O delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, afirmou este luns que “non constan” denuncias previas sobre os almacéns ilegais de material explosivo localizados esta fin de semana (nin sobre o que explotou o pasado mércores) en Tui (Pontevedra), e asegurou que a Guardia Civil, no marco da investigación aberta por estes feitos, “segue buscando” posibles zulos clandestinos con este tipo de material.
Así o explicou, en declaracións aos medios, durante a súa participación nun encontro de xuíces de vixilancia penitenciaria na Coruña. “Calquera denuncia é benvida“, sinalou Santiago Villanueva, quen explicou que se tomará declaración ao veciño que sostén que leva anos denunciando irregularidades nesa pirotecnica aínda que, repetiu, “non hai constancia desas denuncias”.
Este veciño, que é o que denunciou ao propietario da pirotecnia e conseguiu ilegalizala en 2014, suliñou en varias entrevistas que el sabía que se escondía o material pirotécnico que levaban “en furgonetas” e que o denunciara xa ao concello e a Guardia Civil. Con todo, o delegado do goberno contradí esta versión.
Segundo Villanueva, a detección deses dous almacéns ilegais foi posible grazas á investigación da Garda Civil, “con algúns datos de veciños” –entre os que non estaría o denunciante– e neles atopáronse uns 1.600 quilos de material explosivo.
LA GALLEGA “XA FORA INVESTIGADA”
Ademais, subliñou que a pirotecnia La Gallega, á marxe dos problemas urbanísticos, que son competencia municipal, fora inspeccionada pola Guardia Civil e “estaba todo correctamente, non se detectou nada ilegal ou irregular”.
Neste caso, incidiu, a traxedia foi consecuencia do depósito ilegal de explosivos nun almacén, próximo a vivendas, que “vulnera todas as normas”, e que era “descoñecido pola Guardia Civil e por todas as administracións e autoridades”.
“É unha irresponsabilidade, ninguén o podemos entender, sobre todo vindo dunha persona que coñece o perigo deste tipo de materiais”, sinalou, en alusión ao dono deses explosivos, F.G.L., responsable da pirotecnia La Gallega, investigado por homicidio imprudente, danos e risco catatrófico, e que foi detido este luns por segunda vez.
MATERIAL “INERTE”
Así mesmo, apuntou que, nas súas primeiras declaracións, o investigado sinalou que o material depositado en Paramos (onde se produciu o mércores a explosión que causou dous mortos e 37 feridos) era “inerte” e non explosivo.
O delegado incidiu en que, á marxe destes achados, as forzas de seguridade “seguen buscando” outros posibles almacenamentos clandestinos, e animou aos veciños a pór a información de que dispoñan en mans da Guardia Civil.
INSPECCIÓNS
Por outra banda, reiterou que tanto Industria como Guardia Civil están a levar a cabo inspeccións extraordinarias nas instalacións pirotécnicas “legais” de Galicia, que é “das que se ten constancia”, e lembrou que estes controis son moi exhaustivos, polo que chamou á “tranquilidade” da poboación.
Así, as autoridades revisarán que todas as instalacións cumpran os requisitos de seguridade, en canto a almacenamento de material, distancia entre casetas, ou accesos para casos de emerxencia.