A Plataforma Galicia-Escudocovid19.org, coordinada pola Universidade de Vigo xunto coa Asociación de Industriais Metalúrxicos (Asime), entregou xa 2.000 pantallas protectoras ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
EscudoCovid19 é unha iniciativa popular e sen
ánimo de lucro cuxo obxectivo é “deseñar, producir e distribuír material
de protección, en concreto, pantallas de protección facial para os
centros sanitarios, corpos e forzas de seguridade do estado, e demais
actores que loitan a diario contra a pandemia”, explicou Asime.
Desde o campus de Ourense participan no proxecto os profesores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, José Antonio Pérez, Higinio González e Iván Area. “Nos próximos días esperamos facer máis entregas e atender algunha outra necesidade como poden ser as residencias de maiores”, explicou Higinio González en nome da organización.
Esta entrega súmase ás 9.700 pantallas que en días anteriores o proxecto Escudocovid19 puxo a disposición dos servizos sanitarios da área de Vigo, grazas á participación de máis de 15 empresas galegas involucradas no proceso de deseño, fabricación e distribución de material sanitario en Galicia.
“Producimos ao redor de 5.000 pantallas diarias nunha
planta de Mos e a idea é continuar coa distribución. Pensamos que aos
poucos irá chegando máis material e, nun par de semanas, non fará falta
tanta produción, pero nestes momentos cremos que pode axudar”, sinalou o
profesor do campus de Ourense.
En concreto, a empresa Valver é
unha das que está a levar a cabo de maneira altruísta a produción galega
dos escudos nas súas instalacións en Mos, adaptando os tempos, medios e
persoal ás necesidades desta situación excepcional.
Entre as
empresas que se uniron a esta iniciativa atópanse Adhex, Dalot, Dativic,
Lupeon, MCSyncro, Mepronor, Plascies, Plymouth, Troqueles Galicia. A
elas súmanse as achegas económicas e esforzos doutras como Cerradoras
López Galicia, Coren, Distevi, Gadisa, Fabricacións Parma, Instalacións
do Noroeste, Itera Técnica, Metaldeza, Onice Estudos e Proxectos,
Resinas Castro, Royal Roos Enxeñaría, Umiametal e Vigumat.
INDUSTRIA GALEGA
“Como sociedade temos que aprender desta crise e como universidade temos que estar na vangarda”, sinalou Higinio González. “Está a ser moi grato ver como a industria galega reorganízase rápido para producir material sanitario. Creo que temos unha capacidade industrial latente que debemos valorar e empuxar, agora e cando todo isto pasase”, continuou.
Escudocovid19,
na que se enmarca a plataforma galega, é unha iniciativa popular a
nivel estatal que naceu co obxectivo de “mobilizar capacidades
económicas e produtivas para fabricar, de maneira áxil e accesible en
grandes cantidades, unha ampla variedade de equipos destinados ao
persoal sanitario”.