Inicio Blog Páxina 1646

Denuncian a “paralización” do estudo para a saída sur do corredor ferroviario

0

O secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, recalcou que a saída a exposición pública do estudo informativo previo da conexión ferroviaria de Vigo con Portugal, a denominada saída sur, atópase “paralizada”.

Nunha reunión cos candidatos de En Marea ao Congreso pola provincia de Pontevedra Iris Malvido e Manuel González Moreira, Vázquez Mao incidiu na importancia de elaborar o estudo para poder incluílo no Corredor Atlántico e aspirar ao seu “cofinancición comunitaria pola súa condición de tramo transfronteirizo”, segundo recolleu a formación nun comunicado.

Así mesmo, Xoán Vázquez Mao abordou a situación das infraestruturas na comunidade autónoma e remarcou que se espera a resposta do ministro de Fomento, José Luís Ábalos, sobre o plan director do Corredor Atlántico “desde hai máis dun mes”.

Adicionalmente, na reunión abordáronse os temas que defende o Eixo Atlántico a nivel estatal, o investimento en I+D+i, a loita contra os incendios na fronteira de Galicia con Portugal e as relacións entre España e o país luso.

Neste contexto, Iris Malvido apostou por fomentar a innovación tecnolóxica para converter á provincia de Pontevedra no “Silicon Valley galego” e, deste xeito, evitar unha baixada dos salarios. Así, avogou polas novas tecnoloxías como un modo de mellorar a produtividade empresarial e o crecemento económico.

Ademais, Manuel González Moreira sinalou a importancia de reafirmar modelos sociais e de reforzar os servizos públicos “comprometidos pola crise (económica)”, como a sanidade, a educación e o sistema de pensións. Tamén remarcou a importancia de investir na atención á dependencia a través de axudas ás familias e de investigación de tratamentos.

Marea de Vigo carga contra as salas de apostas e os salóns de xogo, en pleno auxe: Navia, A Laxe, rúa Colombia…

0

O grupo municipal Marea de Vigo presentará unha moción para o seu debate no próximo pleno, na que insta a pedir ás administracións central, autonómica e local medidas para protexer aos menores antes a proliferación de salas de apostas e salóns de xogo, e para limitar a súa instalación en espazos próximos a centros educativos, culturais, ou xuvenís, ademais de controlar a súa publicidade.

Nunha rolda de prensa, o portavoz do grupo, Rubén Pérez, expresou a “preocupación” de Marea polo aumento deste tipo de establecementos, e lembrou que, nas últimas reunións da Xerencia de Urbanismo, deuse licenza para dúas deste tipo de locais, un na rúa Colombia e outro no barrio de Navia, ao que se suma a sala de casino no centro comercial A Laxe.

Pola súa banda, a portavoz da asociación Distopía, Elisa Pérez, subliñou que o perfil do ludópata cambiou, e pasou de ser unha persoa de entre 40 e 55 anos, que xoga presencialmente, a ser un menor de 30 anos, que xoga ‘en liña’.

Mentres, o representante da Federación Española de Xogadores de Azar Rehabilitados, Juan José Lamas, apuntou que o xogo de azar “move 40.000 millóns de euros”, por iso ás administracións, que “forman parte do lobby”, non lles interesa ser estritos na súa regulación, a pesar das posibles “consecuencias patolóxicas”.

No caso de Galicia, onde “a falta de control é total”, sinalou, “calquera mozo pode acceder a un bar e facer unha aposta porque ninguén lle pide o DNI”.

E os concellos, engadiu, “non poden evadir a cuestión” porque, aínda que non teñan competencias na normativa sobre o xogo, son os que outorgan a licenza e poden “inspeccionar” que non se cometan “ilegalidades”. En Vigo, precisou, hai 11 salas de apostas e “máis de 700 máquinas auxiliares de apostas deportivas” noutros tantos establecementos.

Un paseo pola mellor cociña tradicional galega con Adela Couto: “No supermercado hai que ter coidado co que compras”

Adela Couto González é unha verdadeira experta en “receitas feitas de maneira sinxela, e boas para  a saúde”. Publicar ‘Cociña galega para xente nova’ non foi tarea fácil. Dábanlle pegas por estar en galego e polo caro que resulta un libro con fotografías a cor.

“Hai que saber comprar, eu sempre compro cousas de Galicia”, aconsella. Cando tivo os seus dos fillos, preocupouse de cociñar san. Asegura que de Internet non sabía nada e que as súas receitas non están copiadas de ningures, que só ‘copiou’ da súa gran mestra, a súa nai, e o resto viu do continuo ensaio e error de moitos anos.

O libro está adicado á xente nova, para que deixe de pensar que cocinar é difícil con unhas 100 receitas, e consellos para, por exemplo, deixar de queimar as tarteiras. “Cando fun a un editor, me dixo que escribira para nenos e eu contestei que non. Non creo en receitas específicas para nenos. Meus fillos aprenderon a cociñar axudándome a min”.

Cociña galega para xente nova/ Miguel Núñez

A súa obra pode ser un pequeno tesouro para todos eses rapaces e rapazas que se independizan. Vendeuse moi ben, asegura, grazas ao boca a boca, nunca mellor dito. Cando tristemente pechou a editorial na que se publicara, Cumio, acudiu a comprar os volumes que quedaban.

Adela asegura que lle queda moitas recetas listas para publicar. “Empeñeime en escribilo en galego, nalgunha libraría dicían que era unha valente, pero é que eu son galega e falo galego”, subliña.

Cociña galega para xente nova/ Miguel Núñez

A súa receita favorita para os mozos é lentellas con arroz e vexetais, “alimenta moitísimo e dura días, para os rapaces que andan a estudar e traballar e teñen pouco tempo”.

Agora cómese peor, compara: “No supermercado tes que ter moito coidado co que compras. Pero si que con poucos cartos e pouco tempo fanse cousas moi boas”. E advirte da importancia de ensinar desde pequeniños aos nenos a comer ben: “Os meus fillos teñen 40 e 42 anos e non tiveron unha enfermidade nunca. A saúde está na cociña, non sei quen o dixo unha vez, pero é a verdade”.

Cociña galega para xente nova/ Miguel Núñez

Se queredes coñecer a receita máis fácil, apuntade: “Cocer un repolo cun pouco de polo e unha pataca, podes botarlle pasta tamén”. 

Polas pegas ao galego e ás imaxes, non daban publicado o seu libro e estivo 5 anos agardando por un visto bo, o de Cumio: “Non me dou por vencida”. En cambio, escribilo fora moito máis fácil, e non levara nin un ano, porque xa o tiña na cabeza. 

“Un dos meus fillos marchou a Granada e pediu que lle escribira as recetas. Díxome que estaban ben explicadas e así foi como comecei a escribir o libro. Despois trouxo un ordenador (nunca collera un) e escribino. Á volta, preguntoume, fuches capaz? Pois claro!“, recorda con ledicia.

Na cociña aínda garda unha libreta vella na que anota receitas e as rectifica, ata acadar a perfección nas orellas ou no arroz con chocos. O seu consello para tódala rapazada é que hai que perder a preguiza a cociñar, “que non é moi difícil aínda que na TV o compliquen para facerse os interesantes”. 

De cociñeiros televisivos, encántalle Pedro Subijana, do que afirma que lle recorda á forma de cociñar da súa nai, pero danlle mil patadas, recoñece, moitos dos máis famosos: “Que fan coa cenoria? Quítanlle o que hai que comer e comen o que hai que quitar. Na súa pel están as mellores propiedades, o caroteno, e pélana…”

A clase de rock de Pepito: a morte que eclipsou Lennon, o disco ‘noxento’ dos Stones e o teatro ao que prenderon lume

Sempre chega o momento de regresar ao rock (incluso en tempos de trap). Así que en Xornal de Vigo falamos de novo con José Miguel Núñez, Pepito para os amigos, mestre do rock, que é o mesmo que dicir alumno indisciplinado. Polas noites, adícase a ‘baleirar bares’ como DJ, mesturando temas mais ou menos extremos para as mentes dos non melómanos. Pero, tras rebelarnos que Buddy Holly era un demente, que terá para nós?

Núñez non é moito de xerarquías, pero si admira a importancia dos Beatles ou Rolling Stones: “Os Beatles son inspiradores para calquera persoa, fixeron que todo o mundo quixera montar unha banda. E firmaban eles as cancións, autores xa, iso é legado. Viñan da rúa, de pelexas… Eran duros, os Rolling nada. Os Beatles tocaron en Hamburgo nunha época que se non gustabas saías baixo unha morea de botellas. Os Rolling non foron alí. Os Beatles curtíronse a golpes, eran de chupas de coiro, traballaron outra imaxe polo márketing”.

O cuarteto de Liverpool acadou un enorme recoñecemento, capaces de eclipsar a calquera, como feito paradigmático: “o vocalista dos Germs, apodado Darby Crash, estaba tolo e enfermo. Quería morrer en directo, nun concerto, así que drogouse para falecer de sobredose sobre o escenario. O desenlace resultou terrible, incluso ridículo: non só é que o efecto das drogas se retrasara e só funcionou máis tarde, xa na súa casa, é que esa mesma mañá morría John Lennon, así que a súa traxedia para a eternidade foi recollida polos xornais da súa zona, e pouco máis”.

Jose Nuñez d.j.ecolecionista ©Miguel Nuñez
Jose Nuñez rodeado de discos e posters na tenda se musica Honky Tonky

Se os Beatles viñan da rúa, os Rolling xa partían de clase alta, “uns raparigos ricos que de pronto se atoparon cun paraíso de plástico, de drogas”. O cal non significa que deixaran de ter un pasado escuro: “Os Rolling Stones, se alguén viviu o rock and roll foi esa banda. Se te metes no terreo deles vas morrer, non podes. Son grupos que xa tocaron teito. Moita xente desprézaos porque son famosos, e din: gústanme máis os Animals. Pero non é relevante iso, non significa nada, os Rolling pódenche gustar ou non pero sempre estarán aí”, recoñece.

“Téñolles bastante respecto a esa banda (os Rolling Stones), por isto que vou dicir: no ano 69 eran tan famosos como hoxe en día, millonarios e a maior banda do mundo. O disco que sacaron en directo entón é un dos máis sucios que poderás escoitar na túa vida. Como puideron facer iso? Non o fai ninguén a día de hoxe nin a posta. É un disco noxento, sucio, totalmente anticomercial. Non hai ningún equivalente”, estima.

“Esa gravación para min marca xa a diferenza co resto, haberá directos mellores, pero isto é rock and roll, e estes tíos gañaron. Chegaron os primeiros, fixeron esta porcallada para miles de persoas e dixeron: supera isto. E unha banda de hoxe en día non pode facer xa o mesmo, porque a historia se escribe só unha vez”, e é que Núñez valora a autenticidade, sobre todo cando roza ou supera á tolería.

“O Psychocandy de The Jesus and Mary Chain, ese imos amolar á peña facendo cancións de pop con ruido infernal, mola, pero foi para unha minoría, e o dos Stones a gran escala. En calquera caso, esta é a actitude inglesa. O inglés está moi calculado, é sofisticado. Oasis tocaban coma os Beatles e nas entrevistas falaban coma os Stones. O americano é de corazón”. Pero isto non significa que o traballo dos Stones sexa previsible e monótono, posto que lles concede o apelativo cariñoso de dexenerados.

Oasis actuando en Vigo/ Miguel Núñez

“Son dexenerados en todo o que fixeron: reggae dexenerado, música disco dexenerada. No disco ‘Tatoo You’, a segunda canción é comercial, bailable e ao mesmo tempo con chispa. Isto só o pode facer un grupo inglés. Tocarás máis, e quizais logres imitalo, pero nunca sacarás ese single. Non podes”, e cando di isto último, parece burlarse do resto de grupos que xamais comporían unha canción coma a referida, Hang Fire.

Gústanlle tamén a José Miguel as historias escuras, coma a do primeiro líder das súas ‘satánicas maxestades’, Brian Jones: “Dominaba nos Stones con certa autoridade, aparecía en primeiro plano nas portadas, era quen falaba nas entrevistas, apareceu caricaturizado coma o demo no arte de cuberta de Their Satanic Majesties Request, o cal non era casualidade”.

Pero Jones apareceu morto algo máis tarde: “Pareceríame moi macabro atoparme coa noticia de Mick e Keith levados a prisión mañá, por ter sido os executores, ao querer toda a fama para si mesmos”.

Ademais, recoñece aos Stones un dos sucesos máis “rock and roll” da historia: “En Londres xa os coñecían, estaban acostumados a eles e xa non significaban “nada”, pero viaxaron a París e aí tivo efecto, foi unha revolución, os asistentes, de pura emoción, plantaron lume ao teatro”.

Foto de jose nuñez© miguel nuñez
Jose Nuñez na Honky Tokn/ Miguel Núñez

O cal non significa que valore a todas as “vacas sagradas”: “Led Zepellin parécenme uns grandes plaxiadores, dubido que sacaran algo seu na súa vida. Eran unha banda de gran éxito, que podían viaxar polo mundo, e nos 60 e 70 existían en Xapón, por exemplo, bandas de rock duro cuns riffs bestiais dos que apoderarse”.

AC/DC ao comezo gustáballe, pero despois do Highway to Hell comezou a odialos rapidamente: “Se iso é rock, marcho para a casa. Que Thunder, a peor canción que pode imaxinarse, sexa unha das de máis éxito, di moitas cousas. É un tema de coliseo romano, só lles falta decapitar a un cristián”.

En canto ás novas tecnoloxías, está moi claro para el: “Internet non mellorou nada. Wire, por exemplo, é unha banda brutal con discos apaixonantes, obras mestras, todos boísimos. En Facebook terán 30 amigos. Ten un millón máis Thunder (ri)”.

Á súa idade, superada a ‘crise dos 40’, parece difícil definir un estilo propio, fala máis ben de diferentes momentos para diferentes grupos. Resumir é moi complicado para el, de feito considérao unha mentira. Aínda así, téntao: “Si que a maioría das miñas bandas favoritas son as pioneiras, as que o fixeron antes. Black Flag no hardcore, Flipper, que influíu tanto a Nirvana. De feito, era a banda favorita de Kurt Cobain”.

foto de jose Nuñez© Miguel Nuñez
José Nuñez sostén un dos seus discos de musica preferidos no Honky Tonky / Miguel Núñez

Define ao líder de Nirvana coma un “xusticeiro”: “El sempre saía con camisetas de bandas, era un tío con moi bo gusto musical, que reivindicaba centos de grupos “raros” utilizando o seu poder cos medios. A xente fixábase na súa roupa e axudáballes a saír do anonimato. Cando vin que Cobain reivindicaba as miñas bandas favoritas, pensei: que grande. Gustábame Nirvana, pero máis súas camisetas. Dicíamos eu e meus colegas: Como mola Kurt Cobain, que lle gustan os Wipers! Estaba dándolle voz a unha xeración maldita”.

Nirvana a finais dos 80 e xusto no inicio dos 90 non era aínda famosa, e aí, para este pincha discos, estivo o mellor da banda: “Ao comezo eran sólidos, incribles, pero cando se fixeron famosos e actuaron en España Kurt xa era drogodependente. Viñan de sacar seus mellores discos pero nesa xira xa estaban fatal, esnaquizándoo todo. De todos modos, era cando máis público tiñan”. Cousas da vida.

Balance final do accidente do Marisquiño: 313 feridos, 5 graves

Un total de 312 persoas foron atendidas esta noite, cinco delas de gravidade, aínda que non se teme pola súa vida, tras o accidente que se produciu na noite do domingo a luns en Vigo, en pleno festival do Marisquiño, ao esborrallarse unha pasarela de madeira durante unha das actuacións.

O presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique César López Veiga, apuntou a un “fallo estrutural” como posible causa do esborralle da pasarela na que se estaba celebrando o festival. “O primeiro que hai que ver é o que está a pasar, pero a impresión apunta a algún tipo de fallo estrutural porque a parte superior ten madeira pero o estraño é o formigón”, indicou López Veiga nunha entrevista na Cadea Ser recollida por EP.

Así lembrou, neste sentido, que “o formigón é moi resistente”, polo que “se estivese ben armado con ferro non é fácil que pase”, engadiu.

Nove das 313 persoas atendidas polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) permanecen ingresadas en centros hospitalarios, cinco delas en estado grave. Diso informou en declaracións a ‘Antena 3’, recollidas por Europa Press, este luns o Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, que precisou que das nove persoas ingresadas, dous son menores. Con todo, espérase que un destes menores poida recibir o alta xa na mañá deste luns.

No lugar do sinistro realizáronse varios rastreos térmicos para comprobar que non quedara ninguén debaixo da pasarela nin na auga, xa que algúns dos accidentados caeron ao mar tras o derrube. Tamén o alcalde Abel Caballero achegabase ao lugar dos feitos para tranquilizar á xente e destacaba que a maioría parte dos feridos eran leves e que non había constancia de desaparecidos.

O accidente tivo lugar a última hora da noite do domingo, cando centos de persoas escoitaban a última das actuacións do festival sobre unha plataforma situada no Parque das Avenidas que xa fora criticada polo seu mal estado de conservación.

O coche do único hospitalizado no accidente Salceda puido invadir o carril contrario

0

Unha investigación determinará as causas do choque frontal rexistrado entre dous vehículos en Salceda de Caselas, moi preto do concello de Salvaterra, que se saldou coa morte dunha muller de 38 anos, a súa filla de 13 anos e o seu fillo de 6, veciños de Salvaterra.

Con todo, fontes do ámbito local consultadas por Europa Press trasladaron que o choque frontal produciuse nun tramo con dous carrís de subida e un de baixada; e que as posicións dos coches parecen indicar que o vehículo do home invadiría o carril contrario, pero a Garda Civil non ratifica este extremo e remite á investigación.

No coche que chocou co da muller, viaxaba un home que rolda a trintena e que foi trasladado ferido grave ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. O accidente produciuse sobre as 22,00 horas no punto quilométrico 5,7 da PO-510, no termo municipal de Salceda.

Fontes da Garda Civil consultadas por Europa Press ratificaron estes datos e remitiron á investigación aberta, como sempre que se producen este tipo de sucesos, para determinar con exactitude as causas e condicións nas que se produciu o sinistro.

ATENCIÓN PSICOLÓXICA

Os bombeiros de Ou Baixo Miño trasladaron ao 112 que os membros do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento empregaron o material de excarceración para liberar a tres persoas atrapadas, dúas das falecidas e o condutor do outro vehículo implicado.

O 112 Galicia tivo coñecemento do accidente ás 22,00 horas e pediu a intervención de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, dos Bombeiros do Baixo Miño, dos axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local e da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Salceda de Caselas.

Así mesmo, o persoal de Emerxencias 112 Galicia informou o sinistro ao Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias, para a atención ás familias.

A Deputación de Pontevedra leva a súa campaña de xoguetes non sexistas aos buses urbanos de Vigo

A Deputación de Pontevedra levou a súa campaña a favor da adquisición de xoguetes non sexistas aos autobuses urbanos de Vigo, cunha iniciativa de difusión mediante a instalación de vinilos na parte traseira dos vehículos e con vídeos que se proxectarán no interior.

A campaña, que se pon en marcha por sexto ano consecutivo e inclúe diversas accións divulgativas, esténdese deste xeito ao transporte colectivo da cidade olívica, coa rotulación de dous buses das liñas H e 17, que percorren tanto o centro urbano como áreas do rural. Ademais, estes dous autocares proxectarán nas pantallas interiores un vídeo-animación alusiva á campaña.

Durante a presentación da iniciativa, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, lembrou a importancia dos xoguetes na educación dos nenos, e apuntou que, se se compran diferentes xoguetes para nenos e para nenas, dicir que “teñen distintas posibilidades de ter presenza no mundo”, o que é “absolutamente falso”.

Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, incidiu na necesidade de que os nenos e as nenas “vivan desde pequenos na igualdade”, un valor que “debe ser asumido que forme parte da cultura”.

O Grupo Zendal prevé que a vacina que producirá no Porriño estará dispoñible a mediados de 2021

0

O director do Grupo Zendal, Andrés Fernández, previu que a vacina contra a COVID-19 que producirá a empresa filial Biofabri podería estar dispoñible “a finais da primeira metade de 2021” se se comproba a súa efectividade.

Así o indicou no marco do coloquio ‘A loita contra a COVID-19: Zendal & UVigo’, celebrado este xoves en Vigo, o director do grupo farmacéutico que fabricará a vacina na que traballa a empresa estadounidense Novavax. Neste momento, a substancia comezouse a probar en persoas de distintos países no marco da ‘fase 3’ do seu desenvolvemento.

Tamén explicou que é probable que esta non sexa a primeira vacina en estar dispoñible, dado que aquelas nas que traballan as empresas Moderna (Estados Unidos) e CanSino Biologics (China) e a Universidade de Oxford (Reino Unido) iniciaron a ‘fase 3’ con anterioridade.

Así, o director de Zendal detallou que ao redor dunha decena de substancias están nesta fase, aínda que só na que traballa Novavax permitiu que todas as persoas nas que se probou na primeira fase xerasen anticorpos.

Fernández concretou tamén que o obxectivo pasa por que as células recoñezan a proteína ‘spike’, espículas que sobresaen do virus, e eviten o seu “enganche”. No entanto, recalcou que se descoñece se a primeira vacina que estea dispoñible actuará sobre a transmisión, o que levaría que fose precisa a súa aplicación a un gran volume de poboación, a enfermidade ou ambas.

RETOS

Respecto dos retos que presenta, apuntou que as vacinas que se atopan en proceso de desenvolvemento requiren temperaturas moi baixas (iguais ou inferiores a -30 graos) para a súa conservación.

Andrés Fernández sinalou que este requisito pode dificultar o seu traslado a hospitais con menos recursos, como algúns situados en África. Do mesmo xeito, asegurou que será preciso abordar como dispor do espazo necesario para o seu almacenamento nos hospitais.

Así as cousas, o director do Grupo Zendal considerou que a pandemia permitiu evidenciar que os tempos de desenvolvemento dunha vacina, que adoitan alcanzar unha década, poden reducirse ata “un ano e medio ou dous anos”. No entanto, recalcou que a redución do tempo destinado a este fin supuxo que “se prescindise dunha estabilidade máis duradeira” para o produto.

En relación á afectación da fabricación da vacina de Novavax á empresa, Fernández afirmou que permitirá xerar emprego directo e que repercutirá de modo positivo nos provedores da empresa, situados no seu maior parte na zona do Porriño. De feito, explicou que se comezaron a ampliar as instalacións da fábrica de Biofabri para poder almacenar o maior número de doses posible.

AUMENTO DE INGRESOS

Aínda que apuntou que a produción da vacina podería xerar un aumento dos ingresos de Biofabri, o director de Zendal destacou que o feito de que aínda non concluísen as probas leva unha “incerteza” para o grupo empresarial.

Así mesmo, concretou que a produción desta vacina suporá alcanzar obxectivos previstos para a empresa nun prazo de tres anos e indicou que tamén levou un recoñecemento da mesma a nivel mundial.

Adicionalmente, o director de Zendal puxo en valor o apoio recibido por parte das administracións para pór en marcha este proxecto, aínda que incidiu en que o mesmo non levará pausar outras liñas de investigación.

OUTROS PROXECTOS

De feito, detallou que o grupo biofarmacéutico traballa na que se espera que sexa “a futura vacina da tuberculose”. Así, precisou que mediante a mesma, que se espera que estea dispoñible nun prazo de cinco anos, búscase dar resposta ás carencias da desenvolvida en 1920.

De cara ao futuro, o director do Grupo Zendal remarcou que a obtención dunha vacina contra a COVID-19 só será un dos factores que permitirán “gañar a guerra” a esta pandemia e descartou que esta leve unha modificación relevante nos hábitos da cidadanía.

Sobre este punto, no marco do coloquio, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, sinalou que os últimos meses evidenciaron que o número de médicos e de camas dispoñibles en unidades de críticos hospitalarias influíron na evolución da pandemia. Por iso, concluíu que será preciso “investir máis en saúde” para evitar que esta situación se repita.

Nesta liña, o reitor afirmou que resulta preciso impulsar a innovación e o desenvolvemento, así como a colaboración entre empresas e institucións educativas.

A Xunta di que ‘non é esaxerado’ tardar 7 anos en entregar a documentación da fusión das caixas

0

A Xunta defendeuse da condena do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pola que estima que “vulnerou” os dereitos do deputado Antón Sánchez por non chegar a facilitarlle información solicitada respecto diso da fusión das caixas de aforro galegas –Caixa Galicia e Caixanova en Novacaixagalicia e a súa posterior bancarización–. Así, di que o atraso na documentación, que foi obxecto de denuncia ante o TSXG en 2018 tras unha nova petición (a primeira fíxose en 2013), “non é esaxerado”.

Nunha resposta ofrecida aos medios, sinala que a Xunta “respecta sempre as resolucións xudiciais” e defende que, neste caso, non deixa de ser unha “estimación parcial” de todo o recurso presentado polo aínda parlamentario, que viu “vulnerados os seus dereitos” constitucionais, segundo a propia sentenza do TSXG.

Así, a Administración autonómica recoñece que o deputado tiña “á súa disposición a maior parte da documentación que estaba a reclamar”, pero non dous informes que reclamara desde 2013 e que, debido a que non foron facilitados, decidiu levar á Xustiza en setembro de 2018.

O artigo 9 do regulamento do Parlamento dá a posibilidade a todos os deputados da Cámara de solicitar unha información á Xunta que debe ser remitida, obrigatoriamente, no prazo dun mes, ou polo menos contestada en caso de non ser posible. Esta documentación, unha vez denunciado ante a Xustiza foi respondida parcialmente en novembro.

A investigación das caixas iniciouse fai sete anos na Cámara autonómica, pero nunca chegou a pecharse, xa que o informe que debía recoller as actuacións da investigación –as cales podían ser obxecto de envío á Xustiza– non se chegaron a presentar.

A Consellería de Facenda, entón dirixida por Marta Fernández Currás, enviou ao Parlamento 34 caixas coa documentación solicitada polos deputados da Cámara, as cales se depositaron na coñecida como salga do Estatuto, que se converteu nun local a porta pechada para a consulta da documentación.

“Por tanto, a actuación da Xunta non supuxo en ningún momento un obstáculo para que o deputado puidese exercer as súas funcións”, asegurou este martes nun comunicado.

O Goberno galego “tampouco entende que o atraso na entrega de documentación supuxese como tal unha vulneración dos seus dereitos fundamentais”. “O atraso non é esaxerado, senón que se encadra nunha marxe razoable”, considera a Xunta, en referencia á petición de 2018.

“Hai que ter en conta que a Administración autonómica recibe un elevado número de peticións do Parlamento de Galicia e o prazo que fixa o regulamento é moi exiguo”, sentenciou.SENTENZA

A sentenza fai referencia a unha petición que, con posterioridade, en 2018, o parlamentario actualmente do Grupo Común da Esquerda realizou ante o presidente da Cámara, Miguel Santalices, ante o que Antón Sánchez denominou “ocultación sistemática de información da fusión e posterior privatización”.

Tal e como sinala a sentenza, a Xunta é “condenada por vulnerar o artigo 23 da Constitución”, é dicir, por “obstruir o labor da oposición sistematicamente”, en palabras de Antón Sánchez, quen ironizou coa defensa da Carta Magna que “tanto di que fai” o Partido Popular.

Audasa prevé acometer obras na AP-9, na Ponte de Rande, a partir do luns

Audasa informou de que o Ministerio de Transportes autorizou a execución de dúas obras de mantemento na AP-9. Segundo explica, trátase da reparación das xuntas do viaduto da PO-10 sobre a autoestrada galega, á altura de Pontevedra, e da substitución da argamasa das xuntas da Ponte de Rande.

O obxectivo é evitar posibles problemas na seguridade viaria e mellorar a comodidade na condución dos usuarios.

Audasa informa que a redución do tráfico, cun descenso superior ao 70% na intensidade media diaria (IMD) nas últimas semanas, supón “unha oportunidade para materializar unha mellora duradeira cunha mínima afectación para os viaxeiros”.

Así, os traballos comezarán na Ponte de Rande o vindeiro luns 27 de abril ás 9.00 horas e prolongaranse ata o xoves 30 de abril ás 13.00.

Sempre estarán dispoñibles, segundo indicou a concesionaria, dous carrís por sentido. Se por cuestións meteorolóxicas non se puidesen concluír as obras, precisou que se reiniciarán desde o luns 4 de maio ás 9,00 horas ata o venres 8 de maio ás 13,00 horas.

No viaduto da PO-10, sobre a AP-9, os traballos levarán a cabo desde as 9,00 horas do 28 de abril ata as 19,00 horas do 29 de abril. Estas obras, avanza a concesionaria, “poderán supor algún corte de carril de forma alternativa, ademais de pechar momentaneamente a saída cara a Vigo, coa alternativa para os vehículos de realizar un cambio de sentido na rotonda de Marín.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed