O número de casos activos de COVID en Galicia aumenta noutros 16 e sitúase en 375 —tras subir en todas as áreas sanitarias salvo na de Lugo--, dos que 150 corresponden á área da Coruña. Os pacientes hospitalizados en UCI con este coronavirus increméntanse a dous.
Así se desprende dos datos actualizados este martes pola Consellería de Sanidade, que sinala que do total de pacientes positivos, 15 permanecen en unidades de hospitalización convencional –os mesmos que este luns– e dous na UCI –un máis–, mentres que 358 atópanse en seguimento domiciliario –15 máis respecto da xornada pasada–.
Dos 375 casos activos, 150 corresponden á área da Coruña e Cee –sete máis que este luns–; 71 á de Lugo –sen cambios–; 67 á de Vigo –tres máis–, 29 á de Pontevedra e O Salnés –un máis–; 28 á de Ourense –dúas máis–; 26 á de Santiago –dúas máis– e catro á de Ferrol –un máis–.
Sanidade indica que, ata o momento, curáronse en Galicia 11.318 persoas, 11 máis que a xornada anterior, e faleceron 619 pacientes con COVID. A última vítima foi notificada o 10 de xuño, que se corresponde cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias. O número de PCR realizadas ata a data na Comunidade galega ascende a 255.305 fronte ás 254.374 rexistradas ata este luns, apuntou Sanidade.
Un domingo tras outro, varios familiares de persoas usuarias da residencia de DomusVi Aldán, en Cangas, concéntranse ás portas do centro para esixir respostas, explicacións e xustiza. Claman contra a “falta de persoal” que, despois de todo, segue ameazando a saúde dos maiores que alí están ingresados. Nesta residencia chegou a haber máis dun centenar de persoas contaxiadas pola Covid-19 e un total de 38 falecidas. No conxunto do grupo DomusVi en Galicia morreron máis de 150 persoas maiores, o 60% do total de decesos que houbo nas residencias galegas desde marzo.
LUPE: “ENGANÁRONNOS DESDE O MINUTO CERO”
“DomusVi non é humano. Alí dentro non hai cariño, nin respecto, nin empatía. DomusVi foi unha morgue“. As palabras de Lupe, unha muller que perdeu a súa nai ingresada na residencia a causa da Covid, cortan a respiración. Levárana para ese centro o 21 de febreiro, pouco antes de que estoupara a pandemia en Galicia. O deterioro da nai na anterior praza concertada en Ribeira (tamén do grupo DomusVi) era “moi evidente”, así que decidiron cambiala para un lugar máis achegado onde as súas dúas fillas puideran “tela controlada”. A única opción que se axustaba era Aldán, onde a ingresaron “moi, moi a desgusto” por pertencer a esa mesma empresa.
Esa vixilancia máis exhaustiva que pretendían impediuse cando a Covid-19 acaparou as residencias de maiores. “A nosa desgraza foi que chegara todo isto”, explica. Dende ese momento viviron “unha loucura”: non lles deixaban facer videochamadas coa súa nai, acceder a falar con persoas máis alá de recepción era misión case imposible e a única información que recibían do que acontecía alí dentro era a través dos medios de comunicación. “Ela está ben, está ben, está ben…”. As enfermeiras non tiñan outras palabras para os familiares. “A miña sensación era de que miña nai estaba secuestrada. Quixemos incluso poñer unha denuncia por secuestro. Chamabamos á fiscalía, ao concello, á Policía Local…”. Un día, ás once da noite, comunicáronlle a Lupe que a súa nai era “positiva e asintomática”. “Pedimos que a derivaran ao hospital ao primeiro síntoma, pero enganáronnos desde o minuto cero”.
“O día 10 saíu para o Hospital Álvaro Cunqueiro chea de feridas, con dobre pañal para evitar cambios e totalmente deshidratada. Levabamos avisando por correo e por WhatsApp constantemente de que precisaba beber moita auga, pero deixárona morrer, e aínda por riba, con sufrimento. Cando nos chamaron para despedirnos no hospital, dixéronnos que isto fora un caso de abandono total e absoluto. Só catro días despois, o 14, cobráronnos os 2.246 euros da súa praza. Que caro nos saíu a auga que non lle destes a miña nai, díxenlles”. Lupe non confía en que se faga xustiza – “sabemos a quen nos enfrontamos, Feijóo está detrás de todo isto” -, pero “o dereito á pataleta” non llo quita ninguén. Encargarase, di, de denunciar alá por onde vaia a “falta de humanidade de DomusVi”.
Aínda hoxe é o día en que Lupe e a súa irmá agardan o pésame por parte da residencia. “Tivemos que protestar ata para que nos deran o informe médico e as pertenzas. Hai familiares de falecidos que aínda non as teñen consigo”, denuncia. Durante a conversa tamén fala de “manipulación” ao ofertarlles aos familiares un psicólogo para “sonsacar información ao redor das accións legais” que poderían acometer.
J. A.: “AÍNDA HOXE NON SEI DE QUE MORREU MIÑA NAI”
Xunto a Lupe, que cada domingo está a pé da residencia para esixir “unha explicación de todo o que pasou alí dentro”, tamén se concentra para protestar J. A. No seu caso, a súa nai tamén chegou á residencia de Aldán por descontento co anterior centro en Valdegodos, en Ourense. “Voulle salvar a vida traéndoa para aquí, pensei”. Mais cando chegou a pandemia, empezou “o calvario”. “Non me informaban de nada; e ao comezo dicíanme que se restrinxían os accesos por “uns problemas”, nada máis”.
J. A. chamou constantemente á residencia durante toda unha semana e a resposta sempre era a mesma: que a súa nai estaba perfecta. “Non pasaran nin sete horas da última conversa e contactoume, de súpeto, unha enfermeira para dicirme que atoparan morta a miña nai e que non sabían nada máis. Colgaron o teléfono”. Ante o desconcerto máis absoluto, o home pediu logo falar co médico. A explicación que lle deu foi que finara a causa dunha infección de orina, mais el sospeita que foi a primeira vítima da Covid-19 da residencia de Aldán. “Desde cando unha persoa morre dunha infección de orina dun día para outro? Ao que faleceu, selárona nunha caixa e non puidemos nin mirala”, denuncia.
A xestión desta pandemia por parte de DomusVi teceuse a base de “mentiras, falta de información e enganos” aos familiares. “Importan máis os cartos e o negocio que calquera vida humana”, sentenzan eles. J. A. busca agora a maneira de denunciar o acontecido. “Só porque se descubra a verdade, eu irei adiante coa demanda”, explica. “Aínda hoxe non sei de que morreu miña nai; pedirei o parte de defunción cando poida falar coa directora“. Quince días despois de saber do seu falacemento, “marchou tamén meu pai”. “Se non o miro, non o creo. Unha loucura”.
RAÚL: “OCULTÁRONNOS O POSITIVO DO MEU AVÓ”
Foi durante o pico da pandemia cando as residencias entraron en colapso, mais as queixas á atención dos maiores ingresados veñen de moi atrás e continúan aínda na actualidade, sen que nada do acontecido semelle que servira para poñerlle freo á precariedade. O avó de Raul, de 97 anos de idade, segue a día de hoxe alí dentro. El estivo infectado pola Covid durante 36 días, pero foi asintomático en todo o proceso da enfermidade. Raúl, “o neto por encanadura”, como lle di sempre, comezou a detectar desde hai ben tempo “pequenos detalles” que ían facendo saltar as alarmas: “Un día chego e estaba vestido cunha camisa que non era a súa. Outro día queixábaseme de que o deixaban no baño durante media hora. Outro día atópomo en enfermaría porque o ducharan dous días en auga fría e collera catarro…“. Ante as queixas en dirección, “desculpas e palabras bonitas”. Dunha vez, fala Raúl, mesmo “lle botaron a bronca” ao ancián por terse confesado co neto.
Raúl denuncia que o seu avó ten sido “forzado” á subministración de medicamentos, que o teñen atopado chorando por “ter mal colocada a sonda” e que o traballo dentro da residencia se fai “a correr” debido á falta de persoal. Cuestións familiares fan que a decisión de sacalo desa residencia tamén se complique. A chegada da pandemia vivírona “moi mal”. “Ocultáronnos o positivo do meu avó durante varios días. Chamabas a recepción e todo era unha sarta de mentiras, así que decidín comprarlle un móbil que llo levou ata alí a Garda Civil. Foi a única maneira en que puidemos falar todos con el durante dous días. Ao terceiro caeulle ao chan e non quixo falar máis. É unha persoa moi maior”, relata Raúl.
Este rapaz foi dos primeiros que se puxo en contacto con outros familiares, entre eles Lupe, para buscar e dar apoio e para facer fronte común perante a dirección de DomusVi. As demandas que agora cumpriría acometer alí dentro están claras por parte dos familiares e da Asociación Vellez Digna que os acompaña na loita. “Que o equipo médico faga un estudo das consecuencias físicas e psíquicas, porque son grandes e nótanse nas súas pesaxes”, comeza dicindo Raúl sobre as peticións. É o momento tamén, pensan, de reforzar o equipo de psicoloxía e fisioterapia. “Só hai unha persoa de cada especialidade para atender a 120 maiores”.
“Queremos saber por canto diñeiro se lles dá de comer diariamente e esiximos que as facturas da farmacia veñan detalladas”, prosegue. No seu caso, chéganlle tickets “de ata cento e pico de euros” nos que aparecen ata “toalliñas”, por exemplo. “Se con 2.100 euros que pagamos ao mes o meu avó non ten dereito nin a toalliñas, a que ten dereito?”, denuncia, á par que critica o “custo excesivo” das prazas residenciais. “Son xente, non mercaduría. Non consentimos que primen os cartos por riba da saúde”. Entenden tamén que sería positivo crear unha “mesa negociadora” con familiares e representación de DomusVi cada certo tempo, e acusan a Xunta de “permitir que a residencia siga traballando” despois de abandonar a intervención e deixala de novo “baixo mínimos”.
Estes familiares agardan que feitos coma estes non volvan acontecer baixo ningún concepto. Son relatos que claman pola xustiza e que non poden quedar impunes.
A Sala do Civil e o Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) acollerá este martes unha vista para resolver o recurso contra un auto da Audiencia Provincial de Pontevedra. Foi presentado por dous investigados nunha das pezas separadas da Operación Patos, por un delito de suborno, relacionado co pago de servizos de prostitución a un funcionario vigués.
A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra ditou un auto no que desestimaba as cuestións previas argumentadas polas defensas, e estas presentaron recurso, que agora será resolto polo alto tribunal galego. Neste procedemento, a Fiscalía pide un ano de prisión para o funcionario do Concello de Vigo, A.C.C., con responsabilidades no departamento de Fomento (Vías e Obras). Acúsaselle dun delito continuado de suborno, ao aceptar servizos de prostitución, pagados por outro acusado, E.A.P., responsable da construtora Eiriña.
Segundo o escrito de acusación do Ministerio Público, en xuño de 2013 e en febreiro de 2014, este funcionario mantivo relacións sexuais con prostitutas. Foran contratadas e pagas por E.A.P. O administrador da construtora, apunta a Fiscalía, efectuou esas “invitacións” ao funcionario en atención ao cargo que desempeñaba no Concello.
De feito, durante a fase de instrución da coñecida como Operación Patos (na que se chegou a investigar a medio centenar de empresarios, políticos e técnicos), o Ministerio Fiscal relacionou eses servizos de prostitución pagados ao funcionario vigués co feito de que A.C.C. interviña na valoración de gran parte das obras ás que concorría a construtora Eiriña.
Por estes feitos, a Fiscalía pide para A.C.C. a pena dun ano de prisión e inhabilitación para emprego e cargo público durante 3 anos. En cambio, para o administrador da construtora solicita 9 meses de prisión e inhabilitación especial para o exercicio de profesión.
OPERACIÓN PATOS
Esta macrocausa investigaba irregularidades na adxudicación de obras públicas. Acabou desgaxada en varias pezas separadas e, de todos os investigados, finalmente acabáronse arquivando as actuacións con respecto a todos os políticos, excepto o expresidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a alcaldesa de Moraña (implicados nunha peza sobre obras nun campo de fútbol).
Da Operación Patos celebráronse xa dous xuízos, un de conformidade sobre unha obra en Nigrán (Pontevedra), que se saldou con penas menores. Outro, sobre unha obra nun posto de control anexo a un escáner no Porto de Vigo, no que os acusados (entre os que estaba E.A.P.) foron absoltos.
A Xunta de Galicia confirmou este mércores que está a investigar novos casos de intoxicación “leve” en escolas infantís ás que forneceu a mesma empresa de catering vinculada con outros episodios de intoxicación detectados hai uns días, e quixo enviar unha “mensaxe de tranquilidade” porque se trata de “casos illados”.
Así o manifestou, en declaracións aos medios antes de participar nun acto en Vigo, o vicepresidente do goberno galego, Alfonso Rueda, quen sinalou que a Xunta está a estudar “o alcance e as causas” destas intoxicacións “leves”. “Queremos enviar unha mensaxe de tranquilidade. Son casos illados e moi leves”, apuntou, e recalcou que a Xunta investiga para coñecer a orixe do problema e para “que non se volva a repetir”.
Rueda explicou que aínda é prematuro sinalar a causa da intoxicación porque “non hai conclusións definitivas“, e sinalou que se están analizando “no seu conxunto” todos os episodios vinculados a esa mesma empresa, co fin de coñecer, entre outros detalles, “se houbo algún problema na cadea de custodia dos alimentos”.
Residir nun piso de protección oficial converteuse practicamente nun luxo para unhas poucas familias viguesas afortunadas por mor das grandes listas de espera e do escaso número deste tipo de vivendas na cidade. Na actualidade hai 2.804 vivendas á espera de poder alugar un piso de protección oficial fronte a soamente 328 que o queren mercar, é dicir, pouco máis do 10% do total. Tamén hai un terceiro grupo no que se encadran 689 persoas
No contexto galego, Vigo encabeza a lista de solicitude alugueres sociais con máis do dobre que a segunda cidade, A Coruña con 1.320. Despois irían Pontevedra (654), Ferrol (472), Santiago (332), Lugo (342) e Ourense (155). Esta tendencia pode verse incrementada se poñemos os datos a nivel provincial, tendo a Pontevedra con máis solicitudes que o resto de Galicia xunta con 4.035 mentres que o resto de provincias suman escasamente 3.674.
O Instituto Galego de Vivenda soamente dispón dun parque público de aluguer de 3.500 vivendas, que están ocupadas na súa totalidade. A única opción de lograr a adxudicación dun destes pisos é que queden algunha vacante ou ben que se aumente a oferta de arrendamento.
Concentración dunha trintena de persoas ante o Concello pedindo unha vivenda digna / Miguel Núñez
Coa crise houbo un gran paro na construción, que tamén afectou a creación de vivenda protexida pero unha vez superada os anos de recesión, esta continúa sen reactivarse. Durante 2017 soamente se construíron 12 en toda Galicia, mentres que o ano pasado unicamente oito.
AXUDAS
Para os demandantes que non puideron acceder a unha vivenda de protección oficial ou a un aluguer social, existe a posibilidade de acceder a axudas, pero estas son moi escasas e as administracións soamente gastaron nelas un 20% do orzamentado. Estas están dirixidas todas as persoas que cumpran uns obxectivos de renda pero preferentemente a reciben as familias numerosas, os maiores de 65 anos e os menores de 35 por considerarse colectivos cunha especial vulnerabilidade.
O problema é que de novo, quedan curtas ante unha elevada demanda. En Galicia hai máis de 12.000 solicitantes, pero a Xunta soamente dispón de orzamento para conceder ao redor de 4.200. Por outra banda, a súa concesión vai con retraso: Soamente se abonou ao redor do 20% dos beneficiarios respecto á partida económica dispoñible.
Todo isto nun contexto onde o prezo do aluguer está en alza. Segundo datos do portal EnAlquiler, no último ano o prezo medio sitúase en 881 euros no mes de xullo, o que supón un incremento do 11’9%. Pola súa banda, o Observatorio da Vivenda da Xunta indica medio pasou en Galicia de 385 euros no 2017 a 400 o pasado ano. A nivel galego o metro cadrado está a 6,6 euros, mentres que fai apenas tres anos, situábase en 5,2.
SOLUCIÓNS
Para a Plataforma de Afectados pola Hipoteca, a cantidade de vivenda de protección oficial “é ridícula con apenas ningunha construída durante o 2018 e os anos previos”. Ademais, considera que ademais da demanda, a política de vivendas de protección oficial debe ser sempre en réxime de aluguer e en ningún caso en compra “porque non vale a pena gastar cartos públicos en facer que unhas poucas familias accedan a ser propietarios”.
Celebración da PAH tras paralizar un desafiuzamento/ Compfight
Ademais, consideran que o modelo actual é o que está errado e o cambiarían pola adquisición dun amplo parque público de vivenda xunto a un control das institucións, tanto Xunta como concellos, dos prezos do aluguer. Ademais, tamén apuntan a un problema estrutural onde “non hai salarios dignos para poder manter un aluguer” como causa da elevada demanda de alugueres sociais.
A Xunta solicitará este venres ao Concello de Vigo a cesión dos terreos necesarios para abordar a planificación dun novo instituto no barrio de Navia. Así llo trasladou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, á candidata do PP á Alcaldía de Vigo, Elena Muñoz, nunha reunión celebrada este xoves en San Caetano, segundo recolleu o partido nun comunicado.
Muñoz asegurou que o compromiso da Xunta con esta infraestrutura é “firme”, aínda que se deberán darse todas as garantías urbanísticas para que leve a cabo.
Así mesmo, instou ao alcalde, Abel Caballero, a aprobar o Plan Parcial de San Paio de Navia, do que, segundo apuntou, depende “a construción de miles de vivendas”, cuxa importancia destacou debido ao feito de que a cidade carece de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
Ademais, rexeitou a apertura dunha sala de apostas prevista na rúa Teixugueiras do barrio e comprometeuse a presentar as alegacións precisas para que non se lle outorgue a licenza de actividade.
1. María Olga Alonso Suárez (PSOE) –Cotobade, 1962– aterra por primeira vez no Congreso. Diplomada en Maxisterio e licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación. Ademais, foi secretaria comarcal de UXT e edil de educación do Concello de Vigo desde 2014.
2. Guillermo Meijón Couselo (PSOE) –Pontevedra, 1958– encara a súa cuarta lexislatura como deputado nacional. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, é profesor de EGB e orientador escolar. Ademais de ser deputado no Congreso nas X, XI e XII lexislaturas. Foi tamén edil en Vigo e deputado no Parlamento galego.
3. Ángeles Marra Domínguez –Vigo, 1966– é outra das caras coñecidas que retornarán ao Grupo Socialista no Congreso. Doutora en Ciencias Económicas e Empresariais e profesora de Teoría Económica na Universidade de Vigo, é edil do Concello de Vigo. Foi elixida senadora pola provincia de Pontevedra na X lexislatura.
4. Ana Pastor (PP) –Zamora, 1957– foi presidenta do Congreso durante a anterior lexislatura. Cirurxiá de formación, comezou a súa dilatada traxectoria política na Administración estatal da man de Aznar, quen a elixiu como ministra de Sanidade e Consumo entre 2002 e 2004. Entre 2011 e 2016, Rajoy recuperouna para ocupar a carteira de Fomento.
5. Diego Gago –Vigo, 1987– converterase nun dos deputados máis novos na súa estrea no Congreso. É presidente nacional de Novas Xeracións. Licenciado en Dereito Económico pola Universidade de Vigo (Uvigo), é concelleiro popular no Concello olívico desde 2015.
6.- Yolanda Díaz (En Común) –Fene, 1971– faise por terceira vez cun escano, esta vez por Pontevedra. Avogada laboralista, ocupa cargos institucionais desde o ano 2003. Deputada nas últimas dúas lexislaturas como representante de En Marea pola Coruña.
7. Beatriz Pino (Ciudadanos) –Vigo, 1975– estréase como parlamentaria. É xornalista licenciada pola Universidade Carlos III de Madrid e traballou en medios de comunicación como Telemadrid, a TVG e Antena 3. Era asesora de comunicación de Ciudadanos antes de candidata ás Cortes.
A Policía Local de Vigo investiga a dous individuos por conducir baixo os efectos de bebidas alcohólicas pola cidade. Ambos resultaron encartados en dilixencias xudiciais en calidade de investigados por un suposto delito contra a seguridade viaria ao superar o limite penal establecido.
O primeiro, un home de 65 anos de idade, nacido e domiciliado en Baiona (Pontevedra), foi interceptado á 1,15 horas do pasado luns cando conducía un turismo de márcaa Volkswagen Golf durante un control de vehículos na Avenida de Beiramar.
No momento da identificación os axentes comprobaron que presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas e a proba arroxou un resultado positivo de 0,69 miligramos de alcol por litro de aire expirado na primeira e 0,69 mg/l de aire expirado na segunda.
A segunda investigada, unha muller de 44 anos de idade, conducía un turismo da marca Citröen Xsara pasadas as 3,15 horas da madrugada do pasado luns e cometeu unha infracción á altura do número 204 da estrada de Camposancos.
Por este motivo foi interceptada polos axentes, que comprobaron que presentaba síntomas de atoparse baixo os efectos do consumo de bebidas alcohólicas. Así o confirmou a proba preceptiva de determinación do grao de impregnación alcohólica, cun resultado positivo de 0,81 miligramos de alcol por litro de aire expirado no primeiro test e de 0,81 mg/l de aire expirado no segundo.
POSITIVO EN COCAÍNA
Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén denunciou a un home de 52 anos de idade, nacido en Alemania e domiciliado na cidade olívica, por conducir baixo os efectos de sustancias estupefacientes.
Os feitos sucederon na madrugada deste martes, sobre as 4,57 horas, cando o condutor dun turismo da marca Nissan Almera foi interceptado por unha patrulla que sospeitaba de que puidese conducir con presenza de drogas no organismo.
O test indiciario salival deu un resultado positivo en cocaína polo que os policías tramitáronlle a correspondente sanción administrativa e o seu vehículo foi retirado ao deposito municipal.
O vídeo xa está en boca de todos. Un condutor de ENCE agrede cun martelo a dous ciclistas, precisando un asistencia hospitalaria por golpes na cabeza pese a que levaba o casco posto.
Unha testemuña gravou os feitos. No vídeo, o que se observa é á devandita testemuña achegándose ás présas ao lugar dos feitos, mentres o condutor persegue correndo a un ciclista e grita: “Vén aquí hijo de puta, vén aquí, que te mato, ven aquí, desgraciao, cago na nai que te pariu”, entre outros berros indistinguibles pola baixa calidade do audio.
Despois, o condutor, que levaba armado todo este tempo, dá unha patada a unha bicicleta e a lanza polos aires. Na outra bicicleta está o ciclista quieto, que nese momento é agredido co martelo a berros de “qué coño haces ahí hombre, me cago en Dios”.
Entón o ciclista escapa e o condutor pregunta en ton máis empático a un terceiro: “Neno, ti eres o que ía para alá co coche? Que desgraciaos”. Mentres, o ciclista afástase moi lentamente, se cadra debido ao dano producido.
O vídeo correu como a pólvora por grupos de WhatsApp e redes sociais, e ademais os ciclistas denunciaron ao condutor por adiantamento indebido, supostamente sen respectar a distancia de seguridade.
Mesmo ENCE “desvinculouse” en redes do seu traballador ao condenar o seu comportamento a entrada de fábrica, e asegurou que o denunciará e tomará “medidas para que non volva traballar”, á vez que amosaba o seu apoio aos ciclistas.
Os ataques a este transportista foron masivos, pero, pode que as cousas non sexan o que parece?
L
Agora, o condutor tenta limpar o seu nome e amosa a súa visión dos feitos que ocorreron antes que a cámara comezara a gravar: “Bo día a todos. Aos que son amigos e os que non son tan amigos, porque enemigos non creo que os teña, eu non me considero inmigo de ninguén. Mira. Con todo o que aquí se armou xa oín comentarios de tódalas maneiras, cada un conta o que lle dá a gana, vou contar a miña versión por se alguén lle importa”.
“Os feitos non sucederon nada como contan nin nada de nada”, deféndese: “Todos sabedes onde está a cancela que entra para o pazo de Lourizán, e un pouquiño máis adiante dirección Pontevedra hai outra entrada. Neste tramo iban os dous (os ciclistas), á par, de palique, moi anchos, moi anchos, á súa bola”.
“Cando me acercaba a eles pitei, coa única bocina que ten o meu camión. De fronte viña un coche que quería coller á esquerda pero tuvo que deixarnos pasar a nós”, engade. O condutor deste turismo podería ser o home ao que se dirixe o transportista ao final do vídeo.
“Nada más pasar ese coche, adianteinos, sobrado, pero sobrado (de espazo). Esquecinme de todo, nin eles piaron nin nada de nada. Cando cheguei adiante do Terraza, estaba Juncal, que pode dicir, maniobrando diante do ponte da autovía”, engade.
“Eu parei no medio e alí entran eles para dentro, zapatean as bicicletas, non baixaron, zapatearon as bicicletas diante do camión e alí me veu un como un “jíbaro” cara a cabina a puñetazos na porta, e a dicirme que baixara fillo da puta”, relata.
“Así como baixei a ventanilla pegou un pincho, colgouse no espello e largoume un puñetazo para dentro que se me colle a cara desfaina. Collín, baixei, o resto xa vedes o que alí pasou”, conclúe.
A veciñanza de Torrecedeira anunciou a pasada semana manifestacións se non cambiaba a súa situación e hoxe cumpriu a súa promesa. De tal xeito, desde as 8:00 da tarde unha gran manifestación recorreu hoxe martes o barrio e esixiu “solucións reais” para a situación de conflitividade que viven, e non simplemente “poñer máis policías”.
Continúan a pedir unha xuntanza co alcalde, a cal aseguraron que o rexedor está negándolles, e criticaron a certos medios de comunicación, acusándoos de ser os seus voceiros. Defenden que enviaron a Abel Caballero un escrito o 30 de maio, e que aínda non recibiron contestación.
A veciñanza ameazou de que, se segue sen ser escoitada, volverán “con olas”, en defensa dos veciños “roubados e agredidos”, e en contra dos que teñen “comportamentos incívicos” no barrio e os que o permiten.
Esixen a apertura dun novo albergue noutra zona da cidade para solucionar o problema da xente que vive na rúa, e a revogación do contrato con Cruz Vermella para a xestión do albergue actual.
1 de 15
Vecinos de torrecedeira manifestandose /Miguel Nuñez
Cabeceira da manifestacion pola rua torrecedeira /Miguel Nuñez
Veciños de Torrecedeira na manifestacion/Miguel Nuñez
Manifestacion Torrecedeira /Miguel Nuñez
Veciños manifestandose na rua Yorente/Miguel Nuñez
Cabecera manifestacion pola rua Llorente/Miguel Nuñez
manifestacion en Torrecedeira/Miguel Nuñez
Veciños de Torrecedeira manifestandose no Paseo de Alfonso/Miguel Nuñez
Torrecedeira Veciños dende un balcon na calle Torrecedeira/Miguel Nuñez
Momento da Manifestacion No paseo de Alfonso/Miguel Nuñez
Barrio de torrecedeira manifestacion/Miguel Nuñez
Veciños de Torrecedeira manifestándose /Miguel Nuñez