Empresarios esixen unha compensación polos prexuízos sufridos durante meses en Rande
O Presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), Jorge Cebreiros, urxe ao Ministerio de Fomento a dar unha solución definitiva e inmediata aos prexuízos provocados ao empresariado pontevedrés polo limbo no que quedou a suspensión da peaxe da AP-9 entre Chapela e Redondela.
Foi comprometido polo Goberno anterior para levarse a cabo antes de xullo, pero ata a data o Executivo actual non tomou ningunha decisión respecto diso. É por iso que a Confederación apoia a formulación da Asociación Provincial de Empresarios do Transporte (Asetranspo) de reclamar unha compensación polos danos e prexuízos sufridos durante meses pola situación en Rande.
A CEP valora que esta compensación debería de ampliarse a todas as empresas cuxos custos na súa actividade se viran incrementados por esta circunstancia, e considera que “chegou o momento de pasar da planificación á execución”.

“Non se trata de botarlle imaxinación, senón de planificar e executar sen dilatar as decisións, porque as alternativas debatéronse por extenso. chegou o momento de pasar dos compromisos aos feitos consumados”, expuxo Cebreiros.
Ao mesmo tempo, fixo fincapé en que a mobilización cidadá para reclamar que Fomento poña data ao fin da peaxe é o claro reflexo de que o tramo ten carácter urbano e, xa que logo, “non resulta posible eludir a decisión de eliminar a taxa aos usuarios”.
A isto suma a indignación dos empresarios polas obras inacabadas na Ponte de Rande e tamén na A-55, que continúan mermando a competitividade das empresas da provincia de Pontevedra, e engaden un plus de perigosidade a estas importantes vías de comunicación do área metropolitana.

O Presidente da CEP recordou que el persoalmente acompañou a mobilización convocada pola Alcaldía de Mos para reclamar o fin das obras da A-55, o 13 de abril. “Ás veces dános a impresión de que non pasa o tempo, porque as reclamacións que fai esta Confederación continúan vixentes mes a mes, ano a ano, lustro a lustro e década a década”, lamentan.
Rouban unha cadea de ouro a un home de 71 anos por recriminarlles que aparcaran no paso de peóns
Axentes desta Policía Local foron comisionados ás 17.00 horas deste venres para que se dirixisen á contorna da Rúa Barcelona, onde se estaba producindo unha pelexa entre varias persoas.
Unha vez no lugar, os Policías puideron ver a dous homes discutindo, así como a outras persoas á súa ao redor. Tamén se decataron como unha muller que estaba cos anteriores, ao observar que se achegaba a Policía, fuxía á carreira.
Neses momentos, alguén do grupo onde se estaba producindo a discusión berrou: “A moza escápase coa cadea!”. Un dos Axentes saíu trala muller que fuxía, dándolle o alto en repetidas ocasións, facendo ela caso omiso.
Nun momento dado, o Policía observou que a muller se detivo, achegouse á altura dun
sumidoiro e novamente emprendeu a carreira. O Axente continuou tras ela, mentres lle volvía a dar o alto. Nesta última ocasión a perseguida detívose e foi alcanzada.
Preguntada en referencia á cadea ou suposta cadea coa que fuxira do lugar, dixo non saber nada sobre dela. O Axente inspeccionou o sumidoiro no que a muller agachouse cando era perseguida, podendo observar no interior un cordón dourado, que recuperou.
Segundo as investigacións practicadas no lugar, os feitos producíronse cando un varón
(viandante) observou un vehículo estacionado sobre un paso de peóns; vehículo no que ían a suposta autora da subtracción do cordón dourado, e a súa parella.
Iniciouse unha discusión entre os tres; momento no que a muller (S.A.L.), aproveitaría para arrincar de vez o cordón do que lles recriminaba o estacionar sobre o paso de peóns.
Entón a vítima (un varón de 72 anos), pediu auxilio, gritando que lle estaban roubando. Este home manifestou aos Policías que no cordón había unha medalla.
Realizouse unha procura pola zona onde ocorreron os feitos, pero non se localizou. Finalmente os Axentes volveron inspeccionar o sumidoiro onde se recuperou o cordón, e alí, entre algúns desperdicios atoparon a medalla.
Ambos -cordón e medalla- son de ouro segundo alegou o seu propietario. O varón obxecto do roubo presentaba marcas no pescozo, producidas presuntamente polo tirón. Atopábase visiblemente nervioso, polo que se solicitou o servizo dunha ambulancia que se desprazou
ao lugar para asistilo.
Finalmente o persoal sanitario que lle atendeu optou polo seu traslado a un centro
hospitalario para que lle practicasen unha revisión máis exhaustiva. O suceso finalizou coa detención de S.A.L.
Tralo éxito da súa terceira feira, Porriño quere converterse na capital galega do pan
A Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (ACIPOR) e a Asociación de Panadeiros do Porriño veñen de amosar a súa satisfacción polo desenvolvemento da IIIª Feira do Pan do Porriño, que nesta edición experimentou “un importante aumento da afluencia de asistentes e a mellora do volumen de actividade económica así como a consolidación e mellora das actividades da mesma”, subliñaron.
A valoración por tanto é moi positiva, á espera de celebrar a reunión de análise da mesma para valorar aqueles ámbitos de mellora de cara a vindeira edición de 2019: “Queremos convertir a O Porriño na Capital Galega do Pan”, engadiron dende ACIPOR.

Tanto na xornada do venres pola tarde, como durante todo o sábado día 2, o aumento de asistentes foi considerable. A organización cifrou un aumento do 30-40% con respecto ao ano anterior, o que en palabras da presidenta de ACIPOR, Juana Pérez Rodríguez, “debe levarnos á reflexión da necesidade de impulsar accións de atracción de máis asistentes para fortalecer a feira, e para elo, precisamos unha maior proxección provincial, galega e estatal”.
Así o manifestaban tamén os representantes das panaderías da Asociación de Panadeiros do Porriño “a feira ten bós cimentos, temos que seguir mellorando para atraer a máis asistentes e poder visibilizar aínda máis o Pan do Porriño e a súa relación coa gastronomía, porque á vista está que cada ano a Feira mellora a súa aceptación.”

Dende ACIPOR e Asociación de Comerciantes quixeron agradecer ás marcas convidadas e sobre todo aos patrocinadores e colaboradores o seu apoio, sen o cal sería imposible a feria, especialmente, sen o apoio orzamentario e loxístico do Concello do Porriño a través da Concellaría de Comercio que dirixe D. Marcelino Coto Troncoso.
Un dos aspectos destacables da Feira, do que a organización tomou boa nota, foi a proposta da pregoeira desta edición, Marta Rodal, que destacou a necesidade de que O Porriño impulse un proxecto para a creación no Porriño dunha Aula Didáctica de Pan e Panadería nun inmoble a recuperar nalgún dos barrios do Porriño.

“Un feito que sen dúbida impulsaría esta actividade e que lle permitiría seguir gañando impulso”, destacaba a pregoeira. O propio Concelleiro de Industria e Comercio do Porriño, D. Marcelino Coto Troncoso, destacaba na presentación da Feira do Pan que “pola súa forte progresión, non sabemos ata onde pode chegar o o interese crecente polo Pan do Porriño e a Feira do Pan”.
Impulso á actividade panadeira
A Feira do Pan está a suponer un importante impulso á imaxe do pan e das empresas panadeiras do Porriño, que aspira a seguir mellorando a súa imaxe. Entre os vindeiros obxectivos da Asociación de Panadeiros está a de rematar o proceso de certificación do Pan do Porriño e sentar as bases dunha maior difusión do alto valor gastronómico do Pan do Porriño en eventos e feiras gastronómicas como Xantar, Silleda ou FITUR, feito que xa se está a valorar, comezando así unha labor de promoción exterior do producto.
Adif construirá no Porriño un apartadeiro para trens de mercadorías de ata 750 metros
Adif licitou por uns seis millóns de euros un contrato para a ampliación de vías de apartado de 750 metros de lonxitude no actual apartadeiro das Gándaras (O Porriño), situado na liña férrea de ancho convencional Monforte de Lemos- Bifurcación Chapela.
Segundo informou Adif, esta actuación de mellora enmárcase na potenciación do Corredor Atlántico, que inclúe a conexión ferroviaria con Galicia a través do eixo A Coruña-Vigo-Ourense-León, promovendo os tráficos de mercadorías.
Así mesmo, a execución desta obra, explica Adif, “permitirá tanto a formación e expedición de trens con lonxitudes de 750 metros xerados na propia terminal como o cruzamento de trens de lonxitudes de 750 m, o que permitirá aumentar a capacidade da liña”.
A licitación, cun orzamento de 6.134.001,72 euros (IVE incluído), inclúe a ampliación nunha lonxitude de 750 metros da vía 3 e a adecuación do resto de vías de apartado á nova situación, e a súa electrificación con similares características ás existentes.
Ademais, instalarase un desvío de acceso lado Vigo que conecte a vía de apartado coa vía xeral que permitirá a saída/entrada á estación desde esa banda.
Tamén abarca a demolición do actual gabinete técnico e construción dun novo nunha localización distinta da actual, para o que tamén se executará a urbanización, o acceso e a reserva de espazo para a construción dun edificio técnico onde se incluirán as instalacións de seguridade e telecomunicacións.
EVITAR INUNDACIÓNS
E inclúe a modificación do sistema de drenaxe existente na actualidade co obxectivo de “evitar as frecuentes inundacións que afectan, tanto á zona industrial próxima como aos terreos ferroviarios lindeiros”.
“Este investimento inclúese no obxectivo de Adif de mellorar as infraestruturas ferroviarias aumentando a capacidade e fiabilidade da rede para incrementar os tráficos de mercadorías”, destaca.
O Concello de Vigo expropiará oito terreos no Casco Vello por ser un estercoleiro
O Concello de Vigo iniciará os trámites para a expropiación, mediante poxa, de oito solares situados no Casco Vello da cidade, e que estaban incluídos no rexistro municipal do programa de expropiación forzosa.
Así o confirmou en rolda de prensa do alcalde, Abel Caballero,O Concello de Vigo expropiará oito terreos no Casco Vello por ser un estercoleiro quen lembrou que o Concello identificara 24 solares en estado de abandono no barrio histórico e no centro da cidade. Tras contactar cos propietarios, 16 deles iniciaron xa o proceso para edificar, mentres que outros 8 serán expropiados mediante poxa.
Segundo sinalou o rexedor, este programa iniciouse coa idea de eliminar eses espazos que, despois de anos de abandono, convertéronse nun estercoleiro e en “focos de suciedade”. Unha vez contactados os propietarios, a maioría deles iniciaron o proceso para edificar, polo que concluíu que “o rexistro e a ameaza de expropiación funcionan”.
Con respecto aos outros 8, varios na Rúa Alta, outros en Ferreiría e un máis en Abeleira Menéndez, proximamente levará a cabo a expropiación por poxa pública. Así mesmo, o alcalde apuntou que o Concello de Vigo continuará rexistrando solares que estean en ruínas e abandonados porque non permitirá “feridas” na cidade.
ADIF pon á venda por poxa pública 14 inmobles da súa propiedade en Galicia, unha decena delas en Vigo
Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF) porá á venda a través de poxa pública un total de 14 inmobles da súa propiedade en Galicia. En concreto, son 10 vivendas situadas en Vigo, unha casa con parcela en Boborás, dúas vivendas con parcela comunitaria en Ourense e unha parcela en Sarria.
O prazo de presentación de ofertas, informa ADIF, finaliza o próximo 4 de novembro ás 12,00 horas. Estas propiedades, cuxos prezos oscilan entre os 10.794 e os 242.358 euros, poderán ensinarse aos interesados unicamente baixo cita previa.
A fianza das vivendas está establecida no 5 por cento do seu valor de saída á poxa pública, mentres que para as parcelas é do 25 por cento.
Os pregos de condicións do proceso atópanse a disposición dos interesados nas oficinas da Xerencia de Área Noroeste – Xefatura de Patrimonio e Urbanismo en Galicia, situada na estación de tren da Coruña-San Cristóbal.
A poxa desenvólvese dentro do plan de racionalización de activos que leva a cabo ADIF, co obxectivo de “mellorar a eficiencia na xestión destes activos, xerar ingresos e reducir custos”.
Rexeitado o recurso do Parlamento pola incomparecencia dun funcionario vigués na comisión do Marisquiño
A Audiencia Provincial da Coruña ditou un auto no que desestima a apelación interposta polo Parlamento de Galicia contra un auto previo do xulgado de instrución de Santiago, que ratificaba o arquivo das actuacións contra un funcionario de Vigo, procesado por non comparecer na comisión de investigación posta en marcha con motivo do accidente ocorrido en agosto de 2018 no festival O Marisquiño.
Por esa incomparecencia, a Fiscalía presentou denuncia contra ese funcionario, o secretario municipal, por un suposto delito de desobediencia, pero o xulgado de instrución arquivou a causa ao entender que o funcionario non actuou con dolo e argumentou a súa decisión.
O Parlamento recorreu o arquivo e o seu recurso de reforma foi desestimado, polo que presentou recurso de apelación ante a Audiencia Provincial da Coruña, que agora tamén o desestimou.
Neste caso, o tribunal provincial fai constar como argumento para rexeitar o recurso que, en primeiro lugar, o investigado “non se limitou, sen máis, a non atender os requirimentos” de comparecer na comisión, senón que “contestou expresamente” e alegou as explicacións que considerou oportunas (e que a Audiencia non analiza).
En segundo lugar, expón a Audiencia, o Parlamento non procedeu conforme se establece no seu regulamento, onde se recolle que se un funcionario citado non comparece, o presidente da Cámara “comunicarao á autoridade ou ao funcionario superior correspondente por se fose procedente esixirlles algunha responsabilidade”.
Este paso non se deu por parte do Parlamento, que acudiu directamente á vía penal “sen considerar efectuar aquela comunicación”, polo que se acordou a desestimación.
VALORACIÓN DE ABEL CABALLERO
A pesar de que a Audiencia non se pronuncia sobre a procedencia ou non de que o secretario municipal comparecese na comisión de investigación do Marisquiño, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, valorou o auto como un “pau” ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao que acusa de promover esa comisión “política e espúrea” para prexudicar o goberno vigués.
Segundo interpretou o rexedor, cando se creou a comisión cometeuse unha “grave usurpación de funcións do Concello” olívico, a institución que estaría facultada para indagar sobre o accidente (a pesar diso, no seu día o goberno local opúxose a crear unha comisión municipal porque non había “nada que investigar” no ámbito político e o ocorrido era xa obxecto de procedemento xudicial).
Caballero defendeu que o secretario municipal non comparecese na comisión do Parlamento e criticou a “ousadía” da Cámara por denuncialo. “Agora o xuíz e o fiscal coinciden en que non foi un acto de rebeldía, senón que estaba xustificado polas normas”, afirmou, e denunciou que se tentou “presionar e coaccionar” ao secretario municipal.
Para o alcalde, a Audiencia “avala” esa actuación do funcionario e, ademais, lembrou que hai un ditame do Consello de Estado que referenda que “as comisións dos parlamentos non poden tratar temas municipais”. “Isto é un gravísimo pau a Feijóo, censurado polo Consello de Estado e polos tribunais, e aínda se presenta ás eleccións”, proclamou.
Detido un ciclista tras causar danos no turismo dunha condutora que case o atropela en Vigo
Un home domiciliado en Vigo de 32 anos foi detido tras causar múltiples danos no turismo dunha condutora que case o atropelou mentres saía dun garaxe da cidade.
Fontes policiais precisaron que os feitos tiveron lugar este mércores sobre as 16,20 horas, cando unha patrulla que se atopaba na rúa García Barbón foi contactada por varios viandantes que lle indicaron que un home e unha muller comezaran a discutir á saída dun garaxe.
Deste xeito, os axentes comprobaron que un ciclista causara danos a un vehículo cando o segundo saía dun garaxe. A muller que conducía o turismo, de 65 anos, explicou que atopara o ciclista circulando pola beirarrúa cando saía do garaxe, polo que tivera que frear bruscamente para evitar atropelalo.
Posteriormente, sinalou que o home baixou da bicicleta e comezou a berrar e a ameazala. Ademais, comezou a golpear violentamente coa súa mochila o capó e o parabrisas do turismo, no que permaneceu a muller, que se atopaba intimidada. Así, os policías observaron que a parte superior do parabrisas do coche estaba rota e que o capó presentaba varios buracos.
Mentres, o ciclista asegurou que reaccionara violentamente porque a muller o atropelou. Os policías comprobaron que na súa mochila portaba dous martelos e un pau no que se atopaban cravados varios parafusos e interviñeron estes obxectos.
Así mesmo, dúas testemuñas aseguraron que o ocorrido correspondíase coa versión da muller e afirmaron que ela non atropelara ao ciclista. Ante esta situación, o home foi detido pola suposta comisión dun delito de danos en vehículo con obxecto contundente e ameazas graves.
Antes de ser trasladado a dependencias policiais, o ciclista solicitou ser asistido por unha ambulancia debido a molestias no ombreiro e o xeonllo esquerdos, así como nas costas.
