Inicio Blog Páxina 1728

Tomiño logra o recoñecemento Cidade Amiga da Infancia de Unicef

0

O Concello de Tomiño acaba de ser galardoado co Selo de Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia; algo polo que viña traballando nos últimos anos, para cumprir os requisitos esixidos por Unicef, entre eles, a creación dun Consello Local de Infancia e Adolescencia, ou participación a nenos, nenas e adolescentes, entre outros.

Segundo consta na comunicación adiantada electronicamente “na reunión celebrada o 25 de outubro de 2018, a Secretaría Permanente do Programa Cidades Amigas da Infancia (CAI), representada por membros pertencentes a UNICEF Comité Español; Ministerio de Sanidade, Consumo e Benestar Social; Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e o Instituto Universitario de Necesidades de Dereitos da Infancia e a Adolescencia (IUNDIA), acordou galardoar ao Concello de Tomiño co Recoñecemento Cidade Amiga da Infancia no marco da VIII Convocatoria de Recoñecementos 2018-2022”.

O Selo Cidades Amigas da Infancia, que até o de agora só posuía en Galicia o concello ourensán de Castrelo de Miño (a partir deste día son oito os municipios galegos distinguidos), pon en valor un modelo de xestión centrado no enfoque dos Dereitos de Infancia.

“Esta distinción coma Cidade Amiga da Infancia resulta emocionante por ser un recoñecemento ao traballo dos últimos anos para conseguir que Tomiño sexa un concello no que as políticas da infancia e adolescencia se sitúen no centro do noso facer diario, pero ademais, queremos que a infancia e adolescencia participen activamente na política local”, explica a rexedora local.

O recoñecemento dun Goberno Local como Cidade Amiga da Infancia implica diagnosticar, planificar e avaliar en clave de dereitos de infancia así como considerar a Convención sobre os Dereitos do Neno, destacando o dereito á participación da infancia e adolescencia como actores protagonistas no ámbito local.

Esta distinción ten unha vixencia de catro anos (é dicir, para quen concorran a esta convocatoria o período sería de 2018 a 2020) e implica que o Goberno Local asume unha serie de compromisos mediante a firma dun convenio. Finalizados este catro anos, o Goberno Local que desexe conservar a distinción debe presentarse novamente á Convocatoria para a súa renovación.

O delegado do Goberno sobre Tui: “Non constan denuncias… nin tampouco do veciño que di que denunciaba”

0

O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, afirmou este luns que “non constan” denuncias previas sobre os almacéns ilegais de material explosivo localizados esta fin de semana (nin sobre o que explotou o pasado mércores) en Tui (Pontevedra), e asegurou que a Guardia Civil, no marco da investigación aberta por estes feitos, “segue buscando” posibles zulos clandestinos con este tipo de material.

Así o explicou, en declaracións aos medios, durante a súa participación nun encontro de xuíces de vixilancia penitenciaria na Coruña. “Calquera denuncia é benvida“, sinalou Santiago Villanueva, quen explicou que se tomará declaración ao veciño que sostén que leva anos denunciando irregularidades nesa pirotecnica aínda que, repetiu, “non hai constancia desas denuncias”.

Este veciño, que é o que denunciou ao propietario da pirotecnia e conseguiu ilegalizala en 2014, suliñou en varias entrevistas que el sabía que se escondía o material pirotécnico que levaban “en furgonetas” e que o denunciara xa ao concello e a Guardia Civil. Con todo, o delegado do goberno contradí esta versión.

Segundo Villanueva, a detección deses dous almacéns ilegais foi posible grazas á investigación da Garda Civil, “con algúns datos de veciños” –entre os que non estaría o denunciante– e neles atopáronse uns 1.600 quilos de material explosivo.

LA GALLEGA “XA FORA INVESTIGADA”

Ademais, subliñou que a pirotecnia La Gallega, á marxe dos problemas urbanísticos, que son competencia municipal, fora inspeccionada pola Guardia Civil e “estaba todo correctamente, non se detectou nada ilegal ou irregular”.

Santiago Villanueva, delegado do Goberno en Galicia / Gobierno de España

Neste caso, incidiu, a traxedia foi consecuencia do depósito ilegal de explosivos nun almacén, próximo a vivendas, que “vulnera todas as normas”, e que era “descoñecido pola Guardia Civil e por todas as administracións e autoridades”.

“É unha irresponsabilidade, ninguén o podemos entender, sobre todo vindo dunha persona que coñece o perigo deste tipo de materiais”, sinalou, en alusión ao dono deses explosivos, F.G.L., responsable da pirotecnia La Gallega, investigado por homicidio imprudente, danos e risco catatrófico, e que foi detido este luns por segunda vez.

MATERIAL “INERTE”

Así mesmo, apuntou que, nas súas primeiras declaracións, o investigado sinalou que o material depositado en Paramos (onde se produciu o mércores a explosión que causou dous mortos e 37 feridos) era “inerte” e non explosivo.

O delegado incidiu en que, á marxe destes achados, as forzas de seguridade “seguen buscando” outros posibles almacenamentos clandestinos, e animou aos veciños a pór a información de que dispoñan en mans da Guardia Civil.

INSPECCIÓNS

Por outra banda, reiterou que tanto Industria como Guardia Civil están a levar a cabo inspeccións extraordinarias nas instalacións pirotécnicas “legais” de Galicia, que é “das que se ten constancia”, e lembrou que estes controis son moi exhaustivos, polo que chamou á “tranquilidade” da poboación.

Así, as autoridades revisarán que todas as instalacións cumpran os requisitos de seguridade, en canto a almacenamento de material, distancia entre casetas, ou accesos para casos de emerxencia.

O pleno de Bueu aproba a posta en marcha da humanización do barrio da Banda do Río

0

 

O pleno da Corporación Municipal de Bueu vén de aprobar unha moción conxunta
para poñer en marcha un concurso de ideas de cara á humanización do barrio da Banda do Río.

Esta proposta recolle as peticións realizadas pola Asociación Veciñal da Banda
do Río, desde a que defenden a singularidade deste barrio mariñeiro de Bueu que conta
con moitas potencialidades turísticas, pero sen un plan integrado de actuacións.

Por iso, e tras o pertinente debate, o alcalde da vila, Félix Juncal, salientou que “trátase dun acordo político para iniciar un camiño“; e que “as propostas deberán contar co máximo consenso posible”.

Esta iniciativa foi fóra da orde do día pola vía da urxencia, ao igual que as mocións
sanitarias, que tamén se aprobaron por unanimidade dos catro grupos municipais. A
primeira delas consiste en instar á Xunta de Galicia a inclusión dunha sala de raios X no
Centro de Saúde da vila, unha demanda realizada por Juan Carlos Pérez Santiago, un
veciño que presentou máis de oitocentas sinaturas de apoio.

A outra camiña máis alá e demanda a construción dun Centro de Alta Resolución (CAR) no Morrazo, co que se “melloraría o reparto de recursos, axilizando circuítos asistenciais e reducindo a presión no hospital de referencia”. Esta proposta, máis ambiciosa, complementa a anterior e vén a sumarse ás aprobadas nos concellos da comarca.

Por último, e como iniciativa do PP, acordouse instar á Xunta de Galicia a que habilite
un teléfono gratuíto para a atención de avisos pola vespa velutina.

Drons para salvar unha das últimas especies de cabalos salvaxes

 O grupo de investigación AF-4 da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo iniciou en 2015 unha liña de traballo centrada no estudo e na conservación do cabalo galego de monte, unha raza autóctona de Galicia e unha das poucas especies de cabalos salvaxes que existen actualmente en Europa.

Agora, na segunda fase deste traballo, estudarase o uso de novas tecnoloxías como os drons (vehículos non tripulados) para estudar novas metodoloxías de inventariado e os efectos desta especie na redución da biomasa forestal, informa Eduardo Muñiz, da UVigo.

Esta liña de traballo desenvolverase xunto co grupo Sepcom, da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, co obxectivo de realizar actuacións específicas para a conservación da especie súmase pero tamén de crear a primeira entidade específica de custodia desta especie.

“O que tentamos buscar é que esta especie, absolutamente singular de Galicia, se conserve e se manteña ao longo do tempo”, salientou o responsable do grupo AF-4 e investigador principal do proxecto, Enrique Valero, na presentación desta investigación, na que estivo acompañado pola investigadora do grupo AF-4 Xana Álvarez, o integrante do grupo Sepcom Oswaldo García e o representante da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Estacas (Fornelos de Montes), Raimundo Domínguez.

Trátase, como salientou Valero, dunha especie de cabalo salvaxe, a única existente en Europa occidental xunto coas presentes no norte de Portugal e en Asturias, cunha incidencia positiva sobre a redución de biomasa forestal como o toxo nos montes, cuxa acumulación “é un perigo para a propagación dos incendios forestais”, así como na “conservación de biodivesidade”, xa que contribúe tanto ao mantemento de “hábitats declarados prioritarios pola Unión Europea” como a conservación de especies como o lobo.

COMPARAR POBOACIÓNS DO NORTE E SUR

Dando continuidade á primeira fase do proxecto, sucedida á súa vez pola creación dun grupo operativo coa Asociación Agraria Galega que permitiu o desenvolvemento de medidas específicas de conservación, este novo estudo buscará por unha banda “comparar as poboacións” de cabalos salvaxes do sur e do norte de Galicia “e ver as singularidades que teñen en cada caso”, incorporando ás areas de estudo na provincia de Pontevedra a serra do Xistral.

Outra das novidades desta segunda fase será o uso de drons como posible ferramenta coa que acometer os traballos de inventariado desta especie, así como para avaliar “a incidencia positiva que teñen estes cabalos na acumulación de biomasa”, estudando canto e como contribúen a súa redución ao longo do ano a través da xeración de modelos volumétricos. Trátase duns traballos que, coa colaboración da empresa Xeométrica, levaranse a cabo nunha parcela piloto nos montes que xestiona a CMVCM de Estacas.

Montes nos que no ano 1985 vivían en torno a 300 cabalos e nos que hoxe quedan “25 ou 30”, segundo lembrou Raimundo González, quen salientou a importancia deste proxecto, “non só pola conservación dunha raza autóctona que é tamén o bombeiro do monte”, senón para a propia supervivencia “do monte e do rural galego”.

ENTIDADE DE CUSTODIA

Tamén seguindo a liña de traballo aberta na primeira fase, o proxecto busca promover a conservación do cabalo e dos seus hábitats a través de “acordos de custodia do territorio”, como os xa impulsados na primeira fase, unha serie de compromisos de carácter voluntario dirixidos a que comunidades de montes, concellos ou outros axentes implicados velen pola conservación do cabalo na súa xestión e actividade diaria.

De feito, un dos obxectivos deste proxecto, anunciou Álvarez, e intentar crear “unha entidade específica de custodia do territorio” para esta especie, a través da que se renovarían os acordos de custodia xa asinados e se asinarán os que vaian xurdindo.

A incorporación do grupo Sepcom ao proxecto permitirá, por outra banda, pór o acento noutro dos obxectivos do proxecto como é a “divulgación e a sensibilización da sociedade galega” respecto da importancia desta especie e o seu papel cultural, patrimonial e ecolóxico, salientou Valero. Nese senso, Oswaldo García incidiu en que se trata “dun proxecto cun gran potencial en termos de chegar a un público ao que normalmente non chega o traballo dos investigadores”.

Para logralo, Sepcom encargarase da realización de “contidos audiovisuais periódicos que vaian da man da propia investigación”, xunto cunha análise do impacto de cada unha das pezas que integren esa “campaña dixital”. A estes contidos sumarase a difusión desta iniciativa a través das redes sociais e o uso da “información volumétrica en tres dimensións” que xeren os drones para poder “ofrecer ao público” unha serie de contidos nos que “poida elixir cando e como quere velos”.

Caballero: “Se seguimos facendo recheos en Bouzas, imos chegar a Cangas”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero e o presidente da Autoridade Portuaria da cidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantiveron este luns un encontro no que o rexedor ofreceu a súa colaboración “total e absoluta” ao responsable portuario, ao que, no entanto, trasladou novamente o seu rexeitamento a calquera recheo.

Así o manifestou o alcalde nunha rolda de prensa, na que explicou que se trataron tres cuestiones “importantes” nese encontro (no que tamén participou a concelleira Elena Espinosa): a cooperación entre ambas as institucións, os recheos e a conexión ferroviaria á terminal de Bouzas.

Con respecto ao primeiro aspecto, o rexedor ofreceu “toda a colaboración” que o Porto “necesite” do Concello, xa que a terminal viguesa é “unha vía de osíxeno económico importantísimo”, e tamén no ámbito do redeseño de espazos.

No entanto, no que se refire a os recheos, Abel Caballero volveu incidir en que “poden atoparse máis espazos” no Porto sen necesidade de recorrer a esa medida, e criticou a obra que se está levando a cabo fronte ao Auditorio Mar de Vigo “para aparcadoiro de camións”. “Se seguimos facendo recheos en Bouzas, imos chegar a Cangas”, advertiu.

Do mesmo xeito, sobre o tren a Bouzas repetiu que é “un disparate monumental”, e subliñou que esa zona portuaria “ten que ser para Citroën”, que “non quere o tren”.

Abel Caballero, por outra banda, instou o Porto a que tome “a iniciativa” para propor como ampliar o espazo de colectores, á vez que lembrou que o goberno municipal está a negociar con Adif e con Zona Franca para que esta compre espazo preto da terminal de colectores e poida alugalo ao Porto. O proxecto incluiría tamén a creación de zonas deportivas na parte superior para cubrir esa zona da cidade.

PROXECTOS DO PORTO

Pola súa banda, fontes da Autoridade Portuaria explicaron que este encontro se produciu a petición de Vázquez Almuíña, para informar o rexedor dos proxectos de futuro da terminal e as propostas de mellora, de acordo co Plan de Empresa do organismo, aprobado recentemente por Portos do Estado.

Ademais, segundo sinalou o presidente do Porto, “é o momento” de volver falar co alcalde da cidade, dado que se acaba de aprobar inicialmente o novo plan urbanístico, e deben coordinarse as actuacións de ambas as institucións na cidade.

Vázquez Almuíña trasladou ao rexedor a “necesidade de mellorar a conexión do Porto” coas empresas, a meseta e Portugal, e con especial relevancia, a conexión ferroviaria de Bouzas. Con respecto a este punto, ao que o Concello se opón, o presidente da Autoridade Portuaria lembrou que diversas “autoridades” se pronunciaron a favor desa actuación, incluído o propio presidente de Portos do Estado, Francisco Toledo “que asegurou recentemente que España está á cola de Europa con menos do 5 % de uso do ferrocarril para transporte de mercadorías, e hai que potencialo”.

Segundo Vázquez Almuíña, dotar á terminal de Bouzas de conexión ferroviaria “é imprescindible”, e apuntou que “non afectará a cidade”, á vez que trasladou a Caballero outras necesidades, como a ampliación de espazos nas terminais ou a ampliación da liña de atracada e calado, “todo iso baixo criterios de sustentabilidade ambiental, social e económica”.

Por outra banda, expuxo ao alcalde a conveniencia de crear un Comité de Turismo de Cruceiros para ofrecer unha imaxe integradora de porto e destino, e así poder influír na programación das escalas nos próximos anos.

Abel Caballero carga contra a Xunta polas decisións sobre a hostalaría e a vacinación

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cuestionou este xoves as medidas restritivas que a Xunta estableceu no sector hostaleiro para controlar a pandemia de Covid, e advertiu de que “as decisións contra a hostalaría” non contribúen a “diminuír os contaxios”, xa que estes se producen maioritariamente noutros ámbitos, defendeu.

Caballero advertiu de que “non é bo botarlle a culpa a quen non ten a culpa, porque iso produce penuria económica”, e na que aseverou que, polo menos na cidade de Vigo, a “inmensa maioría” do sector e a súa clientela cumpren as normas de prevención sanitaria.

Segundo incidiu Caballero, os contaxios prodúcense en reunións privadas, botellóns, e outros encontros nos que non se utiliza máscara nin se respecta a distancia social de seguridade. “Por iso non se entende culpar á hostalaría, non é unha boa decisión”, apostilou e insistiu en que “atacar” a este sector “non significa reducir os contaxios”.

O rexedor subliñou que “lle empeza a ir un pouquiño ben” á hostalaría viguesa, grazas aos bos datos de afluencia turística, por iso debe centrarse o foco en vixiar os ámbitos “onde non se cumpren as normas, que son fóra da hostalaría” e en acelerar a vacinación.

ATENCIÓN PRIMARA E VACINACIÓN

Caballero tamén denunciou este xoves que a Atención Primaria na cidade está “practicamente inoperativa” pola falta de persoal, á vez que volveu criticar o sistema de vacinación da Xunta, cun único punto na área sanitaria para administrar as doses.

Criticou que a Xunta “non é capaz” de dotar de máis persoal este servizo, cuxos profesionais están “exhaustos”, o que fai que a Atención Primaria na cidade estea en plena “crise”.

Por outra banda, volveu a arremeter contra o sistema de vacinación na área sanitaria, cun único punto de administración de dose, no Instituto Feiral de Vigo, e tachou de “mentireiro” ao conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, por aducir cuestións “do sistema técnico” para manter ese único punto de vacinación.

Respecto diso, puxo o exemplo doutras zonas, como a zona do norte de Portugal, onde hai puntos de vacinación en municipios como Valença, Melgaço, Caminha, Monçao ou Vilanova de Cerveira. Na cidade lusa de Porto, sinalou, “hai máis de dez” lugares aos que os veciños poden acudir para recibir a súa dose.

“Xa está ben de maltratar á xente de Vigo, non é certo que non se poida vacinar en sitios pequenos”, proclamou Abel Caballero, quen solicitou que se habiliten “cinco ou seis” puntos máis de vacinación na cidade, e que tamén se administren doses noutros concellos da comarca, como Cangas, Moaña, Baiona, Tui, Ponteareas, A Guarda, etc.

A Xunta cambiou a lei para beneficiar á eólica que remataría contratando á exconselleira Mato

Greenalia recibiu case 800.000€ en subvencións e un préstamo dun millón de euros da Xunta pouco antes de contratar a Bea Mato. Un cambio na norma autonómica permitiulle multiplicar por 9 o seu valor en bolsa e impulsar máis de 50 parques eólicos, moitos deles acusados de ilegalidades. A compañía nega que a fichaxe de Mato tivera que ver coas autorizacións concedidas.

En 2015 Greenalia era unha empresa sen horizonte nin futuro. A andaina desta compañía coruñesa comezara uns anos antes, por 2006, cando o fundador Manuel García Pardo decidiu abandonar o negocio familiar da celulosa para tentar conseguir un anaco da torta das renovables. Pero chegou tarde á festa. Para cando logrou tramitar os seus primeiros proxectos, Feijóo anulou ilegalmente o concurso eólico do bipartito, deixando en suspenso a carreira do vento en Galicia. Greenalia comezaba entón unha longa travesía polo deserto da que, paradoxicamente, había de saír uns anos despois coa axuda do goberno do PPdeG. 

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Catro mozos enfróntanse a multas de 600 euros por un grafiti no centro do Porriño

0

A Garda Civil denunciou a catro novos, dous veciños de Vigo e un de Nigrán de entre 20 e 24 anos, que foron interceptados o pasado venres mentres realizaban un grafiti no centro do Porriño.

En concreto, segundo explica o Instituto Armado. enfróntanse a unha sanción económica de 600 euros, ademais do pago da restauración do muro afectado, como supostos autores dunha infracción á Lei de Seguridade Cidadá por deslucimento de bens inmobles.

Os mozos foron sorprendidos ‘in fraganti’ o pasado venres por unha patrulla da Garda Civil do Porriño cando realizaban esta pintada “de considerables dimensións” nunha parede situada baixo a autovía A-55.

Unha vez identificados, os axentes interviñéronlles os 39 esprais que tiñan, ademais dos útiles que utilizaban, e foron denunciados por “danos ou o deslucimento de bens mobles ou inmobles de uso ou servizo público”.

Comeza a construción de 14 naves en Porto do Molle que estarán dispoñibles para 2022

0

O Consorcio da Zona Franca de Vigo iniciou a construción de 14 naves no Parque Empresarial de Porto do Molle, na localidade pontevedresa de Nigrán, as cales prevé que estarán dispoñibles no verán de 2022.

Trátase de 14 naves polivalentes –de entre 300 e 500 metros cadrados–, 28 talleres, 14 oficinas e 68 prazas de aparcadoiro, informou a Zona Franca, que indicou que estas obras contan cun investimento total de 6,3 millóns de euros e o prazo de execución é de 18 meses.

En concreto, o espazo destinado a nave atoparase na planta baixa, con acceso para camións; os talleres na planta baixa e a primeira planta, con acceso peonil; e as oficinas na segunda planta, con acceso independente desde unha zona común.

Durante unha visita este mércores ás obras, o delegado do Estado no Consorcio, David Regades, explicou que algunhas empresas xa mostraron o seu interese por estes espazos polo que, “mentres se desenvolve o proceso de construción, Zona Franca abrirá a posibilidade de que avancen as súas intencións de alugalas para ir reservando os espazos”.

Xoguetes non sexistas para que as nosas crianzas medren en igualdade

A Deputación de Pontevedra puxo en marcha unha campaña para fomentar a igualdade desde a infancia mediante xoguetes e xogos que “non sexan sexistas” e sexan utilizados por nenos e nenas indistintamente.

Nunha rolda de prensa celebrada este martes en Vigo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, explicou que a iniciativa se denominará ‘Xogando aprendemos a vivir. O xogo é unha ferramenta para cambiar o mundo’ e recalcou que “o xogo non é só un instrumento de lecer”, xa que “crea pensamento”.

Deste xeito, advertiu de que, se os nenos e as nenas utilizan “xogos, xoguetes e cores diferentes”, entenderán que “o seu papel na vida é determinado” e non aprenderán que “poden ser o que queiran ser”. Por iso, sinalou que se busca que todas as crianzas se entreteñan con distintos tipos de xoguetes.

Nesta liña, Carmela Silva incidiu en que esta campaña busca “cambiar o modelo no que vivimos” porque “como xoguemos marcará cal vai ser o noso comportamento na vida”. Así, afirmou que “non existe ningún home que non se formase desde o neno ou a nena que foi algunha vez”, polo que apuntou que as persoas deben aprender a ser igualitarias desde a infancia.

CAMPAÑA

En concreto, mediante a campaña repartiranse carteis que propoñen que os xogos non impliquen estereotipos de xénero en todos os municipios da provincia co obxectivo de que sexan colocados en comercios locais. Ademais, reproducirase un vídeo creado no marco da iniciativa nos autobuses urbanos de Vigo e dous deles se vinilarán durante un mes.

Así mesmo, a presidenta da Deputación Provincial indicou desde este mércores ata o Día de Reis, 6 de xaneiro, a campaña trasladarase a través de medios de comunicación para concienciar sobre o feito de que “a responsabilidade social” dos pais coa educación dos seus fillos “comeza con que xoguetes xogan”.

Ademais, puxo en valor que, durante a pandemia, as mulleres continuasen o seu traballo a distancia e asumisen nun 75% os coidados a pesar de que “os homes tamén estaban na casa”. Ante esta situación, incidiu na importancia de que os nenos e nenas “xoguen a coidar porque é fundamental” dado que “os coidados son o centro da vida”.

A deseñadora das ideas e eslóganes da campaña, Isabel Blanco, lembrou que este representa o terceiro ano no que participa nesta iniciativa e asegurou que “mirar o mundo desde a perpectiva de xénero” supón facelo “desde a igualdade”. Andrea Táboas, que traballou no vídeo creado para esta iniciativa, resaltou a necesidade de que “os nenos teñan claro que son iguais” e afirmou que “entre todos” se pode “construír un mundo mellor con campañas como esta”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed