Inicio Blog Páxina 1626

Coñece as parroquias nas que podes pasear ou facer deporte sen franxa horaria

0

Os veciños de total de 1.428 parroquias das catro provincias galegas poden saír á rúa dar paseos e practicar actividade física sen aterse ás franxas horarias por idades que imperan para núcleos de máis de 5.000 habitantes.

Tras o cambio de criterio na aplicación da norma por parte da Delegación do Goberno (que cinguía as restricións ao termo municipal), a Xunta elaborou a lista de localidades que se benefician da liberdade horaria aplicando como criterio delimitador a ‘parroquia’. Consulta en Galicia Confidencial este listado.

APRAZADO – Voluntarios de toda España protagonizarán a plantación do ‘Bosque da Luz’ en Chandebrito

0

EVENTO APLAZADO ATA NOVO AVISO

Concello de Nigrán, Comunidad de Montes e Asociación de Veciños de Chandebrito organizan xunto a asociación ‘Galicia Ambiental’ a plantación de castiñeiros ‘Bosque da luz’ este sábado e domingo na parroquia.

Un cento de voluntarios inscritos desde toda España participarán neste programa que xurde a través do proxecto ‘Arbores de cinza’ e que conta co apoio do ‘Festival de la Luz’ de Boimorto amadriñado por Luz Casal.

Serán dous días de confraternidade co pavillón do Colexio Estudio de Chandebrito como ‘albergue’, sendo o sábado a xornada máis completa coa realización de dúas reforestacións (mañá e tarde) e o concerto ás 22:30 de San Rockers e The Soul Jacket como colofón (as dúas bandas de rock con raigame en Nigrán).

Para este evento musical a Comunidade de Montes solicita un donativo de 5€ como entrada simbólica destinada a continuar coas plantacións na parroquia.

Coincidindo o sábado co 40 aniversario do falecemento de Félix Rodríguez de la Fuente, realizaranse tamén actividades paralelas pensadas especialmente para un público infantil. Ademais, inaugurarase un monolito en agradecemento aos promotores do evento e o domingo pola mañá, como despedida dos voluntarios ao mediodía, terá lugar unha andaina etnográfica pola parroquia.

“Son dous días de convivencia e confraternidade con voluntarios de toda España e o sábado contará co concerto de San Rockers e The Soul Jacket para todo o público que desexe asistir. É unha honra acoller este programa de voluntariado en Chandebrito e desde o Concello estamos encantados de colaborar nel”, sinala o alcalde, Juan González.

O xulgado recoñece o dereito dun empregado a mudar a quenda para coidar do seu fillo

O Xulgado do Social número 2 de Vigo recoñeceu o dereito dun empregado de PSA Peugeot Citroën, A.R.F., a dispor dunha quenda fixa de mañá de luns a venres para permitirlle conciliar a súa vida laboral e persoal e, deste xeito, ocuparse do seu bebé dun ano.

Segundo recolle a sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o empregado, cuxo fillo naceu en decembro de 2018 e cuxa parella traballa como autónoma, desempeñaba o seu labor nunha quenda de 6,00 a 14,00 horas desde novembro de 2018 e dispuña dunha redución por motivos de lactación. Ademais, desde novembro de 2019, volvera rotar as quendas de mañá e tarde.

Aínda que o empregado solicitara o mantemento da quenda matutina, a empresa denegou a petición ao argumentar que se lle asignou durante un período determinado debido ás necesidades da produción. Así, PSA defendeu que non se poden “xestionar quendas á carta” nun sistema de produción continua dado que iso levaría que “o tempo que (o traballador) non prestase servizos debería ser asumido por outro”.

Así mesmo, a empresa ofreceu distintas alternativas de redución de xornada e a posibilidade dunha rotación de quendas de mañá e tarde que o traballador rexeitou.

Ante esta situación, o xuíz considerou que “as causas organizativas ou produtivas (que a empresa argumenta para non conceder a quenda de mañá fixo) non tiveron unha demostración clara de prexuízo real”. Así, lembrou que unha sentenza de maio de 2019 sinalaba que unha muller nunha situación similiar non debía acreditar que a súa parella ou outros familiares non podían facerse cargo do seu fillo.

Por tanto, o maxistrado estimou a demanda do empregado de PSA ao considerar que debe prevalecer o seu dereito á conciliación dado que a empresa non acreditou unha “imposibilidade real” de adaptar o seu horario. No entanto, o xuíz considerou que non se produciron danos nin prexuízos á parte actora, polo que desestimou a súa petición dunha indemnización de 3.000 euros.

O novo PXOM de Vigo propón cubrir partes da AP-9 para salvar a “ferida” que representa

O novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Vigo exporá o cubrimiento de partes da autoestrada AP-9 na súa entrada á cidade, para salvar a “inmensa ferida” que representa este viario para a urbe.

Así o avanzou o alcalde olívico, Abel Caballero, en declaracións aos medios, durante o acto de inauguración dun tramo da Senda Verde, que discorre paralela á autoestrada, na zona de Mestre Chané.

Abel Caballero explicou que o novo plan urbanístico da cidade, que se presentará “en 6 ou 7 meses”, prevé “solucións” para permitir o paso entre as zonas de García Barbón e Travesía de Vigo, separadas pola AP-9, sen ter que recorrer a “pasos antediluvianos”, como os que existen actualmente.

O rexedor non deu máis detalles acerca de como serán esas “solucións”, aínda que confirmou que se tratará de “mecanismos que permitan resolver tramos con cubertas” sobre a autoestrada, e incidiu en que esa actuación será “unha das prioridades” do novo plan. “Para iso quero seguir sendo alcalde, para seguir resolvendo as feridas que nos deixaron na cidade”, proclamou.

O alcalde fixo estas declaracións no acto de inauguración do primeiro tramo de Senda Verde que se pon en servizo. Trátase de algo menos de 500 metros de paseo, con zonas verdes e carril bici, que substitúen as antigas vías do tren. Esta Senda discorrerá, no termo municipal de Vigo, entre Vía Norte e o límite co municipio de Redondela, e ten un investimento previsto de case 1,5 millóns de euros.

Unha fuga de bombonas de gas causa un incendio na fachada dunha casa en Salvaterra

0

Unha fuga en tres bombonas de gas causou un incendio na fachada dunha vivenda na parroquia de San Pelayo de Alxén (Salvaterra de Miño). Afortunadamente, non houbo que lamentar danos persoais.

O 112 Galicia explicou que os equipos de emerxencias foron mobilizados na noite do pasado sábado, tras o aviso da Garda Civil, que foi quen apuntou á orixe do incendio. Deseguido, o 112 Galicia alertou os Bombeiros do Baixo Miño e de Ponteareas para facer fronte ao lume, que agora xa está extinguido e que non causou danos persoais no interior da casa.

Segundo explicaron os efectivos do servizo de extinción do Baixo Miño, o incendio calcinou parte da estrutura da vivenda e algúns obxectos que se atopaban no exterior. En concreto, refírense a madeira apilada, palés e un motor de piscina. Igualmente, as persianas, canalóns e cristais da vivenda tamén se viron danados polo incendio.

Pola súa banda, os axentes encargados da extinción baleiraron as bombonas nunha zona segura, segundo confirmou o 112 Galicia, ademais de realizar labores de arrefriado para reducir os riscos dunha nova combustión.

Feijóo e Casado xuntos en Vigo para falar da “unidade de España”

0

Os líderes nacional e galego do PP, Pablo Casado e Alberto Núñez Feijóo, serán os protagonistas dunha nova cita de #forosvigo, que organiza o partido na cidade olívica, e falarán sobre unha cuestión “que preocupa aos vigueses e aos españois”, como é “a unidade de España“.

Este é o segundo encontro desa iniciativa impulsada polos populares vigueses, coñecida como #forosVigo, e que se inaugurou o pasado 30 de xaneiro, coa charla ofrecida por Adolfo Suárez Illana sobre os 40 anos da Constitución.

Segundo sinalou a líder do PP en Vigo, Elena Muñoz, este encontro (que terá lugar este xoves ás 18,45 horas na sede do Real Club Celta en Príncipe) versará sobre unha cuestión que “preocupa” aos españois, “como se viu na manifestación do domingo en Madrid”.

Acelerou o golpe de Estado a destitución de Alcalá Zamora como presidente da República?

“Crónica de una caída: la destitución de Alcalá Zamora. El principio del fin”. Con este título preséntase o primeiro libro do xa historiador Carlos Lozano, alumno de mestrado da Universidade de Vigo.

Froito do seu traballo fin de grao, nesta publicación o autor afonda na figura do presidente da Segunda República Española e do momento clave para o devir da historia de España como foi a súa destitución como presidente uns meses antes do inicio da Guerra Civil.

Publicado por Editorial Académica Española, o autor explica como o traballo de investigación que recolle o libro, titorizado polo profesor Jesús de Juana, “céntrase na destitución presidencial de Niceto Alcalá Zamora en abril de 1936, que supuxo un cambio na situación política”.

Así, detalla Carlos Lozano, “a través das formas e dos intereses políticos que levaron á súa caída, pretendemos obter con este traballo unha visión máis completa das razóns e dos motivos que remataron con Alcalá Zamora fóra da xefatura estatal e coñecer a influencia desta destitución no golpe militar de xullo de 1936 e na posterior Guerra Civil”.

Acorde con este obxectivo, o estudo emprega, segundo apunta o seu responsable, “unha metodoloxía baseada nas memorias de diversas personaxes políticas implicadas no suceso e nos estudos dun amplo número de investigadores”.

Completa o traballo “a análise dunha serie de xornais estatais e galegos (ABC, Ahora, El Pueblo Gallego, El Sol e La Voz de Galicia), de diversa índole política e dos que realicei unha serie de fichas hemerográficas incluídas na publicación”, tal e como explica o investigador.

Carlos Lozano co seu primeiro libro/ Duvi

O 7 de abril de 1936 Niceto Alcalá Zamora, explica Carlos Lozano no seu libro, foi destituído da presidencia da república polo parlamento, tras aprobarse a súa destitución con 238 votos a favor e 5 en contra.

“Era a crónica dunha morte anunciada: todo o espectro político buscaba, desde a campaña electoral de comezos de ano, a destitución do xefe de estado. O descalabro do seu proxecto electoral foi entendido como unha derrota persoal polos partidos maioritarios mais Alcalá desistiu de dimitir e aferreouse á súa perrogativa presidencial, alegando que aínda posuía a potestade de disolver as cortes unha vez máis”, subliña.

Esta destitución, indica o historiador na publicación, “supuxo o inicio dunha nova etapa no panorama político español do momento”. A súa marcha, comenta Carlos Lozano, “foi, seguramente, un suceso máis que fixo adiantar o planeado golpe de estado contra o réxime, ademais de engadir adeptos á súa causa. A súa caída minguou un aínda novo sistema democrático”.

Situados nun clima de tensión sociopolítica e co temor a un golpe militar, a caída do político cordobés da xefatura do estado, detalla o autor, “puido supor unha certa desacreditación do goberno do Frente Popular e proporcionar máis inestabilidade á nova república, xa que este feito impulsou aínda máis a deserción, non só das dereitas senón dunha parte importante da burguesía republicana”.

El Escorial e El Valle de los Caídos: a Guera Civil culminou nunha ditadura de catro décadas/ Jesús Pérez Pacheco

“Como observamos na maioría das memorias das personaxes claves do momento, ademais de nos diarios, a destitución foi considerada como un ataque aos valores democráticos”, comenta o autor no seu libro.

O proceso de destitución a través do artigo 81, engade Lozano, foi tomado como un procedemento ilegal que atentou contra a propia Constitución e a marcha de Alcalá Zamora, tres meses antes do golpe militar do 17 e 18 de xullo, “puido ser a gota que colmou o vaso para o sector contrario á república”.

A análise das formas da súa caída e das razóns da mesma, analizadas neste traballo, detalla Carlos Lozano, permiten “obter unha nova e máis completa visión das circunstancias, presións e protagonismo que tiveron neste acontecemento as forzas políticas e o posible papel que xogou a caída desta personaxe no golpe de estado militar de xullo de 1936 e na Guerra Civil que veu como consecuencia”.

Así, sobre os resultados da súa investigación, Carlos Lozano salienta como “amosaron unha complexa rede de circunstancias políticas e de conflitos persoais que conlevaron á destitución presidencial, ben definidas nas bibliografías das personaxes analizadas e nas páxinas dos xornais estudados, e que afectaron á situación sociopolítica do momento”.

Con este libro, o autor, especialmente interesado no período da Guerra Civil e a Segunda República, agarda contribuír ao coñecemento de Alcalá Zamora, que “me parece unha personaxe bastante esquecida e maltratada pola historiografía tradicional a pesar de que a súa destitución é un aspecto clave para entender o golpe de estado que levou logo á Guerra Civil española”.

O barrio da Lavandeira de Soutomaior: un “cheiro pestilente” en pleno Camiño de Santiago

Varios veciños do barrio da Lavandeira, en Soutomaior, denunciaron este xoves a situación na que se atopa a contorna da fonte do devandito barrio, a causa dos continuos verquidos. Acusan ademais ao alcalde, Agustín Reguera, de non facer caso das súas peticións.

Segundo informaron os propios veciños, “estes verquidos prodúcense porque a bomba trituradora da fosa séptica que se atopa no lugar non funciona ben, e isto provoca que desborde e verta directamente á poza e as fincas do barrio. As consecuencias están á vista de todos, fincas cheas de excrementos, compresas…”.

“Estamos en pleno camiño de Santiago, nun lugar polo que pasan ducias de miles de persoas cada ano, pero o recordo que levan do noso barrio é un cheiro pestilente e unha paisaxe sementada de residuos”, lamentan.

A este verquido hai que sumar outro producido pola rotura do alcantarillado na rúa Castelao e que fai que os verquidos e os excrementos das casas vian directamente á poza da Lavandeira.

En Marea sinala o enfrontamento entre a autoridade portuaria e o Concello de Vigo

Os deputados e deputadas de En Marea, no Parlamento e no Congreso, e os concelleiros de Marea de Vigo quixeron manifestar publicamente o seu apoio e solidariedade a todas as vítimas e as súas familias do sinistro no paseo marítimo no Marisquiño en Vigo, ao tempo de facer un especial recoñecemento ao servizo sanitario e forzas de seguridade e emerxencia, “que actuaron con total prontitude e disposición”.

Desde o grupo parlamentario de En Marea, o seu voceiro, Luís Villares, salientou o bo facer “das e dos profesionais que foron quen de dar resposta a catástrofe a pesares de que, no caso do centro hospitalario do Álvaro Cunqueiro, non contan cun plan de catástrofes e incidencias de múltiples vítimas tal e como ten denunciado en reiteradas ocasións En Marea no Parlamento”.

Por outra banda, máis alá das disputas entre as administracións en referencia ao mantemento do paseo marítimo onde aconteceu o sinistro, En Marea e Marea de Vigo coinciden en sinalar a responsabilidade tanto da Autoridade portuaria como do Concello de Vigo de ter arranxado esta cuestión con anterioridade e non levar 20 anos de enfrontamento entre administracións, así como de Portos do Estado.

Así quedou a estrutura no accidente do Marisquiño / Miguel Núñez

“Estas administracións tiña que ter atendido as súas responsabilidades e se non tiñan claro de quen dependía o mantemento, terían que ter acudido aos xulgados para aclarar a situación” sinalaron tanto o voceiro de En Marea, Luís Villares, e o de Marea de Vigo, Rubén Pérez.

Tanto o grupo de En Marea no Parlamento como no Congreso, e o grupo municipal Marea de Vigo inciden no feito de que a policía científica está a traballar para esclarecer o suceso, polo que hoxe é o día de apoiar ás familias.

Os distintos grupos aseguran ademais que se esixirán as responsabilidades que correspondan unha vez se teñan datos confirmados, co fin de erradicar este tipo de prácticas e baleiros de actuación.

Nace en Nigrán o Season Fest, un festival para tódolos públicos que se celebrará en Praia América

Os días 3, 4 e 5 de agosto celebrarase en Praia América o Stella Maris Season Fest, que mestura concertos para distintos públicos. Os cabezas de cartel, Café Quijano, Dyango e Loquillo, compartirán escenario con algúns dos grupos pop galegos do momento, como Los Árboles ou Chelsea Boots.

O Stella Maris Season Fest nace a raíz da gran acollida que tivo o concerto de Stella Maris e Pablo Milanés no ano 2017, ao que acudiron máis de 6.000 persoas. Por iso, encargouselle á empresa de organización de eventos Elemental Street, que lle dera un empurrón máis ao evento converténdoo nun festival de tres días dirixido a diversos tipos de público de distintas xeracións.

Este festival nace coa intención de reunir a públicos de distintas idades e gustos. Un gran
escenario pegado ao mar e unhas propostas musicais dirixidas a públicos de gustos diferentes. “Ata para a xente que non vai a festivais”, subliñan dende a organización.

Loquillo e Dyango

“Café Quijano chega ao escenario o venres día 3. O grupo mítico dos 90 será teloneado por dous dos grupos do pop galego actual de máis éxito: As Árbores e Gin Tonis. O sábado, pensado para un público distinto, será a quenda da Coral Stella Maris, que homenaxeará a un dos cantantes emblemáticos da canción romántica española: Dyango”, destacan.

O SeasonFest recupera así ao mítico intérprete catalán que cantará os seus temas máis coñecidos. O domingo será a quenda de Loquillo. O público fiel do lendario rockeiro poderá gozar antes do concerto dos Chelsea Boots.

En total, son “sete concertos, djs, a mellor comida servida nunha zona gastro con foodtrucks e actividades paralelas en distintos puntos para toda a familia durante toda as tres xornadas, que cubrirán unha programación de luxo os días 3, 4 e 5 de agosto no Campo de Lourido (Praia América).

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed