Inicio Blog Páxina 1547

O PP esixe ao Goberno un acordo pesqueiro exprés co Reino Unido se hai Brexit este venres

O candidato ás eleccións europeas e vicepresidente do Grupo Popular Europeo (PPE), Esteban González Pons, esixiu ao Goberno central que alcance un acordo bilateral co Reino Unido que garanta os intereses da frota pesqueira española e que poida alcanzarse este sábado, o día seguinte á data fixada para o seu abandono da Unión Europea (UE), se finalmente o Brexit se produce este venres.

Nesta liña, instou ao Executivo que preside Pedro Sánchez a comportarse con “intelixencia” e “profesionalidade” a pesar das próximas eleccións xerais, que se celebran o 28 de abril, co obxectivo de que, aínda que se produza un Brexit sen acordo coa UE, a frota pesqueira española non se vexa “prexudicada”, segundo manifestou tras un coloquio no que participou este luns en Vigo.

“Non podemos (…) consentir que as augas británicas se convertan en augas estranxeiras para os barcos españois que neste momento faenan alí”, afirmou o deputado do Parlamento Europeo. Así, incidiu na necesidade de que Reino Unido “ratifique antes do venres os acordos sobre pesca que puxo a UE sobre a mesa”.

Así mesmo, González Pons avogou por que Reino Unido non alcance unha prórroga para executar a saída da Unión Europea “sen ofrecer nada a cambio”, en relación á solicitude da primeira ministra británica, Theresa May, para atrasar o proceso ata o próximo 30 de xuño.

A este respecto, en relación á aposta do presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, por atrasar o Brexit ata nove meses ou un ano e, por tanto, permitir que o país británico participe nas eleccións europeas, que se celebrarán o 26 de maio, o deputado europeo denunciou que iso suporía “darlle (a Reino Unido) a posibilidade de bloquear o orzamento comunitario”.

O Concello de Vigo cre que haberá excepcionalidade para PSA Vigo e terá conexión a alta tensión

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que o Goberno “está a estudar” contemplar unha excepción na normativa para facilitar que a planta de PSA Peugeot Citroën na cidade teña conexión a alta tensión eléctrica para abaratar custos e evitar problemas na subministración.

Nunha rolda de prensa, e a preguntas dos medios sobre esta cuestión, o rexedor olívico incidiu en que el mesmo xestionou ante o Goberno e ante Red Eléctrica Española esa petición, de maneira que se faga unha “exención” a PSA Vigo –a planta non chega ao consumo mínimo esixido para optar a esa subministración en alta tensión–.

En todo caso, matizou que ese tipo de excepcións “páganas outros consumidores”, polo que é “razoable” que a administración teña que “estudalo”.

Finalmente, tras insistir en que ten “a maior esperanza” en que esta petición será aceptada, recalcou que “a primeira vez” que se expuxo foi hai un mes, e fíxoo el como alcalde de Vigo. Antes, recalcou, nin Núñez Feijóo, nin a exministra e deputada Ana Pastor, nin Rajoy, o pediron.

Un falecido e sete feridos no incendio dun edificio da Avenida do Aeroporto

Unha persoa perdeu a vida e outras sete necesitaron asistencia por mor dun incendio declarado no interior dunha vivenda situada na Avenida do Aeroporto en Vigo. Foi ás 13:30 horas de hoxe cando un veciño percibiu o fume que saía pola fiestra do sétimo andar do número 35 e chamou ao 112 Galicia.

Deseguido, o persoal do Centro Integrado de Atención ás Urxencias (CIAE) 112 Galicia pediu a colaboración dos bombeiros da cidade, que enviaron ao momento varias dotacións; e aos profesionais sanitarios ante a posibilidade de que houbese persoas afectadas.

De feito, no lugar do incendio, os efectivos do 061-Urxencias Sanitarias atenderon a sete veciños, dos cales un tivo que ser, finalmente, trasladado ao hospital. Ademais, localizaron á persoa falecida xunto a dous animais domésticos.

Pola súa banda, os bombeiros procederon a desaloxar todo o edificio, xa que no interior do inmoble acumulouse moito fume ata o punto de afectar a algúns veciños. Do mesmo xeito, centráronse na extinción do incendio, que lograron controlar ao redor das 14:30 horas da tarde e calcinou por completo un salón. Nos labores de control e seguridade traballaron os axentes da Policía Local, que tamén foron alertados desde o 112.

Baixa a presión hospitalaria e os novos casos covid na área de Vigo

0

A presión hospitalaria prosegue coa tendencia descendente en Galicia, con 70 pacientes con Covid-19 menos hospitalizados, polo que se sitúan en 1.145, deles 234 en UCI. Pola súa banda os contaxios diarios descenden a 677 e os casos activos baixan a 16.643.

Así se desprende dos datos publicados este xoves pola Consellería de Sanidade con rexistros ata as 18,00 horas deste mércores, nos que se reflicte que os pacientes ingresados en UCI pasaron de 240 a 234 –seis menos– e os que se atopan noutras unidades reducíronse a 911, o que supón 64 menos. Deste xeito, na actualidade hai 1.145 persoas hospitalizadas con coronavirus na Comunidade galega. Por áreas sanitarias,na de Vigo caen nun ata os 27 en UCI e en 18 ata os 117, en planta.

MENOS CASOS E CONTAXIOS

Galicia contabiliza 16.643 casos activos de Covid-19, o que supón 989 menos que os rexistrados este mércores. Deles, 2.758 corresponden á area de Vigo. Dos novos 677 contaxios, 617 foron positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas. Deles,82 na área de Vigo.

Tamén descenden os contaxios diarios detectados por diferentes probas a 677, tras superar os 700 a xornada anterior. Deste xeito, os contaxiados na Comunidade galega sitúanse en 106.668, deles 25.004 na área da Coruña e Cee e 20.140 na de Vigo.

POSITIVIDADE E VÍTIMAS

Con respecto á taxa de positividade –porcentaxe de infeccións por test PCR realizados– volveu a descender e sitúase nun 4,6%, tras o lixeiro repunte do día anterior despois de baixar a un 4% o luns por primeira vez desde o 24 de decembro e situarse nun 3,6% este martes. Así, colócase por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Identificadas máis de 300 persoas en controis do cumprimento de restricións na provincia de Pontevedra

0

Un total de 312 persoas foron identificadas o marco de 59 operativos levados a cabo esta fin de semana na provincia de Pontevedra para controlar o cumprimento das restricións establecidas pola pandemia.

Fontes da Vicepresidencia Primeira da Xunta detallaron que a Policía Autonómica estableceu 24 dispositivos e 35 inspeccións nos municipios de Pontevedra, Vigo, Poio, Meis, Moaña e Cangas do Morrazo entre este venres e este domingo. Así, levaron a cabo 630 actuacións das que 599 tiveron lugar nas dúas cidades.

Deste xeito, no marco do plan de actuacións específicas para controlar o cumprimento das medidas adoptadas para frear a pandemia da COVID-19 realizáronse controis en seis municipios pontevedreses, onde se interpuxeron unha decena de denuncias.

A nivel autonómico, os axentes actuaron en 30 municipios, onde se rexistraron 87 dispositivos e 116 inspeccións que se saldaron con máis de 550 persoas identificadas e a tramitación de 29 denuncias.

A Xunta recoñece que non hai especialistas nas listas de contratación para ir ao Centro de Saúde de Cangas

A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo asegurou que o Centro de Saúde de Cangas do Morrazo (Pontevedra) conta con dous pediatras e que as outras dúas prazas vacantes debido ás baixas laborais dos titulares non poden ser cubertas debido á falta de especialistas nas listas de contratación.

No entanto, a EOXI afirmou que a prestación do servizo de Pediatría está “garantida” debido a que o centro conta con dous especialistas desta rama sanitaria e con profesionais de Medicina Familiar e Comunitario.

Estas declaracións producíronse despois das críticas da representante do colectivo de pais e nais que, baixo a lema ‘Por un servizo pediátrico de calidade en Cangas’, esixía a cobertura da asistencia na localidade, Elisa Pidal.

O perigoso ancián que se adica a rebentar portais e coches en Vigo: xa leva máis de 120

0

Axentes da Policía Nacional de Vigo identificaron a un veciño da cidade, de 79 anos de idade, como presunto autor de danos nas fechaduras de varios vehículos e no portal dun edificio, e que conta cunha ducia de antecedentes policiais por causar desfeitas en máis de 120 coches.

Segundo informaron fontes policiais, unha dotación do 091 trasladouse á rúa Xílgaro a última hora da tarde do domingo, tras recibir o aviso de que un home estaba a tentar golpear a outro na vía pública.

Ao chegar, atopáronse a un home suxeitando a un ancián que trataba de fuxir. O home relatou aos axentes que sorprendera ao septuaxenario raiando a aleta do seu coche cunha chave, e metendo un escarvadentes na fechadura.

Cando se achegou a chamarlle a atención, o ancián gritoulle e golpeouno na cara, causándolle diversas feridas e danándolle as lentes, antes de tentar fuxir do lugar. Ademais, outro veciño de zona denunciou aos axentes que o home tamén causara danos na fechadura do portal do seu edificio.

Segundo as testemuñas, este ancián ten “atemorizado” ao barrio, non só polos danos nos coches, senón porque é “habitual” que o home agreda ás persoas, golpeándoas co paraugas, o bastón, ou “calquera tipo de obxecto” que leve.

A Policía comprobou que, ademais do coche do requirente, había outros 6 vehículos que presentaban danos na carrozaría, e escarvadentes rotos introducidos nas fechaduras.

Os axentes contactaron coa comisaría para comprobar os antecedentes do ancián, e constataron que, só desde o 1 de xaneiro deste ano, ao home atribúenselle danos en máis de 120 coches e agresións a tres veciños, e conta con 12 antecedentes policiais.

Marea de Vigo cualifica de “falsos e interesados” os datos sobre o retorno económico das luces de Nadal

O grupo municipal Marea de Vigo cuestionou este luns o retorno económico da iluminación do Nadal e os datos de ocupación hostaleira dos que presumen o sector e o goberno local, á vez que denunciou o “brutal agravio” aos comercios que non están “entre Príncipe e Porta do Sol”.

O concelleiro de Marea, Xosé Lois Jácome, a través dun comunicado remitido aos medios, asegurou que o seu grupo xa dispón de datos que “mostran unha ocupación hostaleira discreta”, fronte aos “datos falsos e interesados emitidos pola Federación Provincial de Hostaleiros“, e que evidencian a “consolidación do modelo de contratación precaria na hostalería, con contratos asinados e finiquitados o mesmo día”.

Jácome apuntou que, para coñecer a incidencia real da iluminación e a programación do Nadal no consumo, “é necesario sacar os datos reais do INE, da enquisa de consumo das familias e da contratación nos sectores do comercio e a hostalería” para logo “analizalos en clave de cidade, e non dunha parte polo todo, dunha zona moi concreta, que é o centro”.

A este respecto, o edil de Marea criticou que se destinou “unha cantidade inxente de recursos públicos” para crear un “deambulatorio iluminado” (en alusión á zona centro) para que “pasee compulsivamente un alcalde que, no canto de solucionar os problemas derivados da súa xestión, fai do presentismo paseante un modo traballo cando menos pouco produtivo”.

Xosé Lois Jácome incidiu, ademais, en que a concentración da promoción de turismo e comercio no centro, desembocou nun “efecto chamada” para os visitantes, que baleirou” outras rúas e zonas “moi sensibles” aos ingresos por vendas do comercio local, como Travesas, Gran Vía, O Calvario ou Torrecedeira, ademais dos barrios do rural.

Marea de Vigo pediu aos cidadáns que aproveiten as rebaixas de xaneiro para comprar no comercio de proximidade nos barrios, que “é o que xera emprego, fixa poboación e comporta vida nas rúas”

Os feridos no Marisquiño terán ao seu servizo un gabinete psicolóxico do Concello

O Concello de Vigo decidiu habiltar un gabinete psicolóxico para os afectados polo derrube no paseo das Avenidas durante un concerto no festival O Marisquiño. Deste xeito, os máis de 400 feridos que o desexen poderán recibir asistencia psicolóxica para superar o trauma.

O alcalde, Abel Caballero, deu instrucións para pór en marcha a tramitación administrativa para que o Concello poida habilitar este servizo. Os trámites administrativos comesarán este venres —primeiro día laborable en Vigo— e realizaranse por procedemento de urxencia.

O Concello anunciou que os afectados serán avisados en canto tan estea dispoñible este gabinete.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed