Inicio Blog Páxina 153

Dous acusados proclaman a súa inocencia no xuízo por unha extorsión por cocaína en Vigo

0

O xulgado do Penal 2 de Vigo acolleu este mércores o xuízo contra dous acusados dun delito de extorsión e outro de coaccións. Segundo o escrito de acusación, os feitos remóntanse ao 24 de xaneiro de 2024, cando supostamente abordaron á vítima á saída da súa casa para reclamarlle dous quilos de cocaína dos que se tería apropiado.

A Fiscalía solicita para cada un deles un ano de prisión, unha multa de 900 euros e a prohibición de achegarse á vítima durante dous anos. O relato oficial sinala que o prexudicado foi obrigado a ir a unha cafetería onde o terían retido baixo a ameaza de asinar un contrato de compravenda do seu coche para pagar a droga. Porén, cando chegou o segundo acusado para identificalo, este sentenciou: “Este non é, ímonos”.

OS ACUSADOS FALAN DE “MENTIRAS”

Na vista oral, un dos acusados asegurou que coñece á vítima “desde pequeno” e que simplemente coincidiron tomando unhas cervexas. Afirmou que a denuncia é “todo mentira” e que o denunciante está baixo tratamento psicolóxico e medicación que lle fan “perder a noción das cousas”. Pola súa parte, o segundo acusado negou coñecer de nada á vítima e soster que só apareceu no bar para ir adestrar co outro acusado ao ximnasio.

A TESTEMUÑA DA EX-PARELLA

Pola contra, a muller que era parella da vítima nese momento ofreceu un relato máis tenso. Explicou que ao querer marchar da terraza, os mozos impidíronllo afirmando que tiñan que esperar a unha terceira persoa para un recoñecemento. “Eu cagueime”, admitiu ante o tribunal, tras relatar que lles recriminaban o roubo dun paquete de cocaína. O xuízo non puido quedar visto para sentenza ante a inasistencia do denunciante, peza clave do caso, polo que a vista renovarase o vindeiro 14 de xaneiro para escoitar a súa versión dos feitos.

Ano e medio de cárcere por estafar máis de 2.000 euros con falsos alugueres en Vigo: o TSXG confirma a pena

0

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a pena de ano e medio de cárcere imposto pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, para un home por estafar a dúas persoas con falsos alugueres de pisos na cidade olívica. En concreto, a Sala do Civil e Penal do TSXG desestimou o recurso de apelación presentado polo home, tras ser condenado por un delito continuado de estafa agravada a 18 meses de prisión e unha multa de 1.260 euros, ademais de máis de 2.000 euros de indemnización ás vítimas.

Considérase probado que o procesado contactou cunha muller en febreiro de 2024, sabendo que ela estaba a buscar unha vivenda en Vigo, e ofreceulle o aluguer dun piso por 600 euros mensuais. A vítima aceptou e ingresoulle 600 euros en concepto de reserva, xa que a vivenda estaba a ser supostamente reformada e non podería ocupala ata o mes seguinte.

Cando chegou o momento, o acusado puxo escusas para que a muller non puidese acceder ao piso e pediulle outros 600 euros co pretexto de que tiña que inscribir a vivenda nun rexistro de alugueres da Xunta. Pouco despois solicitoulle outros 220 euros para un seguro de aluguer, pero a vítima nunca puido acceder ao piso nin recuperou o diñeiro. Ademais, o home estafou tamén a outra persoa, que lle ingresou ata 700 euros.

Caballero carga contra Rueda por “esquecer” o AVE directo a Madrid: “É a obra máis importante para Vigo”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, afeou este martes ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que reclamase –nun acto con empresarios– a conexión de alta velocidade ferroviaria entre Vigo e O Porto, e non mencionase o AVE directo a Madrid pola variante de Cerdedo, “a obra máis importante” para a cidade. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor acusou a Rueda, ao PP de Vigo e ao BNG de oporse a esa conexión, para que os viaxeiros teñan que “ir por Santiago”, “dando unha volta de 100 quilómetros”.

Por outra banda, engadiu que “a segunda obra máis importante” é a nova autovía ao Porriño en túnel, e que os populares propoñen “seguir pola A-55 con esas curvas terribles” ou “ir a Tui, e subir ao Porriño para ir a Madrid”. “Tómannos o pelo”, denunciou. Caballero lembrou a Rueda que “quen está a cumprir é o Goberno de España”, porque “vai arranxar o gran problema” do paso a nivel do Porriño e haberá tren de alta velocidade “cando Portugal o faga”, porque “España vai moi adiantada con respecto a Portugal”.

Con respecto á autovía, reiterou que é a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, que se opón a esa obra, “a que manda no PP”. “Rueda dobrégase a isto e o Partido Popular de Vigo queda calado. Rueda non quere que teñamos autovía e sabedes por que non quere? Porque o fai o Goberno de Pedro Sánchez e está a ser alcalde Abel Caballero”, sentenciou.

A Xunta defende o papel estratéxico da EFCA en Vigo polo control pesqueiro

0

A Xunta de Galicia defendeu o “papel estratéxico” da Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA), con sede en Vigo, para defender a sustentabilidade e a explotación responsable dos recursos pesqueiros. Así o trasladou a conselleira do Mar, Marta Villaverde, con motivo dunha visita á sede da EFCA, onde mantivo un encontro coa súa directora executiva, Susan Steele. Ambas abordaron a cooperación entre a administración autonómica e o ente comunitario, e analizaron o traballo operativo da Axencia a través dos seus Plans de Despregamento Conxuntos, así como o seu impacto na frota galega.

Marta Villaverde subliñou a importancia de manter unha coordinación estreita entre a EFCA e Galicia, especialmente nun momento marcado pola entrada en vigor de novas disposicións do Regulamento de Control da Pesca, o impulso á dixitalización dos sistemas de vixilancia e a redefinición das políticas comunitarias a través da revisión da Política Pesqueira Común (PPC). A conselleira tamén destacou o papel de Galicia como “referente europeo” no control pesqueiro, grazas ao Servizo de Gardacostas e á cooperación coa EFCA en operacións de inspección.

A Xunta cifra en 4,3 M€ as axudas da Xunta a Vigo para residuos

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, visitou este martes a planta de transferencia de residuos de Guixar, en Vigo, e cifrou en 4,3 millóns de euros as axudas concedidas ao Concello olívico para que mellore a xestión dos seus residuos. Segundo sinalou, o Concello de Vigo é un dos máis beneficiados polas distintas axudas convocadas polo Goberno galego para apoiar ás entidades locais na súa xestión.

Deste xeito, só este ano a Xunta concedeulle 1,5 millóns de euros para a recollida de materia orgánica e residuos domésticos e voluminosos. Estas achegas serviron para a adquisición de tres camións de recollida separada de biorresiduos, composteiros, e outras actuacións. Entre 2023 e 2024, o Concello de Vigo recibiu máis de 2,3 millóns de euros en distintas liñas de axudas, destinados á adquisición de camións, colectores para materia orgánica, caldeiros, bolsas e sacos, composteiros e kits de compostaxe, campañas de información, etc.

Ángeles Vázquez incidiu en que estas axudas se suman a outras medidas de apoio, como o investimento de máis de 3,5 millóns de euros na planta de Guixar entre 2024 e 2025. Con todo, a conselleira apuntou que hai unha parte da actuación que aínda non está en funcionamento, e é a tolva para biorresiduos, pendente dun informe de ruídos por parte do Concello.

Confirmada a condena de 4 anos por agresión sexual á filla da parella en Vigo

0

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a condena de catro anos e un día de prisión imposta a un home por un delito de agresión sexual a unha menor de 16 anos, filla da súa parella, cometido no domicilio familiar de Vigo. Deste xeito, o tribunal desestima o recurso de apelación interposto polo acusado contra a sentenza ditada no seu momento pola sección 5ª da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo se recolle na sentenza, os feitos probados remóntanse a datas próximas ao Nadal de 2022, cando o acusado accedeu de noite á habitación da menor e, con ánimo de atentar contra a súa liberdade sexual, realizoulle tocamentos no peito mentres durmía. A moza logrou que cesase a conduta tras moverse e colocarse boca abaixo, momento no que o home abandonou o cuarto.

AVAL Á CREDIBILIDADE DA VÍTIMA

No recurso, a defensa alegaba vulneración do dereito á presunción de inocencia e erro na valoración da proba, ao soster que a condena se apoiaba unicamente na testemuña da vítima e que este presentaba contradicións. Con todo, o TSXG expón que se admite a declaración da vítima como proba de cargo suficiente, incluso cando é única, sempre que sexa valorada de forma racional e motivada. Así, a Sala conclúe que a testemuña da menor é coherente e verosímil e descarta que as diferenzas accesorias nas súas declaracións afecten á súa credibilidade, tendo en conta a súa idade e o contexto do delito.

Sete detidos e tres feridos graves nunha liorta con armas brancas nunha casa okupada

0

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo detiveron a sete persoas durante unha intervención motivada por unha liorta nunha casa okupada na contorna da Avenida da Florida, na cidade olívica.

Os feitos ocorreron ao mediodía do pasado domingo, cando o 091 recibiu o aviso dunha pelexa no interior dun inmoble. Ao chegar, os axentes observaron a varias persoas con feridas graves, das cales tres tiveron que ser evacuadas a un centro sanitario. O enfrontamento produciuse cando unha parella se presentou na vivenda para recuperar unhas pertenzas que, supostamente, lles subtraeran. Entón, iniciouse unha pelexa entre a parella e as persoas que estaban no inmoble.

Ante a gravidade dos feitos e a presenza de persoas atrincheiradas, tivo que se presentar no lugar a Unidade de Intervención Policial (UIP) e activouse o protocolo de delitos violentos. Levouse a cabo unha entrada na vivenda, onde os axentes localizaron a varios dos implicados, así como obxectos contundentes e armas brancas supostamente empregados na agresión. Ademais de deter a seis persoas implicadas na liorta, os axentes tamén detiveron a unha sétima persoa, supostamente autora dun delito de roubo con violencia ou intimidación. A investigación continúa aberta para esclarecer as circunstancias do suceso e os detidos foron postos a disposición xudicial.

Profesores en pé de guerra nas rúas de Vigo: “A situación no ensino público é de emerxencia”

0

Decenas de profesores saíron á rúa este martes en Vigo, no marco da folga de 48 horas convocada por CIG e STEG, para denunciar a situación de “emerxencia na educación pública” de Galicia, e para reclamar melloras, berrando consignas como “menos cocientes, máis profesorado” ou “con tanto recortar, o ensino vai finar”. En declaracións aos medios, a secretaria comarcal de CIG-Ensino en Vigo, Tamara Martínez, trasladou a súa satisfacción pola participación dos profesores na folga e nas ‘marchas fúnebres’ reivindicativas que tiveron lugar en diferentes puntos de Galicia.

Segundo subliñou, o acordo alcanzado en 2023 coa “minoría sindical” é “superinsuficiente” e, por tanto, “queda todo” por reivindicar. Como materias pendentes, remarcou a recuperación de dereitos, a falta de atención á diversidade do alumnado, a recuperación de horarios de profesores na ESO, ou a diminución de cocientes. “Hai etapas educativas que se deixaron sen atender totalmente. Neste momento, estamos nunha emerxencia no ensino público”, proclamou, e insistiu en que, cos profesores que hai, non se conseguen cubrir as necesidades.

Tamara Martínez tamén lamentou que, a día de hoxe, a Xunta “está pechada en banda” e nada indica que se avenga a negociar. En resumo, criticou, “hai propaganda, pero non atenden ao que reclama o profesorado”, a pesar de que leva pedindo melloras desde principio deste curso, “na mobilización máis importante na educación pública nos últimos 20 anos”. Con respecto ás avaliacións, que se deben levar a cabo precisamente estes días, a secretaria comarcal de CIG-Ensino explicou que “cada centro tomou as súas decisións”, adiantando o envío de boletíns ou aprazándoo, e que mesmo “houbo instrucións” de Inspección “para pór as notas aínda que non se fixeron as sesións específicas de avaliación”.

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a “inacción” da Xunta e do Concello de Vigo fronte ao “insoportable” encarecemento do prezo da vivenda, advertindo de que as medidas anunciadas por ambas as administracións “non van resolver a emerxencia habitacional” da cidade.

O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, puxo en cuestión o proxecto piloto Casa47 anunciado pola ministra. “Para quen é accesible un piso a máis de 600 euros mensuais?”, preguntou, e afeou ao alcalde, Abel Caballero, que “presuma” dunha iniciativa con apenas 67 vivendas, “sen prazo de execución e cun prezo que supera o custo medio actual do metro cadrado para aluguer” en Vigo. O concelleiro nacionalista lembrou que o prezo medio do aluguer se sitúa hoxe 200 euros por riba do que había en 2019 e responsabilizou a Xunta e o goberno local, agravando a situación polo aumento da oferta de pisos turísticos.

No caso do Concello, Igrexas incidiu na “parálise” do goberno de Caballero, reflectida en que a Empresa Municipal de Vivenda anunciada hai meses “non se vai a constituír antes de final de ano”. O BNG esixiu medidas inmediatas, entre elas, a solicitude para declarar a cidade como zona tensionada do mercado de vivenda.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

En resposta a estas críticas, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, amosou a súa “sorpresa” porque os nacionalistas piden ao goberno de Vigo que faga “o que non fan os alcaldes do BNG alí onde gobernan”. Caride asegurou que a Empresa Municipal de Vivenda “está en marcha”, e estará dotada “única e exclusivamente” con fondos do Concello, “dentro das limitadas competencias en materia de vivenda” que ten a administración local. Subliñou que van “facer o posible para contribuír a ter un parque público de vivendas en aluguer a prezo taxado na cidade”.

Con todo, a concelleira socialista insistiu en que a “competencia hexemónica” é da Xunta, da que censurou a súa “inacción” durante 15 anos de goberno. Caride defendeu que o Concello impulsa un Observatorio da Vivenda, un programa de compra de inmobles para aluguer alcanzable e a construción de vivenda social en chan municipal (como en Santa Cristina de Lavadores). Finalmente, Caride acusou o BNG de “entorpecer” estes programas, lembrando que “tiveron unha magnífica oportunidade de apoiar unha política municipal de vivenda, que foi apoiar o Plan Xeral, co 37 % de vivendas en réxime de protección”. A concelleira concluíu que, en lugar de apoiar esa vivenda accesible, “o BNG votou en contra dos intereses dos vigueses e a favor dos intereses dos especuladores”.

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación dos establecementos hoteleiros da cidade a pasada fin de semana, e asegurou que esta ocupación “marca” parece que “desgustar” a quen cualificou de “antiVigo”. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor subliñou o alto nivel de ocupación, non só en aloxamentos, senón tamén en restaurantes, cafetarías ou comercios. Todo iso nunha época que, hai uns anos, “era tempada baixísima” en Vigo, mentres que agora converteuse en “tempada altísima”.

“O cheo é total en todos os ámbitos da cidade. Pero ademais, enchemos Pontevedra, enchemos Baiona, enchemos O Porriño, enchemos toda a área de Vigo”, proclamou, á vez que atribuíu eses elevados índices de ocupación para o efecto da campaña do Nadal: “Todo o mundo vén polo Nadal de Vigo”. O alcalde engadiu que “os antiVigo”, como Rueda, o PP ou o BNG, consideran esta situación “un desastre”, porque “non queren que a Vigo lle vaia ben” e “desgústanlles” as boas cifras de ocupación.

“Pero o certo é que Vigo está a vivir o mellor momento da súa historia e unha parte importante débese ao Nadal, débese ao que estamos a facer miles e miles de empregos, miles e miles de ingresos de millóns e millóns e millóns e millóns e millóns de euros na cidade”, sentenciou, antes de augurar, unha vez máis, que PP e BNG “non van sacar nin un concelleiro nas próximas eleccións”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed