Adela Couto González é unha verdadeira experta en “receitas feitas de maneira sinxela, e boas para a saúde”. Publicar ‘Cociña galega para xente nova’ non foi tarea fácil. Dábanlle pegas por estar en galego e polo caro que resulta un libro con fotografías a cor.
“Hai que saber comprar, eu sempre compro cousas de Galicia”, aconsella. Cando tivo os seus dos fillos, preocupouse de cociñar san. Asegura que de Internet non sabía nada e que as súas receitas non están copiadas de ningures, que só ‘copiou’ da súa gran mestra, a súa nai, e o resto viu do continuo ensaio e error de moitos anos.
O libro está adicado á xente nova, para que deixe de pensar que cocinar é difícil con unhas 100 receitas, e consellos para, por exemplo, deixar de queimar as tarteiras. “Cando fun a un editor, me dixo que escribira para nenos e eu contestei que non. Non creo en receitas específicas para nenos. Meus fillos aprenderon a cociñar axudándome a min”.

A súa obra pode ser un pequeno tesouro para todos eses rapaces e rapazas que se independizan. Vendeuse moi ben, asegura, grazas ao boca a boca, nunca mellor dito. Cando tristemente pechou a editorial na que se publicara, Cumio, acudiu a comprar os volumes que quedaban.
Adela asegura que lle queda moitas recetas listas para publicar. “Empeñeime en escribilo en galego, nalgunha libraría dicían que era unha valente, pero é que eu son galega e falo galego”, subliña.

A súa receita favorita para os mozos é lentellas con arroz e vexetais, “alimenta moitísimo e dura días, para os rapaces que andan a estudar e traballar e teñen pouco tempo”.
Agora cómese peor, compara: “No supermercado tes que ter moito coidado co que compras. Pero si que con poucos cartos e pouco tempo fanse cousas moi boas”. E advirte da importancia de ensinar desde pequeniños aos nenos a comer ben: “Os meus fillos teñen 40 e 42 anos e non tiveron unha enfermidade nunca. A saúde está na cociña, non sei quen o dixo unha vez, pero é a verdade”.

Se queredes coñecer a receita máis fácil, apuntade: “Cocer un repolo cun pouco de polo e unha pataca, podes botarlle pasta tamén”.
Polas pegas ao galego e ás imaxes, non daban publicado o seu libro e estivo 5 anos agardando por un visto bo, o de Cumio: “Non me dou por vencida”. En cambio, escribilo fora moito máis fácil, e non levara nin un ano, porque xa o tiña na cabeza.
“Un dos meus fillos marchou a Granada e pediu que lle escribira as recetas. Díxome que estaban ben explicadas e así foi como comecei a escribir o libro. Despois trouxo un ordenador (nunca collera un) e escribino. Á volta, preguntoume, fuches capaz? Pois claro!“, recorda con ledicia.
Na cociña aínda garda unha libreta vella na que anota receitas e as rectifica, ata acadar a perfección nas orellas ou no arroz con chocos. O seu consello para tódala rapazada é que hai que perder a preguiza a cociñar, “que non é moi difícil aínda que na TV o compliquen para facerse os interesantes”.
De cociñeiros televisivos, encántalle Pedro Subijana, do que afirma que lle recorda á forma de cociñar da súa nai, pero danlle mil patadas, recoñece, moitos dos máis famosos: “Que fan coa cenoria? Quítanlle o que hai que comer e comen o que hai que quitar. Na súa pel están as mellores propiedades, o caroteno, e pélana…”