Inicio Blog Páxina 1678

Universidade e empresas viguesas fan o que non fai a Xunta: entregan case 10.000 pantallas protectoras

As empresas participantes na plataforma galega do proxecto Escudocovid-19 entregaron, ata este martes, 9.700 pantallas protectoras en hospitais, centros de maiores e asistenciais da área de Vigo, así como na delegación territorial da Xunta para a súa distribución en “función das necesidades”.

Así, o pasado sábado entregáronse 1.430 unidades dunha pre-serie (600 para o Hospital Álvaro Cunqueiro, 300 para a residencia de maiores DomusVi Barreiro, 300 para a residencia de maiores do Meixoeiro e 230 no Centro de Atención a Persoas con Discapacidade de Chapela-Redondela).

O luns entregáronse 3.470 pantallas ( 2.100 para o Hospital Álvaro Cunqueiro, 300 para o Hospital Povisa, 150 para o Hospital Vithas Nosa Señora de Fátima, 150 para o Hospital Meixoeiro, e o resto á Delegación da Xunta para a súa distribución segundo necesidades)

Este martes fixéronse novas entregas: 2.100 para o Hospital Álvaro Cunqueiro e 2.700 para que as reparta a Delegación territorial do goberno galego.

PLATAFORMA GALEGA DE ESCUDOCOVID-19

O proxecto Escudocovid-19 está coordinado, en Galicia, pola Universidade de Vigo e a Asociación de Industriais Metalúrxico (Asime), e o seu obxectivo é mobilizar as capacidades económicas e produtivas das empresas para fabricar, de maneira áxil e alcanzable, en grandes cantidades, unha ampla variedade de equipos como máscaras, pantallas protectoras, vestiario plástico, desinfectantes, respiradores e lavadoras de utensilios.

Todo ese material vai destinado a persoal sanitario e de residencias, coidadores e servizos similares, ademais de axentes das forzas de seguridade, traballadores do sector do transporte, do agroalimentario, almacéns e outros operarios que deban manter a súa actividade

Denuncian que a mutua nega o risco de embarazo ás traballadoras do 061 en Vigo e no Baixo Miño

Comisións Obreiras (CCOO) denuncia que a mutua FREMAP do Porriño nega o risco de embarazo ás traballadoras do transporte sanitario urxente do 061 en Vigo e no Baixo Miño. O sindicato explica que as mulleres representan ao redor dun cento dos case 300 integrantes do servizo, e lembra que o traballo nunha ambulancia de urxencia implica a exposición a numerosos riscos, o que pode provocar complicacións no embarazo.

O transporte sanitario urxente accede a zonas de catástrofes, accidentes ou incendios en lugares con materiais perigosos. Tamén transportan doentes que poden supor un risco infecto-contaxioso, como VIH ou hepatite, ou con doenzas psiquiátricas, en estado agresivo ou baixo efectos de diferentes substancias.

“As quendas do 061 son de vinte e catro horas, incluída a nocturnidade, e manipúlanse diferentes cargas, realízanse movementos repetitivos e moitas veces sobre terreos irregulares”, denuncia este sindicato nun comunicado. Así, pon como exemplo un accidente de tráfico con saída da vía, nunha zona de difícil acceso, no cal que haxa que realizar manobras para inmobilizar unha persoa e erguela —soportando o seu peso— para trasladala a unha padiola.

Comisións denuncia que, a pesar de saber todo isto, que ademais está recollido no servizo de prevención e valoración do posto de traballo que realiza a empresa, a mutua FREMAP negue con carácter xeral o risco de embarazo. “Peor aínda, a algunhas traballadoras foilles concedido, pero a outras non, producíndose unha clara discriminación”, conclúe.

O Marisquiño ultima os preparativos co ‘Big Jump’ e o fútbol ‘freestyle’ entre as súas novidades

A organización do festival O Marisquiño ultima os preparativos para a celebración da súa edición número 19, que terá lugar no paseo das Avenidas e na zona portuaria do centro de Vigo entre o 9 e o 11 de agosto.

Nesta edición, na que os promotores do evento fan gala dunha reforzada seguridade (tras o accidente da edición pasada, no que decenas de persoas resultaron feridas ao afundirse un peirao durante a celebración dun concerto), O Marisquiño reforza a súa oferta gastronómica e incorpora novidades nas disciplinas deportivas, como o ‘Big Jump’, o ‘Football Freestyle’ ou o ‘salto Nissan’, dentro da súa proba de descenso polas rúas do Casco Vello.

Así, dentro da competición de Dirt Jump, incluirase a proba do ‘Gran Salto’ (Big Jump), na que os ‘riders’ máis atrevidos demostrarán a súa habilidade o domingo ás 20.15 horas.

Con respecto á disciplina de ‘Football Freestyle’, os gañadores da proba de Vigo representarán a España na gran final mundial, que se celebrará en novembro en Miami (EE.UU.). Entre os competidores presentes na cidade olívica destacan deportistas como Anto Sanz e Paloma Pujol (actuais campións de España desta modalidade).

A outra novidade, o ‘salto Nissan’, permite incorporar un atractivo máis á proba do tradicional descenso de bicis MTB polas rúas do barrio histórico de Vigo, que se celebra o domingo. Os deportistas terán que saltar sobre un coche ao final do descenso.

A programación deportiva do Marisquiño completarase coas tradicionais competicións de ‘skateboarding’, baloncesto 3X3 e BMX, e haberá tamén exhibición de ‘grafitis’, unha ampla oferta gastronómica e espazos comerciais (‘village market’).

E, coma cada ano, a música tamén terá o seu protagonismo no festival. Eric Bobo (de Cypress Hill), Kaixo, Jota Mayúscula, Niña Coyote eta Mozo Tornado, Awwz, Biznaga ou Ramiroquai DJ son algúns dos artistas que pasarán polos diferentes escenarios do Marisquiño 2019 ao longo de todo o fin de semana.

O BNG pide explicacións ao conselleiro de Sanidade polo “recorte” na atención de Povisa

A deputada do BNG no Parlamento autonómico Montse Prado solicitou este mércores a comparecencia do conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, para que explique “o recorte” levado a cabo por Povisa na súa atención aos pacientes do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

En declaracións aos medios acompañada polo comité de empresa deste hospital privado de Vigo, a portavoz de sanidade do Bloque no Lexislativo asegurou que houbo unha comunicación interna da empresa na que “literalmente” se daba a instrución de “reducir todas as actuacións en doentes do Sergas que non lle acheguen ningún valor engadido”.

Ademais, e segundo denuncia Prado, o centro tamén aposta pola “liberación de recursos para mellorar cada vez máis o tempo de resposta a doentes privados”.

Para a deputada do Bloque, esta información “fai saltar todas as alarmas” porque “afecta ou pode afectar á cidadanía que ten asignada a súa asistencia sanitaria pública” neste hospital privado, en virtude do convenio que mantén co Sergas.

Así, os nacionalistas consideran “preocupante” o contido deste comunicado interno, porque “ou ben supón unha substitución dos criterios científicos que debe rexer as consultas”, ou ben “ata agora facíanse consultas, probas ou intervencións que non achegaban valor engadido ás persoas que se sometían a elas, co consecuente incremento do risco de efectos secundarios”.

“En calquera dos dous casos están en cuestión os criterios científicos usados e pode comprometerse a saúde das persoas atendidas, ao que habería que engadir o uso de recursos públicos que tiñan que ir para financiar a atención sanitaria dos doentes do Sergas destinados a incrementar a actividade privada”, denunciou.

“OPACIDADE” NAS CONTAS DE POVISA

Así mesmo, Montse Prado falou de “a opacidade e o escurantismo habitual” de Povisa á hora de presentar a súa contabilidade, posto que “non ofrece información desagregada do gasto que destina a atender a doentes públicos e privados”.

Ademais, asegurou, “utiliza o mesmo persoal” para ambos os sistemas sanitarios “e descoñécese se as innovacións tecnolóxicas as imputa ao concerto ou corren por parte do hospital”.

Por todo iso, o BNG ve “necesario” que o Sergas aclare “de inmediato” os criterios utilizados por Povisa e pide, ademais da comparecencia de Vázquez Almuiña, que se investigue o contido do comunicado interno.

Coñece o mapa interactivo dos lugares máis representativos da loita popular en Vigo

Vigo é unha cidade cuxo crecemento foi sempre vencellado ao desenvolvemento industrial. É a cidade galega de maior tamaño e acolleu numerosas mobilizacións cidadás ao longo dos anos. Dende reclamacións veciñales a manifestacións masivas por mor da Sanidade. Dende homenaxes aos que xa non están, ata mobilizacións para intentar salvar o futuro. As principais veñen recollidas neste mapa interactivo elaborado por Xornal de Vigo.

O Goberno central destina 560.000 euros ao municipio de Tui para actuar sobre os danos da explosión de pirotecnia

0

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, indicou que o Consello de Ministros aprobou unha axuda de máis de 561.150 euros para o Concello de Tui co obxectivo de que actúe sobre os danos da explosión dunha pirotecnia ocorrida o pasado maio.

En concreto, a subvención está enfocada a arranxos en infraestruturas, equipamentos e instalacións de titularidade municipal, segundo detallou a Delegación do Goberno en Galicia nun comunicado.

Trátase dunha iniciativa aprobada polo Consello de Ministros o 7 de setembro de 2018 que buscaba, segundo explicou Losada, facer efectivos “todos os beneficios fiscais posibles” e as “máximas axudas” recollidas no Real Decreto 307/2005.

Ademais, o pasado 25 de xaneiro aumentáronse algunhas partidas e eliminouse a limitación prevista na normativa para permitir que o Concello puidese percibir axudas polos danos recibidos.

AXUDAS

Así, tras a ampliación decretada, a subvención por incapacidade absoluta e permanente ou falecemento equivale a 18.000 euros, mentres por destrución ou danos en bens recibirase o custo que estes supuxesen ata un máximo de 2.580 euros. As axudas a establecementos industriais, mercantís e de servizos non excederán os 9.224 euros e as destinadas a persoas físicas ou xurídicas corresponderán ao importe total dos gastos.

Así mesmo, cubriranse os gastos realizados por actuacións inaprazables de emerxencia das corporacións locais. En canto ás axudas por danos na vivenda, aquelas consignadas por destrución total cubrirán os gastos ata 15.120 euros e, as correspondentes a afectacións na estrutura, o 50 por cento do total ata 5.160 euros.

Adicionalmente, bonificarase o 50 por cento dos danos a elementos dunha comunidade de propietarios cun importe máximo 9.224 euros. Tamén se destinarán 2.850 euros a aquelas persoas cuxos bens domésticos de primeira necesidade fosen danados ou destruídos.

Vigo en fotos: Letras de porcelana

Cun ollo sempre na noticia e outro nos detalles, atopámonos estas figuras de porcelana na tenda física de Sargadelos en Vigo (Rúa Urzáiz, 17), dalgúns dos autores máis sobranceiros da literatura en galego, castelán e portugués respectivamente, Castelao, Valle Inclán e Pessoa.

O goberno local pide ocuparse do Lagares a través dunha encomenda de xestión

O goberno municipal de Vigo presentará no pleno deste mércores unha moción na que reclama á Xunta que, a través da figura da encomenda ‘de xestión’, ceda ao Concello a capacidade para manter e limpar as canles do río Lagares, dado que Augas de Galicia o mantén nun estado de “abandono e deterioración”.

Así o trasladou en rolda de prensa a concelleira de Urbanismo, María José Caride, quen lamentou que a canle do río, que discorre na súa totalidade polo termo municipal de Vigo, presenta zonas con material vexetal que non se retira, zonas de servidume que non están expeditas e “nin se vixía nin se conserva” por parte da administración autonómica.

Por iso, o grupo municipal do PSOE instará á Xunta a que faga efectiva unha disposición legal da lei de administración das Comunidades Autónomas, a encomenda de xestión, para permitir que o Concello se encargue da xestión e limpeza do río, sen prexuízo de que a competencia siga sendo autonómica.

Así mesmo, na rolda de prensa deste martes tamén compareceu o portavoz do grupo, Carlos López Font, quen avanzou outras dúas mocións socialistas para o pleno deste mércores: unha para reclamar á Xunta que solvente o problema de seguridade e xestión das obras que fai en Navia, e outra para denunciar a “ocorrencia” “inmoral” da Consellería de Sanidade, sobre o gasto duns 600.000 euros en rotular os hospitais de Galicia.

Roubos a punta de navalla no medio de Vigo

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron un mozo de 27 anos de idade, como presunto autor dun roubo con violencia, outro en grao de tentativa e un delito de lesións.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron a pasada noite, cando unha dotación do 091 acudiu ao barrio do Calvario tras recibir un aviso de que un viandante fora atracado a punta de navalla. A vítima relatou aos axentes que, cando ía camiñando pola rúa Mestre Soutullo, na confluencia coa rúa Toledo, un home abordouno por detrás. O ladrón intimidouno cunha navalla e esixiulle que lle entregase o diñeiro.

Ao dicirlle que non tiña diñeiro, o presunto ladrón aumentou as súas ameazas e pediulle o teléfono e todo o que levaba encima, mentres se achegaba coa navalla na man. O viandante realizou un rápido movemento e logrou fuxir correndo cara á rúa Jenaro de la Fuente.

Grazas á descrición achegada por esta vítima, a Policía conseguiu localizar pouco despois o sospeitoso e, ao cachealo, atopáronlle, entre outros efectos, unha navalla ‘tipo mariposa’ e outra de menor tamaño Os axentes déronse conta de que a primeira navalla e o aspecto do individuo coincidían coa descrición facilitada na denuncia doutro roubo. Así, atribúenlle a este home unha tentativa de roubo cometida días atrás a un viandante na rúa San Roque.

Naquel caso, a vítima relatou que, cando ía camiñando pola rúa, o sospeitoso achegóuselle e, sen mediar palabra, púxolle unha navalla no pescozo, á vez que o ameazaba con cortarllo se non lle entregaba o diñeiro. Ante o risco para a súa vida, o denunciante agarrou a navalla e tirouna ao chan, á vez que empuxaba o sospeitoso e pedía auxilio a berros. O ladrón recolleu a arma branca do chan e escapou do lugar á carreira, mentres que a vítima tivo que ser atendida no hospital por dous cortes profundos nos dedos.

O home detido e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de garda de Vigo.

Avanza o proxecto de ampliación da senda do Lagares, con plantación de frondosas e “mínimo impacto lumínico”

A Xerencia de Urbanismo dará luz verde o próximo xoves ao proxecto de expropiación para a execución da ampliación da senda fluvial do río Lagares. O tramo é o que vai da rúa Manuel Álvarez á Avenida de Madrid, e o obxectivo é darlle continuidade ás sendas que na actualidade xa acompañan o curso do río Lagares.

Segundo detallou Caballero, a expropiación afecta a 96 parcelas na zona colindante ao río e orzamento total do proxecto elévase case a 800.000 euros. Son 3.621 metros lineais e o proxecto se executará en sete tramos.

Tal e como explicou Caballero, a iniciativa inclúe estudo medioambiental, que prevé a plantación de 140 árbores de gran porte (carballos e freixos) e a recuperación da biodiversidade das marxes e espazos fluviais coa plantación de preto de 700 arbustos e pequenas árbores.

“Deste xeito, remataremos todo o paseo na zona transitable”, dixo, ao tempo que avanzou a instalación de luces que se acendan co paso da xente, minimizando ao máximo o risco de contaminación lumínica.

O Concello conta xa coa autorización de Augas de Galicia pero segue sen recibir resposta da Dirección Xeral de Patrimonio, a pesar de ter solicitado o informe o 17 de setembro de 2017 e reiterar a petición o 7 de agosto de 2018. O goberno local segue co proxecto dado que, pasados seis meses, o silencio administrativo é positivo.

Respecto do procedemento administrativo, unha vez aprobado o proxecto expropiatorio, abriremos o trámite de de exposición pública por un prazo dun mes para que todas as persoas interesadas poidan presentar alegacións.

A continuación, notificaranse as taxacións de xeito individual a aquelas persoas que figuren como titulares dos bens e dereitos no expediente, mediante traslado literal das follas de aprecio e da proposta de fixación dos criterios de valoración para que formulen as alegacións que estimen nun prazo dun mes desde a notificación.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed