InicioSociedadeA clase de rock de Pepito: a morte que eclipsou Lennon, o...

A clase de rock de Pepito: a morte que eclipsou Lennon, o disco ‘noxento’ dos Stones e o teatro ao que prenderon lume

O Dj e melómano José Miguel Núñez, sobre os Rolling Stones:" Chegaron os primeiros, fixeron unha porcallada para miles de persoas e dixeron: supera isto".

PUBLICADO O

- Advertisement -

Sempre chega o momento de regresar ao rock (incluso en tempos de trap). Así que en Xornal de Vigo falamos de novo con José Miguel Núñez, Pepito para os amigos, mestre do rock, que é o mesmo que dicir alumno indisciplinado. Polas noites, adícase a ‘baleirar bares’ como DJ, mesturando temas mais ou menos extremos para as mentes dos non melómanos. Pero, tras rebelarnos que Buddy Holly era un demente, que terá para nós?

Núñez non é moito de xerarquías, pero si admira a importancia dos Beatles ou Rolling Stones: “Os Beatles son inspiradores para calquera persoa, fixeron que todo o mundo quixera montar unha banda. E firmaban eles as cancións, autores xa, iso é legado. Viñan da rúa, de pelexas… Eran duros, os Rolling nada. Os Beatles tocaron en Hamburgo nunha época que se non gustabas saías baixo unha morea de botellas. Os Rolling non foron alí. Os Beatles curtíronse a golpes, eran de chupas de coiro, traballaron outra imaxe polo márketing”.

O cuarteto de Liverpool acadou un enorme recoñecemento, capaces de eclipsar a calquera, como feito paradigmático: “o vocalista dos Germs, apodado Darby Crash, estaba tolo e enfermo. Quería morrer en directo, nun concerto, así que drogouse para falecer de sobredose sobre o escenario. O desenlace resultou terrible, incluso ridículo: non só é que o efecto das drogas se retrasara e só funcionou máis tarde, xa na súa casa, é que esa mesma mañá morría John Lennon, así que a súa traxedia para a eternidade foi recollida polos xornais da súa zona, e pouco máis”.

Jose Nuñez d.j.ecolecionista ©Miguel Nuñez
Jose Nuñez rodeado de discos e posters na tenda se musica Honky Tonky

Se os Beatles viñan da rúa, os Rolling xa partían de clase alta, “uns raparigos ricos que de pronto se atoparon cun paraíso de plástico, de drogas”. O cal non significa que deixaran de ter un pasado escuro: “Os Rolling Stones, se alguén viviu o rock and roll foi esa banda. Se te metes no terreo deles vas morrer, non podes. Son grupos que xa tocaron teito. Moita xente desprézaos porque son famosos, e din: gústanme máis os Animals. Pero non é relevante iso, non significa nada, os Rolling pódenche gustar ou non pero sempre estarán aí”, recoñece.

“Téñolles bastante respecto a esa banda (os Rolling Stones), por isto que vou dicir: no ano 69 eran tan famosos como hoxe en día, millonarios e a maior banda do mundo. O disco que sacaron en directo entón é un dos máis sucios que poderás escoitar na túa vida. Como puideron facer iso? Non o fai ninguén a día de hoxe nin a posta. É un disco noxento, sucio, totalmente anticomercial. Non hai ningún equivalente”, estima.

“Esa gravación para min marca xa a diferenza co resto, haberá directos mellores, pero isto é rock and roll, e estes tíos gañaron. Chegaron os primeiros, fixeron esta porcallada para miles de persoas e dixeron: supera isto. E unha banda de hoxe en día non pode facer xa o mesmo, porque a historia se escribe só unha vez”, e é que Núñez valora a autenticidade, sobre todo cando roza ou supera á tolería.

“O Psychocandy de The Jesus and Mary Chain, ese imos amolar á peña facendo cancións de pop con ruido infernal, mola, pero foi para unha minoría, e o dos Stones a gran escala. En calquera caso, esta é a actitude inglesa. O inglés está moi calculado, é sofisticado. Oasis tocaban coma os Beatles e nas entrevistas falaban coma os Stones. O americano é de corazón”. Pero isto non significa que o traballo dos Stones sexa previsible e monótono, posto que lles concede o apelativo cariñoso de dexenerados.

Oasis actuando en Vigo/ Miguel Núñez

“Son dexenerados en todo o que fixeron: reggae dexenerado, música disco dexenerada. No disco ‘Tatoo You’, a segunda canción é comercial, bailable e ao mesmo tempo con chispa. Isto só o pode facer un grupo inglés. Tocarás máis, e quizais logres imitalo, pero nunca sacarás ese single. Non podes”, e cando di isto último, parece burlarse do resto de grupos que xamais comporían unha canción coma a referida, Hang Fire.

Gústanlle tamén a José Miguel as historias escuras, coma a do primeiro líder das súas ‘satánicas maxestades’, Brian Jones: “Dominaba nos Stones con certa autoridade, aparecía en primeiro plano nas portadas, era quen falaba nas entrevistas, apareceu caricaturizado coma o demo no arte de cuberta de Their Satanic Majesties Request, o cal non era casualidade”.

Pero Jones apareceu morto algo máis tarde: “Pareceríame moi macabro atoparme coa noticia de Mick e Keith levados a prisión mañá, por ter sido os executores, ao querer toda a fama para si mesmos”.

Ademais, recoñece aos Stones un dos sucesos máis “rock and roll” da historia: “En Londres xa os coñecían, estaban acostumados a eles e xa non significaban “nada”, pero viaxaron a París e aí tivo efecto, foi unha revolución, os asistentes, de pura emoción, plantaron lume ao teatro”.

Foto de jose nuñez© miguel nuñez
Jose Nuñez na Honky Tokn/ Miguel Núñez

O cal non significa que valore a todas as “vacas sagradas”: “Led Zepellin parécenme uns grandes plaxiadores, dubido que sacaran algo seu na súa vida. Eran unha banda de gran éxito, que podían viaxar polo mundo, e nos 60 e 70 existían en Xapón, por exemplo, bandas de rock duro cuns riffs bestiais dos que apoderarse”.

AC/DC ao comezo gustáballe, pero despois do Highway to Hell comezou a odialos rapidamente: “Se iso é rock, marcho para a casa. Que Thunder, a peor canción que pode imaxinarse, sexa unha das de máis éxito, di moitas cousas. É un tema de coliseo romano, só lles falta decapitar a un cristián”.

En canto ás novas tecnoloxías, está moi claro para el: “Internet non mellorou nada. Wire, por exemplo, é unha banda brutal con discos apaixonantes, obras mestras, todos boísimos. En Facebook terán 30 amigos. Ten un millón máis Thunder (ri)”.

Á súa idade, superada a ‘crise dos 40’, parece difícil definir un estilo propio, fala máis ben de diferentes momentos para diferentes grupos. Resumir é moi complicado para el, de feito considérao unha mentira. Aínda así, téntao: “Si que a maioría das miñas bandas favoritas son as pioneiras, as que o fixeron antes. Black Flag no hardcore, Flipper, que influíu tanto a Nirvana. De feito, era a banda favorita de Kurt Cobain”.

foto de jose Nuñez© Miguel Nuñez
José Nuñez sostén un dos seus discos de musica preferidos no Honky Tonky / Miguel Núñez

Define ao líder de Nirvana coma un “xusticeiro”: “El sempre saía con camisetas de bandas, era un tío con moi bo gusto musical, que reivindicaba centos de grupos “raros” utilizando o seu poder cos medios. A xente fixábase na súa roupa e axudáballes a saír do anonimato. Cando vin que Cobain reivindicaba as miñas bandas favoritas, pensei: que grande. Gustábame Nirvana, pero máis súas camisetas. Dicíamos eu e meus colegas: Como mola Kurt Cobain, que lle gustan os Wipers! Estaba dándolle voz a unha xeración maldita”.

Nirvana a finais dos 80 e xusto no inicio dos 90 non era aínda famosa, e aí, para este pincha discos, estivo o mellor da banda: “Ao comezo eran sólidos, incribles, pero cando se fixeron famosos e actuaron en España Kurt xa era drogodependente. Viñan de sacar seus mellores discos pero nesa xira xa estaban fatal, esnaquizándoo todo. De todos modos, era cando máis público tiñan”. Cousas da vida.

ÚLTIMAS

Caballero anuncia unha reunión “técnica” con Transportes para analizar os pasos do AVE Vigo-Madrid e fixar prazos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este mércores a celebración dunha reunión "técnica" en...

A planta de Stellantis en Vigo ten o futuro asegurado: será o lugar de fabricación dos seus novos modelos eléctricos

O grupo automobilístico Stellantis confirmou a adxudicación da súa plataforma eléctrica STLA Small ás súas plantas...

Vigo preséntase este xoves en Fitur como unha cidade “única no mundo”: do Nadal aos concertos de Castrelos pasando polas praias e as filmacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, informou de que o Concello se presentará este xoves...

Luisa Sánchez confirma que optará á presidencia do PP de Vigo e avisa: “Veño para quedar”

A concelleira do PP no Concello de Vigo e vicepresidenta da Deputación de Pontevedra,...