InicioCulturaUn día co maior experto en rock de Vigo: "Buddy Holly era...

Un día co maior experto en rock de Vigo: “Buddy Holly era un demente, asústame ata a min”

PUBLICADO O

José Miguel Núñez quizais sexa quen máis sabe de rock na nosa cidade, pero nega a posibilidade de xerarquizar, así que o máis probable é que nin el mesmo defendera para si ese título: “Non hai xerarquías. Eu cometín errores mortais. Unha vez pregunteille a Suso o de Elepé, quen son estes? Eran Allman Brothers. Hai veces que podo preguntar polo máis famoso do mundo, e a xente contéstame, pero ti sabes de música? E eu lles digo que non”.

Así que, en definitiva: “Non existe o mellor. Teño algúns grupos que son favoritos meus, pero iso non significa que sexan os mellores, poden gustarme por motivos máis aló da música. En caso contrario, a xente faría dous ou tres albumes e se retiraría, pero non están satisfeitos aínda, seguen gravando con cen anos porque o disco definitivo non existe, é unha ilusión”.

Este apaixonado da música xa non asiste a tantos concertos como antes, pero superou fai moito os miles e asegura recordalos con todas as súas fechas. Só saíu decepcionado dalgúns, como un dos Swans. Gustáronlle os músicos, que soaban “coma a turbina dun avión, había un ancián que era cirurxián do ruído, máis sádicos que Slayer. Pero o roio de Gira, o líder, todo o rato en trance… parecía que iamos entrar nunha seita diabólica, había que chamar á policía”.

Discos honky tonky© miguel Nuñez
Portadas de dous discos “míticos” na tenda de música Honky Tonk / Miguel Núñez

Coñeceu en persoa aos Primal Scream unha noite antes do seu concerto en Castrelos no 2003. Organizaran outra actuación cos Rolling Stones, pero ao cancelarse chegaron con antelación á cidade viguesa. Os Primal estaban aloxados no Hotel Coia, e José Miguel e os seus amigos tomaban algo na cafetaría de pura casualidade.

“OS DE SEGURIDADE BOTÁRONNOS A PATADAS”

Recorda que lle dixeron: “Ei tío, eses son os Primal Scream”. Non o eran. Pero si os seus  técnicos de son. A banda apareceu algo máis tarde preguntándolles por un bo lugar onde ir de festa.

Terminaron na casa de Núñez, asegura o melómano. Un gran desfase, escoitando discos toda a noite. Rememora a Mani, o baixista por aquel entón e con quen garda certo parecido físico, como o máis enérxico de todos e co que mellor se levaba. De feito, ao día seguinte o propio Mani invitounos a todos ao seu camerino despois do concerto. “Os de seguridade botáronnos a patadas, non éramos ninguén”, recorda José Miguel cun sorriso.

Primal Scream no 2006 / Telegraph

A este apaixonado da música quédalle a espiña cravada de non ter visto en directo nin a Suicide nin a Alan Vega en solitario. Recorda un tempo, nos 80, no que era máis complicado decatarte dos concertos, por carteis nas paredes: “Asistín na Iguana a centos de concertos de casualidade, de un día para outro atopabas un flyer no chan”.

A pesar do seu eclecticismo musical, parece gardar o punk non seu corazón, e destaca a Poison Idea coma os mellores do xénero. Estaba nun concerto dos Poison en Madrid, e na segunda canción rompeuse a mano ao golpear a outro home “máis alto ca min, que levaba amolándome dende que comezara o concerto”. Despois do show atendérono e era algo tarde, quedoulle un dedo torcido.

de vez en cando, aínda saca riffs de hardcore punk na casa

Recorda dicirlle ao médico no momento que estaba quedando mal, como este o miraba con cara de é o que te mereces. Agora xa non pode tocar igual que antes a guitarra (si o baixo).

Como pequeno consolo, sabe que o son de Black Sabath nacera cun guitarrista principal que perdera a parte superior dos dedos: “Limitación é innovación”. Así que, de vez en cando, aínda saca riffs de hardcore punk na súa casa.

Foto de Jose Nuñez © Miguel Nuñez
José Nuñez, escollendo discos/ Miguel Núñez

Tamén garda miles de discos e vinilos, así como multitude de obxectos e “merchandising”, algúns deles moi apreciados polos coleccionistas, pero el os define, en xeral, como “porcallada”.

 “Teño un cartel de cartón enorme de The Stooges na miña habitación. Iggy Pop era unha barbaridade, estaba alí cantando como quen practica un deporte de risco, tirándose en paracaídas”, subliña.

“O cartel que teño é dun documental deles que saíu nos cines, o documental non vale nada, pero ao ver o cartón xigante, preguntei: que teño que facer para conseguir un? Deixei o meu teléfono e pasados uns meses chamáronme. Imaxíname pola rúa, cargando con aquela cousa xigantesca, contentísimo”, recorda con moita alegría.

se queres dar con el, proba nunha tenda de discos

Leva 28 anos pinchando discos, nalgunhas épocas de luns a sábado, de feito considérase un experto “en desaloxar locais”. Xa pinchaba, recorda, “noutro país, máis golfo. O mundo é salvaxe se miras para atrás. Non había controis de alcoholemia. Alguén chegaba, sen previo aviso, falaba dunha festa en Madrid. Poñías o coche a toda marcha e chegabas en cinco horas por carreteiras peores, cando abriron a sala Revolver. Agora fas iso e sácanche ata o coche”, chancea.

Hoxe parece inconcebible como “nas furgonetas dos grupos ían bolsas cheas de todo, sen vixilancia ningunha, e en Madrid había dez clubs de rock en fila, na mesma rúa. Agora quedan un ou dous, non vou que me dan ganas de chorar”.

Se queres dar con José, Pepito para os amigos, é moi fácil: proba nunha tenda de discos. El mesmo é consciente de vivir no pasado: “Na actualidade, o rock non celebra festas, só funerais”. Considera ao rock un cadáver: “E se lle pos dez mil voltios e aínda así non revive, malo. Quizais un día chegue, o que o levante da tumba, pero non o podo nin imaxinar”.

Os Stooges, na súa época máis salvaxe/ Pitchfork

Este coleccionista lamenta que xa non se transmita a música pola “cultura do eu e a cerrazón de miras”, tamén nun xénero que aprecia tanto coma o hardcore punk, “onde resulta aínda máis ridículo o fundamentalismo, porque son tres acordes e un tipo cantando parvadas como un panoco. Escoitei moitísimo punk, pero non me identifico con quen o escoita hoxe, porque me parece xente intransixente, que tira pedras ao outro”.

“A música hai que escoitala sen prexuízos. Todo vale, incluso o máis estúpido”, son frases  que definen a súa forma de pensar. De feito, a demencia é un dos criterios que utiliza para valorar aos artistas: “Buddy Holly, cando executaba un solo de guitarra, era máis demente que os Beatles, quedábanlle os ollos en branco, logo volvía á realidade. Tivo que asustar aos vellos da época, aínda asústame a min a día de hoxe”.

Un dos máximos expoñentes neste sentido serían Bad Brains: “Os índices de demencia do cantante de Bad Brains non teñen límites, escoitándoo visualizas a súa loucura. Ameázate, está alí cunha navalla. É o que ten o grupo, porque tocan todo o rato o mesmo riff. Os grunges tolearon, cando viron ao cantante bailando coma un auténtico anormal, cunha bolsa na cabeza”.

Bad Brains/ CVLT Nation

Ás veces, declara Núñez, non se trata de tocar, da música en si, senón de ser perigoso, un termo que utiliza con frecuencia.  Grupos que “non son nada, pero teñen o roio. Non queda case música, moven igual ás masas. Teñen esa capacidade, aínda sendo cutres funcionan. Iso supón unha gran vitoria. No rock, os de terceira categoría poden xogar en primeira, os de primeira caer por pedantes. Esa é a maxia. Joe Satriani fai moito máis, pero non se trata diso. Prefiro a quen toca cunha guitarra e un revolver”.

En termos de perigosidade, cómpre recordar a Vince Taylor, ese vocalista inglés que acudiu a Francia para triunfar e logo terminou mendigando “por chulo”. “Subía ao escenario e dáballe unha labazada ao batería. O mirabas na última época, ferido de morte…. Reducira seus pasos de baile aos dous simples movementos que lle permitía o corpo, pero eran efectivos, e non che daba pena, coma o de Guns and Roses. Mirábaslle aos ollos, e sabías que o pasara ben. Conservou toda a súa presenza e actitude ata o final, e as rescatarían máis tarde os The Clash, volvéndoas eternas”.

ÚLTIMAS

Encontrado o cadáver dunha muller dentro dun coche aparcado nun parking de Samil

O cadáver dunha muller foi achado dentro dun coche que estaba aparcado nun parking...

Decretan prisión para o recluso da Lama investigado pola morte da muller que apareceu no Porriño

A maxistrada do Xulgado de Instrución número 3 do Porriño decretou prisión provisional, comunicada...

Sae o vehículo número 16 millóns de Stellantis, un Fiat E-Dobló 100% eléctrico

Stellantis Vigo produciu este martes o seu vehículo número 16 millóns desde que a...

Expertos analizan no Porriño o “difícil” camiño das vacinas pendentes

A Asociación Nacional de Informadores da Saúde (ANIS), en colaboración con Zendal, organizaron no...