Inicio Blog Páxina 1715

Guerra no sector da limpeza do Cunqueiro

Continúa a guerra laboral no sector de limpeza do hospital Álvaro Cunqueiro. O colectivo de auxiliares de enfermaría volverán concentrarse este luns en protesta pola “imposición” das tarefas de limpeza que “non lles corresponden” e que, din, se ven “obrigados” a realizar baixo ameazas de “graves sancións e castigos” por parte da dirección do centro.

A través dun comunicado, o colectivo de Técnicos en Coidados Auxiliares de Enfermaría (TCAEs) informa que este luns está convocada unha reunión de persoal e sindicatos para abordar a situación aberta logo de que expirase o contrato da empresa externa que xestionaba a recollida de roupa sucia no hospital vigués.

A dirección do Álvaro Cunqueiro comezou a expedientar aos traballadores que se neguen a levar a cabo estas tarefas, xa que lembran que existen “sentenzas xudiciais” que avalan que estes traballos sexan encomendados aos auxiliares de enfermaría.

A través dun comunicado difundido pola Xerencia da área de Vigo, apuntan que estes fallos xudiciais establecen que “depositar a roupa sucia nos puntos habilitados constitúe unha competencia nítidamente complementaria das obrigacións estatutarias de ‘facer camas’ ou ‘realizar o aseo e limpeza dos enfermos’, e que recoñecen a responsabilidade da Dirección para atribuírlles estas funcións” ao persoal TCAE.

LISTAS ‘POOL’

Así, os TCAEs apuntan que ante a negativa dos traballadores a levar a cabo a recollida da roupa, o hospital “está a contratar por noite a catro traballadoras e traballadores temporais sen praza fixa” que figura na lista ‘Pool’, destinada a cubrir baixas de última hora ou reforzar persoais en momentos puntuais de alta carga de traballo.

Auxiliares e enfermeiros do Cunqueiro protestan contra a xerencia do hospital / jesus-manuel.com

“A estas persoas chámanas para realizar un traballo que lles corresponde, coaccionando e ameazando con penalizalas e colocalas ao final da lista se se negan”, indica o comunicado, que engade que estes traballadores realizan as tarefas de limpeza “vixiadas” por persoal de seguridade e, en ocasións, mesmo pola supervisora xeral.

Deste xeito, unha vez que cumpren coa recollida da roupa sucia, os traballadores das listas “son recolocadas” noutras áreas do hospital ata que cumpren coa quenda, segundo denuncia o colectivo de auxiliares.

“COACCIÓNS” E “AMEAZAS”

A continuación, os TCAEs aseguran que a dirección da área sanitaria de Vigo enviou unha carta “a cada” traballador para lembrarlles que “teñen a obriga” de realizar as tarefas de recollida de roupa, algo que “non está recollido” no seu estatuto.

A continuación, denuncian que a xerencia expón na súa misiva que no caso de que os empregados se neguen a levar a cabo ese labor “expoñense a graves sancións que poden levar nalgúns casos a castigos como non poder presentarse a unha oposición, suspensión de emprego e soldo ou a perda de vacantes”.

Así as cousas, os auxiliares de enfermaría censuran que á dirección do hospital “preocúpalle a mala imaxe que dan as bolsas de roupa sucia amoreadas nos corredores” pero, por contra, “non se preocupan dos cuartos sucios” porque “non están á vista” dos pacientes e usuarios.

A UNED celebrará un curso de verán que abordará o silencio social ante o machismo en Vigo

A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) celebrará un curso de verán que abordará o silencio social ante o machismo na súa aula de Vigo entre o luns e o mércores da próxima semana.

O seminario centrarase na loita das mulleres contra a desigualdade e a violencia, segundo detallou a Deputación de Pontevedra, que apoia a súa celebración. Deste xeito, analizaranse o camiño percorrido e as transformacións pendentes para alcanzar a igualdade en sesións que percorrerán a Lei contra a violencia de xénero.

Durante a presentación do curso, realizada este martes en Vigo, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, advertiu da presenza de “un silencio social” que deben “romper” homes e mulleres para convertelo en “ruído construtor de igualdade”.

Ademais, puxo en valor ás relatoras das sesións previstas ante a “valentía” precisa para “provocar” e o “enorme prestixio” dos cursos da UNED, que abordan “debates fundamentais para construír unha sociedade decente e digna”.

Así mesmo, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, lembrou os valores da “revolución feminista”, a igualdade e a formación e destacou que a aula da universidade a distancia imparte 13 graos a pesar de presentarse “bastantes dificultades” para a súa posta en marcha.

Adicionalmente, o director da UNED, Víctor Manuel González, reivindicou a temática dos cursos como “unha mostra do compromiso coa difusión e a posta en valor da Axenda 2030” e, en especial, “coa igualdade e o feminismo” e Vigo. Mentres, o coordinador do seminario, Jesús Pozo, puxo o foco na necesidade de “falar do silencio que rodea o crime machista”, do que representa “o gran aliado”.

Incendio nun barco bateeiro en Bueu

0

Un incendio declarado nun barco na mañá deste luns no municipio de Bueu causou importantes danos na embarcación, pero non houbo feridos. Así o informou o 112 Galicia, que relatou que os feitos sucederon nunha zona de bateas, enfronte da Praia de Lapamán, sobre as 10,45 horas.

Varias persoas particulares contactaron co 112 Galicia para alertar do incendio, tras o que os xestores do CIAE puxeron a situación en coñecemento de Salvamento Marítimo, que coordinou o operativo de extinción e no que tamén interviñeron o Servizo de Gardacostas de Galicia e a Garda Civil.

Ademais, está previsto que os Bombeiros do Morrazo leven a cabo tarefas de arrefriado na embarcación tras ser esta remolcada ao Porto de Marín.

 

O Certame ‘As imaxes do patrimonio’, un xeito de transmitir a cultura galega e portuguesa aos máis novos

0

Ponte…nas ondas! convoca a cuarta edición do Certame ‘As imaxes do patrimonio’, unha iniciativa que consiste en que o alumnado de centros educativos de Galicia e Portugal envíe fotografías antigas xunto cun texto explicativo.

Este ano, a novidade é a creación dun apartado para podcasts sobre as imaxes. Así, o alumnado terá a oportunidade de preguntar ás persoas relacionadas coas fotografías, familiares, veciñanza, etc. sobre as instantáneas e o seu contexto.

As categorías contemplan as diferentes etapas dos sistemas educativos de Galicia e Portugal. E a entrega dos premios deste 4º Certame terá lugar o 16 de novembro de 2021 coincidindo co Día Mundial do Patrimonio.

IMAXES COMO PATRIMONIO

O Certame, que concibe estas fotografías antigas como “un patrimonio das familias”, pretende que sexa transmitido ás novas xeracións para que teñan un coñecemento das súas orixes e do seu patrimonio.

Segundo a asociación, o patrimonio inmaterial é constituído principalmente por coñecementos, técnicas, formas de organización ou de expresión colectiva xunto coas manifestacións festivas e familiares.

Por isto, defenden que é necesaria a implicación da familias para axudar a comprender os contextos onde se produciron as expresións culturais documentadas. “Con estas imaxes terán acceso a unha boa parte de expresións culturais que xa desapareceron ou que xa son descoñecidas para os máis xoves“, defenden dende a asociación.

Abel Caballero pedirá reunirse con Reyes Maroto para “denunciar” que Feijóo está “a castigar” a hostalaría

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns que pedirá unha reunión coa ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, e con representantes das Comunidades Autónomas, para “denunciar” que a Xunta de Galicia “non entrega o diñeiro que recibe de España e Europa” para axudas aos hostaleiros e comerciantes, aos que “está a castigar”.

Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico volveu a denunciar que a Xunta “ten que pagar aos hostaleiros o que lles debe” porque recibiu “centos de millóns” de fondos europeos a través do Goberno de España “e tenos gardados na caixa”.

Segundo Abel Caballero, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, “cre que non é politicamente rendible” axudar aos hostaleiros e comerciantes, en concreto aos de Vigo, “por iso estaos castigando”.

“E voulle dicir á ministra o que está a pasar, o pésimo comportamento da Xunta”, proclamou o alcalde, quen sinalou que pedirá unha reunión con Reyes Maroto e con representantes das Comunidades Autonómas para que saiban que a Xunta “non entrega o diñeiro que recibe de España e de Europa”.

Críticas á Fiscalía por manter como hipotese a morte súbita no caso de Debórah Fernández

0

Dúas testemuñas do caso da desaparición de Déborah Fernández-Cervera en Vigo en 2002 e do posterior encontro do seu corpo sen vida volveron comparecer este martes no xulgado ante “contradicións” nas súas primeiras declaracións.

Así o explicou, en declaracións a Europa Press, a irmá de Déborah, Rosa Fernández-Cervera, quen indicou que a repetición destas comparecencias no Xulgado de Instrución 2 de Tui (Pontevedra) permitirá “valorar novas dilixencias“. Mentres, o avogado da familia, Ignacio Amoedo, considerou que “non se aclarou nada”, senón “todo o contrario” na sesión.

Paralelamente, Rosa Fernández-Cervera lembrou que se presentaron varios recursos ata chegar á Audiencia Provincial co obxectivo de que se pida a declaración do que a familia considera “o principal sospeitoso” e que fora parella de Debórah e da súa contorna. Ademais, detallou que busca que cite como testemuñas a máis membros da familia da moza -ata o momento compareceron os seus pais- e outras persoas próximas á mesma.

Mentres, criticou que a Fiscalía non descarte a morte súbita como causa do falecemento da súa irmá, a pesar de que o corpo da moza apareceu espido a uns 40 quilómetros do lugar onde desaparecera e de que un informe emitido en 2010 apuntou a que a morte súbita era unha posibilidade “moi remota”.

Así mesmo, a familia de Déborah permanece á espera de que o Instituto de Medicamento Legal de Galicia (Imelga) conteste á súa solicitude para proceder á exhumación do corpo co obxectivo de que leve a cabo unha nova autopsia.

Rosa Fernández-Cervera tamén apuntou que a Garda Civil debe reconstruír o disco duro que ardeu cando se procedía a realizar un duplicado en presenza da empresa contratada pola familia para a súa análise e que tamén traballou no caso de Diana Quer, Lazarus Technology.

Xustiza!!!… En Cangas non esquecen aos seus maiores mortos polo coronavirus

“Xustiza”. Ese foi o principal berro dos familiares de usuarios da residencia de Aldán asociados ao colectivo Vellez Digna na súa súa cuarta xornada de protesta tras o brote de coronvarius que afectou ao centro de DomusVi. Nesta ocasión organizaron unha caravana de coches polo centro urbano de Cangas pasando por diante do centro de saúde e finalizando na entrada do propio xeriátrico.

Os concentrados, tal e como fixeron nas anteriores protestas, piden que se incremente o número de psicólogos para os maiores do centro, polas secuelas a nivel psíquico que están tendo os maiores tras os meses de confinamento.

Tamén piden uunha mesa periódica con representantes dos traballadores da residencia e con familiares e que se prime “a saúde das persoas por encima do diñeiro” no sistema de xestión das residencias de maiores.

VIDEO | Javier Negre a un manteiro en Panxón “¿amigo tienes permiso para estar aquí?”

2

Pese a que en Galicia non está permitida a mobilidade entre persoas doutras comunidades autónomas ata o próximo día 21 de xuño que finaliza o Estado de Alarma, alcaldes e veciños de vilas costeiras levan tempo denunciando o contínuo goteo de residentes de segundas vivendas que “adiantaron” a súa temporada de veraneo en Galicia en pleno confinamento.

O pasado 11 de xuño o lider do partido de ultradereita VOX, Santiago Abascal, tamén viaxou a Galicia desde Madrid xunto á súa comitiva electoral para presentar a súa campaña para as eleccións autonómicas en Galicia pese a que nese momento Madríd atopábase en Fase 2.

A viaxe da comitiva electoral de VOX repetiuse este mesmo fin de semana na celebración doutro mitin de precampaña en Vigo, e nas memas restriccións de mobilidade impostas entre comunidades.

Casualmente este mitín de VOX traeu consigo a visita do xornalista malagueño afincado en Madrid Jorge Negre, férreo defensor dos postulados do partido de Abascal que acudiu ata a mesma praia de Panxón.

Un visita acompañada dunha comitiva de xente para tomar contacto directo co “sentir popular” de Nigrán. “Rodrigo te acaba de bañar, vamo a la playa” indicaba o ex-xornalista de El Mundo a un compañeiro en bañador.

Durante o seu paseo “aquí está el pueblo, que es una auténtica preciosidad” comenta Negre, sinalando a parroquia de Panxón e continuando a súa marcha para abordar ao único manterio que había no paseo marítimo. Sen mascarilla nin distancia de seguridade mediante, Negre pregunta “Amigo, ¿tienes permiso para estar aquí?”. “Tú sabes que hay un partido político que es VOX que quiere quitaros todo esto?” continúa. “¿Qué opinas de VOX? ¿No te gusta?” momento no que Negre pide á persoa que estaba grabando que se achege para tentar captar a resposta.

As respostas na rede non tardaron con reaccións enfrontadas que convertiron o vídeo en tendencia por unhas horas.

Un suposto conflito entre comerciantes de Nigrán e manterios que ninguén coñece

Na zona de Panxón, onde foi grabado o vídeo, non existe ningún establecementos de roupa que poideran verse perxudicados pola presenza deste home, xa que todos os establecementos son principalmente adicados á restauración. Nunca existiu, ata o momento, conflito entre comerciantes pola presencia de manteiros en todo o Val Miñor.

Descoñécense cales comerciantes de Nigrán poideron entón facer esa petición a Javier Negre.

O video, grabado por un ex-militante do PSOE que chamaba “FACHA” a Santiago Abascal

Quen graba o vídeo é Hugo Pereira, veciño de Nigrán. Este xoven estudante de ciencias políticas xustifica a grabación “al NEGRO” porque hai “establecimientos de Nigrán que pagan sus impuestos” deixando en evidencia o argumento de Negre de trasladar a petición feita por supostos comerciantes da zona.

Hugo Pereira Chamorro colleu certa popularidade nas redes dende que se fai eco das soflamas ultranacionalistas lanzando por diantre a súa condición de ex-militante do PSOE e defensor de Pedro Sánchez. Nunha entrevista en el PLURAL de novembro de 2019, Pereira defendía ao propio PSOE deste xeito:

“Creo que el PSOE es el partido que mejor representa la moderación y es el que más se ajusta a mis ideales. Actualmente están creciendo los populismos, aquellos que ofrecen soluciones fáciles a grandes problemas pero que luego no son lo parecen. Hay que pensar y ser crítico con estos partidos que ofrecen soluciones tan fáciles. Para mí el PSOE es el partido que ofrece la moderación, se aleja del extremismo y se ajusta a la realidad proponiendo soluciones eficaces.”

Mesmo durante os debates políticos das últimas eleccións en España en 2019, Pereira non dubidaba en tachar a VOX de partido “ultraderecha” e ao seu lider Santiago Abascal de “FACHA”. Uns Twitts que só quedaron almacenados na cache da entrevista en EL PLURAL, xa que foron posteriormente eliminados polo seu autor.

Abel Caballero asegura que a Xunta “sobre Vigo non anunciou nada, non fixo nada”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, lamentou a falta de implicación da Xunta no plan de reconstrución da economía da cidade e asegurou que debe exercer como unha das “patas” do mesmo, xunto aos sectores que contan con presenza na urbe, o goberno local, o Executivo central, a Deputación de Pontevedra e a Zona Franca.

Nunha rolda de prensa celebrada este mércores na urbe olívica, Abel Caballero afirmou que o Goberno galego non avanzou iniciativas para os sectores económicos da cidade e non achegou “ningunha contestación ás peticións que se lle fixeron”. “A Xunta sobre Vigo non anunciou nada, non fixo nada”, afirmou.

Deste xeito, lembrou que a semana pasada o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e a entón delegada da Xunta en Vigo, Corina Porro, reuníronse con representantes do tecido cultural da zona, pero lamentou a falta de resposta achegada ás súas necesidades.

“O único que lles dixo a Xunta é que se apunten a unha lista de espera”, denunciou tras criticar que o Executivo autonómico emprazase ás entidades ao Xacobeo 2021, xa que, ao seu xuízo, esta celebración só beneficia á capital galega. En concreto, a semana pasada, o conselleiro convidou o tecido cultural vigués a presentar as súas iniciativas ao fondo de proxectos Xacobeo 2021.

Ademais, o rexedor olívico volveu a reprobar que o Executivo autonómico non destinase a Vigo “nin un céntimo” dos 22 millóns de euros remitidos polo Goberno central para accións de apoio social.

PLAN DE RECONSTRUCIÓN

Mentres, Caballero destacou que, no plan de reconstrución, o Concello traballa coa Deputación de Pontevedra, coa que coopera en temas de recuperación turística, así como coa Zona Franca en relación ao apoio á industria pesada, a ampliación do capital de Vigo activo e a redución e o adiamento de alugueres a entidades instaladas no Consorcio.

Nesta liña, o rexedor detallou que se adxudicou o programa de dinamización económica e empresarial Vigo Emprende, que levará a cabo durante dous anos, por 300.000 euros á UTE formada por Dirección por Implicación e Consulting Empresarial Casares. Esta iniciativa enmárcase na estratexia DUSI Vigo Vertical, cofinanciada con fondos europeos, e busca asesorar a empresas sobre subvencións e exencións dispoñibles, entre outros.

Respecto da reactivación do sector cultural na cidade, avanzou que os eventos e festas redeseñaranse “” para garantir o cumprimento das instrucións das autoridades sanitarias. Así, indicou que se celebrarán “centos de mobilizacións culturais distintas con pouca afluencia”.

Noutra orde de cousas, o alcalde acusou ao Executivo autonómico de non asumir os atrasos acumulados nas obras da Cidade da Xustiza de Vigo despois de que se destacase que se manterían os prazos previstos para a execución dos principais traballos.

Así, Abel Caballero destacou que a final de ano finalizáronse as obras do exterior dos edificios, pero non as correspondentes ao interior. Deste xeito, insistiu en que non critica os atrasos acmulados debido aos “eventos imprevisibles” que tiveron lugar, –en alusión á crise sanitaria que levou a paralización temporal dos traballos– senón que non se recoñeceu “” que se produciron.

Prisión provisional para outros tres detidos relacionados co ‘narcosubmarino’ localizado en Cangas

0

O xulgado de instrución número 1 de Cangas ditou este luns autos de prisión para outros tres detidos pola súa suposta relación co ‘narcosubmarino’ localizado hai algo máis dunha semana á entrada da ría de Aldán.

Segundo confirmaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a xuíza ordenou o ingreso no cárcere deste tres detidos, todos galegos, investigados por un suposto delito de tráfico de drogas en cantidade de notoria importancia.

Este tres persoas foron detidas o pasado venres e, entre eles, está o terceiro tripulante do semisomerxible, que estaba en paradoiro descoñecido desde que, na noite do 23 ao 24 de novembro, a nave afundiuse na zona de Punta Couso con 3.000 quilos de cocaína no seu interior e desencadeouse o operativo por parte de Policía Nacional, Garda Civil e Vixilancia Aduaneira.

Naquel momento, foron detidas dúas das persoas que viaxaban no batiscafo (dous homes de nacionalidade ecuatoriana que xa ingresaron en prisión por orde xudicial), mentres que un terceiro conseguiu fuxir. O fuxitivo foi finalmente localizado o venres, oculto nun alpendre, e co neopreno que levaba ao fuxirse aínda posto.

Ese mesmo día tamén foron detidos outros dous homes, a quen os investigadores atribúen labores de apoio e loxística desde terra.

Por outra banda, a Garda Civil detivo este luns, en Valencia, a outro home galego, tamén supostamente relacionado con este transporte de cocaína. No seu caso, fontes da investigación apuntaron que sería o encargado da descarga da droga, ademais doutras tarefas de apoio aos tripulantes.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed