Inicio Blog Páxina 168

Investigan a morte dun home nunha nave abandonada en Vigo

0

A Policía Nacional abriu unha investigación para esclarecer as circunstancias da morte dun home, cuxo cadáver foi localizado este domingo nunha nave abandonada da rúa Jacino Benavente e que, segundo apuntan as primeiras hipóteses, sufriu un accidente ao precipitarse desde unha altura.

Os feitos ocorreron sobre as 14.00 horas na antiga nave de Pescanova que está en Jacinto Benavente, un espazo en desuso desde hai anos no que adoitan pasar a noite persoas sen teito e onde xa se rexistraron outros incidentes, como incendios. Segundo confirmaron fontes policiais, á espera do resultado da autopsia para coñecer as causas da morte, non hai indicios de criminalidade.

Vigo rozará o “cheo total” polo aceso do Nadal, segundo Caballero

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que a ocupación hoteleira para esta fin de semana na cidade, data na que se producirá o aceso das luces de Nadal, supera o 86 %. Nun audio difundido aos medios de comunicación, o rexedor reivindicou o “cheo total turístico” que supón esta data para a cidade, subliñando que se trata do “fenómeno turístico máis importante de Galicia que houbo nunca”.

El apostilou que o pulo do Nadal de Vigo nótase non só no resto da provincia de Pontevedra, senón tamén en Ourense e en Santiago. Ademais, volveu a aproveitar para cargar contra a Xunta e contra a Deputación, por “estar en contra” e “apoiar a aqueles grupos que queren apagar o Nadal”, segundo dixo. Entre outras cuestións, noutro audio gravado e enviado á prensa, Caballero dixo que o Bus do Nadal de Vigo arrincará o domingo 16, cunha imaxe “distinta” e iluminación. O percorrido será de 45 minutos.

A CIG denuncia que os buses de Vigo circulan con horarios “imposibles”

A sección sindical da CIG en Vitrasa, a concesionaria do transporte público de Vigo, denunciou a “degradación” deste servizo na cidade, polos seus horarios “obsoletos” que fan “imposibles” as rutas e dificultan unha “condución responsable”. Nun comunicado, o sindicato lamentou que estes horarios “obrigan ao persoal a ter mesmo que renunciar aos descansos entre viaxes para poder cumprilos”.

“Cumprir cos horarios na maioría das rutas resulta imposible, xa que están totalmente desactualizados e quedaron obsoletos ao non ter en conta cuestiones como a cantidade de obras existentes na cidade, o aumento de viaxeiros, o maior número de semáforos, a falta de carrís de bus ou as limitacións de velocidade da vía“, defendeu a CIG.

Tamén puxo o foco nas luces de Nadal de Vigo, lamentando que o plan de tráfico para as festas continúa facendo pasar aos Vitrasa pola zona de maior afluencia de visitantes e compartir estrada cos turistas. “En consecuencia, á tensión que xeran os atrasos habituais neste período súmase o risco de ter que transitar por unha zona chea de viandantes que pasean despistados pola principal zona da iluminación do Nadal”, apuntou o sindicato, pedindo que se eviten esas vías e que se amplíen os tempos dos percorridos.

Condenado a 13 anos e medio de cárcere o autor do crime de Coia: tres atenuantes rebaixan a pena

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra impuxo penas que suman 13 anos e medio de prisión para José Luís M.C., a quen un tribunal de xurado achou culpable do delito de asasinato e do delito de tenencia ilícita de armas, polo coñecido como crime de Coia. Así, en base ao veredicto, a Audiencia considerou probado que este vigués matou a un home ao que coñecía desde facía anos, Francisco Javier B.D., que se presentou no seu domicilio na noite do 6 de abril de 2024, armado cun machete e unha barra metálica.

A maxistrada presidenta indica na sentenza que o acusado lle abriu a porta da súa vivenda portando unha escopeta, coa que realizou dous disparos, un dos cales o efectuou a menos dun metro de distancia da vítima, impactando na súa fazula e rexión cervical esquerda, o que lle causou a morte. Tal e como concluíu o xurado, a resolución indica que o acusado actuou aceptando que podería acabar coa vida da vítima e sen que esta tivese oportunidade de defenderse. Ademais, os disparos realizounos cunha escopeta que tiña na súa casa, carecendo de licenza, e co número de serie borrado, polo que era unha arma prohibida.

No momento dos feitos, José Luís tiña as súas capacidades levemente afectadas polo consumo de cannabis e cocaína e por estar diagnosticado dun trastorno de saúde mental. Así mesmo, a Audiencia sinala que actuou “por pánico ou terror tal, ante a presenza da vítima cun coitelo e unha barra de aceiro, que limitou levemente a súa capacidade de actuar doutra maneira”. Igualmente, na sentenza indícase que, cando xa estaba detido pola Policía como posible autor dos feitos, o acusado confesou a autoría, o que contribuíu de forma eficaz á investigación.

ATENUANTES E PENAS

Deste xeito, á hora de ditar as penas, a Audiencia tivo en conta as circunstancias atenuantes de alteración psíquica, medo insuperable e confesión. Polo delito de asasinato con aleivosía condénao a 12 anos e medio de prisión, e polo de tenencia ilícita de armas imponlle un ano de cárcere. Con respecto á responsabilidade civil, establece que deberá indemnizar aos familiares do falecido (pais, irmás e fillos) en cantidades que suman máis de 386.000 euros, e pagar outros 609,01 euros a un veciño cuxo coche foi alcanzado por un dos disparos da escopeta, causando danos materiais.

Inicialmente, a Fiscalía pedía para José Luís M.C. penas que sumaban case 22 anos de cárcere, mentres que a acusación particular pedía 23 anos e medio de prisión. Tras a celebración do xuízo e co veredicto do tribunal de xurado, as acusacións tiveron que rebaixar as súas peticións, ao apreciar o tribunal popular eses tres atenuantes. Ministerio Público e acusación particular modificaron as súas conclusións e pediron penas que sumaban case 17 anos de cárcere. Finalmente, a Audiencia acordou penas que suman 13 anos e medio de prisión, nunha sentenza que non é firme, e que pode ser recorrida en apelación ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

Feridas dúas persoas tras rexistrarse un incendio nunha vivenda de Vigo

0

Dúas persoas resultaron feridas e tiveron que ser evacuadas a un centro sanitario tras rexistrarse un incendio nunha vivenda de Vigo, segundo informou o CIAE 112 Galicia. Os feitos ocorreron sobre as 19.30 horas deste domingo, cando un particular alertou a Emerxencias porque saía fume da azotea dun edificio na rúa Andalucía. Pouco despois, outros particulares chamaron ao 112 para confirmar que tamén había fume nos corredores do inmoble e no patio.

O 112 avisou aos bombeiros da cidade, á Policía Local e á Policía Nacional, ademais do 061. Os servizos extinción apagaron as chamas, que calcinaron o interior dun piso, e os sanitarios trasladaron a dúas persoas a un centro hospitalario con queimaduras.

Prisión provisional para a muller detida polo homicidio dun home sen fogar na antiga estación de autobuses de Vigo

A muller detida como presunta autora da morte dun home acoitelado na tarde do pasado xoves na antiga estación de autobuses de vigo foi enviada a prisión provisional, comunicada e sen fianza. Segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), a maxistrada do Xulgado de Instrución número 5 de Vigo acordou o ingreso en prisión da muller, investigada por homicidio.

A acusada foi posta este sábado a disposición xudicial tras ser detida o pasado xoves despois da morte dun home, Roberto C.C. de 56 anos de idade, que faleceu apuñalado na antiga estación de autobuses da Avenida de Madrid, onde pasan a noite habitualmente pasan a noite persoas sen fogar.

Tal como informaron fontes da Policía Nacional, os feitos ocorrerían pouco antes das 19.00 horas, cando un home foi apuñalado supostamente pola muller. Ata o punto desprazouse a policía científica e xudicial, que investigan os feitos. Tamén dúas ambulancias de soporte vital básico e avanzado do 061 que, a pesar de realizarlle manobras de reanimación cardiopulmonar, non puideron facer máis que confirmar a morte do home.

Segundo confirmaron fontes da investigación, tanto o falecido como a muller detida son persoas sen fogar que adoitan pasar a noite nesta antiga estación de autobuses. Veciños e familiares da vítima que se desprazaron ao momento lamentaron o ocorrido, asegurando que o home levaba vivindo en zona máis de medio ano, mentres que o seu presenta agresora, que non alcanzaba os 40 anos segundo indicaron, só un mes.

Caballero, ao coñecer que León impartirá Medicina en 2026: “A Vigo, a Xunta négalle unha facultade. É un escándalo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cargou de novo contra a Xunta de Galicia en relación á descentralización de Medicina. Tras coñecer que León empezará a impartir Medicina o curso que vén –e proximamente contará con facultade propia–, censurou: “A Vigo, a Xunta négalla. É un escándalo”. Os tres reitores das universidades galegas (A Coruña, Santiago e Vigo) e os conselleiros de Educación e Sanidade anunciaron o xoves un preacordo sobre a descentralización do Grao en Medicina da USC, que, en principio, seguirá adiante coa creación de novas unidades docentes.

O rexedor vigués xa cargou o venres contra a Xunta por “deixar a Vigo sen facultade”. Este sábado, nun audio remitido aos medios, reiterou as súas críticas apoiándose no caso de Castela e León, con centros propios de Medicina en Salamanca e Valladolid e aos que se sumarán os de León e Burgos. Esta semana, a Xunta certificou que Medicina se empezará a impartir en León o curso que vén, aínda que a facultade tardará máis. “A Vigo, que é a cidade máis importante do oeste de España, a Xunta e Rueda négalle unha Facultade de Medicina. É un escándalo”, cargou Caballero.

Caballero acusa a Rueda e o PPdeG de deixar a Vigo sen Facultade de Medicina: “É unha pésima noticia”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou este venres como unha “noticia pésima” o acordo alcanzado entre a Xunta e o tres universidades para a descentralización da docencia do Grao de Medicina, e denunciou que “ao final, a Xunta e Rueda deixaron a Vigo sen facultade“. Nunhas declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico ha insistido en que Vigo “é a maior cidade de España que non ten facultade de Medicina” e criticou que “Rueda impuxo un modelo atrasado e que xa fracasou”.

Para o alcalde, a descentralización do segundo ciclo do grao “é intolerable”, porque os estudantes teñen que seguir facendo os tres primeiros cursos en Santiago. “Acábannos de quitar unha facultade, porque este era o momento e hai unha gran demanda nesta cidade“, proclamou e esixiu ao presidente da Xunta e ao PP de Vigo que expliquen á cidade “por que” Vigo quedou sen facultade. Caballero advertiu de que seguirá demandando ese grao para a cidade porque “é moi importante” para a cidade e para os profesionais da sanidade e denunciou que o acordo sobre a descentralización supón “darlle privilexios da Idade Media a Santiago, contra a cidade máis importante de Galicia, que é Vigo”.

“É unha mala decisión”, reiterou. O alcalde avanzou que lle pedirá “contas” a Alfonso Rueda por “negarlle a Vigo unha facultade de Medicina” e polo “antiviguismo” do seu goberno e do PP local, que son “responsables” de que a cidade non teña ese grao. “Eu quero que Rueda o explique”, sentenciou.

A Xunta e o Porto de Vigo dan por finalizada a limpeza da vertedura de aceite de palma na ría

Tras unha semana de traballos de retirada e contención, a Xunta e o Porto de Vigo deron por concluída a limpeza dos restos de aceite de palma vertidos na ría. Ambas administracións rebaixaron os seus plans de emerxencia, coa Autoridade Portuaria desescalando o Plan Interior Marítimo á Fase 1, e prevendo alcanzar a Fase 0 nos próximos días. Pola súa banda, o plan CAMGAL da Xunta descende de Fase 1 a fase de alerta.

O operativo permitiu recoller todos os restos detectados nas dársenas do estaleiro San Enrique e limpar o peirao de Areal e as súas canalizacións. En terra, persoal do Porto e de Gardacostas continuará a vixilancia nas praias, con cuadrillas preparadas para actuar de inmediato se aparecesen novos residuos.

O temporal dos últimos días provocou a chegada de restos a praias de Moaña, que foron recollidos por persoal da Policía Portuaria e de Tragsa. O material está agora en mans dun xestor autorizado, que avalía o seu tratamento. Segundo a Xunta e o Porto, o aceite —unha graxa vexetal destinada á elaboración de pensos— non é soluble en auga nin deixa danos ambientais. O presidente portuario, Carlos Botana, agradeceu o esforzo dos equipos e a colaboración cidadá “desde o minuto 1”.

O alto tribunal galego mantén a condena a un home por abusar dunha muller mentres durmía

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación dun home condenado a catro anos de prisión por un delito de abuso sexual con penetración, cometido no seu domicilio de Vigo. A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra impuxéralle tamén cinco anos de liberdade vixiada, o afastamento da vítima durante seis anos e unha indemnización de 6.000 euros.

A sentenza considera probado que a vítima acudiu á casa do acusado para pasar a noite. Tras cear e tomar unha copa, a muller tomou a medicación pautada polo seu psiquiatra e quedou profundamente durmida. Aproveitando esa situación de vulnerabilidade, o home realizoulle tocamentos e introduciulle os dedos na vagina, sen o seu consentimento.

O TSXG rexeitou os argumentos da defensa, que alegaba erro na valoración das probas e vulneración do dereito á presunción de inocencia. O tribunal destacou que existen probas de cargo “claras e suficientes” que avalan a condena imposta pola Audiencia Provincial e eliminan calquera dúbida sobre a súa culpabilidade.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed