Inicio Blog Páxina 1777

A gaiteira Susana Seivane actuará este sábado en Tui

0

A gaiteira Susana Seivane ofrecerá este sábado, día 6 de xullo, un concerto na localidade pontevedresa de Tui con motivo do programa ‘Musigal Son Tradición’.

A actuación terá lugar ás 22,30 horas e, xunto a Seivane, actuará Miguel González ao saxo, Rubén Deschamps á guitarra e mandolina, Carlos Freire á batería e percusión tradicional, así como Iago Rodríguez ao baixo eléctrico.

A gaiteira interpretará temas do seu último traballo ‘FA’, publicado o pasado mes de setembro. Ademais, tamén repasará outros temas da súa longa carreira musical, todo nun espectáculo que, segundo indicou a organización, será fresco e orixinal.

Susana Seivane naceu nunha das familias con máis prestixio e fama no mundo dos gaiteiros e artesáns de gaitas de Galicia. Con tres anos e da man do seu pai iniciou a súa carreira musical, na que influíron mestres como o seu avó, Xosé Manuel Seivane, Ricardo Portela e Monexas.

A Plaforma pola defensa da Ría de Vigo oponse a máis recheos

A Plataforma pola defensa da Ría de Vigo ‘Cíes’ reiterou este mércores o seu rexeitamento aos recheos portuarios na baía, unha práctica que considera “xa superada” e apostou por “axilizar” a Plisan para mellorar a competividade do Porto.

Este colectivo lembrou que a superficie gañada ao mar xa ascende a 3,2 millóns de metros cadrados, que “se estivesen dedicados totalmente á actividade portuaria, serían máis que suficientes”.

A Plataforma sostén que “non é razoable” seguir aterrando a ría, onde “xa se eliminaron os mellores bancos marisqueiros, pesqueiros e mesmo areais”, e advertiu de que a mellora da competitividade do Porto de Vigo pasa por “axilizar” a Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Este posicionamento prodúcese tras coñecerse a intención do Porto olívico de gañar uns 65.000 metros cadrados adicionais en Bouzas, e mesmo a posibilidade de encher outros 50.000 metros cadros na zona do peirao de Comercio, unha práctica “depredadora”, segundo a Plataforma.

Finalmente, lembrou que a “volta” aos recheos na ría afectaría a recursos mariños, postos de traballo nos sectores de pesca e marisqueo, ao turismo e á calidade de vida, e suporía “alterar” a configuración natural da baía.

Investigan a morte dun octoxenario que apareceu morto tapado cuns plásticos

0

A Policía Nacional de Vigo investiga a morte dun octoxenario veciño da cidade cuxo cadáver apareceu na tarde deste luns tapado “cuns plásticos”, segundo confirmaron a Europa Press fontes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

O falecido é un veciño do barrio de Sárdoma, Manuel A.R., de 81 anos de idade, e sobre o cal constaba unha orde de desaparición que se cursou durante o pasado Nadal e que xa investigaban axentes da Policía Nacional.

O corpo apareceu nas proximidades do río Lagares ao seu paso polo barrio vigués de Sárdoma, nunha zona entre naves industriais. Foi un veciño da zona o que deu a alerta á Policía Nacional sobre as 15:30 horas do pasado luns. O cadáver presentaba signos de morte por violencia e atopábase envolto nuns plásticos e, segundo trasladaron fontes da Policía Nacional, estaba moi camuflado coa contorna.

A sala do 091 de Vigo puxo estes feitos en coñecemento do xulgado de garda de Vigo, o de Instrución número 8, á Policía científica e a funcionarios da Policía xudicial especializados neste tipo de incidentes.

Segundo explicaron fontes policiais, unha vez inspeccionada a zona e solicitadas as posibles probas trasladouse o cadáver ao Nicolás Pena para que o equipo forense realizase a autopsia.

Para non prexudicar as diferentes liñas de investigación que se seguen neste caso, a Policía manifestou que non facilitará información sobre a investigación en curso nin sobre o xeito na que foi segada a vida deste vigués.

DENUNCIA DE DESAPARICIÓN

O pasado día 5 de xaneiro a familia deste vigués presentara unha denuncia ante a Policía Nacional pola súa desaparición pois “notaban a súa ausencia en días anteriores”. O falecido vivía só e adoitaba dar paseos pola zona, segundo indicaron os seus familiares ao acudir ás dependencias policiais.

A familia, segundo explicaron fontes policiais, intentara comunicarse con el por vía telefónica e pensaba que podía atoparse noutra vivenda da súa propiedade, na zona da Cañiza. Realizadas todas as comprobacións, a familia optou por pór unha denuncia de desaparición.

O pasado domingo os efectivos policiais fixeron unha primeira procura deste octoxenario pola zona próxima á súa casa en Sárdoma, pois a familia comentara ao pór a denuncia que ultimamente se atopaba algo máis desorientado que de costume”.

A Policía trasladou que o pasado luns, cando apareceu o cadáver tras o aviso dun veciño, sobrevoouse a zona para tratar de localizalo durante máis dunha hora sen resultados positivos.

O Concello presenta a ‘app Vigo’ para móbil, “unha nova canle directa e bidireccional de comunicación coa cidadanía”

A nova app Vigo forma parte da estratexia “smart city” da cidade, creada como unha nova canle directa e bidireccional de comunicación coa cidadanía, que permite recibir avisos diarios sobre cuestións como o tráfico, a cultura, noticias ou o emprego e ademais fai posible que a cidadanía participe na mellora da cidade remitindo a través da aplicación avisos e suxestións da mellora, que serán canalizados a través do servizo de atención cidadá 010.

É unha das plataformas cidade máis completas de España, con información de máis de 5.000 elementos da cidade e acceso a datos actualizados diariamente e tamén en tempo real, caso do tráfico, as cámaras do Concello e a chegada dos autobuses urbanos, entre outros.

A aplicación Vigo aglutina todos os servizos da cidade, como a axenda de eventos, as noticias e os avisos. Tamén proporciona información do tempo, do rueiro, dos parques, praias, fontes e mercados da cidade, así como das instalacións deportivas, culturais e deportivas coas que Vigo conta. O apartado de turismo inclúe os lugares de interese, aloxamentos, lecer, restaurantes, compras…

No tocante á mobilidade, esta ferramenta proporciona os tempos de chegada do autobús urbano ás paradas a tempo real, informa das liñas e permite calcular as rutas. Igualmente o usuario pode acceder á información sobre os taxis, aeroporto, tren e barcos, xunto a toda a información relativa ao tráfico -aparcamentos, puntos de recarga, gasolineiras, planificación de rutas, cámaras e un mapa co estado do tráfico na cidade a tempo real-

A app Vigo é bidireccional e permite ao usuario enviar ao Concello avisos e suxestións de mellora, achegando fotos e facendo un seguimento do estado da tramitación. Nesta plataforma pode coñecerse tamén as convocatorias, subvencións e ofertas de emprego da administración municipal, así como os trámites co Concello, con información e accesos a todos os habilitados da sede electrónica.

A aplicación Vigo, dispoñible en galego e castelán, permite configurar unha pantalla de inicio personalizada cos servizos que se desexen e seleccionar as temáticas sobre as que se queira ser notificado (novas, tráfico, axenda, emprego, transporte, convocatorias e subvencións)

Abel Caballero subliñou que a app non está cerrada senón que supón o comezo dunha nova canle de comunicación que estará en continúa evolución. Así, engadiu o alcalde, o Concello xa baralla que no futuro se poida empregar a aplicación como audioguía nos museos, para rutas guiadas pola cidade e tamén para a recepción de avisos en casos de emerxencia.

Caballero fai balance de 11 anos de goberno: defende a súa política social, carga contra a Xunta

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, fixo este mércores balance dos seus 11 anos á fronte do goberno municipal, nun acto no que, despois de repasar tódalas actuacións levadas a cabo desde 2007 e criticar duramente á Xunta, concluíu que o “o logro máis importante” foi que a urbe olívica séntese “por primeira vez na súa historia unha gran cidade”, e os seus veciños senten “orgullo, identidade e raíces”.

Así o manifestou o rexedor, nun acto celebrado no auditorio municipal de Praza do Rei, no que estivo rodeado polos 16 concelleiros que lle acompañan no goberno, ademais de representantes de asociacións veciñais, culturais, colectivos sociais, deportivos, etc.

Sen espazo para a autocrítica, Caballero debullou, durante algo máis unha hora, as principais actuacións do seu goberno nos últimos anos, empezando pola “transformación física” de Vigo: máis de 900 rúas “humanizadas”, das que 150 cambiáronse no últimos tres anos.

O alcalde tamén puxo en valor a instalación de 170 parques infantís novos ou renovados, 6.000 novas árbores no centro urbano, máis de 5.000 bancos para que os veciños poidan sentar e “gozar” nas rúas, 12 millóns de euros destinados a subvencionar tarxetas de bus urbano, novos pavillóns e pistas deportivas, accións de promoción turística e do comercio, bolsas de inglés e axudas para comedor e libros, cheques sociais para familias (para gastos de vivenda, alimentación ou subministracións enerxéticas), escolas infantís, ou dotacións culturais.

No seu repaso, Caballero fixo énfase en actuacións como a reforma de Balaídos, “un dos campos de fútbol máis importantes do mundo”; a nova depuradora, “que pagan o Concello e a UE”, porque a Xunta recuperará o investido e “sacará un beneficio de 25,6 millóns” (pola repercusión no canon de saneamento); o carril bici entre Teis e Samil; as actuacións do ‘Vigo Vertical’; ou os 50 millóns que, asegurou, o seu goberno destina a políticas sociais.

CRÍTICAS Á Xunta

As críticas á Xunta estiveron presentes durante toda a intervención do alcalde, quen non deixou pasar a oportunidade de deixar en evidencia a mala xestión ou os “problemas” que a administración autonómica pretende pór no camiño de Vigo.

Así, Abel Caballero lembrou que é o Concello o que actúa para mellorar as instalacións dos colexios, aínda que sexa competencia da Xunta; criticou a falta de apoio do goberno de Feijóo ao museo MARCO; incidiu en que a Xunta está “a obstaculizar” a construción dun pavillón en Matamá, e pon a “cambadela” a outros proxectos, como a peonalización de Porta do Sol ou a reforma de Gran Vía.

“Feijóo dirá o que queira, pero isto vaise a facer. Teñen pánico de que estea acabado antes das municipais”, aseverou, e avanzou que se instalará “outra rampla” mecánica desde Praza de América a Praza de España.

Na mesma liña, o alcalde afirmou que Vigo non ten agora en vigor o Plan Xeral de 2008 “porque Feijóo non quixo”, xa que o Concello propuxo a chamada ‘solución Parello’ e “a Xunta dixo que non, porque quería facer política”.

Tamén recalcou que o goberno galego “fixo unha lei contra Vigo para que os vigueses pagasen o transporte da xente de fóra” e que “paralizou a área Metropolitana”.

Finalmente, Caballero lembrou que, ao longo dos últimos anos, os vigueses tamén tiveron que saír á rúa a “defender” a súa cidade. Así, no seu balance referiuse ás mobilizacións contra a fusión das caixas de aforro, en apoio do aeroporto “que Feijóo quixo pechar”, en defensa do naval, da sanidade pública, ou en defensa da AVE a Madrid por Cerdedo. “E agora, co novo goberno, volvo comprometer o AVE”, engadiu.

“Todos xuntos somos imparables”, concluíu o alcalde, quen agradeceu o traballo do seu “gran equipo” de goberno, e puxo en valor o feito de que, grazas ao apoio cidadán, Vigo “tamén goberna na Deputación”.

Ataque de candorcas a un veleiro a 5 millas da Guarda que necesitou da asistencia de Salvamento Marítimo

0

O veleiro británico ‘Extra Mile’, con dous tripulantes a bordo, sufriu un ataque de orcas este xoves a un cinco millas ao noroeste da Guarda.

Segundo informa Salvamento Marítimo, a embarcación sufriu a rotura do temón, polo que solicitou asistencia para ser remolcado ata a costa.

De tal forma, foron mobilizada a Salvamar Mirach desde o centro de Salvamento de Fisterra, que remolcou ao veleiro ata o municipio pontevedrés de Cangas.

Aprobadas as memorias para crear as facultades de Deseño, Dirección e Xestión Pública e Relacións Internacionais

O consello de goberno Universidade de Vigo aprobou as memorias para a creación das facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública no campus de Pontevedra e da de Relacións Internacionais no de Ourense.

Na última sesión deste curso, deu luz verde ás memorias con 35 votos a favor, un en contra e dúas abstencións, mentres a docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Edita de Lorenzo considerou que a creación dos centros “non está xustificada”. Posteriormente, os documentos remitiranse ao Consello Social para a obtención do informe correspondente e á Xunta para continuar o procedemento coa previsión de que as facultades poidan iniciar a súa actividade no curso 2022-23.

Así mesmo, aprobáronse as memorias para as solicitudes de verificación e modificación de varios títulos que se impartirán desde o curso 2022-2023, entre eles, o Máster en Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia. Así, esta titulación continuará a súa tramitación despois de que un ditame xurídico concluíse que non invadía competencias, como asegurara a dirección da Facultade de Ciencias da Educación e o Deporte.

Noutra orde de cousas, tras decidirse recentemente non trasladar ningún centro fóra do campus universitario, o reitor, Manuel Reigosa, confirmou a recepción do acordo da xunta da Facultade de Ciencias do Mar no que se considera que a mellor localización para o centro é a antiga ETEA. Así, o reitor comprometeu o alcance dunha solución e que “se poida mover con suficiencia e corrección”.

PLAN DE FINANCIAMENTO

En canto á negociación do próximo Plan de Financiamento Universitario, Reigosa explicou que “existen diferenzas importantes” entre a Xunta e as institucións educativas, que piden unha maior achega. Con todo, mostrouse “satisfeito” de “como van as cousas” en relación á procura dunha postura intermedia.

Finalmente, o consello de goberno deu luz verde ao primeiro estatuto do estudantado deportista da UVigo e ás solicitudes das facultades de Educación e Traballo Social, Ciencias da Educación e do Deporte e Química, e o Máster de Profesorado para impartir algunhas materias de modo non presencial desde o próximo curso. Adicionalmente, aprobáronse as sedes para o Programa Universitario de Maiores (PUM), que se situarán en Vigo, Pontevedra e Ourense.

A área de Vigo mantense á cabeza de Galicia con case 3.000 casos activos

Os novos contaxios de Covid-19 freáronse lixeiramente e descenden a 1.092 en Galicia, o que supón 73 menos que a xornada anterior, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus repuntan a 174, que representan 25 máis que o día pasado. Pola súa banda, os casos activos ascenden a 12.889 –o dobre de hai unha semana– e a taxa de positividade redúcese lixeiramente a un 9%.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 do martes, recollidos por Europa Press, aumentan a 153 as persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19, que supoñen 25 máis que na xornada anterior, e mantéñense en 21 as que se atopan en UCI. Pola súa banda, 12.715 pacientes atópanse en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe en seis das sete, entre elas a de Vigo, onde , aumentan a dous os ingresados pola Covid en UCI –un máis– e a 31 os que se atopan noutras unidades de hospitalización –cinco máis–. As cifras seguen sendo de menor gravidade que as rexistradas na Coruña-Cee ou Santiago.

DOBRE DE CASOS ACTIVOS

Os casos activos de Covid-19 ascenden por vixésimo oitava xornada consecutiva ata os 12.889, que representan 852 máis que o día pasado, ao haber de novo máis contaxios (1.092) que altas (240). Con respecto a fai sete días, as infeccións activas supoñen o dobre, xa que o pasado mércores 14 de xullo había 6.298 no conxunto da Comunidade galega.

Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas, de maneira máis acusada na de Vigo (+202); seguida da de Pontevedra e O Salnés (+157); Santiago e Barbanza (+125); A Coruña e Cee (+120); Lugo (+102); Ourense (+95); e Ferrol (+51).

Deste xeito, a área sanitaria de Vigo mantense á cabeza con 2.909 casos activos; seguida da de Pontevedra e O Salnés, con 2.258; A Coruña e Cee, con 2.214; Ourense, con 2.181; Santiago e Barbanza, con 1.580; Lugo, con 1.241; e Ferrol continúa á cola como a única por baixo do milleiro, con 506. Todo despois de que a área olívica rexistrara o maior número de novos cacsos da xornada: 260 fronte os 227 de Pontevedra.

A nivel galego, e en canto á taxa de positividade das PCR, volve reducirse e baixa a un 9,3% tras caer ao 10,9% o día anterior despois de arrincar esta semana nun 13%. Así, a Comunidade galega segue por encima dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, ata hai dúas semanas, non superaba desde o 15 de febreiro.

Todo listo para o xuízo ao cura de Salesianos de Vigo que se enfronta a máis de 67 anos por abuso de menores

A sección cuarta da Audiencia Provincial de Pontevedra acollerá a próxima semana o xuízo contra Segundo C.V., profesor do Colexio Salesianos de Vigo, que se enfronta a unha petición de máis de 67 anos de prisión acusado de abusar sexualmente de diversos menores.

O proceso arrincará o martes e estenderase ata o xoves da próxima semana, a partir das 10,00 horas, aínda que se solicitou a súa celebración a porta pechada, cuestión que se dirimirá ao comezo da sesión tras escoitar ás partes.

A investigación, a cargo do xulgado de instrución número 4 de Cambados (Pontevedra), determinou que os supostos abusos producíronse entre o 15 e o 23 de xullo de 2019 en Cambados, durante un campamento de verán que dirixía este sacerdote, e que estaba organizado polo colexio, a través da asociación xuvenil Abertal.

A xuíza considerou que hai indicios de que este sacerdote, co fin de satisfacer o seu apetito sexual e de vulnerar a liberdade e indemnidade sexuais de persoas menores de 16 anos que tiña ao seu cargo, levou a cabo tocamentos nos xenitais dos nenos.

Ademais de determinar que se prevaleu  da súa “superioridade xerárquica, derivada de ser sacerdote do colexio dos menores, profesor no mesmo e director do campamento xuvenil“, a maxistrada constatou indicios tamén de episodios anteriores.

En concreto, cre que abusou de dous menores durante unha peregrinación a Santiago de Compostela en abril de 2019, e un deses menores sufriu tamén tocamentos no campamento de verán. Por outra banda, tamén sinala no seu auto que, en xuño dese ano, abusou supostamente dun menor que acudiu á asociación xuvenil Abertal a ver o partido da final da Champions League.

PASO POR PRISIÓN E LIBERDADE BAIXO FIANZA

Segundo C.V. foi detido en xullo de 2019, despois das denuncias de varios menores, e o Colexio Salesianos de Vigo apartouno das súas funcións.

Tras as primeiras dilixencias, o sacerdote ingresou en prisión e, aínda que a súa defensa solicitou en varias ocasións a súa posta en liberdade, os tribunais denegáronlla, ata a primavera do ano pasado.

En marzo de 2020 o xulgado de instrución denegou a excarceración, pero a defensa do sacerdote interpuxo recurso de apelación e este foi estimado parcialmente pola Audiencia Provincial, de modo que decretou a liberdade provisional, baixo fianza de 12.000 euros, xunto con outras medidas, como a retirada do pasaporte, comparecencias semanais no xulgado e a prohibición de achegarse ás vítimas

A Xunta notifica tres novos falecidos por Covid nos últimos días

0

A cifra de mortos pola Covid segue aumentando de xeito alarmante día tras día. Este luns, 25 de xaneiro, a Xunta anunciou 27 persoas falecidas nun novo reconto no que recolle as mortes dos últimos catro días e que suman xa 1.649 desde o inicio da pandemia.

 “Estes falecementos non se produciron todos hoxe, senón que hai algúns dos últimos días da semana pasada, pero foron validados hoxe por Saúde Pública, logo de confirmarse que faleceran por covid-19”, apunta o Sergas nun comunicado. Dos case 30 falecidos, oito procedían de residencias de anciáns.

 Esta lista é a seguinte: 

Día 22:

Muller de 84 anos no CHUS
Muller de 82 anos no CHUS
Home de 84 anos no CHUS
Muller de 84 anos na residencia integrada CEGADI. Procedía da residencia DOMUSVI de Ribeira.

Día 23:
Muller de 89 anos na residencia  DOMUSVI de Carballo
Muller de 90  anos na residencia integrada  CEGADI. Procedía da residencia  DOMUSVI de Ribeira.
Muller de 74 anos  no  CHUVI.
Muller de 58 anos no  CHUVI.

Día 24:
Home de 84 anos no Hospital de Verín.
Home de 85 anos no  CHUF.
Home de 68 anos no Hospital  Quirón da Coruña.
Home de 89 anos no  CHUVI
Muller de 88 anos no Hospital  Virxe da Xunqueira.
Muller de 88 anos no  CHUO.
Home de 94 anos no  CHUF
Muller de 76 anos na residencia  DOMUSVI de Carballo.
Muller de 87 anos no  CHUF. Procedía da residencia Mi Casa de Ferrol.
Muller de 91 anos no  Hospital  HM-Modelo Belén da Coruña.
Home de 84 anos no CHUO.
Home de 83 anos no  CHUF.
Muller de 67 anos no  CHUF
Home de 95 anos  no Hospital da Mariña.
Home de 60 anos na residencia  DOMUSVI de Carballo.
Home de 91 anos  na residencia  DOMUSVI de Carballo.

Día 25:
Home de 92 anos no Hospital de Monforte.
Muller de 78 anos  na residencia  DOMUSVI de Carballo.
Muller de 83 anos  no CHUAC.

Todos eles tiñan patoloxías previas.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed