Inicio Blog Páxina 1778

A Covid obriga a aprazar o concerto da Orquestra Sinfónica Vigo 430 previsto para este martes

0

O concerto da Orquestra Sinfónica Vigo 430 previsto para este martes na urbe olívica foi aprazado debido á evolución da pandemia da COVID-19.

Segundo lembrou a orquestra, o evento correspondente a este mes, ‘A música de cámara de Beethoven’, contaría coa participación da violinista Lir Vaginsky e enmarcábase no Ciclo de Outono, unha programación patrocinada polo Concello de Vigo para os últimos meses de 2020.

Así, sinalou que a normativa establecida permite celebrar actos con aforamentos “tremendamente reducidos” e que nos últimos meses apostou por celebrar concertos coas medidas de prevención correspondentes. No entanto, decidiu aprazar o evento deste mes ante “o preocupante das cifras da pandemia estas últimas semanas”.

Familiares de usuarios das residencias de maiores: “Estamos diante das portas doutra hecatombe”

0

A concentración e a andaina polos arredores da residencia DomusVi Barreiro, foi convocada polas asociacións de familiares dos xeriátricos de DomusVi en Vigo (ASFAREBA) e en Cangas (Vellez Digna), co apoio da federación galega de familiares REDE e da asociación de familiares da residencia pública de Bembrive tamén de Vigo.

Durante a concentración pedíronse outra vez explicacións e transparencia sobre o acontecido dentro das residencias desde que comezou a pandemia de COVID-19. Así, reclamaron a creación dunha Comisión de Investigación sobre as residencias no Parlamento de Galicia. Esta Comisión xa fora demandada a pasada semana.

A residencia de DomusVi en Barreiro, xunto coa de Aldán en Cangas, foran as primeiras grandes residencias de Galicia onde se comezaron a rexistrar focos importantes de contaxio. Desta maneira, considerouse a área de Vigo como a ‘zona cero’ da pandemia en marzo pasado.

Xa o 17 dese mesmo mes, a federación REDE solicitara a intervención pública destas residencias, que se producíu 13 días despois, o 30 de marzo. Desta maneira, os centros de DomusVi en Barreiro e Aldán foron as dúas primeiras residencias intervidas no Estado español.

A Xunta de Galicia xustificou a acción como “o xeito de garantir a saúde e a vida dos anciáns residentes”. Segundo as asociacións convocantes da concentración “hoxe, 30 de agosto, vai para cinco meses desa intervención”, aínda así “o virus e a xestión da pandemia deixaron un saldo nestas dúas residencias de 85 persoas maiores e dependentes falecidas, 47 en Barreiro, 38 en Aldán”. A estas cifras hai que sumar as arredor de 200 usuarias e traballadoras afectadas pola infección.

As organizacións convocantes quixeron chamar a atención sobre a incerteza en que viven as familias das persoas maiores ingresadas en residencias galegas. Consideran que de novo o perigo ameaza estes centros “pola nula corrección de erros que se observa nos xeriátricos para evitar que a pandemia se propague de novo”. Insisten ademais sobre a sistemática falla de persoal e de elementos de protección, subliñou Paulino Campos, presidente de REDE.

Por outra parte, a inquedanza dos familiares aumentou tamén polo “incremento de medidas de restrición nas visitas dos familiares, con vulneracións reiteradas de nomativas, cando non se produce o feche irregular das instalacións”. Ante esta situación, denuncian que as familias e as usuarias, quedan desamparadas “nuns actos que están máis preto do secuestro de persoas que de medidas proporcionadas a realidades epidemiolóxicas”.

Por último, denuncian que as empresas e a administración “non fixeron os deberes, que é, basicamente, garantir un número apropiado de persoal, formado e informado, nas residencias, fundamental para a contención do coronavirus”. Neste sentido, “estamos nunha situación peor que na previa da pandemia de marzo, estamos nas portas doutra hecatombe”.

Tanto familiares como traballadoras anunciaron novas mobilizacións durante o mes de setembro. O 3 diante da sede central estatal de DomusVi, en Vigo, o 6, 13 e 20 en vilas do Morrazo, o 11 na praza maior de Celanova, o 25 nas rúas de Vigo e o 26 na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela.

[Galería] Un paseo polo Lagares

O Lagares é o principal curso fluvial en Vigo. Nace na Lagoa Mol, entre o lugar da Retorta na parroquia de Cabral e a parroquia de Vilar de Infesta.

O río esténdese a través o sur do termo municipal de Vigo, de leste a suroeste, a través das parroquia de Candeán, Lavadores, Sárdoma, Castrelos, Matamá e Santo André de Comesaña, até a súa desembocadura na ría de Vigo, a nivel do extremo sur da praia de Samil.

Nas beiras do río adóitase ver xente paseando, facendo deporte, cans, animais soltos (coma coellos e patos), e calquera cousa que poida acontecer de improvisto. O fotógrafo de XdV, Miguel Núñez, saíu a fotografiar este río.

Dous mozos detidos por agresión a outros menores para roubarlles as sudadeiras

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a dous mozos, de 17 e 18 anos de idade, un de nacionalidade venezolana e outro español, como presuntos autores dun delito de roubo con violencia. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde deste mércores, cando un home se presentou en Comisaría, en compañía do seu fillo de 14 anos, para denunciar que o menor fora vítima dun roubo violento ao saír de clase.

O neno explicou aos axentes que se atopaba con outros compañeiros á altura do parque na rúa Emilia Pardo Bazán, e foron abordados por dous mozos que, de maneira intimidatoria e con ameazas, esixíronlles os teléfonos móbiles.

Ao dicirlles que non os tiñan, os ladróns esixiron que lle entregasen as sudaderas que levaban postas. Ao volverse a negar, os dous mozos agredíronos “con gran violencia”, quitáronlles as pezas pola forza e fuxiron do lugar. Tras ter coñecemento destes feitos, varias patrullas iniciaron a procura dos ladróns, que foron localizados esa mesma tarde na rúa Salgueira.

Ao decatarse da presenza policial, os sospeitosos emprenderon a fuxida á carreira, tentando despistar aos axentes, e chegaron a separarse para dificultar así a súa captura. Con todo, foron finalmente interceptados e detidos na rúa Pai Feijóo. Ambos foron trasladados a Comisaría, onde a Policía contactou cos titores legais do menor. As actuacións foron postas en coñecemento do xulgado de garda e da Fiscalía de Menores de Pontevedra.

MARISCO SEN GUÍA SANITARIA

A Garda Civil interceptou este mércores a un condutor de nacionalidade portuguesa que transportaba nun turismo 330 quilos de ameixa e berberecho sen guía sanitaria de orixe nin documentación. Segundo informaron fontes do Instituto Armado, a incautación tivo lugar nun control de seguridade viaria establecido na ponte internacional de Tui, na autovía A-55.

No transcurso deste operativo, interceptouse un vehículo de matrícula portuguesa, en cuxo interior se descubriu un cargamento de 270 quilos de berberechos e 60 quilos de ameixas de varios tipos. Os moluscos viaxaban sen ningún tipo de documentación e nun vehículo non adecuado para o seu transporte, polo que o Seprona realizou unha inspección complementaria.

Ao non poder acreditarse a procedencia do marisco, a carga foi incautada, e o vehículo quedou en depósito (para o que se solicitou apoio da unidade operativa do Servizo de Gardacostas, con sede en Vigo). Por outra banda, o condutor do coche foi denunciado ante a Consellería do Mar, por unha suposta vulneración da lei de Pesca de Galicia.

Centos de persoas participan na campaña de sensibilización social pola Esclerose Múltiple en Vigo

Este domingo a praia viguesa de Samil acolleu nunha xornada solidaria por centos de persoas para apoiar a campaña de sensibilización social ‘Móllache pola Esclerose Múltiple’, acuñada en Galicia como ‘Móllate’.

Ás carpas da Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo) achegáronse centenares de persoas para informarse ou colaborar a través de donativos ou a compra de ‘merchandasing’.

Durante todo o día celebráronse actividades acuáticas e dous “mergullos solidarios” co obxectivo de “visibilizar a Esclerose Múltiple e achegar á sociedade unha enfermidade neurológica” que afecta a máis de 3.000 persoas en Galicia e ao redor de 55.000 España, segundo informou a asociación a través dun comunicado.

Ao “mergullo solidario” da mañá acudiu o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado de decenas de persoas que se bañaron para mostrar o seu apoio aos afectados e ás súas familias.

Intervención dunha vivenda en Vigo cuxa dona xerou un problema de saúde pública por alimentar pombas

Axentes da Policía Local de Vigo, así como técnicos de Medio Ambiente do Concello olívico e operarios dunha empresa tiveron que intervir para limpar unha vivenda da cidade, cuxa moradora xerara un problema de saúde pública, ao alimentar desde o seu balcón ás pombas, e converter o seu propio piso nun pombal.

Segundo informaron fontes policiais, esta muller, de 77 anos de idade e que vive cun fillo de 46 anos nun piso da rúa Areal, leva anos alimentando desde o seu balcón ás pombas, de maneira que a presenza destas aves ha ido crecendo e converteuse nun problema, pola acumulación de excrementos e outros desperdicios.

Así, a masiva presenza de pombas, xerou problemas de sucidade no balcón desta veciña e nalgunhas habitacións da vivenda, na fachada do edificio e mesmo na beirarrúa onde está o inmoble, o que provocou numerosas denuncias dos veciños.

Esas queixas dos veciños non tiveron solución ata agora, posto que todos os intentos de localizar á muller ou de comprobar o estado do balcón para tomar medidas non prosperaron , porque ou a muller non estaba no domicilio ou non abría a porta.

A finais de 2017, a Policía Local conseguiu contactar con ela e advertiulle de que non debía seguir alimentando ás pombas, porque o seu balcón se converteu nun punto de ‘avituallamento’ das aves, que se concentraban alí de forma masiva, especialmente polas mañás.

Con todo, este aviso non foi atendido, e a muller e o seu fillo tampouco tomaron medidas en ningunha das outras 6 ocasións en que acudiron á súa casa patrullas da Policía Local.

INTERVENCIÓN

Ante esta situación, a Policía Local, en coordinación cos departamentos municipais de Benestar Social e Medio Ambiente, iniciou os trámites para intervir.

O pasado martes, axentes da UMIR (Unidade Ambiental de Intervención no Rural) da Policía, técnicos municipais e operarios dunha empresa de limpeza, con autorización dos moradores da vivenda, entraron na mesma para acometer os traballos de retirada de excrementos.

Tras cinco horas de tarefa, foi necesario retirar varios mobles que se atopaban na ‘habitación-pombal’, porque estaban absolutamente deteriorados, e continuar os labores de limpeza ao día seguinte. Así, o piso quedou limpo destes desperdicios, aínda que o balcón aínda presenta algo de sucidade e non foi posible eliminar do todo o mal cheiro.

A empresa de limpeza instalará nos próximos días unha rede no balcón da casa, para evitar que se achegar e póusense os paxaros, mentres que os dous veciños aseguraron que xa non dan para comer ás pombas desde a súa casa, senón que o fan un parque próximo.

Unha colisión de tres vehículos obriga a cortar temporalmente a A-52 sentido Vigo

0

Unha colisión por alcance na que se viron implicados tres vehículos obrigou este xoves as cortar o carril dereito e central da A-52, segundo informa o 112, no punto quilométrico 301,500 sentido Vigo.

Varios condutores informaron o sinistro pasadas as 18,00 horas. Entón, o 112 alertou aos axentes da Garda Civil de Tráfico, ao servizo municipal de urxencias de Mos e ao 061.

Así mesmo, foron avisados a Policía Local e Protección Civil das localidades do Porriño e Ponteareas.

Coñece as 6 especies autóctonas que conforman o Bosque da Memoria de Chandebrito

A localidade de Chandebrito (Nigrán), unha das poboacións máis afectadas polos incendios que arrasaron Galicia o pasado outubro, inaugurou o pasado venres día 10 de agosto o seu Bosque da Memoria, un espazo de descanso poboado por árbores autóctonas como o carballo ou o castiñeiro, e completado con mobiliario de descanso e paneis informativos.

Desta volta, falamos un pouco de cada unha destas especies que embelecerán o Bosque da Memoria, grazas á información que os creadores do bosque deixaron alí. É un proxecto que conta co apoio da Asociación Galicia Ambiental, a Fundación C&A, o Concello de Nigrán e a Comunidade de Montes de Chandebrito.

As árbores do Bosque, xa plantadas, están aínda a comezar o seu proceso de crecemento.

castiñeiro

O castiñeiro (Castanea Sativa) é unha árbore de crecemento rápido que pode acadar os 30 metros de alto, un grosor espectacular e gran lonxevidade, vivindo máis aló do milenio.

Aínda que sexa máis típica do noroeste da península, aparece por toda ela, incluso no sur, posto que foi extendido polos romanos.

As castañas foron ademais elemento esencial da cociña galega ata a chegada dos cultivos americanos. Ata entón, os galegos consumían castañas asadas, cocidas, no caldo, con leite… A pesar da súa abundancia na dieta, confeitadas eran consideradas un manxar.

“Castañar del Tiemblo” / Pablo Cabezos, Photopin

sobreira

A cortiza da sobreira, popularmente coñecida como “corcho”, é moi utilizada para a fabricación de tapóns e illantes. A orixe do seu nome é celta, e significa “árbore fermosa”. Pode alcanzar os 25 metros de altura.

Produce landras, moi do gusto dos esquíos, adoitan ser amargas. O bosque de Sobreira máis grande atópase en Marrocos, preto de Rabat. É unha árbore mediterránea.

Sobreira/ Photopin

carballo

O carballo foi empregado historicamente para a construción naval, da súa madeira saíu a chamada Armada Invencible. Tamén se utiliza para as liñas de ferrocarril, ou para elaborar toneis, polo aroma que proporciona ao viño e outras bebidas.

Aparece por toda Europa, en España concéntrase na metade norte. Produce landras cun longo rabillo. Alcanzan os 40 metros de altura e poden formar grandes bosques.

Carballo/ Photopin

cerdeira

A cerdeira deixa un froito xeralmente doce, a cereixa, que pode ser transformada en marmelada, viño ou licor. Tamén é utilizada a súa madeira para fabricar mobles, e os rabos das cereixas na medicina tradicional.

Cerdeira/ Photopin

abeleira

Da abeleira extráese como froito a abelá. É considerada en ocasións como un arbusto, posto que hai exemplares que miden en torno aos 5 metros de altura, mais outros superan os 14. É moi común en Galicia e Asturias.

Abeleira/ Photopin

acivro

Do acivro, cunha madeira difícil de traballar, destacamos o seu uso tradicional como medicina contra a reuma ou a artrite.

Acivro/ Photopin

 

A realidade supera a ficción: unha vide que escala edificios e recorda contos infantís

0

Hai cousas que só poden acontecer na nosa terra. Non xa que unha vide saia da parede e tente obstruír a porta dunha casa, senón que medre e medre, ao estilo de “Xan o das fabas máxicas”, ata dar co terceiro piso e co ceo. Este edificio de Monforte chamará seguro a atención dos paseantes.

O UM18 da UVigo para competir en Holanda e Montmeló xa case é unha realidade

A pouco menos dun mes do seu debut no circuíto de Assen en Holanda, o UM18 desvelou hoxe o seu aspecto a través dunha serie de imaxes dixitais, feitas públicas polo equipo que estudantes da Universidade de Vigo que traballa na súa construción.

Cun deseño moi similar ao do seu predecesor, o UM17, o novo vehículo mantén o chasis híbrido, o monocasco en fibra de carbono e o subchasis en aceiro tubular, co obxectivo de mellorar a refrixeración do motor, así como o motor Kawasaki Ninja 650cc, ao que se pretende sacar máis partido cun novo sistema de refrixeración e a substitución do cambio electrónico por un pneumático.

“En canto á aerodinámica damos un paso de xigante coa incorporación de aerodinámica activa e unha mellora do conxunto fondo plano-difusor. Todo isto controlado e supervisado de xeito electrónico, grazas ao visionado en tempo real de todas as telemetrías do monopraza”, explica María Couso, responsable do departamento de Organización e Márketing de UVigo Motorsport.

Rematada a fabricación do monocasco en fibra de carbono, o seguinte paso é darlle o mellor acabo posible e solucionar algúns defectos, para empezar a continuación a montaxe de todos os demais compoñentes, como o motor, a dirección ou a suspensión.

“Neste intre atopámonos nunha das etapas máis difíciles no transcurso do proxecto. O único que nos queda por rematar da fabricación do UM18 son os compoñentes aerodinámicos: aleróns, tanto dianteiro como traseiro, pontóns, difusor…que agardamos ter finalizados a mediados deste mes”, sinala Couso, que explica que este ano adiantaron a fabricación das pezas o máximo posible e por iso xa as teñen preparadas para montar no coche en canto o monocasco estea finalizado.

A competición de Holanda, Formula Student Netherlands, esixe presentar un vídeo co vehículo en marcha antes do 22 de xuño, aínda que a con posterioridade poderían realizarse pequenas modificacións.

Unha das mellores experiencias como estudante, apoiada por 60 empresas e institucións

26 estudantes, procedentes das escolas de enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación, integran a día de hoxe o equipo UVigo Motorsport que se encarga de todo o proceso de construción do UM18, unha competición que inclúe probas dinámicas, na que o protagonismo é do monopraza e estáticas que contemplan a xustificación de custos, deseño e plan de negocios.

“Formula Student abrangue moitos máis aspectos que os puramente automobilísticos e por iso unha das iniciativas que empezamos a realizar durante esta temporada foi abarcar máis ámbitos dentro da universidade. Aspectos como a imaxe, a negociación, as finanzas… e por iso buscamos xente, procedente doutras carreiras, que queira formar parte do equipo”, sinala María Couso.

Durante esta temporada o equipo contou co apoio, non só económico, senón tamén material, de recursos e de formación, de máis de 60 empresas e institucións. “Neste aspecto, as verdade é que somos uns privilexiados. Ter a oportunidade de que grandes empresas e institucións se involucren e nos axuden no proxecto para despois representarlles e levar a súa imaxe polo mundo é unha auténtica honra”, considera a responsable do departamento de Organización e Márketing do equipo.

Na recta final do proxecto, María Couso considera esta “unha das mellores experiencias que viviremos como estudantes e como persoas. Profesionalmente o que aprendes non o aprendes en ningún outro sitio e persoalmente a recompensa é incalculable. Traballar man a man con compañeiros doutras especialidades ou carreiras, con mentalidades e personalidades diferentes, pero sempre dirixidos a un único obxectivo fai que persoalmente sexa moi emocionante cada día”, asegura Couso, que non obvia a dificultade que supón compaxinar estudos, traballo e proxecto.

Non obstante, tamén recoñece que “cando podes ver o monopraza rodar no circuíto, ou recibir un premio en Montmeló, como o ano pasado, todos os momentos de estrés desaparecen e só gozas das cousas positivas”.

Convencidos de que o UM18 pódelles deparar grandes alegrías “non só para nós, senón tamén para as institucións e empresas ás que representamos e que diariamente están presentes no proxecto”, o equipo da Universidade de Vigo competirá entre os días 9 ao 12 de xullo en Holanda e entre o 21 e o 26 de agosto en Montmeló.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed