Inicio Blog Páxina 1627

Zona Franca de Vigo aproba comercializar 39 parcelas na área da Plisan

O comité executivo do Consorcio da Zona Franca de Vigo aprobou a comercialización de 39 parcelas —con 278.000 metros cadrados– da área Loxística Empresarial situadas na Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves (Plisan).

Segundo informou a Zona Franca este xoves, os prezos das parcelas de menos de 20.000 metros cadrados serán de 71,71 euros o metro cadrado, e os das parcelas que superen esa superficie serán de 53,21 euros o metro cadrado.

Así mesmo, o comité executivo tamén ratificou os acordos que permitirán formalizar os convenios para a construción das infraestruturas de gas natural e alimentación eléctrica nesta contorna.

O delegado do Estado no organismo estatal, David Regades, puxo en valor que “a Plisan xa está en marcha despois de conseguir desbloquear máis de 200.000 metros cadrados”. Ademais, lembrou que “dúas empresas xa iniciaron os traballos para establecerse neste novo polígono”: Albo e Beta Implants.

OUTROS ACORDOS

Doutra banda, na reunión aprobouse a cesión temporal ao Concello de Vigo dunha superficie de 4.600 metros cadrados na chaira fronte ao Real Club Náutico para atraccións e actividades relacionadas co Nadal. De ser autorizada pola Autoridade Portuaria, como titular da concesión, a cesión efectuaríase entre os meses de outubro e xaneiro por un período de catro anos.

Finalmente, o comité executivo acordou adxudicar o contrato de aluguer da nave 0 no edificio de oficinas do Consorcio en Bouzas a Reymo Export-Import, un espazo que a Zona Franca considerou que estaba “infrautilizado” e agora converterase nunha zona destinada a loxística e almacenamento.

Aprende como se conservan os ecosistemas mariños

O proxecto do Porto de Vigo e do Centro de Investigación Mariña (CIM) da Universidade de Vigo (UVigo) ‘Puertalmar’, que se centra na conservación de ecosistemas mariños, ofrecerá este mes varias xornadas formativas e de sensibilización con escolares, un taller de expertos e dúas visitas ao porto vigués.

Segundo informaron os promotores do proxecto, co obxectivo de “incrementar a concienciación sobre a necesidade de atopar solucións innovadoras e verdes que permitan un equilibro entre o bo funcionamento dos ecosistemas e as actividades económicas”, este mes celebraranse diversas iniciativas.

En concreto, os días 14, 15 e 16 de abril organizaranse tres xornadas formativas e de sensibilización virtuais con escolares de educación secundaria e bacharelato de colexios de Vigo e Melilla. Posteriormente, o 21 de abril celebrarase un taller de expertos, e os días 23 e 30 realizaranse visitas ao Porto de Vigo.

Nas xornadas formativas trataranse temas como a ecoloxía costeira, a zonación de especies, os impactos ambientais e presións na costa e as solucións baseadas na natureza como ferramentas para o desenvolvemento sustentable.

Pola súa banda, no taller presentaranse os principais resultados obtidos ata o momento polo proxecto; e nas visitas, mediante unha retransmisión en directo dos fondos mariños, os asistentes poderán comprobar ‘in situ’ os traballos realizados na dársena da Laxe, en Vigo.

PROXECTO ‘PUERTALMAR’

‘Puertalmar’, que conta co apoio do Porto de Melilla, está financiado pola Fundación Biodiversidade, do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, a través do Programa Pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O seu obxectivo é o desenvolvemento de sistemas que sirvan de apoio para a vida mariña, de forma que se consiga a recolonización de zonas costeiras que se viron afectadas as actividades industriais en contornas portuarias.

Baixa a presión hospitalaria pero soben os novos contaxios en Vigo

Os casos activos de Covid-19 e os novos contaxios experimentaron unha repunta en Galicia ata os 2.354 e 168, respectivamente, nas vésperas dos festivos desta semana Santa, mentres que os pacientes en UCI aumentaron a 30 e os que permanecen noutras unidades descenderon a 167.

Segundo os datos actualizados na mañá deste mércores pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas deste martes, os pacientes Covid ingresados descenderon de 207 a 197, o que supón dez menos. Deles, 30 atópanse en UCI –catro máis– e 167 noutras unidades –14 menos–.

En canto ás áreas sanitarias, a presión asistencial baixa na área de Vigo, pero soben os novos contaxiados. Así, aínda que soben a cinco os críticos –un máis–, redúcense a 39 os hospitalizados con este coronavirus noutras unidades –dúas menos–.

MÁIS CASOS ACTIVOS E CONTAXIOS

Segundo os datos actualizados este mércores, os casos activos de Covid volveron a ascender, tras a redución da xornada pasada, e sitúanse en 2.354 –o que implica 47 máis–, ao haber máis contaxios (168) que altas (116). Por áreas sanitarias, os casos activos subiron nas de Vigo (+30). Deste xeito, a área da Coruña e Cee mantense á cabeza con 791; seguida da de Vigo, con 619.

Do total de novos contaxios, 148 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas –63 máis que a xornada anterior–, deles 59 na área de Vigo.

REPUNTA A TAXA DE POSITIVIDADE

Ata a data da última actualización de datos, a Comunidade galega levou a cabo 1.851.886 PCR, que supoñen 5.502 probas máis que a xornada anterior –case 400 máis que as contabilizadas o día pasado–.

No relativo á taxa de positividade repuntou a un 3 por cento tras caer a xornada anterior a un 1,4%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala para dar por controlada a pandemia.

O cribado masivo na UVigo terá lugar entre o luns e o mércores

0

As autoridades sanitarias arrincan este sábado os traballos de cribado ao alumnado universitario en todos os campus galegos, un proceso que foi anunciado pola Xunta como parte do retorno á presencialidade nas tres institucións académicas. Un total de 58.151 alumnos galegos serán citados por SMS para participar nas probas que, como avanzara o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, consistirán en test de antíxenos.

O cribado estenderase desde este sábado ata o próximo 4 de marzo e arrincará nos campus Ferrol e Ourense, segundo os datos facilitados polo Sergas. Na área Sanitaria de Ferrol, os tests realizaranse no Hospital Novoa Santos entre o 27 de febreiro e o 3 de marzo, e estarán dirixidos a 2.551 alumnos. Así mesmo, preto de 4.700 estudantes serán citados en Ourense, entre o sábado e o domingo, no pavillón de deportes universitario.

No resto de zonas os traballos de cribado arrincarán a partir do 1 de marzo coincidindo coa reincorporación presencial nos campus universitarios. En Vigo, o cribado realizarase entre o luns e o mércores, no Pavillón do Campus Universitario, e estarán citados 10.400 estudantes.

O Cunqueiro recibirá pacientes covid do resto de Galicia se se complica a situación

0

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que, “de momento”, o Executivo galego non ten previsto despregar hospitais de campaña na Comunidade, aínda que insistiu tamén en que non se pode “descartar nada”, xa que este tipo de medidas dependerán de como evolucione a incidencia da pandemia.

Iso si, tras incidir en que, por exemplo, xa hai unha presión asistencial “importante” na Coruña, argumentou que, antes de proceder a activar hospitais de campaña, optaríase por facer “unha redistribución” coa UCI de hospitais “máis modernos” como os de Lugo e Vigo.

Pero Feijóo, ao termo do Consello da Xunta, apelou á necesidade de non pecharse a ningunha decisión posto que hai que ver como evoluciona a incidencia da covid-19. “Non descartamos nada, pero de momento a Xunta non ten previsto despregar hospitais de campaña. Insisto, de momento”, esgrimiu. A continuación, agregou que se continuará “informando” respecto diso nas próximas semanas de xaneiro e febreiro.

LONXE DO PICO EN PRESIÓN ASISTENCIAL

Na súa intervención, Feijóo remarcou que na Coruña hai unha presión asistencial “importante”, aínda que aínda se pode facer fronte á mesma. Pero tamén incidiu en que, no conxunto de Galicia, aínda se está lonxe das cifras do pico da pandemia tanto en hospitalizados en planta como en UCI.

“No pico da pandemia en UCI foron 178 pacientes e agora temos 82; e hospitalizados chegou a haber 946 e agora temos tamén a metade”, dixo, antes de insistir en que na Coruña “sempre se dan as maiores dificultades” e está Expocoruña –unha das localizacións, xunto co Multiusos do Sar en Santiago, que se previu na primeira onda para tal fin– “preinstalada” por se “fose necesario”. En todo caso, subliñou que, polo momento, non ve preciso despregar estes hospitais de campaña.

Please wait while you are redirected...or Click Here if you do not want to wait.

Talan finalmente todos os cedros da Ronda Don Bosco por risco de derrube

0

Esta mañá procedíase á tala dos últimos cedros de gran porte que coronaban a praza da Ronda de Don Bosco en Vigo.

Os motivos esgrimidos dende o Concello responden, segundo sinalan, a uns informes técnicos internos e externos que recomendaban a súa tala por risco de derrube.

Foran os dous únicos cedros que se salvaran logo de que iniciarse o proxecto de humanización e outras dúas ábores cederan e cairan na mesma praza.

Naquel momento o alcalde, Abel Caballero, sinalaba como culpable á acción da propia gravidade (eran árbores de doce metros) e un raizamen “moi endeble”. Así mesmo o rexidor comprometérase a prantar outras especies de igual porte para esta praza.

A humanización na Ronda de Don Bosco causou grande estupor e controversia con motivo da tala destas árbores lonxevas que conformaban a imaxe desta céntrica rúa.

Caballero xa anunciou que vai sustituir todas as árbores por especies de igual porte como o liquidámbar así como de menor porte como ginko biloba e glicinias.

Os cedros estaban catalogados e protexidos segundo o propio inventariado municipal.

Bombeiros de Vigo denuncian o “trato preferente” de colectivos funcionariais para acceder a prazas do corpo

Bombeiros de Vigo denunciaron o “trato preferente” de colectivos funcionariais como a Unidade Militar de Emerxencias (UME) para acceder ás prazas do corpo municipal das Ofertas Públicas de Emprego (OPE) de 2017, 2018 e 2019 de acordo coas bases das mesmas.

Nunha rolda de prensa celebrada ante o Concello, os portavoces da CIG e CC.OO. no corpo de bombeiros, Miguel Uclés e Gerardo Fernández, reprobaron que as bases do concurso-oposición leven que as prazas reservadas para promoción interna parezan “orientadas a un número reducido de funcionarios municipais“. Ademais, o acto contou con apoio da CUT.

Ante esta situación, Miguel Uclés avanzou que se recorrerán as bases do proceso selectivo (que inclúe 12 prazas de acceso libre e tres de promoción interna) para que a cidade dispoña de “bombeiros que teñan capacidade para prestar ese servizo”. Nesta liña, afirmou que as bases do proceso de acceso ás prazas de promoción libre apuntan a unha oferta “presuntamente corrupta” e advertiu de que “non se pode pór nome ás prazas”.

Ademais, o portavoz de CC.OO. demandou que se elabore unha lista de interinos coas persoas que aproben as probas de acceso para cubrir a falta de persoal que demanda o colectivo. En concreto, neste momento cóntase cuns 100 efectivos a pesar de que os bombeiros estiman que a cifra debería alcanzar os 150, polo que unha das súas principais reivindicacións pasa por un reforzo do persoal.

Uclés tamén lembrou que catro sentencias do contencioso-administrativo e outra de primeira instancia confirmaron a ilegalidade do decreto municipal que suspendeu os descansos regulamentarios dos bombeiros. Precisamente, representantes sindicais denunciaron que este decreto levou que a folga convocada hai un ano queda practicamente sen efecto.

Así mesmo, recalcaron que outras dúas sentenzas concluíron que o Concello abona os reforzos de xornada dos bombeiros por baixo do prezo establecido de modo regulamentario.

SITUACIÓN DA POLICÍA

Noutra orde de cousas, CC.OO., CIG e CUT denunciaron as “políticas internas de premio e castigo impostas pola Xefatura da Policía Local aos seus subordinados”. Así, reprobaron que os funcionarios sexan colocados ou retirados dos seus postos por “políticas internas baseadas en criterios paralegais”.

Nesta liña, criticaron a “falta de compromiso e empatía” mostrada ante as reivindicacións dos funcionarios da Policía Local respecto das súas condicións laborais. Por esta razón, as centrais sindicais reclamaron a destitución da concelleira de Seguridade, Elena Espinosa, e os funcionarios adscritos de modo provisional ás xefaturas da área de Seguridade e Mobilidade e da Policía Local.

DEMANDAS DO COMITÉ DE PERSOAL

Por outra banda, todas as seccións sindicais do Comité de Persoal do Concello (CIG, CC.OO., Casipol, CUT e UXT) esixiron o cesamento do xefe da área de Seguridade ante as “constantes vulneracións de dereitos dos traballadores” e a súa “falta de diálogo”.

Nun acto celebrado ante o Consistorio, o portavoz de CC.OO. no comité, Pergentino Martínez, explicou que a situación levou que o persoal e os sindicatos acudisen aos xulgados para buscar solucións, pero reprobou que non se acataron as sentenzas xudiciais.

Só dous homes do accidente de Oia permanecen ingresados tras a alta dunha muller

Unha muller ferida no accidente dun autobús que transportaba traballadores da planta de PSA Peugeot Citroën de Vigo, ocorrido en Oia (Pontevedra) este martes, recibiu o alta este venres, mentres outros dous homes permanecen ingresados.

Esta muller atopábase hospitalizada no centro vigués Vithas Fátima, segundo detallaron fontes do mesmo. Ademais, outro dos feridos no sinistro, ao que se someteu a unha intervención cirúrxica esta semana, permanece en planta nese hospital, aínda que non se descarta que poida recibir o alta nas próximas horas.

Mentres, o condutor do autobús, que tamén foi sometido a unha intervención cirúrxica, atópase ingresado no Hospital Álvaro Cunqueiro.

En concreto, o suceso tivo lugar pouco antes das 23,00 horas deste martes, cando un cabalo invadiu a calzada no quilómetro 26 da estrada PO-552, que une Vigo coa Guarda. O condutor do autobús, da empresa ATSA, tratou de esquivalo sen éxito, e terminou atropelándoo, o que provocou que o vehículo envorcase.

Incautadas 78 máscaras e 10 pantallas de protección non homologadas a un veciño de Chapela que ía vendelas

A Garda Civil incautou 78 máscaras e 10 pantallas de protección non homologadas a un veciño do municipio pontevedrés de Chapela que as levaba no maleteiro e foi sorprendido vendéndoas en Moaña.

Os feitos producíronse durante a mañá do pasado xoves, cando os efectivos da Garda Civil de Moaña recibiron o aviso da Policía Local no que informaban de que interceptaran a un señor presuntamente vendendo estes materiais.

Os axentes desprazáronse ata a zona e inspeccionaron o seu maleteiro, no que localizaron 78 máscaras e 10 pantallas de protección contra o coronavirus, sen ningún tipo de etiquetaxe nin homologación.

Como non contaba con ningún tipo de documentación que xustificase a orixe destes artigos nin a legalidade da súa venda, a Garda Civil incautounos e abriu unha investigación contra o home por un delito de estafa.

Ademais, despois comprobouse que o investigado estivera ofrecendo as máscaras por dous euros e as pantallas por 10 en varios establecementos de Moaña. Por todo iso, o Xulgado de Instrución de garda de Cangas chamarao a declarar en calidade de investigado.

A área de Vigo suma máis de 600 casos activos de coronavirus

0

O número de diagnósticos de coronavirus na áera de Vigo ascende a 633 persoas, segundo informou a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

O número de casos activos en Galicia contabiliza 2.627: ademais dos casos na área de Vigo hai 597 na Coruña, 454 en Santiago, 371 en Ourense, 290 en Pontevedra, 219 en Lugo e 63 en Ferrol.

Galicia aumenta cada día e este sábado rexistráronse un total de 2.627 afectados, un 18,8% máis que o pasado venres; á vez que xa son 95 as persoas que foron dadas de alta, 28 desde o último boletín de actualización do venres.

Destas cifras informou este sábado a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, que a esta hora contabiliza 2.627 casos en activo: 633 na área de Vigo, 597 na Coruña, 454 en Santiago, 371 en Ourense, 290 en Pontevedra, 219 en Lugo e 63 en Ferrol.

O aumento de persoas contaxiadas do venres ao sábado é de 416 persoas, mentres que o crecemento que se deu do xoves ao venres era de 379 diagnósticos. Isto supón que o número de novos contaxios por día aumentou un 9,7%.

Ademais, tamén se contabilizan 95 persoas dadas de alta e 50 falecidos durante esta pandemia na Comunidade, que afecta o conxunto da Península na que xa se rexistran 72.248 casos.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed