Inicio Blog Páxina 1852

Yolanda Díaz avisa que non haberá acordo “as últimas 48 horas” co PSOE

A deputada de Unidas Podemos-Galicia en Común e membro do equipo negociador co PSOE, Yolanda Díaz, pediu “deixar de xogar ou frivolizar desde Moncloa” sobre a formación do Goberno e, tras coñecer que se retomarán os contactos esta semana (como anunciou Ábalos), advertiu de que “non será posible” un acordo se a intención de Sánchez é atrasar o diálogo ás “últimas 48 horas”.

Así o trasladou, en declaracións aos xornalistas, tras manter un encontro con empresarios en Vigo, e confirmou que o seu grupo se decatou a través dos medios da intención do PSOE de retomar o contacto dos equipos negociadores esta semana. “O que queremos é que retome o diálogo de maneira inmediata”, proclamou.

Yolanda Díaz volveu a criticar o “difícil” que é “saber o que pensan os dirixentes do PSOE”, que o pasado venres dicían “que querían campaña electoral”, e este luns “din que sentan a dialogar”.

A ese respecto, a deputada de Unidas Podemos sinalou que o seu grupo sentará ao dialogar cando sexa chamado “se hai tempo”. “Se o señor Sánchez pretende repetir a xogada de conducirnos ás últimas 48 horas, non será posible”, advertiu, e recalcou que “o primeiro goberno de coalición e progreso do país non se pode forxar en 48 horas”.

O “ABISMO” DA REPETICIÓN ELECTORAL

Yolanda Díaz volveu a subliñar que “a pretensión de repetición electoral” manifestada, ao seu xuízo, por Ábalos nos últimos días e “os actos de Sánchez” que parecen conducir a esa repetición son unha “altísima irresponsabilidade”.

Segundo advertiu a deputada galega, as enquisas “están a ser claras” e reflicten que os cidadáns non queren uns novos comicios. Ademais, incidiu, todo parece indicar que, se se repetisen, “os resultados é probable que sexan idénticos e conduciríannos ao abismo”. “Que nos conduzan a eleccións por puro partidismo non é serio nunha democracia”, abundou Díaz.

“Sería bo que deixen de xogar ou frivolizar desde Moncloa, e retomen o diálogo, que senten a negociar de maneira integral: un programa de goberno e un executivo de composición plural”, apuntou.

Por outra banda, a deputada de Unidas Podemos-Galicia En Común reclamou ao PSOE que lles traslade de “maneira anticipada” o documento proposta de 300 medidas que Pedro Sánchez prevé presentar este martes, para poder analizalo. “Ímolo a estudar, nós non imos dar unha portada, como eles fixeron co noso texto formulado hai máis de 15 días”, aseverou.

Finalmente, e a preguntas dos medios sobre se será candidata de Galicia En Común á presidencia da Xunta, Yolanda Díaz lembrou que leva “meses” traballando na conformación dun goberno en España e que ese é, “nestes momentos”, o seu “compromiso”.

O Concello insta á Xunta a adoptar un plan para reducir as listas de espera nos hospitais

A corporación municipal de Vigo instou este mércores á Xunta a adoptar un plan de choque para reducir as listas de espera das intervencións cirúrxicas nos hospitais da cidade. Segundo recolleu o Concello nun comunicado, a moción socialista foi aprobada co apoio dos edís de Marea de Vigo-Son En Común e o BNG e rexeitada polos ‘populares’. Así, o pleno chamou á Administración autonómica a asumir responsabilidades políticas por esta situación e esixiu a dimisión do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña.

O pleno tamén aprobou unha moción socialista para demandar ao Executivo autonómico que consigne anualmente a Vigo, con carácter adicional á participación ordinaria nos ingresos da comunidade nos Orzamentos da Xunta, a mesma cantidade por habitante asignada á capital galega, 24,117 euros por persoa.

En concreto, a inicitiva foi apoiada polo edil nacionalista, Xabier P. Igrexas, mentres que os de Marea de Vigo abstivéronse e os do Grupo Municipal Popular votaron en contra. Adicionalmente, co apoio de Marea de Vigo e a abstención do BNG, aprobouse unha moción socialista que demandaba ao Goberno galego a creación de chan industrial e comercial na cidade.

Ademais, aprobouse a moción do Grupo Mixto, integrado polos concelleiros de Marea de Vigo, para demandar “diálogo” á Xunta co obxectivo de definir unha nova zonificación escolar. A iniciativa recolleu unha emenda do Grupo Municipal Socialista para esixir á Administración autonómica a inclusión de 3 millóns de euros no orzamento da comunidade para infraestruturas da cidade. O concelleiro do BNG apoiou a iniciativa, mentres que os edís do PP rexeitárona.

OUTRAS MOCIÓNS

Así mesmo, a corporación municipal aprobou, co apoio dos edís de Marea de Vigo e o BNG e o rexeitamento dos do PP, a moción socialista presentada para demandar ao Goberno galego a integración do Centro Asistencial de Drogodependencias (CEDRO) no Sergas e solicitar que, mentres non finalice ese proceso, asuma o seu custo.

No ámbito social, os concelleiros de Marea de Vigo e o BNG tamén apoiaron a moción presentada polo Grupo Municipal Socialista para instar á Xunta a financiar dun modo íntegro as competencias exclusivas que ostenta en relación á xestión dos centros de día de Valladares, Coia e Teis.

Esta iniciativa, que foi aprobada pese ao rexeitamento dos edís ‘populares’, chamou ao Executivo autonómico a anular ou revogar as liquidacións practicadas en concepto de cofinanciamento co Concello.

Povisa afirma que a redución de probas responde a recomendacións médicas e acusa o BNG de “terxiversar” información

O Hospital de Povisa afirmou que a orde transmitida aos seus empregados en relación á redución da realización de probas está motivada por recomendacións médicas e acusou o BNG de “terxiversar” a información a este respecto trasladada aos traballadores.

Así se pronunciou nun comunicado o centro médico privado despois de que este mércores a deputada do BNG no Parlamento autonómico Montse Prado solicitase a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para explicar “o recorte” levado a cabo por Povisa na súa atención aos pacientes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) despois de coñecerse as recomendacións relativas á redución da realización de probas.

Mentres, o hospital vigués insistiu en que as directrices incluídas no documento facilitado aos seus empregados buscan “mellorar a calidade da atención” ao eliminar probas e consultas que “non acheguen valor engadido desde o punto de vista médico” para evitar “posibles prexuízos” aos pacientes.

A este respecto, defendeu que esta resolución aspira a seguir “as pautas das principais sociedades científicas e médicas do mundo”, así como do Ministerio de Sanidade.

A Universidade de Vigo crea unha mascota para que a cidade a perciba como próxima e coa “man tendida”

A Universidade de Vigo (UVigo) creou unha mascota, Oli, co obxectivo de ser percibida pola sociedade como unha institución próxima e coa “man tendida”. Segundo recolleu a universidade nun comunicado, así a presentou o reitor, Manuel Reigosa, este martes en Vigo, onde esperou que “axude a nivel interno con máis sorrisos durante este mandato“.

A directora da área de Imaxe da UVigo, Ana Soler, explicou que Oli será o “embaixador” da entidade e a cara amable que transmitirá a imaxe da xente que traballa na mesma. Ademais, apuntou que, para a súa creación, partiuse dos elementos que integran o escudo da universidade, as ramas da oliveira, que representan o tres campus, e o mar.

En concreto, a cabeza da mascota está creada en forma de folla e dun bocadillo de cómic, en referencia ao diálogo e ao pensamento, mentres que o seu nome relaciónase co inicio da palabra oliveira, coas ondas do mar e cun saúdo. Ana Soler detallou que a tipografía escollida para Oli foi Roboto e que esta foi “pensada para as redes e a (páxina) web (institucional)”.

O acto central contra Maduro en Galicia só reúne 150 venezolanos no centro de Vigo

Malia as expectativas creadas pola oposición venezolana radicada en Vigo, o acto programado na Farola da entrada da Rúa do Príncipe, terminou sendo un fracaso de convocatoria, tan só 150 cidadáns deste país lograron concentrase no acto central de Galicia.

A Asociación Amigos de Venezuela en Vigo presidida por Manuel Pérez, non puido de nuclear á numerosa colonia de venezolanos e emigrantes galegos retornados que residen na cidade. A pesar do reducido grupo, os asistentes coreaban gritos e exclamaciones contra Nicolás Maduro e celebraban a recente xuramentación de Juan Guaido, como “Presidente” proposto polos EEUU. Os organizadores contaron coa adhesión ou logística do Partido Popular.

Esta mesma situación repetiuse en Madrid, cunha participación moi escasa, tambien noutros cidades onde a dereita venezolana fixo convocatorias.

Mentres que en decenas de países do mundo realizáronse actos de solidariedade coa revolución bolivariana. Desde Bos Aires, República Dominicana ou A Coruña en Galicia as organizacións de solidariedade transmitiron seu apoio a Nicholás Maduro e o seu goberno.
Na cidade de Vigo en Galicia durante o transcurso do día, distintos dirixentes da esquerda achegáronse ás oficinas do Consulado para transmitirlle a Martín Pacheco Cónsul Xeral deste país, a solidariedade e o rexeitamento dos intentos de Golpe de Estado. Entre eles o concelleiro Rubén Pérez cunha delegación da Marea de Vigo. Dirixentes do BNG e da CIG tamén se achegaron aos locais consulares.
O líder local de Nova Esquerda Socialista, Lois Pérez Leira sinalou: “O pobo venezolano manifestouse democraticamente elixindo a Nicolás Maduro como presidente. Na miña calidade de acompañante electoral internacional, puiden dar constancia da transparencia do proceso electoral.”

A veciñanza de Pazos de Borbén denuncia o abandono do seu centro de saúde por parte do Sergas

Un grupo de veciños de Pazos de Borbén (Pontevedra) concentrouse este venres ante o centro de saúde desta localidade para denunciar as carencias do servizo, e para reclamar unha sanidade “pública e de calidade”.

Segundo denunciou a agrupación de electores Alternativa Veciñal, nos últimos meses este centro de saúde “estivo saturado e sen atención, cambiando cada pouco tempo o único facultativo asignado”. Por iso, organizaron esta concentración, que contou tamén co apoio do outro edil da oposición (un concelleiro socialista) e representantes do BNG.

Os convocantes denunciaron que “a situación é cada vez máis grave”. Así, “antes había unha única facultativa, que estaba obrigada a cubrir as urxencias, polo que durante os desprazamentos o centro quedaba desatendido”, segundo explicou Luciano Otero, portavoz de AV.

“Pero imos a peor”, engadiu, e sinalou que agora hai un médico “que xa non está todas as horas, habendo días que non está toda a mañá”. En consecuencia, apuntou, os veciños que necesitan asistencia deben desprazarse a Redondela.

AV criticou tamén que o alcalde de Pazos, Andrés Igrexas (PP), e un dos concelleiros do goberno “deixáronse ver” na concentración deste venres, o que xerou “malestar” entre os presentes.

Os representantes da oposición afearon ao rexedor que fose “a facerse a foto” cando “non fai nada por atender as demandas dos veciños” no que respecta aos problemas de atención sanitaria.

Caballero patenta unha nova modalidade de arroz, o “arroz Vigo”

O alcalde de Vigo volveu este mércores a soprender aos medios de comunicación poñendose diante dos fogóns e amosando as súas habilidades culinarias. Foi durante unha comida de Nadal cos xornalistas nas que, axudado por Manuel, cociñeiro do restaruante Valdevez, comezou o preparado dun arroz; “un arroz Vigo”, segundo as palabras de Abel Caballero.

“Se van a chupar los dedos“, dicía mentres preparaba o arroz baixo a atenta mirada do chef da casa. A reiceita do alcalde; Rape, langostino, zamburiñas, aceite, cebola, tomate, pementos e un pouco de allo negro e azafrán… “que tiene que venir en pétalos, no puede estar picado”, precisou.

E, como non podía ser menos, tamén Feijóo estivo presente. “Agora só falta que convide a Feijóo?”, preguntoulle un xornalista. “Se tiene que portar bien para que lo invite”, foi a súa resposta. Podes ver o vídeo da preparación do “arroz Vigo” no xornal Galicia Confidencial.

A Xunta confirma que o decreto de axudas para Tui aprobarase este xoves e os primeiros pagos chegarán en xuño

0

A Xunta aprobará este xoves en Consello o decreto de axudas para a reconstrución e rehabilitación de vivendas afectadas pola explosión dun almacén clandestino de material pirotécnico o pasado mércores na parroquia de Paramos, e os primeiros pagos realizaranse na “primeira quincena de xuño”.

Así o confirmaron o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, que este martes visitaron a zona da explosión, na que faleceu un matrimonio de orixe marroquí, e o centro de coordinación da atención aos veciños afectados.

Rueda insistiu en que a intención do Goberno autonómico é pór as axudas a disposición dos damnificados da forma “máis áxil e sinxela posible”, de maneira que non teñan que adiantar diñeiro dos seus petos.

Feijoo, en Paramos / Miguel Núñez

Así mesmo, sinalou que a Administración está a cooperar tamén na avaliación das casas danadas e, a petición da xuíza de instrución, enviou á zona un equipo de peritos que van revisando a seguridade desas vivendas para autorizar, se procede, o regreso dos seus donos.

O vicepresidente da Xunta insistiu en que, dada a magnitude dos danos, cunha trintena de inmobles totalmente destruídos e decenas de casas danadas, será necesario un “esforzo importante” para abordar a reconstrución e rehabilitación.

Feijóo en Tui trala explosión pirotécnica
Feijóo, en Paramos / Miguel Núñez

A ese respecto, reiterou a necesidade de que “todas as administracións” se impliquen para axudar aos veciños a recuperar a súa vida, entre elas, a propia Xunta, o Concello, o goberno central e a Deputación Provincial de Pontevedra. “Espero que outras administracións se impliquen, todos estamos obrigados, trátase de axudar entre todos”, recalcou.

“MEDIDAS URXENTES”

Pola súa banda, a conselleira Ethel Vázquez aseverou que a Xunta traballa para “activar medidas urxentes”, que sexan “sinxelas, áxiles” e que permitan “facer os primeiros pagos na primeira quincena de xuño”.

Segundo lembrou, o Goberno galego prevé subvencións de até 110.000 euros para a reconstrución de vivendas habituais, e 44.000 euros para vivendas ocasionais; tamén se prevén axudas para rehabilitación, e para financiar aloxamentos provisionais, alta de subministracións e contratos, reposición de ajuar doméstico, e mesmo para a mobilidade dos veciños afectados.

“Desde o primeiro momento, a Xunta puxo as máximas facilidades”, proclamou, á vez que sinalou que un técnico autonómico está dispoñible no centro de atención para asesorar aos veciños sobre estas liñas de axudas.

Casa esnaquizada / Miguel Núñez

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considera “inminente” aquela axuda destinada aos custos de aloxamento das persoas que non puideron regresar ás súas vivendas polos danos rexistrados e que se atopan vivindo “en hoteis ou en casas de familiares”.

A continuación, apuntou que as institucións pretenden reacoller aos damnificados en vivendas de aluguer, para o que a Xunta, tal e como lembrou o seu vicepresidente, xa dispón dunhas contías de até 450 euros mensuais.

No entanto, tal e como indicou Rueda, “non hai dispoñibilidade suficiente de vivendas de aluguer” en Tui, polo cal o Goberno local busca outros sitios “nos arredores ou o máis preto posible” de onde vivían estas familias antes da explosión.

DANOS EN VIVENDAS

En canto ás axudas para a reparación das vivendas afectadas, o vicepresidente galego anunciou que facilitarán a execución daquelas obras que non sexan “de moita entidade”, senón que lles permita “volver vivir nas súas casas”. “Tentaremos que o acceso a ese diñeiro sexa o máis fácil posible”, insistiu.

No caso das familias cuxas vivendas foron as “máis arrasadas”, que son, segundo as súas palabras, “casos máis difíciles” que “levarán algo máis de tempo”, a Administración autonómica prevé facilitarlles “vivendas alternativas” mentres se efectúa a rehabilitación.

E é que, segundo datos que anunciaba este domingo o Concello de Tui, contabilizáronse 26 casas destruídas completamente, 49 coa estrutura “moi afectada” e 43 que presentan “unha gran afectación na cuberta”.

Danos nun tellado / Miguel Núñez

Pola súa banda, a subdelegada do Goberno en Pontevedra asegurou que “non había coñecemento” por parte da Xunta de que existisen “outros almacéns diferentes” ao que estalou o pasado mércores e aqueles que se atoparon con posterioridade. “Non nos consta ningunha denuncia”, afirmou.

Ademais, apelou á “tranquilidade” porque, tal e como destacou, a explosión do almacén clandestino da empresa ‘La Gallega’, así como o descubrimento do resto de polvoreiras ilegais, “non é algo habitual” en Galicia.

Así, incidiu en que a Garda Civil “segue traballando” para atopar algunha outra destas instalacións que non estean localizadas. “Nada nos leva a pensar de momento que poida haber máis, o que non quere dicir que mañá non suceda”, expresou.

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, tamén comunicou que a Xunta espera pór en marcha “a semana que vén” a liña de axudas aos afectados pola explosión ocorrida o pasado mércores en Tui, de forma que poidan iniciar as súas solicitudes.

Así o trasladou ao ser cuestionado polos xornalistas respecto diso, no marco dunha reunión que mantivo este martes na sede da Xunta en Vigo, onde remarcou que estas axudas “se van a pór en marcha nun prazo inmediato”.

Namentres, lembrou que persoal da Xunta –xunto ao do Concello de Tui e da Deputación de Pontevedra– traballa na oficina habilitada na parroquia de Guillarei, “avaliando de forma máis directa os danos que se produciron” e tratando de “dar unha primeira solución ás familias que perderon definitivamente a súa vivenda, tentando buscar un reacollo inmediato”.

Neste contexto, aseverou que “todos os gastos en que incorran os afectados e todas as situacións que precisen de atención económica, desde o mesmo momento en que se produciu o sinistro van ser cubertas con axudas” da Administración autonómica.

Trátase de axudas que os veciños ven insuficientes, aínda que o alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, considerou días atrás que son “bastante xenerosas e prácticas”.

Vigo móvese en defensa de Palestina

As Marchas da Dignidade convocaron para este venres ás 20:00 concentracións en toda Galicia en solidariedade coa situación que se está a vivir en Palestina. Foron en A Coruña (Praza Obelisco), Compostela (Praza do Toural), Ourense (Subdelegación do goberno), e Vigo na emblemática Farola de Urzáiz, todas ás 8 da tarde.

Os organizadores denuncian os “actos do exército israelí sobre a poboación indefensa palestina”, e engaden que, segundo a ONU, “hai 59 persoas asasinadas e preto de 3.000 feridas durante as protestas palestinas pola apertura da embaixada de EEUU en Jerusalen, todas por disparos dos soldados israelíes”.

 

Para as Marchas da Dignidade, as accións de Israel son un atentado contra os dereitos humanos e consideran que as persoas responsables deberan ser xulgadas por crimes contra a humanidade. As concentracións queren amosar a solidariedade galega con Palestina, ademáis de facer presión para que o goberno español condee as accións de Israel e deixe de colaborar co goberno de Netaniahu.

Vídeo da concentración deste venres

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed