Inicio Blog Páxina 1727

Nueva Pescanova reduce capital social en 78 millóns para equilibrar o valor das participacións e o seu patrimonio

A Xunta Xeral de accionistas do Grupo Nueva Pescanova aprobou este luns unha redución do capital social de 78 millóns de euros (pasa de 147 a 69 millóns) para “restablecer o equilibrio entre o valor nominal das participacións sociais e o patrimonio neto da sociedade”.

Así o comunicou a propia multinacional pesqueira, tras a celebración desa Xunta Xeral, que tivo lugar nas súas instalacións de Chapela-Redondela.

Nueva Pescanova sinalou que “o reequilibrio no balance pon á empresa nunha situación máis vantaxosa para conseguir financiamento no mercado e optar a subvencións públicas”.

Por outra banda, na reunión deste luns deuse luz verde ás contas do exercicio de 2019, no que o EBIDTA de xestión do grupo situouse en 50 millóns de euros (fronte aos 75 millóns do ejericio anterior) “debido a factores externos, principalmente á caída de prezos do gambón e do lagostino ‘vannamei’, aos aranceis de Arxentina, e ao descenso de vendas en Asia”.

Esa redución viuse reflectida no resultado neto do Grupo que, a pesar de ter facturado 1.057 millóns de euros (cun aumento do 8 por cento nas súas vendas), tivo perdas por 41 millóns de euros.

Así mesmo, a xunta de socios tamén aprobou o informe de xestión de 2019, a xestión do Consello de Administración e o nomeamento de KPMG como auditor de contas da sociedade para o exercicio 2020.

Detido un veciño de Vigo por agredir a súa muller, á que acabou tirando ao chan

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un veciño da cidade, R.S.X., de 51 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras agredir a súa muller, á que acusaba de quitarlle diñeiro.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado venres, e foi o fillo da parella, un mozo de 20 anos de idade, o que solicitou a presenza policial tras interporse entre o seu pai e a súa nai para pór fin á agresión.

Cando chegaron os axentes ao domicilio, a muller relatoulles que estaba a limpar cando chegou o seu marido a casa e comezou a acusala de quitarlle diñeiro.

A señora optou por ignoralo, e isto provocou unha violenta reacción por parte do marido, que empezou a tirar mobiliario, suxeitouna polos brazos, zarandeouna e tirouna ao chan. Nese momento, o fillo interpúxose e logrou que o pai deixase de agredila.

A muller mostrou aos policías as marcas dos brazos, e explicou que, ao ser arroxada ao chan, sufrira un golpe na cadeira, aínda que rexeitou a oferta dos axentes de pedir asistencia sanitaria.

Por estes feitos, o presunto autor da agresión, que se atopaba nunha habitación do domicilio, en roupa interior e tombado nun colchón, foi detido.

A UVigo deixa a porta aberta á realización de exames presenciais a partir de xuño

O Consello de Goberno da Universidade de Vigo acordou nas últimas horas non pechar a porta á posibilidade de que se celebren exames ‘de segunda oportunidade’ ou finais da convocatoria de xullo de forma presencial a partir do mes de xuño.

Así, acordouse que os centros poidan solicitar esta modalidade de exames para eses casos, xa que as probas de avaliación do segundo cuadrimestre non serán presenciais, e sempre que se cumpran os requisitos legais e sanitarios, unha petición que deberá ser aprobada (ou rexeitada) polo Consello de Goberno.

O órgano de goberno da institución académica viguesa tamén aprobou modificar o calendario académico deste curso, ampliándoo en dúas semanas, e deu luz verde ao calendario do curso 2020-2021, que comprenderá do 1 de setembro ao 31 de agosto (con actividade académica entre o 7 de setembro e o 26 de xaneiro, e entre o 27 de xaneiro e o 8 de xuño).

Por outra banda, o Consello tamén aprobou a aplicación dunha interpretación propia da coñecida como ‘cláusula Kent‘ (que permitiría introducir compensacións en caso de detectarse unha diminución significativa nos resultados académicos dos alumnos no período do estado de alarma, en comparación con cursos anteriores).

Finalmente, a UVigo optou por aplicar esa medida “só para materias nas que haxa unha caída importante da nota, centrabilizada e automatizable”, en contra do que fará no resto de universidades galegas, onde esa cláusula, a xuízo do reitor, Manuel Reigosa, “presenta dificultades no relato e na aplicación”.

(VÍDEO) Un circo “atrapado” en Vigo desde o inicio do confinamento

Que pasa cos festivais ambulantes que van dunha cidade a outra co confinamento? Tiveron que quedar onde lles pillou. É o caso do ‘Evolution Circus’ que, agora, fican no barrio de Coia en Vigo.

Sandro Moreira, encargado da loxística do espectáculo, atendeu a Xornal de Vigo para explicar a súa situación mentres algúns dos artistas ensaian cadanseus números como poden. Nun contexto cun ERTE convocado pide ao goberno “algunha axuda para os que nos atopamos nesta situación”.

Destaca que hai máis circos nesta situación en Galicia, coma o caso do circo de Lalín ou Monforte. Ademais, demanda á xente que, “cando pase todo isto, non se esquezan da cultura”.

Taxistas de Vigo reclaman a creación dunha mesa do sector e a “modernización” da ordenanza municipal

O portavoz da asociación Elite Taxi Vigo, Roberto Costas, reclamou a creación dunha mesa do sector “representativa” na que se dea voz ás distintas entidades, “democrática” e “votada” e apostou pola “modernización” do contido da ordenanza municipal relativa ao servizo.

Tras unha reunión co BNG mantida en Vigo, Roberto Costas tamén explicou que se dispón de “tres aplicacións diferenciadas para o servizo público do taxi” e avogou por que se fusionen nunha soa, así como que o seu carácter sexa municipal.

Nese contexto, o portavoz do BNG na cidade, Xabier P. Igrexas, sinalou a necesidade de “modernizar” a ordenanza municipal co obxectivo de ofrecer “un servizo máis cómodo e áxil” e, deste xeito e mediante a potenciación do transporte colectivo, avanzar cara a unha cidade na que diminúa a utilización do vehículo privado.

Para iso, o tamén concelleiro nacionalista chamou a reflectir as demandas do sector na nova disposición administrativa, que, segundo criticou, “nace xa con incumprimentos”. Así, Igrexas reprobou que no marco normativo aprobado no pleno da corporación municipal celebrado en xaneiro detallábase que a consulta pública previa debía levar a cabo nese mes e, con todo, “aínda non se fixo”. Por esta razón, considerou que non se poderá aprobar esta regulación en febreiro nin dispor dela en marzo.

Os mozos vigueses érguense para salvar o planeta

Centos de mozos tomaron as rúas de Vigo no serán deste venres para clamar contra a “emerxencia climática”, nunha manifestación convocada polo Movemento Galego polo Clima.

Na protestas escoitáronse lemas como “Menos polución e máis solucións”, nun ambiente reivindicativo, aínda que tamén con parte festiva.

Manifestación en Vigo no dia da folga polo clima / XdV.

Tamén houbo convocatorias na Coruña, Ferrol, Lalín, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa.

Os manifestantes reclaman un freo ao cambio climático.

A Asociación de Médicos Galegos homenaxea a profesionais sanitarios de Baiona, entre os que se atopa o conselleiro de Sanidade

Profesionais sanitarios do municipio de Baiona recibirán este xoves, 8 de agosto, unha homenaxe tras a tradicional comida de verán da Asociación de Médicos Galegos (Asomega).
Segundo informou Asomega, entre os homenaxeados atópase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, “recoñecido polo seu exemplar labor na atención sanitaria da área de Baiona, a promoción do decálogo da Dieta Atlántica e o seu compromiso permanente coa sanidade galega”, destacou a entidade.

Ademais, sinalou a organización, o evento contará coa presenza do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices Vieira; así como do alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado; o director xeral do Grupo Coren, Emilio Rial; e o presidente de Asomega, Xullo Ancochea Bermúdez, entre outras personalidades. A homenaxe está prevista a partir das 16,30 horas deste xoves no Restaurante Rocamar, en Baiona, onde, previamente, ás 14,30 horas, terá lugar a comida de verán de Asomega.

O presidente de ARVI esixe un IVE superreducido para o peixe e avoga por impartir educación nutricional en colexios

O presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Javier Touza, demandou a aplicación do Imposto ao Valor Agregado (IVE) superreducido do 4 por cento ao peixe –na actualidade sitúase no 10 por cento– e avogou por impartir unha materia de educación nutricional nos colexios.

Durante a súa intervención no V Conferencia Internacional ARVI sobre o Futuro da Pesca, celebrada este mércores en Vigo, presentou o proxecto EduKsano da cooperativa, que busca que a nutrición se aborde como unha materia troncal nos centros educativos.

Así, detallou que se aspira a trasladar ás administracións a necesidade dunha normativa que regule a inclusión desta materia na Educación primaria e Secundaria. Ao proxecto EduKsano, promovido por ARVI, sumáronse 16 asociacións do sector primario, así como a industria alimentaria, chefs de distintos países europeos, consumidores e pais.

Esta proposta inspirouse no modelo ‘shokuiku’, a través da que o Goberno de Xapón implantou en 2005 o ensino nutricional nos centros educativos. Deste xeito, o país nipón conseguiu situarse entre os que menor taxa de obesidade presenta a nivel mundial.

CONSUMO DE PEIXE

A maiores, Javier Touza sinalou a importancia de fomentar o consumo do peixe entre os mozos e os nenos ante unha tendencia decrecente da demanda deste produto por estes colectivos.

Nese sentido, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remarcou a importancia dunha correcta alimentación, xa que, segundo remarcou, nos últimos 40 anos, o número de nenos e adolescentes que padecen obesidade pasou de 11 a 124 millóns, de acordo coa Organización Mundial da Saúde (OMS).

O titular do Goberno galego puxo o foco no feito de que a obesidade é un problema de saúde e, por iso, valorou a iniciativa promovida por ARVI para concienciar sobre a importancia dunha educación nutricional. Así mesmo, lembrou a relevancia da pesca en Galicia e asegurou que a comunidade e este sector son “sinónimos”. De feito, lembrou que, pese ao descenso rexistrado no consumo deste produto, a Comunidade galega mantense en valores superiores á media estatal.

CONCIENCIACIÓN DOS MOZOS

Tamén avanzou que, despois de verán, a Xunta porá en marcha unha iniciativa para concienciar aos mozos de entre 18 e 35 anos da importancia de consumir peixe. Segundo indicou, este programa levará a cabo dun modo “directo e dixital”.

O director xeral de Ordenación Pesqueira e Acuicultura, Ignacio Gandarias, incidiu na necesidade de que o peixe se incorpore á “forma de vida” e de “alimentarse” das novas xeracións e eloxiou o labor levado a cabo neste sentido por parte de ARVI con EduKSano.

Ademais, a terceira tenente de alcalde de Vigo, Elena Espinosa, sinalou que os beneficios que o consumo deste alimento comporta no desenvolvemento intelectual dos nenos e insistiu na importancia de defender a sustentabilidade da alimentación, así como a dos mares e océanos.

Sobre ese punto, o presidente da Autoridade Portuaria, Enrique López Veiga, lembrou a xestión sustentable dos mares levada a cabo desde Galicia. Ademais, definiu o labor do sector pesqueiro da comunidade como respectuosa coa normativa vixente e condenou que algunhas organizacións opten por “pintar” buques de traballadores galegos para defender a protección do medioambiente.

MESAS REDONDAS

O deputado da Deputación de Pontevedra Carlos López Font valorou tamén a realización de mesas redondas sobre a educación nutricional a través desta conferencia, así como sobre o futuro da pesca e a súa sustentabilidade. Así, defendeu que expor estes temas é equivalente a abordar o “futuro” da cidade e a provincia, cuxa relación coa pesca puxo en valor.

Tamén lembrou que este acto é o preludio do Vigo Seafest, do que asegurou que permite mostrar a importancia da pesca na zona. En concreto, este evento gastronómico celebrarase entre o 4 e o 7 de xullo na cidade e permitirá aos asistentes degustar distintas opcións elaboradas con produtos do mar.

Galería das fotos: As mellores imaxes da San Silvestre viguesa

A San Silvestre de Vigo foi multitudinaria un ano máis, como vén sendo común desde que pasou de celebrarse no Parque de Castrelos, cuna do noso atletismo, ao centro da cidade (contorna da Alameda e Beiramar).

O número de participantes multiplicouse e tamén o esforzo por conseguir o premio ao mellor disfraz, único galardón en disputa posto que a proba non é competitiva.

 

Cada cidade celebra o novo ano á súa maneira. Así, en Madrid foron uns esixentes 10 quilómetros, nunha dura competición para a cabeza de carreira. En Vigo os 6 quilómetros da pasada edición convertéronse en só 4, e de feito os miles de participantes tiveron ata que agardar de pé uns intres sen poder avanzar no paso polas zonas máis estreitas do Casco Vello. Os menos adestrados aproveitaron para recuperar folgos.

En definitiva, a San Silvestre de Vigo consolidouse como unha proba aberta a tódolos públicos, coa que o maior número posible de persoas despiden o ano con ledicia.

 

Unha radióloga e unha epidemióloga cargan contra “a enorme presión dos lobbies farmacéuticos”

“Necesítase unha frase e uns segundos para convencer á poboación de que se poña unha vacina ou se faga unha mamografía, e moito máis tempo para explicar por que non deberían xeralizarse estas recomendacións até que se comprobe de forma fiable que os beneficios superan amplamente aos prexuízos ocasionados, especialmente se non se trata de curar a unha persoa enferma senón de actuar sobre unha persoa sá”. Así comeza un artigo asinado por Luisa Lores (Radióloga e Máster en Xestión e Economía da Saúde) e Carmen Mosqueira (Médica-epidemióloga e especialista en Saúde Pública), referido á polémica xerada pola xornada ‘Mulleres e saúde’, vetada polo Concello de Vigo.

Estas dúas especialistas defenden á eurodiputada da Alternativa Galega de Esquerda (AGE) Lídia Senra, da que mesmo saíron algunhas voces pedindo a súa dimisión por organizar esta charla, que ía celebrarse no Marco e rematou sendo acollida polo Café de Catro a Catro.

“Non somos un colectivo antivacinas”, engaden, “senón profesionais críticas con algunhas decisións que consideramos insuficientemente fundamentadas, e que xa foron desestimadas, vencendo os problemas políticos e a enorme presión dos lobbies, en países solventes como Suíza (suspensión do Cribado de Mama) e Xapón (retirada da vacina do Virus do Papiloma Humano (VPH) do calendario vacinal)”.

Lídia Senra

“Que o cribado de cancro de mama está cuestionado, xa que por unha banda comporta unha taxa significativa de sobrediagnóstico, co tratamento innecesario de mulleres que nunca desenvolverían cancro; e por outra, a supervivencia é similar entre as mulleres cribadas e as non cribadas”, subliñan.

Aínda máis. Engaden que “publicacións recentes en prestixiosas revistas recomendan modificar o programa para cancro de mama, centrando a mamografía únicamente en mulleres con alto risco”.

“10.000 profesionais en España, incluíndo a máis da metade dos catedráticos de saúde pública, asinaron un manifesto para frear a inclusión da vacina do VPH no calendario vacinal, esixindo unha moratoria polas dúbidas existentes sobre o custo- beneficio e porque ninguén puido comprobar que realmente preveña o cancro de colo de útero“, acrecentan.

“As farmacéuticas que fabrican as vacinas aprobadas para o VPH non son de fiar”, consideran, “xa que foron condenadas polos tribunais, na década pasada, por falsear conscientemente a información sobre os seus fármacos, ocultando os graves efectos adversos que provocaban, resultando en miles de afectados e de mortes a nivel mundial, como foi o caso do antiinflamatorio Vioxx e o antidiabético Avandia”.

Xornada Mulleres e Saúde en Café de Catro a Catro/ Miguel Núñez

Segundo o “Informe semestral da vacina do VPH do Ministerio de Sanidade”, no 1º semestre de 2018 foron notificados 76 casos de nenas con sospeita de reaccións adversas á vacina, das cales 33 foron clasificadas como graves (por esixir a hospitalización da paciente ou a prolongación da hospitalización xa existente, ocasionar unha discapacidade o invalidez significativa ou persistente, ou por poder poñer en perigo a súa vida ou ocasionar a morte)”, denuncian.

Debido a estas graves consecuencias, “pedimos estudios clínico-epidemiolóxicos que investiguen esas sospeitas e a seguridade da vacina”. Advirten ademais que “asociacións profesionais que toman decisións sobre as vacinas están financiadas pola industria alimentaria e farmacéutica, incluíndo ás empresas que comercializan a vacina do VPH, polo que as súas decisións poden non ser totalmente obxectivas e poderían estar influídas por intereses económicos”.

“Consideramos que na Medicina, como na vida, case nada é incuestionable, e que as recomendacións deben basearse na investigación pública e independente, no debate e na información completa e transparente”, sosteñen.

Por isto, “é fundamental practicar a ética periodística, dando unha información veraz e contrastada, limpa de intereses económicos e presións de calquera tipo”. E, por suposto, “as mulleres somos maiores de idade e temos dereito a debater sobre calquera tema, especialmente sobre os temas de saúde que nos preocupan e nos afectan, para dispoñer de información científica independente, que nos permita tomar as nosas propias decisións”. En conclusión, “consideramos que o veto á nosa reunión foi profundamente autoritario e antidemocrático. 

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed