Inicio Blog Páxina 1679

Xesús Feás, investigador: “A velutina xa chegou ás Cíes e periga o seu fráxil equilibrio”

O académico Xesús Feás é un investigador multidisciplinar centrado no estudo da velutina e o seu impacto nas abellas. En 2017 foi seleccionado para coordinar a obtención dun biocida contra a vespa asiática, investigación que permitiu sintetizar dúas feromonas e obter o veleno da especie.

Feás aspira a concienciar dos efectos globais da vespa invasora e combater a desinformación. Foi entrevistado por Óscar Bernárdez, do Lugo Xornal, para esclarecer os perigos que rodean a esta especie invasora. A súa expasión, segundo sinalan numerosos expertos, é invitable.

Xesús Feás defende que a velutina estará presente en actividades cotiás, no desbroce, no coidado de monumentos, no tráfico e na intendencia. E que esnaquizará os ecosistemas máis delicados: “Teño referencias de que chegou ás Illas Cíes, co seu fráxil equilibrio: flores, insectos, paxaros”.

“Dóeme cando vexo imaxes en medios que non corresponden coa vespa velutina”. A pesar da enorme cantidade de información que xera a expansión da especie por Galicia, segue a haber confusión arredor das súas características distintiva: “Se das un aviso e non é unha vespa velutina, estás mobilizando recursos e persoas. O básico ten que ser a identificación, e aínda non a hai, non todo é velutina”.

Vespa velutina/ Karine Monceau

Inquirido por un retrato rápido, Feás comenta que “a velutina é de corpo negro e ten as patiñas amarelas, nas últimas porcións das patas”, en contraste coa vespa crabro ou europea, máis grande e totalmente marrón.

A especie asiática “é máis oscura no abdome, cunha banda alaranxada”. O investigador opina que “tamén é responsabilidade dos científicos baixar á rúa” e transmitir as características básicas.

Pensando nas zonas aínda por colonizar pola velutina, Feás pide dotalas de coñecemento previo para non repetir os errores de Francia, España, Portugal ou Inglaterra. “Cando pasa o primeiro ano, o primeiro ciclo biolóxico, hai que prepararse para o peor”.

“Non se trata de matala rapidamente, senón de que poida voar e levar o insecticida ao niño”, subliña. Para iso fixeron commprobacións sobre se a velutina detecta o compoñente, medindo a concentración que permite unhas horas de vida no insecto: “Buscamos un medio máis eficaz para acabar cun niño, que non se empreguen litros de insecticida que gotean no ambiente”.

Avespa velutina devora a carne dun golfiño varado en Cangas/ Cemma

“Ten que ser unha loita intelixente”. Manipular o biocida pode comportar riscos. “Como limpas o traxe? Non é quitalo e deixalo, aínda está por aparecer un traxe de protección adecuado, cunha tea que sexa pouco pesada, transpirable e que protexa contra a picadura do insecto; non o hai”.

“O que temos é un traxe inviable, abafas nel da calor. Os bombeiros non teñen un protocolo previo e posterior de actuación, moitos decatándose logo de que lle choraban os ollos e se sentían mal”. Esta situación é compartida polos bombeiros de Ourense, “que reclaman medidas de protección”.

“A min preocúpame moito a apicultura, un piar fundamental para a biodiversidade e a nosa alimentación, proque se non hai polinización non hai froitos, non hai sementes, iso afecta aos campos”, lembra.

Malia isto, matiza Feás que hai outras especies en risco: “Os apicultores dan a alarma porque cada parte ten o seu interese no asunto. Pero o resto de insectos que a velutina depreda, quen os coida?”. “As abellas sairán adiante, os apicultores as reproducen e coidan”.

Niño de vespa velutina nas Illas Cíes / Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia.

Xunto a este aspecto, cuestiona a actitude da sociedade fronte a velutina, tentar erradicar a súa presenza cando xa forma parte do ecosistema. Por iso di estar en contra do trampeo masivo. “Temos datos: un estudo no País Vasco, trampeo do 1 de setembro ao 30 de novembro; de 54.303 insectos, só 55 eran velutinas”. Asegura que os científicos deben avaliar a efectividade de toda acción, polo que é a súa responsabilidade ter en conta os efectos colaterais.

Nese senso, di estar en contra do trampeo: “Agora ben, tampouco lle podes dicir ao sector apícola que non poña trampas; pero o que se faga, que sexa selectivo e baixo control”.

Ademais de afectar ao traballo no campo, a velutina dana a froita e a uva, iniciando antes de tempo a fermentación. Feás tamén cita casos do País Vasco nos que a vespa asiática ataca o peixe nos barcos, “peixe danado que non vai ter saída comercial”.

Logo está a afectación psicolóxica nos apicultores, que desenvolven un vínculo coas abellas: “Cando morre unha colmea, a enterra coma se fora familia”, lembra.

E de novo aparece a importancia da abella na biosfera: “O máis importante da apicultura non é o mel, é o servizo público de polinización. Sen abellas os ciclos naturais non se renovan, todo está en relación, os froitos polinizados por insectos duran máis tempo e son máis sabrosos”.

Claro que, onde hai un problema, pode aparecer unha oportunidade: “A velutina ten que servir para reformular o sector apícola e coidalo como se merece, mimalo”. Feás entende que “por descoñecemento” os apicultores mesturan variedades e eliminan o valor engadido. “É coma se xuntaras albariño con uva catalana”, conclúe.

Vídeo: Os traballadores de Maderas Iglesias concéntranse ante a sede da Xunta en Vigo

Os 200 traballadores de Maderas Iglesias están fartos de que se lles oculte o que acontecerá no futuro cos seus empregos e coa compañía, a cal non ten nin sequera a liquidez suficiente para pagar a tempo os salarios, de feito a paga extra do último Nadal aínda non foi abonada.

Polo tanto, convocaron folgas e concentráronse este xoves pola mañá ante a sede da Xunta en Vigo. Critican á administración galega que prometera o mantemento dos empregos, mais os empregados perderon xa a súa confianza.

 

 

Peinador continúa desviando e cancelando voos, 43 no último mes

Dous voos con destino ao aeroporto de Vigo, e as súas respectivas voltas, tiveron que ser cancelados na mañá deste mércores. Isto súmase ás incidencias do martes, cando non puido aterrar en Peinador ningún dos voos previstos debido ás malas condicións meteorolóxicas e ao estar apagado o sistema antinéboa.

Fontes de Aena comunicaron a Europa Press que os avións cancelados este mércores son un Iberia procedente de Madrid e un Vueling con orixe en Barcelona, así como os seus voos asociados de volta.

Aeroporto de peinador
Espera dos viaxeiros no Aeroporto de Peinador/ Miguel Nuñez

No entanto, explicaron que nesta ocasión non tivo que ver coa situación meteorolóxica, senón con reorganización de voos por parte das aerolíneas. Así as cousas, a pesar destas incidencias, o aeroporto vigués operou con normalidade nas demais ligazóns previstas para este mércores.

Con todo, este martes ningún dos avións puido aterrar en Vigo, e só un puido despegar. Así, un total de 11 tiveron que ser desviados (todos ao aeroporto de Santiago, salvo un que foi a Porto) e tres foron cancelados (dous de Iberia e un de Vueling), todos eles cos seus respectivos regresos.

Aeroporto Peinador
Aeroporto de Peinador, sala de espera na terminal/ Miguel Nuñez

Aena explicou que as incidencias do martes si se deberon á meteoroloxía adversa e a que o sistema ILS –o asistente de aterraxe en caso de néboa– está desactivado dende o 7 de maio para a súa substitución por un novo. Por este motivo, no último mes xa foron desviadas ou canceladas 43 ligazóns (incluíndo as deste mércores).

ANTINÉBOA APAGADO

Segundo manifestaron estas fontes, o cambio no sistema era “imprescindible” porque “se acababa o período de vida útil” do ILS anterior. En todo caso, aseguraron que a obra “se está desenvolvendo con normalidade” e “vai moi ben de prazo”, de forma que a previsión é que o sistema poida ser reactivado na última semana de xuño.

Neste ámbito, estas fontes tamén indicaron que se escolleron os meses de maio e xuño para facer o cambio porque “estatisticamente” é cando hai mellor visibilidade no aeroporto de Vigo, e de feito, agregaron que este último mes “tivo días de néboa similares aos doutros anos”.

O rexedor de Tui quere falar cos presidentes da Xunta e da deputación sobre o futuro do concello

0

Pasaron xa sete meses da moción de censura que puxo ao fronte da alcaldía de Tui ao converxente Carlos Vázquez Padín e nin o presidente da Xunta, nin a presidenta da Deputación de Pontevedra, o recibiron.

Por iso, o rexedor tudense remitíu sendos escritos a Alberto Núñez Feijoo e Carmela Silva solicitándolles unha entrevista para transmitirlles as necesidades da cidade. Nesas castas explica que este 17 de maio fixéronse sete meses dende que está na alcaldía polo que coida “que é un bo momento” para manter unha xuntanza xa que para o goberno municipal “unha boa colaboración interinstitucional é sen dúbida unha prioridade”.

É por este motivo que lles solicita tanto ao presidente da Xunta coma á presidenta da Deputación unha entrevista para “poder pór en común os aspectos que teñen que ver con Tui”. Por último Carlos Vázquez Padín agarda que a solicitude feita a ambos mandatarios poida ser atendida ao longo das próximas semanas.

O Porto de Vigo rexistra o maior tráfico de pesca e vehículos do Estado

O Porto de Vigo foi o que rexistrou un maior tráfico de pesca e vehículos a nivel estatal este mes de maio, aínda que advertiu de que os resultados dos próximos meses serán “pouco planificables” debido a situacións como a posible falta de materias primas.

Na rolda de prensa posterior á reunión mensual do consello de administración, o presidente da Autoridade Portuaria, Jesús Vázquez Almuiña, confiou en que o período de “inestabilidade” finalice de cara a 2022. En todo caso, subliñou que tráfico do mes de maio e o acumulado no que vai de ano presentan un dato “excelente” en comparación co 2019, anteriores ao comezo da pandemia.

Así mesmo, valorou que a terminal olívica rexistrase a maior parte do tráfico de vehículos e pesca a nivel estatal por quinto mes consecutivo. En concreto, apuntou que se alcanzaron os 47.376 vehículos movidos durante o pasado mes de maio, unha cifra que ascendeu a 242.243 no primeiros cinco meses de 2021. Tamén se moveron 2.938 toneladas de pesca durante o pasado mes e 13.049 toneladas no que vai de ano.

En canto á importación e exportación de mercadoría xeral, 132.605 e 176.267 toneladas, respectivamente, e a carga e descarga exterior de colectores, 14.714 TEUS, a terminal olívica representou a quinta a nivel estatal. Deste xeito, Vázquez Almuiña resaltou que o mes de maio de 2021 foi o que rexistrou os mellores resultados da última década e que estes só foron superados polos quintos meses do período 2006-2008.

Dende este verán e ata final de ano prevese, ademais, a chegada dunha trintena de cruceiros.

Convocados cribados en Mos, concello con nivel alto de restricións

0

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) convoca cribados esta semana no concello de Mos, que pertence á Área Sanitaria de Vigo e conta con nivel alto de restricións debido á incidencia da Cocid-19.

Segundo informou a área Sanitaria de Vigo, este mércores un equipo de profesionais sanitarios desprazarase a Mos onde están citadas unhas 5.000 persoas para unha proba PCR no Pavillón Óscar Pereiro.

Así mesmo, este sábado, 29 de maio, está prevista a realización dun cribado aos traballadores e usuarios do centro Leroy Merlin no mesmo concello de Mos.

Mos conta con limitación de reunións de persoas convivientes en espazos privados entre a 1,00 e as 6,00 horas; no concello non está permitido o consumo no interior dos establecementos de hostalaría e restauración e a ocupación das terrazas destes locais ascende a un 50%.

Animalistas piden educar a nenos e cans para sociabilizalos e evitar “medos”

0

A Fundación Franz Weber expuxo implementar programas socioeducativos en Galicia para contribuír a que os nenos coñezan as reaccións que poden presentar os animais e como tratalos para evitar “prexuízos” e “medos” cara aos mesmos.

Nun comunicado, a entidade asegurou que a adopción destas medidas pode previr para “traumas” derivados de incidentes como o dunha nena de dous anos do Porriño (Pontevedra) que tivo que ser trasladada este domingo ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo con lesións na cara debido ás mordeduras dun can. Ademais, lamentou o suceso e esperou a “pronta recuperación física e psicolóxica” da menor.

Ante esta situación, a fundación animalista subliñou a necesidade de abordar de modo sociopedagóxico o comportamento dos animais e o trato que deben recibir tanto no fogar como en espazos públicos cos menores. Neste sentido, a Fundación Franz Weber asegurou que mediante estas medidas pódense “evitar prexuízos e medos” desenvolvidos en idades temperás que “se manteñen case intocables durante todo o desenvolvemento persoal” e provocan que os adultos rexeiten o contacto cos animais ou “cheguen a odialos sen motivo”.

A ese respecto, a organización explicou que desenvolveu programas educativos destas características en lugares como a provincia de Guayas e as Illas Galápagos de Ecuador, ademais de en centros educativos de Sabadell (Cataluña) e Valladolid. Así, afirmou que estas iniciativas permitiron lograr “altas taxas de coñecemento” en relación a aspectos como o trato e o respecto aos animais, así como sobre como responder o seu comportamento.

Adicionalmente, a fundación avogou por estender o adestramento e o uso de expertos en etoloxía para educar aos animais en contornas urbanas. De feito, lembrou que, aínda que máis do 40% dos fogares galegos conviven con mascotas, “as cidades non están preparadas na súa totalidade” para esta situación.

“Hai que preparase” para o “drástico” cambio dos riscos laborais

0

Este venres finalizou en Vigo o III Congreso de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Industrial 4.0, que reuniu a máis de 300 participantes durante dous días na sede de Afundación, e ao cal acudiu o presidente da Fundación Internacional ORP (Prevención de Riscos Laborais, polas súas siglas en inglés), Hans-Hosrt Konkolewsky, quen afirmou que “nos próximos 15 ou 20 anos o mercado laboral e a produción vai cambiar de forma drástica”, o que implicará á súa vez un cambio dos riscos laborais, polo que “hai que prepararse para iso”.

Pola súa banda, o especialista en ciberseguridade, David Marco, da empresa Accenture, explicou que “non se pode pensar hoxe en día no que é unha industria se non se ten en conta a ciberseguridade e esta únese á parte de seguridade das persoas”.

Sobre a responsabilidade penal na prevención de riscos laborais 4.0, a fiscal Marta Durántez explicou que “non hai lexislación penal específica, nin lla espera, que contemple os novos avances dixitais e tecnolóxicos na contorna laboral”.

O Congreso Internacional de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Industrial 4.0 estivo organizado polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais (CGETI) e a Asociación de profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (APROSAL), co patrocinio e a colaboración do Concello de Vigo, GTG Enxeñeiros, Cíes Atlántico e o Consello Xeral de Profesionais de Seguridade e Saúde no traballo.

O BNG emenda 10,5 millóns dos orzamentos de Vigo para que se atendan “as necesidades reais”

0

O concelleiro do BNG do Concello de Vigo, Xabier P. Igrexas, explicou este martes as emendas que os nacionalistas presentaron ao proxecto de orzamentos locais para o 2020. En total 74 parciais que supoñen modificar as contas por case 10,5 millóns para que se atendan “as necesidades reais” dos veciños e dos barrios e parroquias.

Igrexas explicou que as propostas do BNG céntranse en destinar máis medios a política social, porque para el, o proxecto presentado polo Goberno local presidido por Abel Caballero é “máis do mesmo”.

“Estamos diante dunhas contas continuistas, que insisten en concentrar o investimento en cemento e gasto inaugurable. Uns orzamentos que poden ser bos para os intereses electoralistas de Caballero, que vive nunha campaña electoral permanente, pero son moi malos para a cidade porque non atenden os problemas e as necesidades reais dos vigueses”, lamentou o concelleiro nacionalista.

CABALLERO

Pola súa banda, Caballero criticou as emendas presentadas por todos os partidos da oposición. Sobre o PP, indicou que “se dedica a pedir recursos para obras que eles paralizan”.

Tampouco faltaron palabras críticas para Marea de Vigo, que indicou que quere a cidade “triste” porque “pide reducir as bolsas de inglés á metade, non quere festas de verán nin Nadal”.

E por último tivo frases para o BNG, que, segundo el, pretende que só os “fillos dos ricos” saiban inglés.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed