Inicio Blog Páxina 1737

Detido un veciño de Vigo por ameazar aos viandantes cun machete “de grandes dimensións”

0

A Policía detivo a un veciño de Vigo de 39 anos de idade, identificado como F.J.P.R., por ameazar a varios viandantes e axentes policiais cun machete, e por acosar a unha muller na vía pública.

Segundo informaron fontes do 092, os feitos tiveron lugar o pasado venres pola tarde , cando se recibiu un aviso da presenza dun home en actitude violenta, e que rompera dun golpe o portelo dun coche na zona de Pi e Margall. Cando a patrulla se presentou no lugar non localizou ao sospeitoso, ao que tamén estaban a buscar dotacións da Policía Nacional.

Minutos despois, a Policía recibiu outra chamada que o situaba na Avenida da Florida onde, presuntamente, acosara a unha moza, que tivo que refuxiarse nunha cafetaría da zona. Neses momentos, varias testemuñas iniciaron a persecución deste home, e observaron que levaba un machete, co que os ameazou.

Axentes de Policía Local e Nacional localizaron ao sospeitoso na Avenida Castelao e, ao ser abordado, mostrouse “notablemente alterado”, esgrimindo o machete, “de grandes dimensións”, á vez que ameazaba con usalo contra os funcionarios. Finalmente, o home foi reducido e detido.

Unha asociación esixe auditar os “incumprimentos” da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro

A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) esixiu a realización dunha auditoría para coñecer a “transcendencia” dos “incumprimentos” da concesionaria do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e como afectan os pacientes.

A través dun comunicado e despois de coñecerse que o Sergas impuxo o ano pasado á concesionaria unha sanción de máis de 700.000 euros, a maior ata a data, debido á calidade do servizo; a asociación contrapuxo esta situación ao feito de que os beneficios da empresa ascendesen a 3,7 millóns de euros en 2018.

Por este motivo, advertiu de que estas sancións non levan unha “diminución” dos ingresos das concesionarias e lamentou que estas prefiran asumir o seu custo por “incumprimentos que lles reportan grandes beneficios”. Neste sentido, a entidade lembrou que xa advertiu da realización desta clase de prácticas por parte de empresas concesionarias en Valencia, Madrid e Reino Unido e criticou que o Sergas optase por “negar a evidencia”.

SANCIÓN

Así mesmo, apuntou que a sanción imposta á empresa concesionaria do hospital vigués se refire a servizos como o de lavandaría, limpeza e alimentación, que poden “pór en risco” a situación dos pacientes do centro.

A este respecto, denunciou que, para “reducir custos”, esta compañía opte pola subcontratación destas prestacións a outras empresas, que, á súa vez, buscan a “maior rendibilidade posible” á conta da calidade do servizo.

Ante esta situación, a asociación demandou así mesmo o inicio dun proceso que permita “reintegrar” o Hospital Álvaro Cunqueiro no sistema sanitario “público”. Precisamente, o BNG de Vigo reclamou esta mesma semana o “rescate” desta concesión, que definiu como “ruinosa”, co obxectivo de que esta área sanitaria contase cun hospital público ao “100 por cen”.

Controlado un incendio en Canido

Un incendio rexistrado este xoves na zona da subida ao faro do barrio vigués de Canido foi controlado despois de que os bombeiros da cidade se desprazasen ao lugar.

Tal e como se informou desde o Parque Central de Bombeiros da cidade, o lume rexistrouse nunha parte do barrio vigués na que había varias matogueiras.

Como consecuencia, dous vehículos do servizo de extinción de incendios desprazáronse á zona, onde os bombeiros controlaron o lume.

Como loitar informativamente contra os grandes grupos de comunicación

Cal é a situación dos medios en galego, o monopolio informativo dos grandes grupos mediaticos galegos, a importancia de ter unha información alternativa ou as importantes relacións entre os poderes políticos e os medios de comunicación tradicionais. Estes foron algúns dos temas que abordaron este xoves en Vigo os directores dos tres principais medios en galego do país; Xurxo Salgado, director do Galicia Confidencial, David Lombao do Praza Pública e María Obelleiro, do Sermos Galiza.

David Lombao, Xurxo Salgado e María Obelleiro nunha charla sobre os xornais en galego / Miguel Núñez

Unhas reflexións que tiveron lugar nunha mesa redonda, moderada polo catedrático e profesor na Facultade de Comunicación da USC, Xosé López , que tivo lugar na Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e estivo organizada polo Colectivo Pertenza. Nela falouse, sobre todo, da importancia e do futuro dos xornais dixitais galegos.

Durante a charla, os tres directores abordaron a situación das tres grandes cabeceiras en galego, así como o panorama comunicativo de Galicia. Un panorama dominado por grandes grupos de comunicación fortemente subvencionados polo poder político.

Ademais, destacaron a importancia dos roles xornalísticos dos medios en galego como “vixilantes e críticos” coa realidade comunicativa e política imperante e como garantes dunha información alternativa e plural.

Público na Conferencia dos directores de Praza, Galicia Confidencial e Sermos Galiza © Miguel Nuñez

RETOS

Na mesa redonda tamén se falou das estratexias para implicar aos cidadáns no producto xornalístico e na elaboración das pezas, a participación ou a estratexia en redes sociais, así como dos modelos económicos e plans de sustentabilidade destes medios. Unha situación, a da sustentabilidade económica destes medios, que estivo moi presente durante toda a charla, posto que a maior parte destes medios poden sobrevivir grazas ás achegas económicas dos seus lectores ante o boicot publicitario de determinadas institucións, nomeadamente, a Xunta de Galicia.

Xosé López, catedrático e profesor na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago / Miguel Núñez

Logo da intervención de Salgado, Lombao e Obelleiro abriuse unha quenda de preguntas na que o público estivo moi participativo e insistiu en cuestións como a necesidade de manter unha información alternativa en galego, nos plans de viabilidade dos medios, en artellar iniciativas comúns ou nos retos de captar ás novas xeracións.

Ryanair trasladará a Santiago os voos desde Vigo a Barcelona e Londres tras abandonar Peinador

0

Ryanair confirmou o pasado venres a través dunha carta ao Concello de Santiago a súa intención de trasladar a Lavacolla as ligazóns a Barcelona e Londres que elimina de Vigo tras a súa decisión de deixar de operar no aeroporto de Peinador.

Así o confirmou este luns, en declaracións aos medios, a edil de Turismo de Santiago, Marta Lois, que precisou que, “de momento”, as ligazóns que comezarán en Santiago serán os de Barcelona e Londres. Esta decisión é, para Lois, unha “moi boa noticia” para o aeroporto compostelán, que o reforza como “referente de conectividade internacional e nacional” e “potencia aínda máis” as súas operacións.

Finalmente, a concelleira rexeitou a actitude do alcalde de Vigo, Abel Caballero, que o fin de semana “deslizaba que quizais era a Xunta a que estaba detrás da decisión de traer a operativa a Santiago”. Marta Lois negou este extremo e afeou a Caballero que “non queira asumir a súa mala xestión na política aeroportuaria” fronte á “potencia” de Lavacolla e o “bo traballo equipo de goberno”.

CRÍTICAS DO PP

Por outra banda, a portavoz do Grupo Municipal Popular da cidade olívica, Elena Muñoz, defendeu que sexan “os vigueses” os que decidan as rutas aéreas en lugar das compañías. Nunha rolda de prensa, dixo que Ryanair se suma á lista de compañías que puxeron fin ás súas conexións coa urbe galega, “como Vueling, TAP Air Portugal e Volotea”.

Ao seu xuízo, este problema débese ao proxecto “cortoplacista” posto en marcha por parte do Goberno local, fronte ao que apostou por “traballar para garantir a viabilidade no medio e longo prazo” de Peinador.

Caballero cualifica de”medieval” a intención de Mos de anexionarse parte de Vigo

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, denunciou este mércores o intento do Concello de Mos de “mover os marcos e “anexionarse” parte do termo municipal vigués, en concreto, case 50.000 metros cadrados no límite entre ambas as localidades, no chamado polígono do Rebullón.

Segundo explicou o rexedor olívico en rolda de prensa, o concello veciño notificou ao goberno municipal vigués un acordo plenario para o inicio dun expediente de deslinde e a creación dunha comisión para ese efecto. Dita medida afecta a unha parcela de 49.674 metros cadrados, nos que están instaladas unha vintena de naves empresariais.

De feito, detallou Caballero, existe un contencioso en marcha porque Mos leva anos cobrando o IBI a esas empresas, a pesar de que o seu Plan Xeral de Ordenación Municipal non as inclúe dentro dos seus límites territoriais. Así, o Concello de Vigo reclama ao consistorio veciño uns 20.000 euros dese imposto cobrado nos últimos 5 anos.

Abel Caballero advertiu de que “de ningunha maneira” o Concello olívico vai tolerar esa “manifesta ilegalidade”, e cuestionou mesmo se ese acordo plenario podería supor a nulidade da PXOM de Mos. “Que se esquezan”, proclamou, e lembrou que os límites municipais son fixados polo Instituto Xeográfico Nacional e polos propios plans de ordenación de cada concello.

“Menos mal que non lles deu por chegar á Porta do Sol”, ironizou o alcalde, quen sinalou que o Concello de Vigo xa trasladou a súa oposición a esta decisión “medieval” tanto a Mos como ao propio Instituto Xeográfico Nacional. “Á vista disto, enténdense moitas outras cousas”, sentenciou o rexedor vigués.

The Navigator Company, a multinacional lusa que quixo encher de eucalipto os montes galegos

Hai un ano produciuse unha enorme traxedia en Galicia, que puido ter sido moito maior, e lamentablemente si o foi no país veciño. Así, Portugal declarou ao eucalipto “cómplice” da morte de 64 persoas en Pedrogão Grande, e tras este shock decidiu ir en contra da lóxica mercantil e impoñer pola forza importantes restricións ás madeireiras. A principal, a redución dun 50% do eucalipto desde 2022.

E entón, a gran empresa lusa Portucel-Soporcel, rebautizada como The Navigator Company, co obxectivo de sufrir en menor medida esta normativa botou unha mirada decidida a Galicia, mentres que no seu país de orixe só se permite cultivar castiñeiros, carballos ou piñeiros.

Na nosa terra non se tomaron medidas a pesar do acontecido. De feito, na revisión do Plan Forestal a Xunta decidiu aumentar o cultivo de eucalipto, con 25.000 novas hectáreas a plantar máis o que se expanda polo lume, sendo unha especie pirófila.

A pesar de que a superficie de eucalipto na nosa comunidade está a crecer moito máis rápido que nas previsións da administración, non se efectuou aínda ningunha medida de reaxuste, e non existen moitos máis límites que o de non plantalos a menos de 30 metros das vivendas ou en zonas con arborada autóctona, mentres que a lei portuguesa prohibe expresamente a plantación de eucaliptais.

O eucalipto crece de novo pola acción do lume, un ano despois/ Miguel Núñez

Hoxe en día, calcúlase que en Galicia hai 454.000 hectáreas de eucalipto, números moito máis elevados que os portugueses, que só contan co dobre de árbores desta especie nunha superficie moitas veces maior. En Galicia, só no que levamos de século a superficie de eucalipto aumentou un 65%.

Para coñecer o nivel de vendas desta empresa, en 2014 e aínda como Portucel vendeu 1.564 millóns de toneladas de pasta de papel. En 2017 falaba a empresa de chegar a Galicia, cando xa xestiona en Portugal 120.000 hectáreas. Polas restricións, que a empresa calculou que a afectarán durante 12 anos, busca novos horizontes.

E deféndense: “Se non fose por eses grandes incendios e a perda de vidas, a evaluación tería sido diferente”. Así, definen a lei de control do eucalipto como “incrible”. De igual modo, en Galicia ENCE cualificou calquera relación entre eucalipto e incendios como “avaliacións indocumentadas, inxustificadas e malintencionadas”.

Como contestación, o BNG acusou á política forestal galega de estar “ao servicio de ENCE”. E PP, Ciudadanos e PSOE rexeitaron a proposición de En Marea de incluír o eucalipto como especie invasora.

Monumento en Chandebrito, en memoria da loita contra o lume/ Miguel Núñez

Do mesmo xeito que ENCE, Navigator, sendo un dos maiores produtores mundiais de pasta de eucalipto, foi moi crítico coas medidas de Portugal. No primeiro semestre de 2017 presentara beneficios récords de 96 millóns de euros, e cada ano ingresa máis de 1.500 millóns.

Joana Seixas, a Directora de Comunicacións de Navigator Company, xa definiu á súa empresa como comprometida “coa calidade, a innovación, a determinación e a conquista”. O grupo xera un 1% do PIB portugués.

Pero finalmente decidiron conformarse co nivel de actividade de compra estable que teñen en Galicia, con tres bases loxísticas en Coruña, Ferrol e Santiago, e buscar máis eucaliptos no sur de España. Así, ENCE consolida o seu dominio en Galicia.

A realidade da fisioterapia no SERGAS: 324 profesionais para 2.700.000 habitantes

0

O Sindicato de Enfermería, SATSE, súmase un ano máis ao Día Internacional da Fisioterapia, que se celebrará este sábado 8 de setembro, lanzando unha nova campaña de información e sensibilización para poñer en valor o labor que realizan estes profesionais no Sistema Nacional de Saúde e reclamar especialmente que se contrate, polo menos, a un fisioterapeuta en cada centro de saúde do noso país.

A campaña pon o acento na importancia de aumentar os persoais de fisioterapeutas no sistema sanitario público español e, especialmente, nos centros de Atención Primaria, onde existen enormes listas de espera para ser atendidos por estes profesionais.

O Sergas tan só conta cun total de 324 fisioterapeutas para unha poboación de máis de 2.700.000 habitantes, cando a propia OMS recomenda 1 fisioterapeuta por cada 1.200 habitantes.

SATSE recorda que a gran maioría de fisioterapeutas españois teñen que traballar no sector privado, xa que as prazas existentes nos servizos de saúde públicos son moi escasas. Unha realidade ante a que as diferentes consellerías de saúde non están facendo practicamente nada, posto que convocan moi poucas prazas para estes profesionais sanitarios nas súas respectivas ofertas públicas de emprego.

Interior do Cunqueiro /Miguel Nuñez

Desde o Sindicato de enfermería destácase a rendibilidade inmediata, tanto económica como social, que se obtería cunha adecuada dotación de fisioterapeutas, xa que,
ademais da achega ao benestar biopsicolóxico que supón para a persoa a recuperación do seu proceso patolóxico, a intervención temperá destes profesionais conleva a redución dos tempos de baixa laboral, así como a recuperación total, en moitas ocasións, da funcionalidade e, xa que logo, un considerable aforro nos custos sanitarios.

SATSE incide en que a atención á cronicidade e dependencia é un dos principais retos de futuro do noso país, dado o aumento progresivo de casos que se están producindo e, por iso, insiste na importancia de contar con máis fisioterapeutas que poidan dar satisfactoria resposta ao mesmo dentro do Sistema Nacional de Saúde.

Para rematar, desde a organización sindical deféndese a necesidade de cambiar a nivel
organizativo e asistencial o actual modelo de atención sanitaria no noso
Sistema Nacional de Saúde para que os fisioterapeutas poidan exercer todas as súas
competencias, como aquelas relacionadas coa prevención, asesoramento e
educación. Algo que, nestes momentos, non lles é posible.

“Se nos limitamos a ofrecer aos cidadáns unha pequena parte de todo o potencial
que teñen os profesionais de Fisioterapia, estamos desaproveitando, sen dúbida, unha oportunidade de ouro para ter unha sociedade máis saudable“, conclúe SATSE.

Detido un mozo que tentou coarse en dependencias da Policía Local para recuperar unha mochila

0

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un mozo de 22 anos de idade, K.A., natural de Marrocos, como presunto autor dun delito de atentado contra axentes da autoridade, por tentar agredir a un funcionario que lle impedía coarse en dependencias da Xefatura deste corpo de seguridade.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde deste xoves, cando este mozo se presentou en dependencias da Policía Local de Vigo reclamando recuperar unha mochila da súa propiedade.

O funcionario encargado do control de acceso informoulle de que a súa mochila non se atopaba alí pero o mozo insistiu e tentou acceder ao interior, a pesar das indiciaciones do axente para que abandonase o recinto.

Nese momento, outros dous axentes presentáronse no lugar e cortáronlle o paso ao sospeitoso, que reaccionou de forma violenta, e tentou dar unha puñada na cara dun deles.

Por estes feitos foi detido, por un presunto delito de atentado contra axentes da autoridade. Ante a negativa reiterada do mozo a identificarse, os policías cacheárono e atoparon entre as súas pertenzas un documento de asistencia médica por estar detido o día anterior, nesa ocasión en Tui. Contactada a Policía Local tudense, os axentes de Vigo confirmaron a identificación do mozo.

As casas do recinto amurallado de Salvaterra, exemplo da destrución do patrimonio

O derrubamento das casas antigas situadas no recinto amurallado de Salvaterra do Miño supoñen a desaparición dun elemento do patrimonio cultura. Dende a Asociación Lazoiro lamentan a destrución destas construcións, o que sinalan que comezou como un abandono sistemático e falta de coidados, e que rematou coa eliminación por parte do Goberno Municipal.

A Asociación Lazadoiro destaca que non só “supón unha perda de valor para as murallas, senón que deixa unha explanada baleira e carente de toda referencia ou lembraza”, polo que piden concienciación social para evitar futuras agresións ao patrimonio.

“Falar de patrimonio non só é falar de ruínas de pedra carentes de significado, senón dos piares que forman a base da nosa historia e do que somos hoxe”, comentan dende a organización, así como piden rehabilitación antes de destrución, para evitar un caso semellante ao das casas antigas de Salvaterra.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed