Inicio Blog Páxina 1695

Detido en Vigo un mozo de 21 anos por empurrar e agarrar polo pescozo a súa parella, á que xa agredira antes

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron a un mozo de 21 anos de idade, X.R.P., como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras empurrar e agarrar polo pescozo a súa parella, á que xa agredira en ocasións anteriores.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron á primeira hora da tarde do pasado venres, cando a central do 092 recibiu unha chamada dunha testemuña que vira un episodio de malos tratos en plena rúa, no barrio de Coia.

Unha dotación policial desprazouse á zona e entrevistouse con esta testemuña, que relatou que escoitara unha acalorada discusión entre un mozo e unha moza na rúa, e que o home empuxara a muller, agarrándoa fortemente polo pescozo e colocando a cabeza dela baixo o seu brazo, mentres a apertaba contra o seu corpo.

Os axentes dirixíronse á rúa Soutomaior, por onde se fora a parella. A muller relatou que tivera unha discusión co mozo por un problema relacionado cun teléfono móbil, e que el comezara a agredila de forma violenta e repentina.

Os axentes observaron que a moza tiña un pómulo amoratado, e ela mesma recoñeceu que debido a agresións anteriores presentaba hematomas por todo o corpo, polo que foi levada a un hospital.

Pola súa banda, o home manifestou de maneira espontánea que tivera unha forte discusión coa súa parella e que esta “acabara mal”.

Ao ser informado de que sería detido por un suposto delito de violencia de xénero, o mozo reaccionou de forma agresiva e comezou a propinar patadas ao vehículo policial. Os axentes trasladárono a un centro médico, onde lle deron sedantes para controlar a súa conduta.

O comité de Maderas Iglesias pide a intervención da Xunta para evitar a perda de 150 empregos

0

O comité de de Maderas Iglesias, firma de fabricación de tarima flotante situada no Porriño, urxiu este martes a implicación da Xunta de Galicia para buscar unha solución á grave crise que afecta á empresa desde hai anos, xa que está prevista a próxima poxa dos terreos da factoría e iso levaría á súa liquidación.

O persoal está a intensificar os contactos institucionais para tratar de buscar unha saída ‘in extremis’ e salvar os 148 postos de traballo dunha empresa que chegou a ser un provedor referente no sector da construción en toda España e que tivo en nómina a 800 traballadores.

O comité lembrou que esa saída pasaría por un acordo coas entidades financeiras acredoras ou pola chegada dun investidor, pero “non se pode perder máis tempo” porque o xulgado do Porriño prevé sacar a poxa os terreos da empresa proximamente.

Os representantes dos traballadores mantiveron contactos coas alcaldesas do Porriño, Mos e Salvaterra, e prevén reunirse en próximas horas co rexedor de Ponteareas (tamén teñen pendente un encontro con representantes do Igape), co fin de facer “unha fronte común” dos municipios de onde proceden os traballadores e lograr salvar os empregos.

Maderas Iglesias atravesa unha grave crise desde a ‘picada’ da burbulla inmobiliaria e, desde 2010, encadeou EREs, despedimentos, folgas, atrasos no pago a provedores e no pago de salarios, e unha infinidade de problemas.

Segundo lembraron os traballadores, a Xunta “comprometeuse” no seu día a axilizar unha posible solución, “pero pasa o tempo e todo segue igual”. “Agora estamos diante da última oportunidade, porque a poxa dos terreos sería o fin da empresa”, lamentaron desde o comité.

Un vehículo choca contra unha casa deshabitada en Vigo

Un vehículo chocou na mañá deste mércores contra unha casa deshabitada situada na parroquia viguesa de Lavadores. Con todo, o condutor do turismo resultou ileso.

Segundo informou o CIAE 112 Galicia, sobre as 10,30 horas recibiu o aviso dun accidente no que vehículo chocara contra un inmoble deshabitado na intersección entre os camiños de Traída das Augas e Pedrosa.

O CIAE sinalou que, segundo testemuñas, o turismo circulaba a unha velocidade elevada pola zona e acabou precipitándose por un desnivel, o que culminou co impacto contra a casa.

Tras o aviso, o 112 avisou aos profesionais sanitarios e aos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local. Ademais, informouse os bombeiros de Vigo e aos voluntarios de Protección Civil por se fose necesaria a súa colaboración.

Unha avaría na válvula dun depósito provoca unha fuga de gas en Ponteareas

0

Unha avaría na válvula dun depósito provocou unha fuga de gas no termo municipal de Ponteareas (Pontevedra), pero non houbo persoas afectadas.

O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia tivo constancia do sucedido sobre as 17,30 horas deste mércores, cando efectivos de Protección Civil da localidade comunicaron a súa saída ao servizo de emerxencias.

Segundo indicaron, fora alertados por un particular dun cheiro a gas na vía pública, na Praza da Perillana, en Ponteareas. Segundo o seu relato, había varios depósitos de gas pertencentes aos veciños dun edificio situado na devandita Praza. Por iso, o 112 Galicia puxo os feitos en coñecemento dos Bombeiros de Ponteareas e da Policía Local, que xa tiñan constancia do sucedido.

Así mesmo, aínda que o alertante asegurou que non había persoas afectadas, por parte do 112 avisouse, por precaución, a Urxencias Sanitarias de Galicia-061.

Tras chegar ao lugar e confirmar o cheiro na rúa, os bombeiros comunicaron que se tratou dunha avaría na válvula dun dos tres depósitos que había no edificio e que contiñan gas propano. Un deles, o avariado, baleirouse, e foi o que provocou a fuga.

A zona foi acordoada, mentres xunto cos técnicos da empresa subministradora procederon a facer o transvasamento do gas dos outros dous depósitos afectados. Non houbo feridos e tampouco foi necesario desaloxar aos veciños das súas vivendas, pero, segundo indicaron os bombeiros, aconselláronlles que pechasen as xanelas. O mesmo corpo confirmou que, tras facer o transvasamento, a avaría quedou liquidada.

Un camión baleiro arde nos arredores de Vigo

Un camión que non transportaba mercadorías perigosas ardeu este venres pola mañá na parroquia de Valadares, situada no termo municipal de Vigo.

Segundo informou o 112 Galicia, un particular alertou do ocorrido ao redor das 11,50 horas, polo que se notificou este feito aos bombeiros, a Policía Local e o corpo de Protección Civil da cidade olívica.

Deste xeito, efectivos do parque auxiliar de bombeiros de Balaídos desprazáronse á zona e apagaron as chamas orixinadas no camión, que se atopaba baleiro.

Adicionalmente, fontes do corpo antiincendios confirmaron que o incidente rexistrado en Valadares non deixou feridos.

Nigrán desinfecta os accesos a residencias de maiores, supermercados, froiterías, panaderías, farmacias e centros de saúde

0

O Concello de Nigrán, a través da concesionaria de limpeza Cespa, emprendeu hoxe a desifección integral dos accesos ás cinco residencias de maiores do municipio e da súa contorna inmediata, traballo que se manterá mentres continúe a crise sanitaria. Deste xeito, o Concello de Nigrán asume por completo no seu territorio o labor que nas grandes cidades está a realizar a UME.

No municipio existen cinco residencias, Bellavista Care (Priegue), vivenda comunitaria A Fortaleza (Nigrán), Stella-Maris San Rosendo (Panxón), Bodía (Nigrán) e Residencia Monteferro.

“Non temos ao exército pero desde o Concello de Nigrán queremos e podemos garantir estes traballos de desinfección. Os maiores son o colectivo máis vulnerable ante o Covid-19, hai que protexelos ao máximo e, no caso das residencias, son lugares especialmente sensibles onde é preciso extremar todas as medidas preventivas para que o virus non penetre”, indica nun comunicado o alcalde, Juan González.

Desinfección interior de contenedores de lixo

Paralelamente, o Concello de Nigrán incrementou desde a semana pasada a desinfección dos contedores de lixo para que esta non se limite ao exterior e inclúa o interior e, tamén desde a semana pasada e a requerimento do Concello, a concesionaria desinfecta os accesos a supermercados, froiterías, panaderías, farmacias e centros de saúde.

Desde o inicio da crise do Covid-19 xa se aumentara a desinfección de todo o mobiliario urbano do municipio, con especial atención ás marquesinas e bancos onde as persoas agardan ao autobús e aos contedores.

“Todas as zonas consideradas sensibles, que son aquelas nas que se concentra xente, reciben unha desifencción periódica co fin de evitar calquera posible propagación do virus. Nunha situación como a que estamos a vivir todas estas medidas son especialmente importantes”, sinala Juan González.

A Policía Local intervén nunha quincena de locais de Vigo para esixir que pechen

Os corpos e forzas de seguridade tiveron que intervir en varios municipios da xeografía galega ao longo deste sábado para asegurar o peche de locais de lecer e evitar aglomeracións nos supermercados. Todo iso co obxectivo de cumprir coas directrices da emerxencia sanitaria decretada este venres pola Xunta ante a incidencia do novo coronavirus.

E é que, a pesar de que o Goberno galego decretou o peche durante 14 días de bares, restaurantes e cafetarías, así como de centros comerciais –salvo a venda de produtos alimenticios– desde a pasada medianoite, algúns establecementos puntuais decidiron abrir de novo esta mañá.

Este é o caso de Vigo, cidade na que a Policía Local tivo que acudir a unha quincena de locais para lembrar aos seus responsables que non poden abrir as súas portas. Aínda que “en principio está a avisarse”, sinalan fontes do corpo municipal, advírteselles de que incumprir reiteradamente as directrices da Xunta pode carrexar sancións. “Moita xente tómao de broma”, lamentan.

Á parte destes actos desobedientes, a emerxencia sanitaria e o inminente estado de alarma que decretará o Goberno a partir do luns, con restricións nos desprazamentos, provocou nos últimos días aglomeracións de cidadáns ao redor dos supermercados nos que, en ocasións, teñen que personarse as forzas da orde.

A xuíza ordena seguir por homicidios imprudentes a causa do accidente no que morreron tres mozos na AP-9 en Vigo

0

O Xulgado de Instrución número 5 de Vigo concluíu a investigación do accidente no que morreron tres novos na AP-9 en Vigo, en maio de 2019, e ditou un auto no que ordena seguir a causa pola suposta comisión de tres delitos leves de homicidio por imprudencia e un de lesións.

Segundo resolveu a xuíza neste auto, que pode ser recorrido, a causa, na que se investiga o condutor do vehículo, debe rexistrarse como un xuízo por delito leve.

A resolución estableceu que, de acordo cos informes e atestados elaborados pola Garda Civil, os feitos tiveron lugar o 29 de maio de 2019 sobre as 21,30 horas no punto quilométrico 0,800 da AP-9, en dirección Vigo.

Así, apuntouse que o condutor, M.M.V., perdeu o control do turismo tras realizar un adiantamento mentres circulaba a 138 quilómetros por hora nun tramo limitado a 100. Deste xeito, o coche saíuse da vía pola marxe esquerda, “indo chocar contra unha blonda metálica de protección lateral e contra un alicerce de formigón para acabar envorcado sobre o teito”.

A titular do xulgado tamén sinalou que tres dos cinco ocupantes faleceron e outro resultou ferido como consecuencia do sinistro, que tivo lugar tras “a realización por parte do denunciado dunha manobra evasiva errónea motivada por unha perda de control do vehículo”. Este suceso relacionouse así coa “velocidade excesiva” á que transitaba o coche e “a inexperiencia e falta de pericia do denunciado”.

ACCIDENTE

O accidente, ocorrido á altura da Raqueta de Torres de Padín, na parroquia viguesa de Teis, saldouse co falecemento de tres persoas de 17 anos, Sara C., Bieito L., e Sofía P. Mentres, o condutor, M.M.V., que nese momento tiña 18 anos, e o copiloto foron trasladados ao hospital.

Así mesmo, os resultados das probas de consumo de alcol e drogas realizados ao mozo que conducía o coche no momento do accidente arroxaron resultaron negativos.

Posteriormente, en xullo, o Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes (DIRAT) da Garda Civil desprazouse ao lugar do sinistro para coñecer as posibles posibles causas do accidente e as circunstancias nas que se produciu.

Caballero destaca que o tempo medio de pago do Concello é de 10 días

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que, en novembro, o tempo medio de pago do Concello situouse en 10 días, o que supuxo que a Administración local reducise o período de abono nun día respecto ao mes anterior.

No marco dunha rolda de prensa celebrada este mércores na cidade olívica, o rexedor detallou que o Consistorio realiza unha media de 17.000 pagos trimestrais por valor de 36 millóns de euros.

Mentres, contrapuxo este dato co feito de que a media de pago dos concellos españois se sitúe en “50 ou 60 días” e, a da Xunta, “en 19”. Así, puxo en valor o labor de xestión do goberno local mentres criticou que a débeda do Executivo autonómico se sitúe en “máis de 11,5 millóns de euros” a pesar de que, cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á Presidencia, roldaba os 4 millóns de euros.

Por outra banda, Abel Caballero instou ao Goberno galego a apoiar a iluminación do Nadal da cidade, dado que, segundo datos do Consistorio, atraeu a 700.000 persoas a Vigo na ponte da Constitución. Así, resaltou que ese fin de semana acudisen á urbe olívica “máis persoas das que percorren o Camiño de Santiago cada ano”.

Falece nun forte atropelo un octoxenario en Redondela

Un home duns 80 anos faleceu nun forte atropelo ocorrido na mañá deste domingo en Redondela. A vítima transitaba por unha estrada estreita sen beiravía da parroquia do Viso.

Segundo indican fontes de Protección Civil a Europa Press, trátase dun veciño da zona que foi alcanzado por un turismo pouco antes das 11,30 horas, cando camiñaba pola EP-2901, sen unha zona habilitada para peóns.

Estas mesmas fontes aseguran que ao condutor do coche implicado se lle practicaron os preceptivos test de alcol e drogas, nos que deu negativo.

Ata o lugar do accidente desprazáronse efectivos sanitarios en dúas ambulancias, unha asistencial e outra medicalizada, que trataron de reanimar ao home. Con todo, tal e como informa o 112 Galicia, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Ademais do persoal médico, interviñeron no punto a Garda Civil de Tráfico, os bombeiros de Vigo e Baixo Miño e a Policía Local. Protección Civil procedeu á limpeza dos restos do turismo que había na vía tras o ocorrido.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed