Inicio Blog Páxina 1853

O alcalde vigués, enfadado cos outros rexedores da área: “Eu subvenciono os voos dos seus veciños”

O conflito co PassVigo e a sentenza xudicial que obriga a este concello a dar servizo a usuarios que non estan empadroados en Vigo ten alporizado ao rexedor vigués. Logo de advertir que o aparcadoiro do hospital Álvaro Cunqueiro “só será gratis” para os vigueses, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, reprochoulles aos alcaldes da área metropolitana que non agradezan á súa cidade as subvencións municipais por valor de 3 millóns de euros a aerolíneas que operan en Peinador e que son utilizadas por viaxeiros desoutros municipios de fóra de Vigo.

Así o manifestou o rexedor nunha rolda de prensa, en referencia á reunión da comisión de seguimento do transporte metropolitano, na que Xunta e concellos reclamaron a Caballero a incorporación do bus urbano a ese plan autonómico. “Eu esperaba que nesa reunión agradeceran a Vigo que pague 3 millóns de euros en transporte aéreo, en avións nos que viaxan cidadáns dos seus municipios. E a Xunta paga cero e eles pagan cero. Esperaba que o recoñecesen”, proclamou.

Caballero tamén lles recriminou que non dixesen que “o custo da lei Feijóo anti-Vigo”, que obriga ao goberno olívico a eliminar o requisito do empadroamento para bonificar o bus, “é elevadísimo”. “Tampouco dixeron que é unha lei que só se aplica en Vigo”, engadiu.

CONTRA PP E BNG

O alcalde tamén arremeteu contra a primeira edil de Moaña, a nacionalista Leticia Santos, á que afeou a súa oposición ao transvasamento do Verdugo “para levar auga a Vigo e a Moaña”; do mesmo xeito, criticou ao rexedor ‘popular’ de Redondela, Javier Bas, que “di auga non, pero que Vigo pague máis, si”.

Por outra banda, denunciou que a Xunta “renega da súa lei” 2/2017, porque “anula” a segunda parte, na que se prohibe o requisito do empadroamento nos bonos sociais. “É a parte que afecta a outros concellos como Santiago, A Coruña ou Lugo, e di que iso non se ten que aplicar. É unha situación esperpéntica”, recalcou.

“Xa veremos cal é o percorrido que ten isto, pero que saiba a cidade que estamos niso, non quedamos quietos”, incidiu Abel Caballero, que reiterou que a lei 2/2017 “antiVigo” aprobouse “despois de que Vigo dixese que non aceptaba a chantaxe da Xunta co transporte metropolitano”.

As costas galegas rexistraron xa máis de 100 varamentos de cetáceos en 2018

Galicia vai camiño de bater un triste récord este 2018, o de cetáceos varados no litoral. No que vai de ano foron máis de 100 animais —golfiños, principalmente, aínda que tamén apareceron caldeiróns, cifios e varios tipos de baleas— os que acabaron mortos ou en moi mal estado nas nosas praias.

O número vai camiño de superar ao de 2014 —hai catro anos levaba 200 a estas alturas do ano—. A razón, segundo o expertos da Coordinadora do Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) ten que ver cos fortes temporais de mar dos últimos meses. Pero non todo son causas metereolóxicas. Moitos deles perden a vida por outras causas e son arrastrados á costa polo mar bravo.

Por iso son tan importante inspeccións como as que fixo a CEMMA o pasado mes en Louro, para coñecer as verdadeiras causas das mortes.

Golfiño varado en Corcubión dende hai 2 meses
Golfiño varado en Corcubión dende hai 2 meses / Perla Fuentes

Alfredo López, da CEMMA, explica que boa parte dos animais chegan nun estado de descomposición que impide sacar conclusións. Pero hai outros que aparecen máis frescos que si que permiten examinar e analizar as causas das mortes. E, segundo as primeiras conclusións, arredor dun 60% das mortes son debidas as capturas accidentais de diferentes artes de pesca. Alfredo explica que nesa porcentaxe levan atopado indicios de marcas de redes ou cortes das tanzas.

A zona de Muros a Fisterra está sendo moi castigada, pero tamén houbo casos en Laxe ou Ponteceso. Ou en Muxía, onde hai pouco varaba un especimen de cifio (Ziphius cavirostris), un dos grandes mergulladores, unha especie moi rara de ver e por iso moi interesante para analizar.

Precisamente, o exemplar aparecido en Muxía foi un deses casos onde a falta de coordinación impediu un bo examen, pois con todo organizado para facer a viaxe e a autopsia, a mar levou o corpo na seguinte marea.

O CEMMA analizando un golfiño varado en Louro a comezos de mes
O CEMMA analizando un golfiño varado en Louro a comezos de mes / Manuel Maria Candamo

RESPONSABILIDADES

De feito, desde a CEMMA suliñan que as responsabilidades e prioridades deberían quedar moi claras e a coordinación debería ser moito máis efectiva. “A retirada é responsabilidade dos concellos. Nós, no CEMMA intentamos ir antes para coller mostras, analizar os corpos, e despois chamaos aos Concellos, peo ten que haber coordinación. Hai moitas veces que non nos avisan, ou que chegamos e xa recolleron o corpo. As veces pasan meses os animais ciscados e outras veces andamos ás presas, e nós que estamos en Nigrán e ese día temos 10 varamentos en toda Galicia, non podemos chegar en unha hora”, explica Alfredo.

Por iso, esta organización pídelle sempre á Xunta que envíe un comunicado co protocolo de actuación, pero non se fai e rómpese a dinámica, e retíranse animais sen ser estudiados.

O primeiro ministro portugués considera importante a alta velocidade entre Vigo e O Porto

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, reafirmou este xoves o “compromiso” do Goberno de España co tren estremeño, mentres que o primeiro ministro da República Portuguesa, António Costa, destacou que o Goberno luso está “a apoiar a conexión entre Lisboa e a fronteira española, sexa para pasaxeiros, sexa para mercadorías”.

Desta forma pronunciáronse Pedro Sánchez e Antonio Costa, a preguntas dos xornalistas en rolda de prensa con motivo da XXXII Cume Hispano-Portuguesa que se celebrou este xoves en Trujillo.

Na súa intervención, Pedro Sánchez reafirmou o “compromiso que ten o Goberno de España para co pobo estremeño”, de tal forma que no verán de 2022 esa conexión entre Plasencia e Badajoz será unha realidade, como pediu “en multitude de ocasións tanto o presidente como a sociedade estremeña”

Pola súa banda, o primeiro ministro luso Antonio Costa reafirmou que o tren “é un tema moi importante que temos que estabilizar”, tras o que insistiu en que o Goberno portugués está “a apoiar a conexión entre Lisboa e a fronteira española, sexa para pasaxeiros, sexa para mercadorías“, dixo.

Tamén considerou “moi importante” a conexión entre o Porto de Sines e a fronteira española, que “coloca a Estremadura nunha posición estratéxica, co acceso aos portos mediterráneos de España, pero tamén aos portos atlánticos de Portugal, e en especial ao Porto de Sines”.

LIÑAS EN DESENVOLVEMENTO

Finalmente, Antonio Costa explicou que tamén hai outras liñas de ferrocarril que se están desenvolvendo, e que “se están presentado no ámbito da Unión Europea para o seu financiamento”, entre as que citou a conexión entre O Porto e Vigo, ou entre Aveiro e Salamanca, cuxa importancia recoñeceu.

Tamén mostrou a súa confianza en “ter un día unha conexión que permita unir os corredores atlántico e mediterráneo, conectando o Algarve con Andalucía”. “Sería un soño para todos nós e algún día chegaremos”, concluíu o primeiro ministro luso

Os eólicos seguen ameazando a Serra do Galiñeiro 11 anos despois

A ameaza eólica planea de novo sobre a Serra do Galiñeiro. A impactante formación, localizada nas proximidade da cidade de Vigo, volve quedar baixo o foco de asociacións veciñais ecoloxistas logo de transcender o proxecto para instalar un parque de aeroxeneradores nos seus montes.

O anuncio dos plans sobre a Serra do Galiñeiro veñen de ser dados por unha asociación homónima que detalla a aparición deste proxecto no Rexistro Eólico de Galicia. Trataríase, de acordo coa plataforma, dun “parque eólico correspondente aos montes de Gondomar e Tui na mesma entrada do Parque Natural Monte Aloia” e que, por riba, aparece na web “co topónimo mal escrito”.

Seguindo a versión das mesmas fontes, o parque trataríase, ata o momento, de pouco máis que un proxecto, xa que segue pendente de admisión. Trataríase, en concreto, de oito aeroxeradores, unha torre de medición e unha subestación. “Catro dos muiños están en Peitieiros na estrema con Morgadáns, e os outros en territorio de Tui próximo ao monte Paraguda”, precisan. Ese sería, precisamente, o topónimo mal rexistrado, que na web do REG aparece como “Paraguada”.

CONNIVENCIA DA ADMINISTRACIÓN

Para a asociación Serra do Galiñeiro, o anuncio recollido polo Rexistro Eólico resulta “un despropósito” logo de once anos “loitando pola ampliación á toda a serra de Galiñeiro do Parque Natural Monte Aloia”, os mesmos que transcorreron dende as primeiras iniciativas para instalar torres aeroxeradoras neste espazo.

Á parte, a asociación denuncia que a administración estea a contar cun papel cómplice coas empresas á hora de “mover muíños de vento de un polígono a outro para confundir á poboación”. Asemade, denuncian que os documentos correspondentes aos parques tan só sexan exposto ao público durante “quince días”. Precisamente, unha das denuncias máis recorrentes da banda ecoloxista no tocante á “avalancha eólica” gardou relación coa redución de tempos orquestrada pola Xunta de Galicia con varias normativas das chamadas “depredadoras”. Por isto e moito máis participarán na macromanifestación prevista en Madrid para o vindeiro sábado 16 de outubro.

Vigo, epicentro do 17 de maio na honra de Xela Arias

Vigo será este 17 de maio o epicentro dos actos conmemorativos do Ano Xela Arias, unha efeméride na que se implican numerosas institucións e entidades de toda Galicia para divulgar a súa figura e obra e estender a celebración das Letras Galegas por todos os recunchos do territorio.

O acto da Xunta será no IES Castelao en Vigo, centro no que as propia Arias estudou de moza. En concreto, será a partir das 11,30 horas e contará coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ademais de representantes de numerosas institucións do país e unha actuación musical sobre poemas da autora.

Posteriormente, a Real Academia Galega celebrará ás 13,00 horas o plenario extraordinario con motivo do Día dás Letras Galegas no Auditorio Mar de Vigo, coa participación de Marilar Aleixandre, Ana Romaní e Manuel Rivas. No evento tamén se poderá gozar das actuacións musicais de Mónica de Nut, Pablo Carreira e Fernando Abreu, intérprete que comezara a preparar un espectáculo poético-musical con Xela Arias pouco antes do seu falecemento en 2003.

CONCERTOS

Precisamente, o Consello da Cultura Galega celebrará o día anterior o concerto que cada ano promove en datas próximas ao Día dás Letras Galegas, neste caso o domingo no Auditorio Mar de Vigo. A páxina web do Consello da Cultura Galega e a CRTVG retransmitirán en directo o evento, que tamén poderá visualizarse o 17 de maio na segunda canle da TVG.

Laura LaMontagne e PicoAmperio ofrecerán un ambiente de ‘hip hop’, con DJ ‘set’, mentres o videocreador Borja Bernárdez executará as luces creadas de modo específico para o concerto en colaboración co deseñador Raúl Silva. Así mesmo, Uqui Permui creou o cartel do evento, que finalizará co Himno de Galicia, que se adaptará á estética da cita.

Vigo tamén acollerá o mesmo 17 de maio, ás 20,00 horas, o espectáculo ‘Vencerse é cousa de tratarse’, do propio Fernando Abreu, no Auditorio Municipal. O Goberno local impulsa á súa vez un programa de actividades dirixidas a toda a familia, que incluirán sesións de contacontos, xogos de letras ou recitais que se desenvolverán ao longo da semana no auditorio ou a biblioteca municipal, entre outras.

A CORUÑA E FERROL

No caso do municipio da Coruña, impulsouse a campaña ‘Desordénate coas letras’ para convidar á cidadanía a transformar os versos da autora para crear novos poemas experimentais. A proposta virá acompañada dun escape room virtual e dunha mostra bibliográfica sobre a homenaxeada, á que se suma unha antoloxía de libros de poesía galega en feminino e un recordo aos homenaxeados e homenaxeadas en anos anteriores.

Ademais, o martes 18 de maio terá lugar o encontro virtual ‘Libro Vivinte’ con Marga do Val, escritora, tradutora e amiga persoal de Xela Arias. Ferrol, pola súa banda, celebrará unha xornada literaria o 22 de maio coa lema ‘Voar sobre a Terra’, nunha carpa que se instalará na Praza de Armas e na que participarán María Canosa, Xesús Constela, Enma Pedreira, Laura Romeu, Bernardo Maiz, Delia Vázquez ou Xosé Manuel Pazo, entre outros.

Neste punto desenvolveranse charlas sobre as figuras de Xela Arias como a de Ricardo Carvalho Calero, posto que Ferrol estendeu a este ano a conmemoración do polifacético autor. Tamén impulsan un espectáculo infantil a cargo de ‘Ghazafelhos’, o monólogo de Xurxo Mariño e o concerto de alumnos do Conservatorio de Música Xan Viaño.

LUGO E PONTEVEDRA

O Concello de Lugo, entre outras accións, difundirá actuacións de seis grupos de música locais baixo o ciclo ‘En Galego ao teu ritmo’, entre o 15 e o 17 de maio, a través das súas redes sociais. O propio luns regalaranse libros ás persoas que se acheguen á Praza Maior, entre as 12,00 e as 14,00 horas, procedentes do fondo bibliográfico municipal.

Pontevedra dedicará a Xela Arias un gran evento poético-musical que se celebrará este luns ás 19,00 horas, na Praza dá Ferrería e no que se anunciará a banda gañadora do certame musical ‘X Xela’ (en caso de choiva trasladaríase ao Teatro Principal). O tres bandas finalistas, Tíbet 1990, Nacho Moura e Río Verdugo, intercalarán as súas actuacións cun recital poético a cargo de Tamara Andrés, Miriam Ferradáns, Regina Touceda e Elvira Ribeiro.

Por último, Pontevedra é a última parada da exposición ‘Aquela meniña de Sarria’, unha mostra elaborada polo colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura. Composta por unha ducia de paneis que repasan a vida e obra da escritora de Sarria, a exposición pode visitarse desde este venres no edificio administrativo da Xunta na Cidade do Lérez.

ACTOS EN COMPOSTELA

Santiago, pola súa banda, inaugura o luns a exposición ‘Xela Arias. A Poesía do Retrato’, ás 18,00 horas, que permanecerá aberta ata o 25 de xullo na Zona C e que ofrece 40 retratos de Xulio Gil á autora nos anos 80 e 90, acompañados de textos poéticos.

A maiores, organizaranse rutas sobre a figura da autora e diversas iniciativas a través da rede de centros socioculturais da capital galega. A plataforma Queremos Galego convocou o seu tradicional acto reivindicativo cunha concentración o próximo 17 de maio con motivo da conmemoración das Letras Galegas.

A organización da protesta, que se celebrará ao mediodía na praza do Obradoiro compostelá, exponse este ano totalmente condicionada polo contexto de pandemia e as diferentes restricións sanitarias para frear a covid-19, polo que foi requirida reserva previa para participar.

Denunciados 12 estudantes por participar nunha festa ilegal nunha vivenda de Vigo

Un total de 12 estudantes non convivientes foron denunciados por participar nunha festa ilegal celebrada nunha vivenda de Vigo que foi disolta pola Policía Local.

Os feitos tiveron lugar este sábado ao redor das 23,00 horas, cando o servizo de comunicacións foi alertado por varios particulares de que dera comezo unha festa nunha vivenda da cidade, segundo confirmaron fontes policiais a Europa Press.

Posteriormente, unha patrulla desprazouse ao domicilio, situado na rúa Areal. Así, os axentes comprobaron que 12 estudantes celebraban unha festa no interior. Debido a que estes mozos non eran convivintes e incumpriran o toque de queda, os policías procederon a denuncialos e a disolver a festa ilegal.

Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda denuncia a “falta” de médicos e enfermeiras do centro de saúde

0

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda denunciou a “falta” de persoal no centro de saúde da localidade, que asegurou que só conta co 50% dos médicos e o 40% dos enfermeiros que lle corresponden.

Nun comunicado, a plataforma precisou que o centro de saúde suma catro do oito médicos dos que debería dispor, unha cifra que sinalou que mesmo foi menor. Así, recalcou que esta situación representa unha “irresponsabilidade” por parte da Xunta dado que a pandemia do coronavirus aínda non foi superada. De feito, neste concello aumentaron os casos nas últimas semanas.

Ademais, afirmou que a “falta de persoal sanitario” xera unha “sobrecarga de traballo” aos profesionais do centro de saúde da Guarda que causa que a atención aos pacientes sexa “deficitaria” e xera listas de espera de “moitos días” para poder acceder a unha consulta. Así as cousas, lamentou a “deterioración”, que cualificou como “moi grave”, deste servizo público.

A plataforma tamén insistiu en que comparte o “enfado” da cidadanía da localidade ante esta situación e instouna a dirixir as súas críticas cara a “o verdadeiro responsable, a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia”.

RESPONSABILIDADE DA XUNTA

Deste xeito, a entidade advertiu de que sería “absolutamente erróneo orientar a indignación contra os traballadores” do servizo de saúde, sobre os que remarcou que, do mesmo xeito que os usuarios, son “vítimas” dun “proceso de recortes” realizado polo Goboerno galego nos últimos anos. Por este motivo, incidiu en que o persoal sanitario debe ser aliado dos cidadáns na “defensa e reivindicación dunha sanidade pública galega de calidade”.

Así mesmo, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Guarda desconvocou a concentración prevista para este xoves dada a situación epidemiolóxica da localidade. Adicionalmente, avanzou que, cando mellore, realizarase unha mobilización para reclamar o persoal necesario “para que o centro de saúde funcione dentro duns parámetros de calidade aceptables”.

Caballero anuncia un plan de reactivación para “mobilizar 1.000 millóns”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este xoves un plan de reconstrución e reactivación da economía da cidade, que permitirá “mobilizar 1.000 millóns de euros”, por parte do Concello, Deputación de Pontevedra e Goberno de España, e do que unha parte, 250 millóns serán investimentos para obra pública, mentres que o resto de achegas económicas non foron concretadas.

Nunha rolda de prensa, o rexedor avanzou que ese plan contempla actuacións a curto e medio prazo, que bautizou como “cuarta xeración das humanizacións” e que inclúe decenas de obras, algunhas novas e moitas delas xa en marcha ou anunciadas desde hai tempo: reforma da Avenida de Madrid, carril-bici a Samil, anel verde forestal, un paseo por todo o río Lagares, reforma da Panificadora, novos ascensores e ramplas, a reforma do estadio de Balaídos, a biblioteca do Estado e a biblioteca municipal en Teis, reformas no rural, o novo parque de bombeiros en Esturáns, ou melloras en instalacións deportivas.

Segundo admitiu Caballero, máis dun terzo das actuacións “xa teñen os proxectos feitos” e, no marco do plan de recuperación económica, o que se fará será “acelerar” as obras.

O alcalde tamén incluíu nas actuacións outras obras cuxa tramitación xa está avanzada, e nas que colabora o Goberno de España, como os accesos ao complexo intermodal de Urzáiz; ou impulsadas desde a Zona Franca, como o World Car Center, anunciado hai máis dun ano.

Por outra banda, o goberno tamén poñerá en marcha medidas para apoiar o pequeno comercio, como unha plataforma de venda en liña, campañas de dinamización e promoción, bonificacións de impostos, ou incentivos para contratar, aínda que non concretou o custo destas medidas.

A todo isto, sumar, segundo indicou o alcalde, un plan de mobilización cultural, un aumento do apoio a entidades deportivas, ou un incremento en políticas sociais (axudas urxentes, voluntariado, teleasistencia, tramitación do Ingreso Mínimo Vital, apoio a comedores sociais, etc.).

Cuestionado acerca de como se financiarán todas esas actuacións, Abel Caballero eludiu concretar o custo de gran parte das obras, e limitouse a proclamar: “De onde saquemos o diñeiro é cousa miña, eu o que digo é que vou facer todo iso”.

Finalmente, o rexedor reiterou que esa recuperación económica será “liderada” polo Concello cos seus “aliados” da Deputación e o Goberno central, mentres que a Xunta de Galicia “non só non é aliada, senón que é un factor de impedimento do desenvolvemento da cidade”.

CRÍTICAS DA OPOSICIÓN

Os grupos da oposición no Concello de Vigo tacharon de “fume” e “propaganda” o plan de reconstrución económica anunciado polo alcalde.

O portavoz do grupo municipal do PP, Alfonso Marnotes, cualificou como “tomadura de pelo” o anuncio do rexedor, por incluír nese plan proxectos como a reforma da bancada de Marcador en Balaídos, ou a Biblioteca do Estado, actuacións das que leva “falando anos”. “Non hai axudas para os cidadáns, nin para pemes ou autónomos. Isto non é máis que un ‘refrito’ de obras que levan anunciando en Vigo ano tras ano, e pónselles agora o envoltorio dun plan de reactivación económica”, resolveu.

Na mesma liña, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, cualificado o plan como “fume”, porque Abel Caballero non concretou “nin partidas orzamentarias nin prazos”. Ademais, incidiu, presentou investimentos en proxectos que “xa saíron varias veces nos orzamentos e non foron executados”. “De onde van saír eses 1.000 millóns? (…) Palabras elocuentes xa tivemos moitas veces, e quedan no papel”, denunciou Rubén Pérez.

Finalmente, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, reduciu o plan de reconstrución a unha “longa lista de desexos” enunciada polo alcalde, que inclúe obras “xa previstas” desde hai tempo, pero na que non se detallan prazos nin partidas orzamentarias. “É fácil anunciar nunha semana electoral investimentos por 1.000 millóns sen ningún tipo de concreción”, apostilou.

O edil nacionalista lamentou que non se puxeron en marcha medidas como un plan de protección social para as persoas máis vulnerables, unha estratexia de promoción local, apoio a comerciantes ou un reforzo dos plans municipais de emprego.

Repulsa en Vigo polo asasinato machista de Vilalba

0

O asasinato machista  de María del Carmen Vázquez Cereijo, no concello lucense de Vilalba, mobilizou de novo o feminismo en toda Galicia na súa loita contra a violencia machista. En Vigo, ducias de persoas uníronse diante do MARCO este martes para expresar a súa repulsa.

Concentración en Vigo polo asasinato machista en Vilalba / © Miguel Núñez.

As plataformas feministas tamén denuncian que casos como o de Vilalba poñen de manifesto que as ordes de afastamento, se non van acompañadas doutro tipo de medidas de protección, “non serven absolutamente para nada”.

Un home mata a súa ex-dona en Vilalba e suicídase aforcándose

Pontevedra é a provincia onde máis diminuíron as choivas en catro décadas en España

INFORMACIÓN COMPLETA, EN GALICIA CONFIDENCIAL

As últimas secas en Galicia acenderon a alarma. Entre 1981 e 2018, as precipitacións aquí minguaron notablemente, cunha taxa de variación de -1,54, a maior en toda España. Son datos do informe ‘Evolución de las precipitaciones en España’, con datos da Agencia Estatal de Meteorología (AEMET), publicado polo Observatorio de la Sostenibilidad. Pontevedra é a provincia onde máis caeu a taxa de precipitacións en todo o Estado, un -2,11, e as catro provincias galegas sitúanse entre as seis que máis viron reducirse as choivas nos últimos 38 anos.

Entre 2016 e 2018, Galicia viviu episodios de seca alarmantes que fixeron activar protocolos de actuación para mitigar o seu impacto. Segundo os datos recollidos polo profesor Álvaro Francisco Morote Seguido, do Departamento de Didáctica das Ciencias Experimentais e Sociales da Universitat de València, a redución de precipitacións en Galicia neste período “foi ao redor de 500 mm (un descenso do 28-49%, en función do observatorio)”, pero co paradoxo de que “os principais problemas se rexistraron xustamente en áreas onde esa redución foi menor”.

O profesor vén de publicar un traballo no que analiza os efectos das secas, a súa mitigación e a vulnerabilidade fronte a este risco na Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa. Para isto, fixo unha revisión das pasadas secas na área, a consulta e análise da planificación hidrolóxica e unha valoración das fases e medidas implementadas durante a seca entre 2016 e principios de 2018.

Malia que o novo escenario levou a un “notable avance na mitigación dos efectos das secas en Galicia-Costa, con todo, diferentes problemas estruturais como a falta de infraestruturas, mantemento e deficiencia dos abastecementos, entre outros, fan que esta rexión sexa máis vulnerable ás secas que outras rexións cunha menor precipitación e, todo iso, sumado aos posibles efectos futuros do cambio climático”, engade Morote.

O experto insiste nesa idea, ao cualificar Galicia como un “territorio vulnerable e un exemplo claro de mala adaptación á seca e ao cambio climático”.

Galicia, comenta, “enfróntase a un reto a medio prazo para lograr ser un territorio máis  resiliente ao cambio climático, feito que xa se constatou durante a última década cun maior número de anos secos e unha redución da precipitación media”.

O investigador recorda que “en territorios de clima atlántico, como é o caso da área de estudo, unha redución de 150 mm/ano considérase «ano seco» (unha diminución do 20%)”. Pois ben, “a magnitude de redución da pasada seca en Galicia indica que a diminución global de precipitacións foi duns 500 mm (ano 2017), o que pon de manifesto que se tratou dunha das peores secas dos últimos cen anos”, salienta.

INFORMACIÓN COMPLETA, EN GALICIA CONFIDENCIAL

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed