estenderase ata o 19 de setembro e constará de nove seccións, tanto competitivas como paralelas, nas que se repartirán os 128 curtos que se van a emitir no marco do certame. Como tronco principal do programa continúa a sección internacional, con dous países diarios entre o 13 e o 17 de setembro.

Pero ás proxeccións hai que sumar actividades complemetarias como talleres, concertos, coloquios, presentaciónes e, mesmo, a emisión do programa de radio ‘Carne crudaa’. Tamén se fará entrega do Premio Cinema Galego FICBueu 2021 ao actor Alfonso Agra.

O festival arrincará o venres 10 cun concerto do dúo Two in The Mirror no Centro Social do Mar. Alí mesmo, a continuación, proxectarase ‘Un blues para Teherán’ coa participación do propio Tolentino.

APOIO INSTITUCIONAL

O certame, xa unha cita tradicional do mes de setembro no municipio de Bueu, conta co apoio económico non só do Concello, senón tamén da Xunta e a Deputación.

Na rolda de prensa de presentación do FICBueu participaron este martes, ademais do alcalde, Félix Juncal; o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; a responsable de Cultura do goberno provincial, Victoria Alonso; e a xefa de produción do certame, María Ruiz.

Por parte da Xunta, Sutil incidiu no papel que xogan os festivais á hora de difundir o traballo dos profesionais galegos do cinema e a televisión, así como na creación de públicos.

Ademais, o director de Agadic resaltou o “esforzo” destes eventos para adaptarse a un contexto de pandemia, polo que lembrou algunha das medidas postas en marcha pola Administración autonómica para reactivar o sector cultural.

Cabe lembrar que o FICBueu está integrado no selo ‘Rías Baixas Filme Fest’ da Deputación de Pontevedra, institución que ademais levará ata o festival a súa campaña ‘Lembra, eu decido, ti respectas’ contra o acoso e a violencia machista.

O BNG pídelle a Exteriores que se preocupe do pequeiro vigués en corentena no Brasil

0

O BNG demandou ao Ministerio de Exteriores que se dirixa ás autoridades brasileiras para garantir unha asistencia sanitaria adecuada á tripulación do barco vigués que se atopan confinados no porto de Salvador de Baía tras detectarse un brote a bordo.

A través do seu deputado no Congreso, Néstor Rego, a formación frontista reclama que os mariñeiros que se atopan a bordo do pesqueiro ‘Venturer’ –da empresa Pescapuerta, con sede en Vigo– poidan baixar a terra e recibir os coidados médicos que necesiten.

Este barco atópase atracado no porto da cidade brasileira de Salvador de Baía, onde arribou despois de que varios dos membros da tripulación presentasen síntomas compatibles co covid-19. O ‘Venturer’ partiu de Vigo o 14 de xaneiro con 64 persoas a bordo para faenar nas augas das Malvinas.

A formación frontista reclama a Exteriores que interceda ante as autoridades de Brasil para que a tripulación poida pasar o resto da corentena en terra, á vez que solicitan que atendan aos seus familiares que, segundo denuncia Rego, “tiveron que esperar ata que o grupo empresarial contactase con eles” para coñecer o estado dos seus achegados.

“As familias contactaron directamente co consulado para pedir a súa intervención e axuda aos tripulantes. A día de hoxe non teñen constancia de se subiron a bordo do barco para coñecer a situación directamente ou de cales van ser as actuacións que levarán a cabo”, incidiu o parlamentario.

Caballero presenta dous novos tramos de ramplas mecánicas cun orzamento de 4,5 millóns

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou este venres o proxecto para dous novos tramos de ramplas mecánicas na rúa Gran Vía, neste caso entre as rúas Venezuela e Bolivia, e entre Bolivia e Nicaragua, que contarán cun orzamento de 4,5 millóns de euros.

O rexedor, que visitou a zona do ‘boulevar’ onde se acometerán os traballos, explicou que a actuación inclúe a instalación dun pavimento especial que “absorbe a polución” e de “un novo xardín botánico“, e avanzou que optará ao financiamento dos fondos europeos de recuperación polo seu encaixe na “Europa Verde” e nos novos sistemas de mobilidade.

Caballero proclamou que o seu goberno está a deseñar “un Vigo novo, con catro grandes plataformas de mobilidade vertical“: unha entre a zona Náutico e a ladeira de Ou Castro; outra entre Urzáiz, Gran Vía e Praza de España; unha terceira entre Rosalía de Castro, Vía Norte, Isabel a Católica e o barrio de Ribadavia; e unha cuarta desde a zona do Auditorio Mar de Vigo ata Hispanidade.

O rexedor lembrou que os novos tramos de ramplas en Gran Vía, “tiñan que estar construídos” pero a Xunta “inexplicablemente paralizounos”, do mesmo xeito que informou negativamente da instalación de ramplas no primeiro tramo de Gran Vía, entre Urzáiz e María Berdiales.

Agora reformouse o proxecto para ampliar as zonas verdes e mellorar a integración, e por iso Caballero mostrouse “seguro” de que “agora non van poder dicir que non”; ademais, “hai unha enorme presión cidadá” para que o goberno local faga esta obra.

Ameazadas as turbeiras da Serra do Suido

Ecoloxistas en Acción denuncia que o proxecto eólico Coto das Airas, que se desenvolverá nos municipios da Lama e Fornelos de Montes, na provincia de Pontevedra; é unha ameaza para as turbeiras da Serra do Suído e esixen que se rexeite a actual avaliación ambiental que non ten en conta o impacto severo do proxecto sobre estes ecosistemas.

O proxecto do Parque Eólico Coto das Airas estará constituído por 11 aeroxeradores de 4,0 MW de potencia unitaria, sendo a potencia total a instalar de 44,0 MW. Estas infraestructuras proxectadas no parque eólico e as súas servidumes afectarán aos terreos, xa que serán usados como pistas de acceso de até 6 metros de anchura, ao ocupar Montes Veciñais en Man Común, ao existir bens patrimoniais protexidos, ao existir zonas de policía asociadas a leitos e ao existir zonas protexidas pola lexislación de conservación da natureza ou a reguladora de espazos naturais, flora e fauna.

Infografía do proxecto eólico Coto das Airas / Ecoloxistas en Acción

Por outra parte, as 11 turbeiras húmidas de montaña que se atopan na Serra do Suído son incompatibles co parque eólico proxectado, tal como defende Ecoloxistas en Acción. “O emprazamento de dito parque eólico ten un alto valor natural e paisaxístico, estando clasificada como unha Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP), polo que pode concurrirun posible delito ambiental ao proxetarse sobre unha paisaxe protexida e verse afectada polo proxecto eólico”.

Dende Ecoloxistas en Acción advirten, ademais que a proximidade do proxecto “suporá un grave impacto sobre os espazos naturais protexidos da Rede Natura cercanos como o Río Tea, a Serra do Cando, a Serra de Pena Corneira e a Serra do Candán”. E o colectivo esixe Ecoloxistas á promotora que realice unha Avaliación das repercusións do proxecto sobre a Rede Natura anexa ao proxecto.

Por outra banda, Ecoloxistas en Acción sinala o impacto “moi severo” que pode ter o proxecto sobre o patrimonio cultural e arqueolóxico da Serra do Suido ao haber numerosos túmulos funerarios prehistóricos catalogados, petroglifos e outros xacementos no entorno.

Abel Caballero cre que Feijóo non contratou “nin un só rastreador” e que non dá datos “para ocultar a súa neglixencia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afirmou este luns que o goberno de Feijóo “non contratou nin un só rastreador” e que, precisamente para “ocultar a súa neglixencia”, “ordenou ao conselleiro de Sanidade” que non facilite ao rexedor os datos de evolución da pandemia de COVID-19 na cidade.

Caballero volveu denunciar que segue sen ter os datos do número de contaxios na cidade, e que non lle deron información actualizada desde o pasado venres. “O conselleiro fala e non cumpre (…), son o único alcalde dunha gran cidade da Península que non ten información“, denunciou.

O rexedor cualificou a Feijóo como “un ocultador nato” e “mentireiro compulsivo”, que “segue negando” a información á cidade, e concluíu que, despois de non aclarar cantos rastreadores hai para a cidade, é evidente que “a Xunta non contratou nin un só rastreador”. “E por iso Feijóo non quere dar os datos, para ocultar a súa neglixencia”, engadiu.

Por outra banda, Abel Caballero referiuse aos datos da pandemia na área sanitaria e apuntou que, segundo os últimos números coñecidos de novos contaxios, “dá a sensación de que se está contendo a curva de crecemento”, mais insistiu en que aínda é pronto e mantense a “mala situación”.

AXUDAS Á HOSTALARÍA

Por outra banda, o alcalde referiuse novamente ao “bochorno” das “escasas” axudas da Xunta ao sector hostaleiro, e insistiu en que o Goberno galego non só ten as competencias nesta área, senón que “recibiu 750 millóns de euros do Goberno de España”.

Caballero, que hai uns días avanzou que o Concello adoptaría medidas para apoiar o sector, precisou que, primeiro, esperará a ver se a Xunta “rectifica” e destina “polo menos 65 millóns de euros” a axudar os hostaleiros.

En todo caso, insistiu en que as competencias son do Goberno galego “segundo o Estatuto de Autonomía”, e lamentou que o PP de Vigo, que criticou duramente a falta de axudas municipais ao sector, “defende a Xunta no canto de defender á cidade”. “Isto pasa porque no PP de Vigo son politicamente moi débiles, e dependen dos seus xefes de Santiago, para ver se os volven pór nas listas. Ao BNG pásalle o mesmo”, resolveu.

PSA Vigo suspende a quenda de noite deste domingo para axustarse á “evolución da demanda”

A dirección da planta de PSA Peugeot Citroën en Vigo comunicou este xoves ao comité de persoal a decisión de suspender a quenda de noite do sistema 2 o domingo 8 de novembro, co fin de axustar a produción á demanda do mercado.

Segundo confirmaron fontes da empresa, a decisión de suspender esa quenda no sistema 2, que monta as furgonetas na planta viguesa, responde a “un axuste natural” segundo as “evolucións da demanda comercial”.

Así, a empresa lembrou que esa demanda é “especialmente inestable” no actual contexto de pandemia e, ante ese escenario, a fábrica actúa “cos mecanismos de flexibilidade habituais acordados coa maioría sindical, que permiten adecuar a apertura sen afectar o emprego”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed