O Sindicato de Enfermería, SATSE, súmase un ano máis ao Día Internacional da Fisioterapia, que se celebrará este sábado 8 de setembro, lanzando unha nova campaña de información e sensibilización para poñer en valor o labor que realizan estes profesionais no Sistema Nacional de Saúde e reclamar especialmente que se contrate, polo menos, a un fisioterapeuta en cada centro de saúde do noso país.
A campaña pon o acento na importancia de aumentar os persoais de fisioterapeutas no sistema sanitario público español e, especialmente, nos centros de Atención Primaria, onde existen enormes listas de espera para ser atendidos por estes profesionais.
O Sergas tan só conta cun total de 324 fisioterapeutas para unha poboación de máis de 2.700.000 habitantes, cando a propia OMS recomenda 1 fisioterapeuta por cada 1.200 habitantes.
SATSE recorda que a gran maioría de fisioterapeutas españois teñen que traballar no sector privado, xa que as prazas existentes nos servizos de saúde públicos son moi escasas. Unha realidade ante a que as diferentes consellerías de saúde non están facendo practicamente nada, posto que convocan moi poucas prazas para estes profesionais sanitarios nas súas respectivas ofertas públicas de emprego.
Desde o Sindicato de enfermería destácase a rendibilidade inmediata, tanto económica como social, que se obtería cunha adecuada dotación de fisioterapeutas, xa que,
ademais da achega ao benestar biopsicolóxico que supón para a persoa a recuperación do seu proceso patolóxico, a intervención temperá destes profesionais conleva a redución dos tempos de baixa laboral, así como a recuperación total, en moitas ocasións, da funcionalidade e, xa que logo, un considerable aforro nos custos sanitarios.
SATSE incide en que a atención á cronicidade e dependencia é un dos principais retos de futuro do noso país, dado o aumento progresivo de casos que se están producindo e, por iso, insiste na importancia de contar con máis fisioterapeutas que poidan dar satisfactoria resposta ao mesmo dentro do Sistema Nacional de Saúde.
Para rematar, desde a organización sindical deféndese a necesidade de cambiar a nivel
organizativo e asistencial o actual modelo de atención sanitaria no noso
Sistema Nacional de Saúde para que os fisioterapeutas poidan exercer todas as súas
competencias, como aquelas relacionadas coa prevención, asesoramento e
educación. Algo que, nestes momentos, non lles é posible.
“Se nos limitamos a ofrecer aos cidadáns unha pequena parte de todo o potencial
que teñen os profesionais de Fisioterapia, estamos desaproveitando, sen dúbida, unha oportunidade de ouro para ter unha sociedade máis saudable“, conclúe SATSE.