Inicio Blog Páxina 1716

Sindicatos acollen con “cautela” a proposta das auxiliares para “tomar o control” de Barreras

Os sindicatos acolleron con “cautela” a proposta feita pública este xoves pola plataforma de empresas auxiliares acredoras de Hijos de J. Barreras para “tomar o control” do estaleiro, ben mediante a entrada no accionariado ou ben mediante a cesión de “dereitos políticos” para ter capacidade de decisión.

O presidente do comité de Barreras, Sergio Gálvez (UGT), subliñou que todas as ofertas que cheguen ao estaleiro “son estudiables” e “benvidas”, a condición de que leven aparellado o mantemento do emprego e da carga de traballo, “que custa moito conseguila”.

Gálvez recoñeceu que, a día de hoxe, o comité non ten confirmado se o fondo Oaktree (principal investidor de Ritz Carlton) ve viable a operación de facerse coa propiedade de Barreras, e constatou que “tamén parece que hai uns empresarios que queren vender as súas accións, porque non lles interesa a xestión futura”.

Sobre a formulación das auxiliares, incidiu en que os traballadores “non poden pecharse a ningunha solución”, e lembrou que, se finalmente frutifica esa vía, Ritz Carlton ten que adoptar o papel de “cliente” e “terá que negociar sobre as súas circunstancias e non sobre as do estaleiro”.

O presidente do comité, que subliñou que “o que non pode pasar é que se esgote o tempo e isto acabe nun concurso”, matizou que o estaleiro “non ten un problema económico tan perentorio”, senón “un problema accionarial”, porque “non hai capacidade executiva”.

“PROXECTO CLARO”

Pola súa banda, o responsable do naval vigués na CIG, César Rodríguez, expresou a súa “cautela” ante o anuncio das auxiliares, e incidiu en que este sindicato “non está en contra” desa operación, “sempre que haxa un proxecto claro, rigoroso, e que garanta carga de traballo e empregos”.

Así mesmo, advertiu de que, se non hai unha saída inmediata, “no ‘impass’ antes dunha posible entrada en concurso se pode perder carga de traballo”, e volveu a reclamar a “implicación” da Xunta na solución á crise de Barreras, dado que foi a administración galega a que propiciou a entrada de Pemex, principal accionista do estaleiro.

Mentres, o responsable de Industria de CC.OO., Celso Carneiro, sinalou que “non é a primeira vez” que a industria auxiliar expón tomar as rendas dalgún estaleiro, aínda que esa vía “nunca se explorou”. “O que propoñen agora é unha alternativa, pero non deixa de ser complicada”, advertiu, á vez que instou ao accionista maioritario, Pemex, a “que diga algo” e apostou por “esperar a ver os movementos” da petroleira mexicana.

FRANCISCO CONDE

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que este venres participou nunha xornada sobre o ‘brexit’ en Vigo, sinalou en declaracións aos medios que a opción exposta polas auxiliares é unha proposta que “hai que valorar sempre en positivo” pero “en calquera caso son os accionistas os que teñen que dar esa solución e resposta”, que urxiu que sexa rápida para renovar a actividade “de forma inmediata”.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, pediu “responsabilidade” aos principais accionistas de Barreras para dar unha solución “inmediata” aos “máis de 1.000 empregos que están en xogo” e ás empresas auxiliares que traballan na construción do buque.

Neste sentido, Francisco Conde asegurou que a Xunta se puxo en contacto cos tres principais accionistas do estaleiro (PMI, filial da petroleira mexicana PEMEX, o grupo de empresas de José García Costas e o grupo Albacora) e trasladoulles a súa “predisposición para estar na solución”.

“A Xunta de Galicia estará na solución e solicitará aos accionistas dúas cousas, que se manteña a carga de traballo que neste momento ten Barreras e que se lle dea unha resposta ás auxiliares, que son as que teñen un peso moi importante dentro da construción do buque e están a pasar por unha situación de dificultade”, destacou Conde.

Así, o conselleiro asegurou que o Goberno galego “condicionará a súa participación para dar unha solución” a que se poidan resolver estas dúas cuestións, “que son absolutamente prioritarias”.

Conde puxo a disposición de todos os axentes a capacidade de mediación da Xunta, así como os diferentes instrumentos que ten o Goberno autonómico no ámbito da colaboración “para estruturar desde o punto de vista financeiro o estaleiro”.

“Estamos a traballar e trasladámoslles ao accionariado que actúen con rapidez, responsabilidade e que acheguen unha solución que é o que neste momento necesitan os traballadores, máis de 1.000, e loxicamente a industria auxiliar”, reiterou.

Yolanda Díaz denuncia a “fraude de lei” e o “dumping” que sofre o sector automobilístico galego con Portugal

A cabeza de lista de Galicia en Común pola provincia de Pontevedra para as próximas eleccións xerais, Yolanda Díaz, denunciou este mércores a “fraude de lei” e o “dumping (competencia desleal)” que, ao seu xuízo, está a sufrir o sector da automoción en Galicia en comparación cos seus competidores de Portugal.

Tras reunirse en Vigo con representantes dos traballadores de PSA e da industria da automoción, Díaz asegurou que “é evidente que se está favorecendo de forma directa e indirecta tanto en termos laborais como de fiscalidade” a Portugal.

Neste sentido, sinalou a “fraude de lei”, xa que, segundo os seus datos, están a empregarse a traballadores dun lado e do outro da fronteira con condicións diferentes polo que “habería que controlar esa fraude”.

Tamén indicou que existe unha ferramenta legal, que é a cooperación entre interadministracións (Portugal e España), para favorecer que as inspeccións de traballo actúen en sentido único. “Isto como medidas prudentes, porque habería outras máis agresivas respecto doutro país. O que está claro é que isto está a pasar”, lamentou Yolanda Díaz.

Por iso pediu ao Goberno central que actúe para evitar “a deslocalización” e para defender “sectores estratéxicos”, como si fan, ao seu xuízo, Francia e Alemaña, xa que se trata dun sector “precarizado”.

CRÍTICAS AO GOBERNO

A deputada galega criticou que o Goberno “nunca faga nada” e que “a única política industrial que existe en España sexa a que non existe”. Así, criticou a “falta de previsión” do Executivo de Pedro Sánchez que “dun día para outro cambiou a súa posición” respecto da situación dos vehículos diésel.

Tamén o secretario xeral das Comisións Obreiras (CC.OO.) en PSA Vigo, Santiago García, lamentou que España “non está preparada para o coche eléctrico“. Segundo el, os vehículos ‘0 emisións’ son demasiado caros na actualidade, polo que as empresas non serán capaces de vender a cantidade de automóbiles eléctricos necesarios para non ser sancionados pola Unión Europea.

No caso de PSA, a compañía estimou que debe comercializar o ano que vén entre un 7 e un 9 por cento de vehículos eléctricos para cumprir coa nova normativa de emisións de Dióxido de Carbono (CO2).

Detido un home por disparar a outra persoa durante unha discusión por unha débeda

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a un home de 42 anos de idade, veciño de Vilagarcía de Arousa, como presunto autor dun delito de lesións, tras disparar a outro home co que estaba a discutir por unha débeda.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar de madrugada nunha vivenda da rúa Amieiro, entre Travesía de Vigo e Buenos Aires, cara onde se desprazaron varias dotacións tras recibir un aviso de que se escoitaran disparos.

Os primeiros efectivos que chegaron, axentes de paisano, observaron a través dunha xanela da casa que había dous homes no interior discutindo, e que un deles levantou unha man esgrimindo un arma de fogo.

Tras avisar ao resto de dotacións, os policías adoptaron as medidas de autoprotección precisas e achegáronse á porta da vivenda, no momento en que esta abría e saía o home armado. Aproveitando o factor sorpresa, os axentes lograron desarmalo e inmobilizalo.

DISPARO QUE ROZOU A CABEZA

No interior do domicilio, había outro home que sangraba pola cabeza. Segundo relatou aos axentes, mantivera unha discusión co primeiro home por unha débeda e a disputa subiu de ton ata que se encerellaron nunha pelexa.

O home coa ferida na cabeza golpeou ao outro cun obxecto e este sacou unha pistola e disparoulle, de tal modo que un proxectil lle rozou a cabeza. Ata o lugar desprazáronse efectivos de emerxencias médicas, que atenderon aos dous homes. Así, mentres que o presunto autor do disparo recibiu varios puntos de sutura, o outro home tivo que ser trasladado a un hospital, para que  lle extraesen os restos de proxectil que tiña aloxados entre os ósos do cranio e a pel.

O presunto agresor foi detido e, tras recibir asistencia médica, trasladado a Comisaría, onde se comprobou que ten antecedentes policiais. O arrestado e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda.

DETIDO POR VIOLENCIA MACHISTA

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un home, orixinario de Barcelona e de 41 anos de idade, F.B.G., como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras presentarse na casa da exparella, insultala e golpeala.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos tiveron lugar á primeira hora da mañá do luns, cando o 092 recibiu unha chamada dunha muller que alertaba dun episodio de violencia de xénero nunha vivenda do barrio de Teis.

Unha vez desprazados ao domicilio, os axentes entrevistáronse coa demandante, que explicou que a súa expareja presentouse no seu domicilio para reclamarlle diñeiro e varios aveños persoais.

Segundo o seu relato, o home comezou a insultala, e chegou a golpeala dándolle un lapote nas costas, polo que ela encerrouse na súa vivenda. Mentres, o home comezou a golpear a porta e a darlle patadas, de modo que abriu unha fenda na mesma.

Por outra banda, os policías entrevistáronse tamén co sospeitoso e este recoñeceu os feitos, aínda que matizou que, no transcurso da disputa coa súa expareja, ambos empuxáronse mutuamente.

O PSOE cuantifica os asistentes ao mitin de Casado en Vigo: “Foron 453 e un estrepitoso fracaso”

0

O PSOE de Vigo cualificou de “estrepitoso fracaso” o acto celebrado este domingo na cidade no que participaron o líder do PP, Pablo Casado; o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; e a candidata do PP á Alcaldía olívica, Elena Muñoz.

Segundo o secretario da agrupación socialista viguesa, Abel Losada, “a pesar das medias verdades e das fotos trucadas“, os asistentes a ese acto “foron 453”, nunha cidade de case 300.000 habitantes e nunha área metropolitana de medio millón de persoas.

Isto, incidiu, “mostra o rexeitamento e as costas que a cidade lle dá ao PP e ao seu proxecto para España e para Vigo”. “É un partido que se enfronta aos grandes obxectivos estratéxicos, pon paus na roda e dificulta desde as administracións que controla, como a Xunta de Feijóo, o desenvolvemento económico, urbano e social da cidade”.

Finalmente, Abel Losada sinalou que os ‘populares’ pretenden “blanquear unha realidade dura para o PP na cidade de Vigo” e que os cidadáns son conscientes, por iso “deixan baleiras as súas convocatorias”.

Ofrecen 1.000 euros de recompensa para quen descubra quen atou e tiroteou a unha cadela en Baiona

A Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber pediron este venres a “máxima colaboración cidadá” para que a Garda Civil poida resolver a morte a tiros dunha cadela no municipio pontevedrés de Baiona, que apareceu, ademais, coas patas atadas. Para iso, ofrecen unha recompensa de 1.000 euros para quen poida dar información sobre este crime.

Os colectivos sosteñen que alguén tivo que ver como levaban ao animal do coñecido barrio de Fontes, onde os veciños a alimentaban, dado o seu tamaño; ou o traslado do cadáver cara á zona afastada do núcleo urbano e de difícil acceso na que foi atopado, o que evidencia a “clara intencionalidade por ocultar o caso de malos tratos animais”.

As asociacións indican que a totalidade dos casos similares que ocorreron durante 2018 “seguen sen datos que posibiliten practicar detencións por posibles delitos de malos tratos animais”, polo que reclaman a colaboración cidadá.

Neste sentido, as entidades recordaron, como exemplo, outro caso ocorrido fai menos dun ano tamén en Baiona, no que un gato foi queimado cun soplete. Nese caso, as organizacións en defensa dos animais ofreceron idéntica compensación económica, pero aínda non hai datos sobre o autor destes malos tratos.

O vídeo polo que está fervendo o sangue en redes este Nadal: uns mozos fan esnifar a un ancián

0

“Ahí está. Tire para arriba agora si, carallo. Que boa é. A ‘Navidá’ ten que ser branca. branca ‘Navidá’, se nón non é nada. Iso vaille gustar. Tire para arriba. Que metimos nós primeiro, non ten problema”. Co acto de consumir a suposta droga e estas palabras dun dos mozos comeza o vídeo que está a viralizarse este Nadal.

Un grupo convence a un home da terceira idade a esnifar unha substancia, supostamente cocaína, na praza Fonte dos Ranchos (Lugo), o cal está a levantar moita polémica. Despois de tomar a droga, o ancián di que ten problemas do corazón, ao que contestan os mozos: “Se ten problemas do corazón non pasa nada, é para quitar a carbonilla, como os coches”.

O asunto non quedou só na resposta das redes, grazas ás cales o asunto trascendeu e identificouse a tres dos catro implicados na acción do ancián. O home, de 72 anos, alega que foi enganado, e dos catros mozos dous están en liberdade, un sen identificar e o outro xa foi posto a disposición xudicial. O ancián alega que primeiro de todo lle ofreceran fumar, e que el o rexeitou.

Os mozos enfróntanse a delitos de tráfico de drogas e incitación ao consumo (se o laboratorio determina que é cocaína), contra a saúde e integridade física, contra a intimidade e ata por coaccións.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia suspende o funcionamento da área metropolitana de Vigo

A Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de confirmar a suspensión do funcionamento da área metropolitana de Vigo e de todos os órganos que a compoñen, así como “da eficacia dos seus actos”.

A sala desestimou, por tanto, os recursos de apelación interpostos polos concellos do Porriño, Moaña, Vigo, Nigrán, Salceda de Caselas, Cangas e Gondomar contra o auto emitido o 5 de abril de 2017 polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 1 de Vigo. Contra o fallo cabe presentar recurso de casación.

O tribunal incide na resolución en que o “perigo inherente á non adopción da medida de suspensión” solicitada pola Xunta é que o “efecto útil” da posterior sentenza se vería “seriamente debilitado” porque a situación que pretendía evitar a demandante, é dicir, o comezo do funcionamento da área metropolitana de Vigo antes da integración efectiva do transporte urbano no Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, “xa se materializou e mantívose durante todo o tempo de tramitación deste procedemento xudicial ata o ditado da sentenza”.

Os maxistrados sinalan que, se se permitise que a área metropolitana operase, consentiríase “o exercicio de competencias administrativas con transcendencia para terceiros sen a certeza da legalidade do proceso de constitución da administración que estaría a exercer esas competencias, con grave risco para os principios de seguridade xurídica e de confianza lexítima dos cidadáns na regularidade da constitución das entidades e órganos administrativos cos que se relacionan”.

“Sería dificilmente comprensible que non se tutelase polo órgano xudicial a preservación destes principios esenciais e non se suspendese preventivamente o funcionamento dunha entidade administrativa recentemente constituída cando se recorren todos os acordos da súa sesión constitutiva e cando está en cuestión mesmo a procedencia legal de que tal entidade puidese entrar en funcionamento nese momento ou mesmo na data de hoxe”, indica o TSXG.

“Ninguén debería lucrarse das catástrofes”: reclaman a xestión pública de tódolos bombeiros galegos

3

Miguel González Ucles, bombeiro en Vigo e presidente da Plataforma de Bombeiros Públicos de Galicia, ademais de voceiro da CUPB, a maior asociación de bombeiros de todo o Estado, considera moi mellorable a xestión da catástrofe de Paramos, aínda que si foi mellor levada que outras anteriores coma os incendios do pasado outono.

“Polo menos desta vez xa houbo unha intención de garantizar a seguridade, pero a nivel organizativo estamos como mesmo, traballando por simpatía profesional, precisamos un estatuto”, denuncia.

Ucles defende que para garantir unha garantía esencial como é a da seguridade tras una catástrofe coma a que provocou a explosión de Tui hai moito que traballar pola unidade dos corpos de bombeiros, e polo tanto que todos pertenzan á administración pública.

“A empresa o que fai é intentar aforrar diñeiro, enviando á xente de vacacións aínda que poida producirse unha catástrofe. A maioría dos bombeiros galegos aínda pertencen á empresa privada, e o problema non é destes traballadores senón das empresas que, como tamén é lóxico, están polo seu beneficio. E das traxedias non se debería lucrar ninguén”, sentencia.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

E iso provoca que non teñan “unha regulación que nos equipare, nin unha xestión directa entre todos, cando deberíamos ser un corpo totalmente público. Chegamos diferentes equipos de distintas plantas a restablecer a seguridade tras unha traxedia, e, como nos organizamos? Quen manda sobre quen? Organizámonos como cadra e malamente sobre o terreo, por suposto, pero debería ser algo natural, non parte de noso traballo, porque por suposto debémonos ás vítimas e aínda así buscamos o traballo en equipo e facémolo o mellor posible”.

Considera que cunha xestión unitaria e regulamentada os bombeiros mellorarían a súa capacidade operativa e substancialmente potenciaríase a calidade do seu servizo. Así, lamenta que “en Galicia levamos 15 anos cun modelo dual entre o público e o privado no servizo de bombeiros. Salvo excepcións, os que traballan na cidade son funcionarios públicos, e os dos concellos pequenos dependen da xestión dunha empresa privada”.

E este modelo, defende, non está a funcionar: “Eles traballan con temporalidade, inseguridade, falta de medios… a diferencia de intervención é brutal. E en Galicia hai máis de 400 bombeiros privados, e menos de 400 públicos. É dicir: a maioría dos bombeiros de Galicia dependen dos consorcios. E a xestión privada deste sector está a ser un fracaso, economicamente tamén”.

Explosión de Tui / Miguel Núñez

“A unión entre os corpos de emerxencias é algo básico nun lugar como Galicia, co dispersa que está a súa poboación. Hai multitude de exemplos de bombeiros organizados pola administración que funcionan ben, por toda España. Cando hai catástrofes así é necesario o traballo en equipo, polo que hai que dar un paso adiante: o que reclamamos é fundamental”, conclúe.

Miguel asegura que non pararán de facer forza ata que isto cambie, “como servidores públicos que somos, temos a obriga de loitar por un servizo mellor para os cidadáns, e convencer aos políticos, porque debémonos ao cidadán de a pé, a quen sufriu unha desgracia, non aos partidos”.

Fai anos xa que traballan pola xestión pública total dos corpos de bombeiros, e contan con reverter o modelo xa este ano na provincia da Coruña, e pronto en Lugo e Pontevedra: “en Ourense xa é máis complicado, aínda sendo a rexión da Comunidade Económica Europea que máis arde e máis gasto ten. Hai moito diñeiro correndo, pero aquí non fai falla que ninguén se enriqueza coas catástrofes”. Por este mesmo obxectivo, Miguel participará nunha reunión en Madrid a vindeira semana.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed