Unha septuaxenaria veciña do lugar das Penas, no municipio pontevedrés de Ponteareas, chamou este luns ao 112 Galicia para pedir que a rescatasen tras caer ao interior dun pozo ao ceder a tapa.
Segundo relatou o 112, así o explicou a propia afectada na súa comunicación co servizo de emerxencias cando pasaban uns minutos do mediodía deste luns. A afectada confirmou o seu bo estado de saúde, pero a incapacidade de saír dunha escavación de case dous metros de profundidade onde caeu ao ceder a tapa, indicou o 112.
Así mesmo, apuntou que a auga acumulada no fondo cubría apenas ata os seus xeonllos, polo que podía respirar con normalidade, engadiron as mesmas fontes. Para sacala do pozo pediuse a intervención do GES-Bombeiros de Ponteareas, que tamén recibiron o apoio e colaboración de voluntarios de Protección Civil.
Do mesmo xeito, solicitouse a Urxencias Sanitaria de Galicia-061 o envío de medios co obxectivo de verificar o estado de saúde da muller e avisouse ás forzas de seguridade locais e da Garda Civil.
En concreto, o 061 enviou unha ambulancia e un equipo sanitario de Atención Primaria para atender á muller afectada, de 78 anos de idade, pero non foi necesario o seu traslado, confirmaron fontes sanitarias.
O Grupo PSA producirá na súa planta de Vigo o novo Peugeot 2008 a un ritmo de 1.000 unidades diarias desde finais do primeiro trimestre deste ano, segundo informou a empresa, que puxo en marcha dous novos equipos de traballo (tarde e noite) integrados por 600 persoas cada un.
Con vocación de ser “un dos grandes referentes” en materia de tecnoloxía, confort, prestacións e respecto ao medio ambiente do segmento dos todocamiños compactos, o novo modelo da firma francesa, ademais de supor o lanzamento da plataforma CMP na factoría viguesa, trouxo consigo novidades en técnicas, procesos e instalacións.
“Un vehículo tan cargado de innovación require unha nova forma de enfocar a produción de automóbiles. Un reto que esixe un alto nivel de competitividade e cualificación. Peugeot confía plenamente no centro de Vigo do Grupo PSA para cimentar o éxito dun modelo clave para o futuro da marca”, asegurou a directora xeral da firma para España e Portugal, Hélène Bouteleau.
A nova xeración do todocamiño de Peugeot permite elixir entre versións gasolina, diésel e eléctricas grazas á nova plataforma modular multi-enerxía CMP, que se estrea na planta olívica.
“É a base técnica sobre a que se constrúe o vehículo, xa que integra o chasis, o motor, a batería, a transmisión e a suspensión. O seu carácter modular permite ofrecer unha gran variedade de siluetas aos clientes. Ademais, fai posible que as versións térmicas e eléctricas do novo Peugeot 2008 poidan fabricarse na mesma liña de produción: o Sistema 1 do centro de Vigo”, subliñou a compañía.
Por iso, a factoría galega tivo que afrontar unha transformación “profunda” dos seus procesos de produción e das súas instalacións. No Sistema 1 implantáronse innovacións como o sistema de descarga automática e de visión artificial nas liñas de prensas, o control xeométrico de calidade por visión artificial e a axuda visual e intelixente ao operario, entre outros avances.
Desta maneira, impartíronse 35.000 horas de formación para familiarizar os traballadores cos novos procesos. A industrialización do novo 2008 realizouse en 49 semanas, unha marca dentro do Grupo PSA.
Coas novas contratacións, en total 2.500 traballadores estarán directamente vinculados á produción deste modelo nos próximos anos.
Rebelde e irreverente. Así era Pippi Långstrump, personaxe literaria creada pola escritora sueca Astrid Lindgren en 1945, a inesquecible nena de pencas na cara e trenzas laranxas coa que rapazas e rapaces de todo o mundo viviron aventuras ata convertela en toda unha icona contemporánea.
O libro, de 1945, foi traducido a máis de 70 idiomas, pero non foi ata 2017 que puido lerse no idioma de Galicia, baixo o título Pippi Mediaslongas, grazas ao traballo de David Álvarez, filólogo e apaixonado da cultura xermánica.
Álvarez visitou este mércores a Facultade de Filoloxía e Tradución, convidado por Bitraga (grupo de investigación BiFeGa), para impartir a conferencia ‘Dos mares do sur á Galicia do século XXI, Recreación e censura nas traducións de Pippi Mediaslongas’, unha intervención que presentou a profesora Lara Domínguez e na que repasou algunhas das múltiples censuras e curiosidades que experimentou esta obra ao longo dos anos.
Escandalizados polos seus xestos e comentarios, moitos adultos tachárona de mal exemplo para a infancia, pero o éxito desta nena foi imparable: rebelde, transgresora e desclasada, independente, simpática e extrovertida, Pippi rompía cos estereotipos e actuaba de forma contestataria fronte aos maiores. “As súas accións motivadas polo absurdo, a espontaneidade ou a provocación, evidencian as convencións da escola, da familia e da sociedade da época”, lembran na web de Kalandraka, a editora especializada no público lector infantil que fixo posible este proxecto.
“As súas novelas foron acusadas de colonialismo”
“As súas novelas foron acusadas en numerosas ocasións de colonialismo”, explicou Álvarez, quen lembrou que o pai de Pippi era o rei dunhas illas dos mares do sur e nas primeiras traducións falábase del como ‘o rei dos negros’.
“Houbo moitas versión nas que isto se suavizou ou directamente se eliminou e incluso nas novas edicións suecas isto cambiouse por corrección política”, recalca o tradutor, quen lembrou que a palabra negro na Suecia actual ten outra connotación que non tiña nos anos corenta e, ademais, por influencias do inglés, adquiriu un carácter bastante despectivo.
“A maiores, hai que pensar na cantidade de minorías e de inmigrantes que hai neste país nórdico e que fan que, neste sentido, a sensibilidade sexa moito maior”, explicou o tradutor, que fixo fincapé en que todo isto motiva “que siga habendo versións edulcoradas de Pippi”.
Outro tema frecuentemente sometido a censura é a desobediencia de Pippi ás normas sociais, que en moitas das versións europeas, xa desde o comezo, se suavizaron e fixeron dela unha figura un pouco máis amable do que era na orixinal. “Pippi desafiaba autoridades moi establecidas nesa época, hai que pensar que estamos falando de plena década de 1940”, recalcou Álvarez.
Durante a súa conferencia, Álvarez afondou non só no mundo da censura, senón tamén no das ‘recreacións’ entendendo por estas o papel do tradutor/a como coautor no texto meta. “Pippi é todo un universo de fantasía”, recalcou Álvarez, que apuntou tamén a relevancia de “facer unha tradución independente, non subsidiaria de outras”, en referencia á gran cantidade de traducións indirectas que tivo esta obra. “A recreación é para min ese proceso de creación e adaptación á túa propia lingua”, explicou o relator.
“Desde que comecei a estudar sueco pensei na posibilidade de traducir este libro ao galego e, anos despois, logo dunha estancia alí, vinme con forzas de facelo”, explica o tradutor, quen domina o inglés, o alemán e o sueco. A tarefa foi ardua e, neste sentido, destaca como especialmente complicado traer ao galego os xogos de palabras que facía Pippi.
“Ela era o que se pode chamar unha acróbata lingüística, que xoga dunha maneira moi particular coa linguaxe: inventa palabras, usa os dobres sentidos e interpreta de xeito literal moitas cousas que teñen outro sentido”, explica o tradutor, que fala tamén da importancia no libro das rimas, as cancións, as referencias culturais… Como exemplos, o tradutor fala, entre outros moitos, do nome da casa na que vive Pippi, que el traduciu como Vilapenela, coa intención de “reflexar a aliteración das dúas palabras orixinais que empregou a escritora, aínda que ao longo dos anos houbo versións de todo tipo”.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reprobou en rolda de prensa a actitude “escapista” de Abel Caballero, mais non aclarou se debería activarse ou non a comisión de investigación do Marisquiño, como suxerira a portavoz do seu partido na cidade de Vigo.
Insistiu en que a investigación “debería producirse no ámbito local”. Non aclarou tampouco a razón do desinterese do PP en avalar a comisión de investigación do sinistro de Angrois.
Pola súa banda, Porto de Vigo vén de confirmar que no revisou a zona accidentada porque “non ten dúbidas” de que o mantemento é competencia municipal. Remitiuse López Veiga a un convenio dos 90.
Manifestou tamén López Veiga a súa disposición a comparecer onde se lle requira. Por último, que exista un pacto entre Porto e Concello para tapar os feitos.
O edificio dos xulgados de Vigo foi denunciado por infracción en materia de saúde laboral, ao rexistrarse nel “temperaturas inadecuadas e que incumpren o establecido no real decreto 486/1997 sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde nos centros de traballo”.
Este real decreto establece que “as condicións ambientais dos lugares de traballo non deben constituír unha fonte de incomodidade ou molestia para os traballadores. Para este efecto, deberán evitarse as temperaturas e as humidades extremas, os cambios bruscos de temperatura, as correntes de aire molestas, os cheiros desagradables, a irradiación excesiva e, en particular, a radiación solar a través de fiestras, luces ou tabiques”.
De forma máis concreta, establece que nos lugares de traballo pechados deben cumprirse estas condicións: “A temperatura dos locais onde se realicen traballos sedentarios propios de oficinas ou similares estará comprendida entre 17 e 27ºC”, e “a temperatura dos locais onde se realicen traballos lixeiros estará comprendida entre 14 e 25º C”.
Así mesmo, a directiva europea establece que o empresario “está obrigado a velar para o remedio máis rápido posible das deficiencias que se observen e que poidan afectar á seguridade e a saúde dos traballadores. A temperatura nos locais de traballo deberá ser adecuada ao organismo humano durante o tempo de traballo, tendo en conta os métodos de traballo aplicados e as presións físicas impostas aos traballadores”. E nos xulgados de Vigo esta temperatura, aseguran, está a superar os 29º.
Polo tanto, foi denunciado que “unha avaría no aire acondicionado no edificio dos xulgados de Vigo o pasado xoves aínda sen amañar, fixo que a media mañá deste martes se acadaran temperaturas de máis de 29ºC. Nos edificios xudiciais, non só en Vigo, as deficiencias estruturais ocasionan estrés térmico aos traballadores dificultando e imposibilitando o desenvolvemento do traballo diario”.
A denuncia conclúe sinalando que “está previsto que o aire acondicionado non estea amañado ata a vindeira semana”. Polo tanto solicitan á inspección de traballo e Seguridade Social un requirimento urxente á Dirección Xeral de Xustiza “para que, cumprindo coa lexislación vixente, se adopten as medidas necesarias e eficaces de forma que a temperatura no edificio dos xulgados de Vigo non exceda da establecida como máxima permitida”.
Unha médica que vive na Guarda e vai traballar todos os días para o hospital de Viana do Castelo fai máis 80 quilómetros pola mañá e outros 80 quilómetros á tarde. Non pode cruzar polo ferry que une Caminha con Camposancos, na Guarda, o que acurtaría o traxecto en 50 quilómetros.
Unha perruqueira que é de Arbo pero ten o seu negocio en Melgaço ten que facer máis de 200 quilómetros ao día. A pesar de estar a menos de 20 minutos do seu traballo ten que ir a Tui para cruzar alí a fronteira. Pode botar ata tres horas na estrada ao día para ir e volver a traballar.
Como estes casos hai numerosos exemplos que fan case inviable que os traballadores transfronteirizos poidan conciliar a súa vida laboral coa persoal, ademais da perda económica que iso supón. O principal problema é que, logo de inicio da pandemia, só quedou aberto un paso fronteirizo, o de Tui-Valença, o que está provocando graves problemas tras o inicio do desconfinamento.
“Nós aquí na raia somos case unha familia e estamos vivindo unha situación dramática“, destaca o vicepresidente da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Río Miño, Fernando Nogueira que insiste na necesidade de abertura de novas pasaxes na fronteira entre o Norte de Portugal e Galicia para “aliviar” os “prexuízos” causados aos traballadores transfronteirizos”.
E a situación vai para longo xa que as fronteiras terrestres entre Portugal e España van continuar encerradas até ás 00:00 do 15 de xuño, segundo a resolución de Consellos de Ministros de Portugal publicada o pasado mércores. Unha decisión que non ten gustado no Norte de Portugal, nin tampouco en Galicia.
Estes problemas económicos e sociais afectan directamente a un total de 26 concellos: os 10 municipios do distrito de Viana do Castelo que compoñen a Comunidade Intermunicipal (CIM) do Alto Miño e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra.
Desembocadura do río Miño entre A Guarda e Caminha / Wikimedia Commons
“DESCONFINAMENTO GRADUAL”
Fernando Nogueira, que é tamén alcalde de Vila Nova de Cerveira que, xuntamente co concello de Tomiño, forman unha eurocidade, defendeu aínda a necesidade de que, “o desconfinamento se faga de xeito gradual e simultáneo nos dous lados da fronteira para que, efectivamente, a economía poida retomar a súa actividade”.
“O pequeno comercio, a restauración, non poderán retomar a súa actividade se non se abren as fronteiras. Nós vivimos claramente virados para a Galiza. Neste momento non é o caso porque agora todos os equipamentos municipais están pechados, mais en Vila Nova de Cerveira non me valería ter a piscina municipal a funcionar porque máis do 60% dos usuarios veñen do outro lado do río”, subliñou.
Por iso, o autarca luso insiste en que é “absolutamente fundamental crear condicións” para que esta rexión transfronteiriza “deixe de ter a fronteira que durante moitos anos a limitou e que, coa Europa comunitaria, tiña dato a facilidade para relacionares”, entre os dous pobos veciños. “Agora volveu a existir este malfadado muro de Berlín”, lamentou en declaracións á Lusa.
O espectáculo teatral ‘Curva España’, a nova produción de Chévere, iniciará este 2020 cunha xira por Galicia. En concreto, a obra poderase ver en Vigo este xoves, día 16 de xaneiro, e despois pasará por Pontevedra (o sábado 17), Lugo (19), Ourense (24 e 25) e Ames (31).
Segundo informa a produtora a través dun comunicado, tras percorrer a Comunidade galega, ‘Curva España’ viaxará ata Eibar e Vitoria, en Euskadi, e en marzo estará dispoñible durante dez díaz en Teatros da Canle, en Madrid.
Protagonizada por Patricia de Lorenzo e Miguel de Lira, a obra estreouse o pasado 25 de xullo na Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia e foi vista xa por máis de 6.000 espectadores.
‘Curva España’, coproducida xunto con Teatros da Canle, a MIT de Ribadavia e o Concello de Teo, trata sobre un crime aparentemente sen resolver e unha morte violenta que provoca sospeitas e interrogantes sobre os seus autores, motivacións e consecuencias.
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo, acollerá do 7 de xuño ao 31 de outubro, a exposición ‘Ou Camiño do Mar’, un proxecto promovido pola Asociación Galega do Patrimonio Industrial Buxa co fin divulgar o Camiño Xacobeo por vía marítima, e que incluirá a restauración do ‘Naomhóig’, unha embarcación tradicional irlandesa.
Este barco, un ‘currach’, foi usado por catro amigos irlandeses para facer o Camiño de Santiago a remo desde Dublín entre 2014 e 2016, e agora está depositado no Museo do Mar, tras a súa varada en Portugal. Tras un tráxico accidente durante unha travesía en Caminha, que custou a vida ao impulsor da súa construción, o carpinteiro e pescador Danny Sheehy, a nave quedou destruída.
Agora, será reconstruída durante o período que dure a mostra, e serán os seus propios remeiros os que leven a cabo eses labores, que poderán seguirse en directo. Esta iniciativa conta coa colaboración do estaleiro Meitheal Mara, e complementarase con outras actividades, que formarán parte da mostra. Así, haberá talleres, conferencias, exposicións, proxección de pezas audiovisuais, actividades para escolares e para asociacións profesionais.
A Julia Vaquero aburríanlle os deportes colectivos. Non quería esperar por ninguén: “Eu necesitaba comezar unha cousa e acabala, sen depender dun equipo”. Por sorte, varios profesores animárona a correr.
A atleta olímpica mostra aínda hoxe a súa admiración por estes mestres, cada vez máis raras excepcións, que facían por pura paixón un traballo non remunerado, atraer alumnos e alumnas ata as probas atléticas. A primeira carreira de Julia foi aos nove anos, no Monte Tecla. Gañouna, pero a morte de seu pai uns anos máis tarde provocou que abandonase o deporte: “eran épocas nas que non se tiñan en conta aos psicólogos, e desmoraliceime totalmente”, recoñece.
Pero algo despois, sen saber a razón concreta, e para gran sorte do noso atletismo, regresou, gañando os campionatos provincial, o local e o galego. Aínda non seguía un sistema de adestramento, soamente saía a correr desde a súa casa.
“parecía unha lanzadora ao lado das demais”
Tras aquelas vitorias, varios adestradores tentaron captala. Convenceuna un raparigo de dezasete anos, que converteríase no seu marido anos despois. Chamou á porta, e asegurou a Julia que o mellor adestrador era Alfonso Ortega.
Julia valora a labor de Ortega: “Foi cauto. O importante non era sobresaír en categorías inferiores, senón ir progresando e empregarse a fondo en sénior, cando o corpo xa non estivera mudando. Cando quedei campioa de España escolar por vez primeira, parecía unha lanzadora ao lado das demais. Os adestramentos foron trocando todo iso, e quedei coma unha ximnasta rítmica”.
Empregándose a fondo tamén no cross / Getty images
As cousas complicáronse para ela cando foi estudar Educación Física á Coruña. Adestraba nun camiño de 3 quilómetros, dos para correr rápido só valían 500 metros. Foi esgotador: “Non tiña coche, e non había outro sitio na zona. Xa non entendo como terminaba as series de mil metros alí, facendo xiros de 180 grados. Estiven 5 anos, o primeiro paseino moi mal. Porque era responsable e perfeccionista, e quería facelo ver en todo, ser boa correndo, boa nos estudos, non destacaba suficiente”.
Naquel lugar, adestrando en soidade, incluso pasaba medo: “Só había catro casas. Era o único camiño sen asfaltar. De feito, cruzaba os dedos para terminar a carreira universitaria antes de que o asfaltaran todo, vía como facían novas urbanizacións e asustábame”.
a decepción dos xogos de barcelona
Terminou a carreira con boas notas, pero saturada. Chegou a dar clase en Vigo, comprobando que a responsabilidade da docencia esgotábaa máis que o estudo. Non podía compaxinar, e decidiuse polo atletismo.
Quedara a dous segundos da mínima para os Xogos Olímpicos de Barcelona, o cal supuxera unha gran decepción para ela. Este “fracaso” derrotouna e pensou en tirar a toalla. Pero era moi competitiva como para renderse. Xa levaba o deporte dentro.
Así que pasaron dúas semanas e volveu con máis forza ca nunca, adestrando en Vigo e movéndose xa en competicións de nivel internacional. O 96 foi o mellor ano para ela. Estableceu o récord de España de 3.000 e 5.000, aínda non superado 22 anos despois. Uns logros que explican que hoxe unha carreira leve seu nome, e os homenaxes e exposicións no seu pobo (A Gándara).
Julia Vaquero, en competición / Ricardo Gutiérrez
A súa experiencia nos Xogos Olímpicos de Atlanta (1996), foi para ela unha experiencia positiva e negativa, vítima da súa propia esixencia consigo mesma: “Había outros adestradores que gritaban, incluso insultaban aos seus atletas. Ortega nunca tivo que dicirme nada, e se falaba era con boas palabras. Eu mesma xa sabía cando o facía mal, xa me enfadaba eu…”
Julia sentía unha responsabilidade moi grande, porque viña de establecer o récord de España de 5.000 en Oslo: “E xa colgaban a medalla. Iso poñíame moi nerviosa. Cando chegamos a Atlanta foi horrible, o impacto de saír do avión e atoparte nun clima tan cargado. Humidade, moito calor… Xa saímos con días de antelación para adaptarnos. Fomos rodar un pouco o primeiro día, e eu púxenme a correr moi rápido polos nervios. Penso que me pasou factura”.
“fixera máis do que podía, pero foi unha gran decepción”
Foron días difíciles: “Aínda puxéronme máis peso enriba cando chaman e din que na Guardia puxeran pancartas e pantallas para verme. Iso fundiume. Pasei as semifinais ben, pero na final non estaba en condicións, e púxenme a tirar sen ter forzas para ilo. Logo pasáronme e só puiden ser novena, chegando á meta desfeita. Leváronme en padiola, tiña dificultades para andar. Dérao todo. Fixera máis do que podía, pero foi unha gran decepción. Esperaba estar entre as 5 primeiras”.
Saíulle mellor o mundial de Sevilla no 99: “Porque estivera lesionada e ninguén esperaba nada de min. Saín forte, Ortega pensaba que ía pinchar. Pero non, baixei de 15. Quedei sexta ou sétima, levantei as mans coma se gañara”.
Pero pouco máis tarde chegaba a súa retirada. Sentía a presión de seus propios logros, tan numerosos, sentindo que obrigaban a repetilos, estar ao mesmo nivel todos os anos, sempre entre as mellores: “Os demais acostúmanse a que estes arriba. E dende pequena, un suficiente era fatal, tiña que sacar de notable para adiante”.
Julia Vaquero / Fame Celeste
Non quería decepcionar á xente. Ao final, terminou por poñerse nerviosa non só nas competicións, tamén nas xornadas de adestramento: “Había carreiras que saía e xa pensaba en retirarme. Recordo abandonar nun cross a 300 metros da chegada”.
Agora a vida cambiou moito para esta grandísima atleta, das mellores deportistas que deu Galicia. Non chegou a traballar nunca trala súa retirada do atletismo, do que leva moitos anos desconectada: “cando me retirei, sabía que os rapaces que exercían estaban moito máis preparados ca min. Non me sinto segura”.
“o atletismo non cotiza á seguridade social”
Sofre depresión, o cal xa reflexou nos medios, nun intento de romper con certos estigmas sociais: “A xente esconde incluso que vai ao psicólogo, para que non a cataloguen. E hai quen nin entende que alguén poida ter baixóns. Cando declarei por primeira vez en prensa a enfermidade que sufro, algunhas persoas puxéronse en contacto comigo, confesáronme que non as entendían na súa propia casa, que había días que non tiñan forzas de facer nada”.
Ás veces arrepíntese de telo confesado, pero tamén alégrase de axudar a que a xente entenda que “non somos estraños nin raros. Claro que hai grados, pero eu estou medicada e non se me nota”.
Agora percibe unha pensión moi escasa: “O atletismo non cotiza á Seguridade Social, teñen que cambiar a Lei do Deporte. Por suposto, a min xa non me vai tocar”.
No Campionato de Europa de Cross de 1996 / Vida atlética de Galicia
A carga de adestramentos que acumulou o seu corpo, sumada ao potente tratamento, supoñen unha carga dura: “A Guarda é moi húmida, fai frío. Quedan secuelas de dor nos cuadríceps, as medicacións déixanche adormecida. Agacharme e levantarme cústame. Acusas máis o tempo, os cambios de estación, ás veces quítanseme as gañas de comer porque os nervios van ao estómago. Quedoume legado de todo o esforzo que fixen, nos xeonllos, nos pés. Un é máis corto e o outro máis longo, e o corto o teño esnaquizado, case sen uñas, golpeábanme as zapatillas”.
E asegura que todo seu perfeccionismo pasado desapareceu. Unha esixencia que considera indispensable para triunfar neste deporte: “Por moito que poñas a unha persoa a correr, non vai conseguir nada se non ten ansia de competir. Non vale ser mediocre”.
“axudoume moito o feito de vir dunha familia humilde”
Desexos de perfección que quizais tiveran parte da culpa, tanto nos seus éxitos como na súa retirada: “Toda a miña vida foi unha competición. As notas, as becas. Ofrecéronme ir a Minnesota e non a quixen. Vivir nun lugar coma a Blume, só atletismo… parecíame unha cárcere. Explotei e tíveno que deixar aos 30. Estaba farta de sufrir, aparteime de todo. Xa non quero saber nada do atletismo. A vida que levei era de moito estrés, e algunhas feridas da miña infancia non curaron”.
Moita xente, de Galicia e fóra dela, admírana, ela admira a esa outra xente, os albaneis, os oficinistas: “Non me farto de dicir que era un traballo coma calquera outro, simplemente tiña as condicións. Axudoume moito o feito de vir dunha familia humilde, con carencias económicas, nunha casa moi antiga sen baño nin as condicións necesarias para vivir. Iso foi sufrimento, tamén a morte de meu pai, traballei nas leiras, todo dáche unha capacidade. Tamén nacín cunha forma de ser esixente, de querer ser a mellor. Estiven arriba, gañei moitos cartos, agora estou abaixo, pero estou acostumada a vivir con pouco, non é traumático. Do malo ao bo lévase ben, do bo para o malo custa algo máis”.
Nin sequera recorda moitas das súas marcas: “Non son superior a ninguén, non son máis por ter determinado récord. Nese momento estiven nunha nube. Xa baixei á terra. Foi o meu traballo, no que sobresaín, e nada máis.Cada un ten as súas capacidades e actitudes, é unha cadea. Os deportistas, sen os que escriben de nos, non teríamos voz”.
Esta atleta excepcional continúa mostrando o seu tesón, esta vez contra a enfermidade: “Houbo un ano no que me rebelei das pastillas… Estiven 3 meses na cama sen poder case moverme nin levantarme, sen poder case coller o teléfono, pensaba que morría. Sempre digo que síntome vella aos 47 anos, comparada coa xente da miña idade. Se un día fago un esforzo, ao seguinte o noto, iso desmoraliza. O outro día vin a un antigo alcalde, de case 90 anos. O encontrei incriblemente áxil. Dicía que acababa de vir dun safari”.
Julia considera, sen dúbida algunha, e máis aló do que digan os analistas deportivos, que a súa vitoria máis importante ata agora é súa filla: “Coa súa intelixencia, a súa personalidade, a súa alegría e compañía, que fan a miña vida máis levadía. É o meu motivo para levantarme cada día”.
A sede principal da Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa acolleu esta mañá de mércores a xornada inaugural do Proxecto TROCO2 -Mercado Transfronterizo de Intercambio de Carbono.
Este proxecto enmárcase nunha iniciativa que terá unha duración de 24 meses, e na que participan a Cámara de Comercio, como beneficiario principal, xunto coa Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a Asociación Provincial de Empresarios de Transportes Discrecionales de Pontevedra (ASETRANSPO), a Associaçao de Desenvolvimento dá Regiãou do Alto Tâmega (ADRAT) e a Comunidade Intermunicipal do Alto Tâmega (CIMAT).
TROCO 2 Conferencias / Miguel Núñez
O acto de inauguración contou coa participación de José García Costas, presidente da
Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía de Arousa; Ramón Alonso Fernández, Presidente de ASETRANSPO; e Antonio Crespo Igrexas, Delegado Provincial Consellería de Medio Rural.
Durante a súa intervención, García Costas destacou que o principal obxectivo do proxecto é “aumentar a eficiencia dos montes do espazo transfronterizo Galicia-Norte de Portugal na mitigación do cambio climático, a través do desenvolvemento e xestión da súa capacidade de secuestro de CO2, utilizando o impulso da economía baixa en carbono no sector transporte”.
Conferencias do Proxecto TROCO2 / Miguel Núñez
Segundo os últimos datos da Xunta de Galicia, a nosa comunidade é a terceira que máis reduciu as súas emisións de CO2, en total 1,4 millóns de toneladas, desde 1990, “e con todo é tamén a terceira comunidade autónoma con máis emisións, un 11,44% do total de España, e só superada por Andalucía e Asturias, segundo os datos do Observatorio da Sostenibilidade.
“Xa que logo, temos a obrigación de poñernos a traballar desde todas as institucións”, afirmou o presidente da Cámara. García Costas explicou que “os nosos montes son verdadeiros sumidoiros de carbono, os cales cunha boa xestión, poden certificar a súa capacidade de absorción de carbono e intercambiala coas empresas do sector transporte, as cales emiten CO2 á atmosfera“.
Público asistente / Miguel Núñez
O Proxecto TROCO2 conta cun orzamento total de 1.276.365,65 euros. Ao longo de aproximadamente dous anos, e precisamente para lograr ese aumento na eficiencia dos montes, levaranse a cabo as seguintes accións:
– Creación de sumidoiro de carbono: actividades destinadas a optimizar a xestión e conservación dos bosques do espazo de cooperación Galicia-Norte de Portugal, co fin de certificalos como sumidoiro de carbono e así potenciar a capacidade de secuestro de carbono nos espazos forestales.
– Xeración de pegada de carbono: certificar a pegada de carbono en empresas do sector transporte, mediante a medición dos gases de efecto invernadero emitidos directa ou indirectamente polas súas actividades.
– Compensación da pegada de carbono: creación dun sistema transfronterizo de compensación, que permita a toda organización que teña certificada a súa pegada de carbono, a adquisición dunha cantidade de CO2, xerada nos sumidoiro, equivalente ás emisións de gases de efecto invernadero que quere compensar.
Parte da charla de Luís Ortega Mene / Miguel Núñez
A través destas actuacións, os membros do Proxecto TROCO2 esperan alcanzar os seguintes resultados:
– Deseñar unha ferramenta de cálculo de sumidoiro de carbono para montes de Galicia-Norte de Portugal.
– Capacitar e apoiar a axentes forestais na xestión forestal e de sumidoiro de carbono.
– Certificar sumidoiros de carbono.
– Deseñar unha ferramenta de cálculo de pegada de carbono en empresas do transporte.
-Capacitar e apoiar aos axentes do transporte en certificación de pegada de carbono.
– Certificar pegada de carbono no sector transporte.
– Deseñar e implantar unha Bolsa de intercambio de CO2 transfronterizo.
– Capacitar e apoiar a técnicos para que xestionen a Bolsa de Intercambio de CO2.
Parte da charla de Luís Ortega Mene / Miguel Núñez
Luís Ortega Mene, enxeñeiro de montes da Subdirección Xeral de Recursos Forestais da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, impartiu a ponencia “A absorción de CO2 no marco da xestión forestal de Galicia”. Nela, definiu a ordenación forestal como o gran reto do sector forestal en Galicia.
“Os montes galegos están ordenándose, pero todavía é algo minoritario. Segundo datos de 2016, a superficie forestal galega ordenada non chega ao 13% da superficie forestal total”, subliñou.
Pero, segundo a propia lei galega, como manifestou Ortega, en 2020 tódolos montes de Galicia deberán estar ordenados para poder ser utilizados para recoller madeira, setas… ou calquera outro uso comercial, polo que a porcentaxe aumentará.
E, neste escenario, o CO2 supón unha oportunidade máis para facer rendibles os nosos montes. E, para estos montes ordenados, acceder ao mercado de carbono será sinxelo: “O esforzo xa estará feito, e resultará moi fácil conseguir unha renda complementaria. Ademais, a ordenación forestal tamén é imprescindible para que o monte logre a certificación PFFC ou FSC, coas ventaxas que isto supón”.