As curtametraxes gañadoras da XV edición do Festival de Cans proxectaranse este xoves 9 de agosto na localidade portuguesa de Caminha. A sesión terá lugar no marco da VII edición do ciclo “Cinema+Perto”, organizado polo prestixioso cineclube Locus Amoenus da localidade caminhense.
As proxecións desenvolveranse no fermoso Teatro Valadares, a partir das 21:30 horas da noite (horario portugués, 22:30 horas, hora galega), e a entrada será gratuita ata completar o aforo.
Nesta proxección, organizada polo cine clube Locus Amoenus en colaboración coa Cámara Municipal de Caminha, proxectaranse varias curtametraxes que, ademais de gañar en Cans, están a ter un gran percorrido internacional.
Matria, a cinta máis premiada na historia do festival
Unha delas será “Matria” de Álvaro Gago, que fixo historia gañando o prestixioso Festival de Sundance, e que marcou tamén un fito histórico na última edición do Festival de Cans, ao acadar catro premios, algo que ningunha outra curta acadara desde que nacera o festival.
“Matria” levou en Cans o Premio do xurado, o premio do Público, o Premio das Veciñas e Veciños de Cans e o Premio á mellor interpretación feminina, co extraordinario traballo da súa protagonista Francisca Iglesias, que cativou a público e xurado.
Alén de “Matria”, en Caminha tamén se poderá ver “Europa” do cineasta redondelano Hugo Amoedo, que este ano inaugurou o palmarés na nova categoría de non-ficción chamada “Furacáns”, levando o premio do xurado, e a curta “El Reloj” de Borja Santomé, que levou o premio do xurado na categoría de animación, co seu singular traballo.
Como introdución ás curtas, proxectarase o documental “Catorce Cans”, dirixido por Isaura Docampo, que reflicte ó espírito da penúltima edición do Festival de Cans. A duración total da sesión será duns 75 minutos, e tamén haberá un coloquio co director do festival, Alfonso Pato, que estará presente en Caminha, xa que coincide que todos os directores premiados se atopan neste momento traballando en diversos países fóra de España.
Esta é a primeira das diversas proxeccións que o Festival de Cans fará este ano, para darlle visibilidade ás curtametraxes premiadas no Festival. Ademais desta sesión en Caminha, estanse preparando proxeccións en cidades como Lisboa, París, Madrid e diversas localidades galegas.
O primeiro estudo científico sobre ataques mortais de cans en toda España mostra a baixa incidencia destes sucesos: 17 mortes en 16 ataques en dez anos, un só caso en Galicia. Algúns deses cans non pertencen ás catalogadas como “razas potencialmente perigosas”. Están entón xustificadas a lexislación sobre ese tipo de cans, a alarma social suscitada pola prensa e o estigma sobre eses animais? A asociación Libera! considera que non e pide a derrogación do decreto que regula a tenza de cans “potencialmente perigosos” e “a súa substitución por un verdadeiro Plan de Concienciación”.
En dez anos producíronse en toda España 16 ataques mortais de cans a persoas. É dicir, unha media de tan só 1,6 ao ano e unha taxa de 0,003 por cada 100.000 habitantes. Malia esta baixísima incidencia, algúns medios de información levan anos xerando unha alarma social sobre os ataques de cans, aproveitando para facer sensacionalismo e engrandecer e elevar a problema social o que realmente son casos illados, sabedores de que este tipo de novas vendenmoi ben.
As vítimas dos titulares sensacionalistas, as chamadas “razas potencialmente perigosas”, están situadas no centro da diana deste tipo sensacionalismo. Mais os datos son os que son: entre os anos 2004 e 2013, 17 persoas morreron por ataques de cans en 16 casos, segundo o primeiro estudo sobre ataques fatais de cans en España.
Nese mesmo período, por exemplo, 474 mulleres morreron asasinadas a mans de homes en casos de violencia machista en toda España (unha media de 47,4 casos por ano), mais non existe unha lista de “homes potencialmente perigosos”, e 55 menores morreron a mans dos seus proxenitores (5,5 mortes por ano), mais tampouco se creou unha lista ou perfil de “pais e nais potencialmente perigosos”; tampouco existe unha lista de “condutores potencialmente perigosos” malia que en 2017 se produciron 1.067 accidentes mortais en vías interurbanas en toda España, nos que faleceron 1.200 personas, na maioría dos casos, causados por imprudencias, neglixencias e comportamentos temerarios e ilegais; e a ninguén se lle ocorrería catalogar oficialmente a todos os alemáns como “persoas potencialmente perigosas” polos crimes contra a humanidade cometidos polo nazismo o século pasado. Mais os cans, algunhas razas, están estigmatizadas por casos illados de exemplares descontrolados polos seus amos.
Os animalistas da asociación Libera! subliñan ao respecto: “Non hai cans «potencialmente perigosos»; existe un adestramento ou unha tenza que promove conductas reactivas negativas”.
TIPOLOXÍA DE CANS ATACANTES: RACHANDO FALSAS CRENZAS
O estudo tamén racha con algunhas crenzas, xa que dos cans que protagonizaron 16 ataques mortais, dez eran mascotas, catro eran cans de garda, un era un can salvaxe e outro caso non foi identificado.
A lexislación española identifica oito razas de can “potencialmente perigosas”: pit bull terrier, staffordshire bull terrier, american staffodshire terrier, rottweiler, dogo arxentino, fila brasileiro, tosa inu, akita inu (Real Decreto 287/2002, de 22 de marzo, que desenvolve a Lei 50/1999, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos en España).
Segundo os rexistros dos 16 ataques mortais de cans rexistrados entre 2004 e 2013, desas oito razas “potencialmente perigosas” só houbo casos de ataques de pit bull terrier (2), american sdtaffodshire terrier (2), rottweiler (2) e akita inu (1).
Porén, os rexistros rachan máis falsas crenzas, xa que indican que entre os cans que protagonizaron ataques mortais había un podengo andaluz, un pastor mallorquino ou un pastor alemán; ningunha destas razas están na lista de cans “potencialmente perigosos”. E non se rexistrou, por exemplo, ningún ataque mortal de dogo arxentino, que malia todo está na lista das razas catalogadas como potencialmente perigosas e é un dos que peor fama teñen na prensa, pero dos mellor valorados polos amantes dos cans para, por exemplo, o coidado de cativos.
Nos demais ataques obsevouse que os animais eran mesturas de pit bull con outra raza descoñecida, mastín español con pastor alemán, pit bul e rottweiller, outros casos nos que se coñece que no cruce había akita americano ou boxer, e noutro descoñecíase a mestura.
Os autores do estudo investigaron as circunstancias relacionadas coas vítimas, cans, lugar e hora do ataque. Os datos mostran que das 17 mortes ocasionados por cans en 10 anos, o 71% das vítimas eran homes. A idade media do total das vítimas foi de 45,9 anos, sendo as maiores de 65 anos o 35% e as de menos de 5 anos o 29% dos casos. Informáronse ataques mortais en 13 provincias. Barcelona foi a que tivo maior incidencia, con 3 casos con 4 vítimas) en dez anos, seguida de Tenerife e Illas Canarias (2 casos). En Galicia só houbo un ataque mortal, na provincia de Pontevedra.
Un cativo xoga con cans de raza dogo arxentino | Fonte: Youtube
Os expertos consideran que “é necesario un sistema estatal de notificacións de mordeduras de can e ataques caninos cun enfoque multidisciplinario que inclúa especialistas veterinarios (por exemplo, medicina conductual), co obxectivo de chegar a unha mellor comprensión dos factores de risco relacionados como un primeiro paso na súa prevención”.
Neses dez anos de rexistros de ataques fatais de cans, só un caso aconteceu en Galicia, o 15 de maio de 2013: un cativo a piques de cumprir dous anos morría polas mordeduras dun can de raza pit bull no lugar do Mosteiro, en Pazos de Borbén (Pontevedra).
Ese ano, segundo os datos do Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), había censados un total de 1.833 cans considerados “potencialmente perigosos” na provincia de Pontevedra; tan só un protagonizou un ataque mortal.
Galicia conta con 14.125 cans “potencialmente perigosos” no rexistro autonómico Regiac, segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia a finais de 2017, con datos de 2016. Ese ano —2016— rexistráronse 428 infraccións por parte de donos de cans que xeraron 147 sancións por valor de 512.524,66 euros.
A Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, establece unha regulación de mínimos sobre a tenza de animais potencialmente perigosos, respectando o disposto na normativa estatal. Esta lei considera “animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, excepto o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos”.
No caso concreto dos cans, considéranse “potencialmente perigosos” aqueles que “polas súas características raciais poidan ser aptos para o adestramento para a garda e defensa, e en concreto os cans pertencentes ás seguintes razas: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, e mais as restantes razas que poidan determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento”.
A norma establece ademais que “tamén serán considerados potencialmente perigosos os cruzamentos en primeira xeración destas razas ou os cruzamentos destas razas con outras”.
ALARMA SOCIAL INXUSTIFICADA
Cos datos aportados, cabe preguntarse se os ataques fatais de cans a persoas son un problema que deba suscitar alarma social ou se estamos realmente ante casos illados. Se se fai unha análise fáctica —e non visceral— e se ten en conta o número total de mortes por ataques de cans, os números demostran que son casos illados. Mais o estigma sobre estes animais mantense e a esaxerada dimensión que lle dan os medios contribúe á condena social de milleiros de cans.
Así o cren os representantes en Galicia de Libera!, que consideran que a alarma social “para nada está xustificada”. “Tendo en conta as estatísticas, estes casos son moi puntuais en comparación co número total de cans (rexistrados e non rexistrados) que hai en Galicia e a porcentaxe que representarían os cans potencialmente perigosos”, argúen en declaracións a Galicia Confidencial.
Os animalistas observan que “estes casos adoitan ser interesantes para os medios, pero tamén existe unha crecente aparición de novas positivas, co que tratamos de equilibrar o relato mediático”, expoñen.
CRÍTICA AOS MEDIOS
Os defensores dos animais sinalan directamente os medios de información como responsables dunha alarma social “inxustificada” sobre os cans. “En xeral”, comentan, “o tratamento que fan os medios vencella o animal cun ataque sen importar a causalidade ou a ‘intrahistoria’ de como chegou ese can a realizar un acto deste tipo”.
Con todo, tamén recoñecen que “isto está a mudar pouco a pouco”, mais “aínda queda por avanzar”, polo que estiman que “é preciso insistir en que a culpa non pode ser do can, senón de quen tiña ese can e como o tiña ou como o trataba”. “Ás veces falamos dunha neglixencia, e por iso no catálogo de infraccións tamén se contemplan situacións semellantes”, engaden.
“Estes ataques de cans son casos illados, pero adoitan ter un problema común: a falta de conciencia sobre o trato que reciben estes animais e as súas necesidades etolóxicas/comportamentais. Se non abordamos campañas de prevención e sensibilización nin atallamos o comercio irregular destas razas, seguirán sendo criminalizadas”, aleran desde Libera! Galicia.
CRÍTICA Á LEXISLACIÓN
A asociación animalista maniféstase abertamente en contra da lexislación española sobre tenza de animais considerados “potencialmente perigosos”, xa que “o criterio orixinal foi unha lexislación en quente, logo de varios ataques violentos a finais da década dos anos 90, fomentando a cousificación dos cans en función da raza, sen ter en conta que existían factores comúns: tenza inaxeitada, adestramento pro-violento, falta de civismo ou responsabilidade dos donos, animais sen identificar, etc.”, explican os representantes desta ONG en Galicia.
Canciño / Photopin
Respecto da lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, é “unha transposición da normativa estatal, aínda que a proposta específica que fixemos sobre sensibilización non foi aceptada polo PP nin pola Xunta”, láianse os animalistas, que insisten na nacesidade de “traballar o aspecto pedagóxico e rachar mitos”. “Por iso traballamos baixo o lema #NonSonMatóns, que é a campaña permanente de Libera! na materia”, salientan.
Libera! tamén lamenta que, coa lei galega, “mesmo se puido ter avanzado coa prohibición de aparellos como os colares de descargas eléctricas, que segundo os estudos xeran condutas todavía máis nocivas nos animais, con reaccións violentas non pouco habituais”.
Para os animalistas, unha das claves é “insistir na convivencia responsable, porque un exame psicotécnico pode servir para ‘cribar’ algúns perfís de persoas non aptas para a tenza de certos animais, pero estas poden mercar o can en plataformas web ou grupos en redes sociais, como temos denunciando”, alertan.
“Ao ser unha competencia eminentemente estatal”, Libera! plantexa a “derrogación do decreto que regula a tenza de animais potencialmente perigosos en España, e “a súa substitución por un verdadeiro Plan de Concienciación“.
“Tamén protestamos pola inclusión doutra nova raza ao catálogo de cans potencialmente perigosos, como é o bull terrier. Non era xustificable nin tan sequera dende un punto de vista alarmista. A administración autonómica debe implicarse, xunto cos Concellos, nunha maior inspección e vixilancia para previr maltrato e que existan casos deste tipo”, conclúen.
A directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua, sostivo este xoves que só un entre a decena de petróglifos analizados polos técnicos de cultura sufriu danos por mor dos incendios que arrasaron Galicia o pasado mes de outubro.
“Un conxunto destacable integrado por varias rochas si presenta afectación no gravado e desprendementos na rocha por culpa das altas temperaturas”, dixo sen apuntar de que estación estaba falando.
“Está en observación“, manifestou, mentres sinalou que polo momento foron supervisados por técnicos algo máis dunha decena de xacementos. En concreto, apuntou que estes bens non sufriron danos significativos a pesar de que a súa contorna está “totalmente queimada”.
Con todo, requiriu información de concellos e asociacións para seguir coas comprobacións. Segundo información chegadas á Web Historia de Galicia habería moitos máis petróglifos afectados en Galicia pola vaga de lumes e mesmo amosan fotos.
A Universidade de Vigo (UVigo) participa nun proxecto internacional xunto a 19 institucións e organismos de 12 países europeos para analizar a resiliencia de bosques do continente ante o cambio climático.
O proxecto ‘Resonate’ (Cadeas de valor forestais resilientes: mellora da resiliencia mediante respostas naturais e socioeconómicas, polas súas siglas en inglés), foi seleccionado na convocatoria Horizonte 2020, que busca definir estratexias para mellorar a capacidade dos bosques ante o cambio climático, segundo detallou a universidade.
No marco deste traballo, que conta cun orzamento de case 5 millóns de euros e desenvolverase ata 2025, a UVigo analiza a cadea de valor do piñeiro no sur de Galicia e o norte de Portugal, que comprende industrias de mobles, serradoiros, fabricantes de pélets e propietarios forestais, entre outros.
O director da Escola de Enxeñaría Forestal e coordinador da participación da UVigo no traballo, Juan Picos, indicou que mediante o proxecto búscase “desenvolver métodos específicos para cuantificar a resiliencia, non só das masas arbóreas, senón da cadea de valor forestal, algo realmente innovador a nivel europeo”.
‘Resonate’, que tamén conta coa participación do grupo Rede da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da UVigo, aspira a contribuír á toma de decisións para mellorar a adaptación de bosques e cadeas de valor asociadas ante ameazas como as secas ou incendios e ter en conta o impacto de cambios na propiedade forestal ou tendencias de consumidores, entre outros.
A Xunta de Goberno Local de Vigo deu luz verde este venres ao proxecto de ampliación e modernización da estación potabilizadora (ETAP) do Casal, para ampliar de 900 a 2.200 litros por segundo o seu volume de tratamento, e cun investimento de 22,8 millóns de euros, que asumirá a concesionaria do abastecemento e saneamento, Aqualia (en virtude do plan de investimentos derivado da prórroga da concesión).
Así o confirmou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, quen asegurou que ese investimento non repercutirá no que pagan os vigueses polo servizo. “Non sobe o recibo nin un céntimo”, aseverou.
O rexedor avanzou que as obras estarán terminadas e a nova ETAP traballará “a pleno rendemento” no verán de 2023, e lembrou que esta infraestrutura hidráulica, construída nos anos 70, necesita unha reforma integral para facer fronte á demanda futura e para adaptala ao novo marco normativo vixente.
A obra, que permitirá aumentar “aínda máis” a calidade da auga de Vigo, contempla instalar un novo sistema de potabilización baseado na ultrafiltración, que ademais axuda a reducir os requirimentos de espazo na planta.
A mesma parcela pasará a acoller novas liñas de tratamento de augas e de lodos, un novo edificio de dúas alturas e planta circular para os sistemas de filtración (as chamadas piscinas estarán cubertas) e un novo inmoble de tres alturas para os reactivos. O lugar que actualmente ocupa o laboratorio será reacondicionado como taller, sala de control e arquivo, aínda que se conservará o espazo para as analíticas.
PROBLEMA DA AUGA “RESOLTO PARA TODO O SÉCULO XXI”
O alcalde afirmou que esta obra se complementa co estudo de abastecemento de auga para a área de Vigo, e celebrou que se está avanzando no “deseño do tratamento da auga de todo o século”. “Eu asumira o compromiso de que, sendo alcalde, ía resolver o problema da auga de Vigo para todo o século XXI, e vou deixar resolto o problema da auga para todo o século XXI”, proclamou.
Por outra banda, Caballero censurou que a Xunta tardase “máis de 15 meses” en dar o visto e prace ao proxecto para a nova ETAP, a pesar de que “a lei di que teñen que emitir informe en tres meses”. “Atrasárono de mala fe”, denunciou.
Así mesmo, o rexedor incidiu en que esta planta é “de carácter supramunicipal, xa que dá servizo a uns 90.000 habitantes doutros concellos, ademais de Vigo. Respecto diso, recalcou que “a obrigación e a competencia” na materia é da Xunta, que “non pon nin un céntimo” á modernización da ETAP do Casal.
O pleno de Ponteareas aprobou o primeiro Plan de Igualdade do persoal municipal do Concello. A través de 39 actuacións divididas en 7 áreas de intervención, o documento aprobado o 27 de xullo ten como obxectivo “camiñar cara a igualdade entre ambos xéneros na plantilla de persoal da entidade local”.
Con este Plan, o Goberno local pretende incorporar a perspectiva de xénero na xestión dos recursos humanos do Concello, fomentar a igualdade de oportunidades, integrar o respecto pola igualdade na cultura e incrementar o impacto positivo do xénero nas políticas e servizos públicos.
O documento está promovido pola concellaría de Benestar Social e Igualdade, dirixida por Verónica Carrera. A violencia contra as mulleres, a saúde laboral, o acceso ao emprego ou a información e sensibilización son algunhas das áreas que establece o plan aprobado no pleno.
UNAMINIDADE POLOS DEREITOS LGTBI
O concello de Ponteareas declarouse como un “municipio de liberdade para todas as persoas independentemente da súa identidade de xénero ou afinidade sexual”. Fíxoo a través dun manifesto polos dereitos das persoas LGTBI, consensuado por todas as forzas políticas da corporación municipal. Con el mostran a súa vontade de “construír unha sociedade inclusiva con oportunidades para todos e para todas”
A Policía Nacional identificou a dous homes con nacionalidade española residentes en Málaga pola suposta comisión de máis dunha trintena de estafas por Internet.
Fontes policiais detallaron que os feitos se produciron cando as vítimas observaron anuncios nos que se ofertaban electrodomésticos e mobiliario para o fogar a prezos moi competitivos en Internet e adquiríronos por prezos de entre 70 e 200 euros.
Para efectuar o pago, as vítimas utilizaron o seu cartón de crédito a través do portal da páxina web ‘Marketwild’, pero non recibiron os produtos adquiridos.
Mediante labores de investigación levadas a cabo pola Unidade de Delitos Económicos e Fiscais (UDEF) da Comisaría de Vigo, identificouse a dous homes dos que un contaba con máis dunha trintena de antecedentes como os presuntos autores desta estafa en masa, que se estende por distintas localidades de toda España como a urbe olívica, Madrid, Ourense, Ribeira, Cádiz, Sevilla, Marbella, Granada e Jerez de la Frontera.
O cómputo total de vítimas que deixa a pandemia de covid-19 en Galicia elevouse este domingo a 2.403, tras notificar a Consellería de Sanidade as mortes de dúas persoas en hospitais de Vigo e A Coruña, respectivamente.
En concreto, os dous novos falecidos son un home de 80 anos que permanecía ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) e unha muller de 87 no Complexo Hospitalario Universitario dá Coruña (Chuac). Ambos faleceron ao longo do sábado e tiñan patoloxías previas, segundo confirma a Consellería de Sanidade.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, confirmou este xoves que recibirá a primeira dose da vacina contra o coronavirus este domingo, tras ser citado polo Sergas, e animou á poboación a vacinarse.
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico trasladou, “como anécdota”, que xa recibiu a súa citación para ser inoculado coa vacina contra o COVID. Así, Abel Caballero, de 74 anos de idade, será vacinado o vindeiro domingo ás 9,20 horas no Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) e engadiu: “como o resto de cidadáns da miña franxa de idade”.
Respecto diso, sinalou que descoñece cal das vacinas lle será administrada. “Poranme a que a autoridade sanitaria decida”, afirmou, á vez que animou á poboación a inmunizarse cando sexa citada porque “todo o mundo se ten que vacinar”.
A comunidade educativa do distrito sanitario de Vigo non deixa de sumar novos contaxios; e de feito, sitúase como a área máis afectada só por detrás da Coruña.
Segundo o último balance de datos presentado pola Xunta, Vigo acumula 347 casos activos ao longo dos seus colexios, o que implica un aumento de 53 contaxios respecto da xornada do venres. Ademais, 12 aulas tiveron que poñerse en corentena ao final desta semana.
Os colexios máis afectados son os centros CPR Santa María de Tui e CEIP Abelendo de Moaña, ao contabilizar 7 casos respectivamente.
GALICIA
A comunidade educativa galega suma outros 157 positivos en coronavirusque elevan o total de casos a 1.692, o que supón un novo máximo por cuarto día consecutivo no peche da primeira semana de clases despois das vacacións do Nadal.