InicioEconomíaO BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola "inacción" ante...

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O BNG cuestiona o proxecto Casa47 por ser inaccesible e Caride critica que os nacionalistas non fagan o que piden.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O grupo municipal do BNG criticou este luns a “inacción” da Xunta e do Concello de Vigo fronte ao “insoportable” encarecemento do prezo da vivenda, advertindo de que as medidas anunciadas por ambas as administracións “non van resolver a emerxencia habitacional” da cidade.

O portavoz do BNG, Xabier Pérez Igrexas, puxo en cuestión o proxecto piloto Casa47 anunciado pola ministra. “Para quen é accesible un piso a máis de 600 euros mensuais?”, preguntou, e afeou ao alcalde, Abel Caballero, que “presuma” dunha iniciativa con apenas 67 vivendas, “sen prazo de execución e cun prezo que supera o custo medio actual do metro cadrado para aluguer” en Vigo. O concelleiro nacionalista lembrou que o prezo medio do aluguer se sitúa hoxe 200 euros por riba do que había en 2019 e responsabilizou a Xunta e o goberno local, agravando a situación polo aumento da oferta de pisos turísticos.

No caso do Concello, Igrexas incidiu na “parálise” do goberno de Caballero, reflectida en que a Empresa Municipal de Vivenda anunciada hai meses “non se vai a constituír antes de final de ano”. O BNG esixiu medidas inmediatas, entre elas, a solicitude para declarar a cidade como zona tensionada do mercado de vivenda.

RESPOSTA DO GOBERNO LOCAL

En resposta a estas críticas, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, amosou a súa “sorpresa” porque os nacionalistas piden ao goberno de Vigo que faga “o que non fan os alcaldes do BNG alí onde gobernan”. Caride asegurou que a Empresa Municipal de Vivenda “está en marcha”, e estará dotada “única e exclusivamente” con fondos do Concello, “dentro das limitadas competencias en materia de vivenda” que ten a administración local. Subliñou que van “facer o posible para contribuír a ter un parque público de vivendas en aluguer a prezo taxado na cidade”.

Con todo, a concelleira socialista insistiu en que a “competencia hexemónica” é da Xunta, da que censurou a súa “inacción” durante 15 anos de goberno. Caride defendeu que o Concello impulsa un Observatorio da Vivenda, un programa de compra de inmobles para aluguer alcanzable e a construción de vivenda social en chan municipal (como en Santa Cristina de Lavadores). Finalmente, Caride acusou o BNG de “entorpecer” estes programas, lembrando que “tiveron unha magnífica oportunidade de apoiar unha política municipal de vivenda, que foi apoiar o Plan Xeral, co 37 % de vivendas en réxime de protección”. A concelleira concluíu que, en lugar de apoiar esa vivenda accesible, “o BNG votou en contra dos intereses dos vigueses e a favor dos intereses dos especuladores”.

ÚLTIMAS

Falece un tripulante ao caer ao mar tras chocar a súa embarcación contra as bateas en Redondela

Un tripulante dunha embarcación de recreo que navegaba pola ría de Vigo na zona...

O PP de Vigo levará ao pleno a imputación da concelleira de Seguridade polo accidente do Saltamontes

A presidenta do PP e portavoz do grupo municipal 'popular' de Vigo, Luisa Sánchez,...

Un ferido tras envorcar co seu coche na avenida Arquitecto Antonio Palacios en Vigo

Unha persoa resultou ferida na tarde deste luns en Vigo tras envorcar o seu...

Confirman a ocupación do castro das Hortas nas illas Cíes

A segunda campaña arqueolóxica no castro das Hortas, nas illas Cíes, confirmou que a...