Inicio Blog Páxina 116

Abel Caballero denuncia un “ataque frontal” de Rafael Louzán contra a candidatura de Vigo para o Mundial 2030

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou este venres que o presidente da Real Federación Española de Fútbol (RFEF), Rafael Louzán, levou a cabo un “ataque frontal” contra Vigo na reunión interministerial celebrada nas últimas horas para a preparación do Mundial de Fútbol 2030. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico sinalou que, nese encontro, “para sorpresa de todos os participantes”, Louzán non só deu mostra dunha “guerra política” contra a cidade, senón que “recriminou” á ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Milagres Tolón, que recibise ao alcalde vigués. “E ante un ataque de tal dureza, a ministra contestoulle cunha enorme contundencia defendendo a Vigo. Louzán atacando a Vigo e querendo que non fose sede, e a ministra defendendo a Vigo”, proclamou.

Segundo subliñou Caballero, Milagres Tolón pediu “deixar os personalismos ao carón”, precisamente en referencia á actitude do presidente da RFEF e ás súas “rifas políticas”. O alcalde insistiu en que Vigo ten que estar na lista de sedes polos seus “méritos” e que a propia ministra recoñeceu que a candidatura “cumpre os requisitos”. Tamén sinalou que os representantes da FIFA estarán en próximos días en España para analizar as sedes cando a Federación “só ten 10 nomes, con 11 sedes concedidas”. “Porque Louzán non puxo Vigo nos nomes, para que non se visite a sede de Vigo (…) É un bochorno, é bochornoso”, sentenciou. O alcalde tamén acusou á Xunta de apoiar a candidatura de Riazor e asegurou que o conselleiro Diego Calvo recoñeceu que “eles van pagar”, mentres que non queren achegar para a candidatura de Vigo. Finalmente, reiterou que o Concello olívico “non vai a cejar” e ten as obras de Balaídos en marcha.

RECLAMAR ANTE A FIFA

En resposta ás declaracións do alcalde, a presidenta do PP de Vigo e portavoz municipal, Luisa Sánchez, instou o Concello a dirixirse á FIFA, “o único estamento que pode facer xustiza” coa cidade, para reclamar a inclusión da candidatura olívica. “Porque agora mesmo esa decisión só está en mans da FIFA”, aclarou. Luisa Sánchez pediu “abrir vías de diálogo” e “abandonar a polémica permanente”. “Se o señor Caballero quere demostrar que isto é un asunto de cidade e non unha cuestión partidista, que mova ficha ante a FIFA”, insistiu, e advertiu de que “sería un fracaso que o clima de crispación alentado polo señor Caballero terminase prexudicando a imaxe de Vigo en Zúric”.

Respecto diso, tamén se remitiu ás manifestacións de Milagres Tolón sobre a importancia de construír “un proxecto de país”, un proxecto que “non se constrúe montando rifas diarias diante dun micrófono co único fin de obter rédito partidista”. En todo caso, apuntou que a porta a que Vigo sexa sede mundialista non está pechada e que, por tanto, para lograr ese obxectivo, hai que dar pasos cara adiante. “De aquí a que se tome unha decisión definitiva aínda se poden caer máis sedes en España”, sinalou Luisa Sánchez, que pediu que as cidades que teñen proxectos “inmaturos” aclaren o seu futuro.

O BNG de Vigo inicia unha rolda de encontros veciñais para presentar as súas propostas de mobilidade na campaña ‘Máis buses, menos multas’

0

O BNG de Vigo iniciará a próxima semana unha rolda de contactos con veciños e entidades da cidade para presentar as súas propostas en materia de mobilidade urbana dentro da campaña ‘Máis buses, menos multas’, nun contexto marcado pola implantación das Zonas de Baixas Emisións (ZBE) e pola tramitación dunha nova concesión do servizo de autobús urbano valorada en case 500 millóns de euros.

A formación nacionalista presentou este venres esta iniciativa, que comezará cun primeiro encontro o luns ás 20.00 horas na asociación veciñal do Calvario. Durante a xornada tamén realizaron un reparto informativo neste barrio para dar a coñecer a campaña.

O portavoz municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, explicou que o obxectivo destes encontros é achegar á veciñanza as propostas do grupo para reformular o servizo de transporte urbano, que segundo defendeu podería experimentar “unha mellora substancial”. Na súa opinión, o goberno municipal está a “impor a perda da oportunidade” de avanzar cara a un modelo municipalizado do servizo tras o remate da actual concesión da empresa Vitrasa.

PROPOSTAS PARA O TRANSPORTE URBANO

Entre as medidas que os nacionalistas pretenden explicar nestes encontros figura incrementar as frecuencias do servizo, despois de que, segundo indican, se perderan máis de 250 desde a pandemia sen que fosen recuperadas.

Tamén propoñen revisar o mapa de rutas para facelo máis eficiente e favorecer a conexión entre o centro urbano e as parroquias, así como establecer bonificacións para colectivos vulnerables. Outra das iniciativas defendidas polo grupo é a creación dunha “liña 0” que conecte Navia con Teis, pensada para reforzar a vertebración da cidade.

O BNG pretende trasladar á cidadanía que, ao seu xuízo, “si hai unha alternativa real” para que Vigo dispoña dun sistema de transporte público que responda ás necesidades dunha cidade na que se producen decenas de miles de desprazamentos diarios en vehículo privado.

CRÍTICAS AO MODELO DE ZBE E AO NOVO CONTRATO

Durante a presentación da campaña, Pérez Igrexas tamén cuestionou o modelo de Zonas de Baixas Emisións impulsado polo goberno local, ao considerar que “penaliza” ás persoas que non dispoñen de recursos para acceder a vehículos de cero emisións.

Ademais, criticou o prego da nova licitación do servizo de bus urbano, ao entender que non introduce cambios significativos no funcionamento do sistema. Segundo explicou, o contrato prevé a renovación da flota actual, pero non a incorporación de máis autobuses nin un aumento do número de condutores.

“O único que se incrementa, nun 90 %, é o custo, algo do que o goberno municipal aínda non deu unha explicación”, advertiu o portavoz nacionalista, que engadiu que o executivo local debería aclarar “por que os vigueses van pagar moito máis por un servizo igual de malo”.

O feminismo vigués convoca unha manifestación o 8M baixo o lema ‘Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo’

A plataforma Resposta Feminista – As que miran lila chamou a saír ás rúas de Vigo o vindeiro domingo, 8 de marzo, Día Internacional da Muller, baixo o lema ‘Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo’. A organización feminista viguesa, integrada por máis de 60 mulleres e diversas entidades feministas da cidade, naceu coa vocación de impulsar mobilizacións unitarias do feminismo vigués e convocou unha manifestación que partirá ás 18.00 horas da Praza de España.

“Baixo o lema ‘Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo’ percorreremos as rúas de Vigo coa firmeza que nos dá saber que o feminismo foi, e será, a única opción de supervivencia fronte ao fascismo”, reivindicou a plataforma. As organizadoras advertiron ademais de que non permitirán retrocesos nos dereitos conquistados e denunciaron “a violencia dos poderes racistas e imperialistas que están a percorrer o planeta”.

Resposta Feminista defendeu un feminismo antifascista, antirracista, anticolonial e pacifista, que poña a vida no centro, aposte por servizos públicos fortes, condicións laborais dignas e un recoñecemento real dos coidados. “Rexeitamos os discursos racistas que só sementan medo e sinalan ás persoas migrantes como inimigas”, sinalaron, ao tempo que advertiron de que tampouco aceptarán “discursos de odio que banalizan a violencia machista ou as discriminacións e persecucións que sofre o colectivo LGTBIQA+”.

A CIG chama a mobilizarse o 10 de marzo contra a precariedade no Día da Clase Obreira Galega

A CIG presentou este xoves en Vigo os actos previstos para o Día da Clase Obreira Galega, que se conmemora o 10 de marzo, e fixo un chamamento á cidadanía para mobilizarse “contra a precariedade e a desigualdade” e en defensa dun “traballo digno”. Ester Mariño e Raquel Pérez, integrantes da Executiva do sindicato na área viguesa, explicaron que a cidade olívica acollerá unha das 14 manifestacións convocadas ese día en Galicia, mentres que os actos centrais terán lugar en Ferrol.

No caso de Vigo, a mobilización partirá ás 19.00 horas desde o cruzamento da Dobrada. As representantes sindicais lembraron que o 10 de marzo conmemora as mobilizacións obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo, durante as cales foron asasinados pola policía dous traballadores da antiga Bazán, Amador Rei e Daniel Niebla, na cidade departamental. “Queremos saír á rúa para lembrar que non somos un pobo sumiso e que, cando a clase obreira se organiza, é capaz de conquistar dereitos e mellorar as súas condicións de vida”, proclamou Ester Mariño.

DEMANDAS QUE SEGUEN “PLENAMENTE VIXENTES”

Segundo subliñou a representante da CIG, as reivindicacións que motivaron aquelas protestas en 1972 seguen estando vixentes na actualidade, nun contexto que cualificou de “empobrecemento xeneralizado, baixos salarios e desigualdades” derivadas das políticas neoliberais e das últimas reformas laborais. Por iso, defendeu que a mobilización social continúa sendo “o camiño necesario para dar resposta a esta crúa realidade”.

Entre os problemas sinalados polo sindicato destacan a persistencia da brecha salarial que afecta ás mulleres, a elevada temporalidade laboral e a deterioración dos salarios. A CIG tamén criticou as políticas do Partido Popular e o aumento dos discursos da ultradereita, ao tempo que denunciou o que cualifican como unha “ofensiva imperialista” encabezada polos Estados Unidos, fronte a unha Unión Europea que, ao seu xuízo, “cada vez parece máis irrelevante”.

Caballero acusa ao conselleiro de Sanidade de que os exames MIR se fagan en Santiago “porque é de alí”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, urxiu ao Ministerio de Sanidade e á Consellería de Sanidade a “porse a traballar” para que a cidade cidade sexa sede dos exames MIR, tras a aprobación dunha moción defendida no Senado pola tenente de alcalde e senadora socialista Carmela Silva.

En declaracións aos medios, o rexedor olívico volveu criticar que, fai máis de seis meses, o conselleiro nin defendeu ante o Ministerio que Vigo seguise sendo sede destas probas, como xa foi durante a pandemia de Covid. Segundo o alcalde, Gómez Caamaño “quedou calado” porque “quere que todos os exames MIR sexan en Santiago, porque el é de Santiago, é profesor en Santiago e cree que en Santiago hai que facelo todo”.

“Eu reclameille desde aquí á ministra que inmediatamente confirmase que se ían a seguir facendo exames MIR en Vigo. É certo que non contestou. É certo que llo dixen ao conselleiro tamén e quedou calado a ver si coaba”, denunciou Abel Caballero. Tras a aprobación da moción defendida por Carmela Silva na Comisión de Sanidade do Senado, o alcalde instou tanto ao Ministerio como á Xunta “porse a traballar inmediatamente” para que Vigo sexa sede na seguinte convocatoria de exames MIR.

Pola súa banda, Carmela Silva lamentou que os senadores galegos do PP non tomasen a iniciativa para defender á cidade olívica nesta cuestión e celebrou que, finalmente, cunha modificación (para que sexan sede MIR, ademais de Vigo, tamén Cidade Real e Xirona), a proposta recibiu o apoio de todos os grupos, excepto o de Vox.

A Universidade de Vigo lidera en Galicia o deseño de solucións naturais para adaptarse ao cambio climático nun proxecto europeo

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, e a Universidade de Vigo (UVigo) colaborarán durante os próximos anos no deseño de “solucións naturais” para adaptarse ao cambio climático, no marco dun proxecto europeo que busca mellorar a resiliencia dos territorios fronte aos seus efectos. Galicia participa como unha das rexións integradas no proxecto europeo SystR, unha iniciativa que pretende adoptar medidas coordinadas e promover unha “resiliencia sistemática” fronte aos impactos climáticos.

O proxecto, iniciado en 2025 e liderado polo Centro Nacional de Investigación Científica Demokritos de Grecia, consiste en desenvolver proxectos piloto en territorios concretos que posteriormente poidan replicarse noutras rexións con características similares. Neste contexto, Galicia tomará como referencia as medidas aplicadas no arquipélago de Guadalupe (Francia), xa que ambas comparten características propias das rexións costeiras.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, exemplificou este tipo de solucións naturais cun caso concreto: adaptar espazos fluviais para que cumpran distintas funcións segundo a estación do ano. “Cando dicimos que temos que dar solucións naturais ás inundacións e, por tanto, facer un meandro enorme, que podamos utilizar no verán como un parque, pero que igual no inverno ten que ser unha lagoa, iso é o que ten que ir interiorizando un pouco a xente”, explicou durante unha rolda de prensa sobre o informe do inverno meteorolóxico.

A responsable autonómica subliñou que este proceso debe realizarse partindo dunha base científica e dos datos de Meteogalicia, pero tamén contando coa participación da cidadanía. Neste sentido, destacou a importancia de escoitar a visión das empresas, do sector primario e das asociacións, xa que se trata de axentes directamente afectados polo cambio climático, tanto polas inundacións ou secas como polas consecuencias que estes fenómenos poden ter nas infraestruturas, no agro e na propia poboación.

“Temos que ter unha visión moi ampla”, insistiu. Como primeiro paso deste proceso, este xoves celebrouse na Cidade da Cultura a primeira dunha serie de xornadas dedicadas a esta cuestión, nas que participaron representantes doutras administracións e do tecido empresarial para comezar a analizar posibles medidas de adaptación climática en Galicia.

Caballero anima aos vigueses a vestirse de época para a festa da Reconquista

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, animou este xoves á cidadanía a vestirse de época e participar activamente na festa da Reconquista, que se celebrará na cidade olívica entre o 21 e o 29 de marzo. Nunha rolda de prensa, o rexedor explicou que a edición deste 2026 comezará o sábado 21 de marzo coa escenificación da destitución da corporación afrancesada e rematará o domingo 29 coa representación histórica da expulsión das tropas francesas da vila de Vigo.

Durante estes días, o programa incluirá actuacións musicais, talleres, xogos populares e diversas representacións históricas que recrearán os episodios da revolta popular contra a ocupación napoleónica. Un dos momentos destacados chegará a partir do venres 27 de marzo, cando abrirán os tradicionais postos de artesanía e alimentación, que nesta edición superarán os 200.

A RECONQUISTIÑA REUNIRÁ MÁIS DE 2.000 ESCOLARES

Entre as actividades previstas tamén destaca a Reconquistiña, que terá lugar o luns 23 de marzo e na que participarán case 50 colexios da cidade con máis de 2.000 nenos e nenas. Pola súa banda, a Asociación de Veciños do Casco Vello tamén fixo un chamamento aos vigueses para sumarse ás distintas actividades do programa vestidos con indumentaria da época, contribuíndo así a recrear o ambiente histórico dunha das festas máis emblemáticas da cidade.

Vigo abre o CIS Olimpia Valencia con 65 consultas para atender a 42.000 persoas

O novo Centro Integrado de Saúde (CIS) Olimpia Valencia, o terceiro de Galicia, abre este luns a súa porta para empezar a asistencia, tras dous anos e medio de obras e instalación de equipamentos, con 65 consultas nas que traballarán 122 profesionais (13 deles en praza de nova creación) e con capacidade para atender a 42.000 persoas.

O edificio, resultado da rehabilitación de antigas instalacións xudiciais, contará con servizo de Medicamento de Familia, Pediatría, Nutricionista, Matrona, Fisioterapia, Odontoloxía, Farmacia, Traballo Social, base do 061 e con cinco unidades novas: atención a pacientes pediátricos con patoloxía crónica complexa, psicoloxía infantil, psicoloxía de Atención Primaria, trastornos de conduta alimentaria en idade pediátrica e rehabilitación cardíaca.

O CIS Olimpia Valencia atenderá aos pacientes dos centros de saúde de López Mora e Nicolás Peña, así como a parte dos pacientes de Rosalía de Castro, Coia (entre eles todos os de pediatría), Pintor Colmeiro (entre eles todos os de pediatría), Cuba e Beiramar. O traslado comezará este luns coas urxencias de pacientes de López Mora e iniciarase a actividade ordinaria o martes. No acto de inauguración, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, puxo en valor o investimento do goberno galego nesta nova infraestrutura sanitaria, de 17 millóns de euros, e incidiu en que os novos medios materiais e equipos de nada serven sen a profesionalidade dos traballadores da sanidade pública.

CRÍTICAS AO CONCELLO DE VIGO

Rueda lembrou na súa intervención que, ademais da rehabilitación deste edificio, a Xunta tiña previsto recuperar o inmoble que está á beira (que tamén formou parte das dotacións xudiciais da cidade) para facer un centro de asociacionismo. Con todo, lamentou, o bloqueo do goberno de Abel Caballero (que reclama a titularidade da parcela) impediu que o proxecto se puidese levar a cabo, cando as obras xa contaban con financiamento e estaban adxudicadas.

RESPOSTA DO ALCALDE

Pola súa banda, o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios, saudou a apertura do CIS Olimpia Valencia, aínda que afeou á Xunta que non convidase a ninguén do Concello olívico a pesar de que a administración local “doou” o solo (mentres que a Xunta sostén que non houbo tal cesión porque a parcela xa fora cedida polo Goberno central e é de titularidade autonómica).

O rexedor criticou que a apertura deste centro implique “só” 13 novas prazas e supoña o “peche” doutros dous ambulatorios, o de López Mora e o do Nicolás Peña, e que se trasladen pacientes doutros cinco centros de saúde. Cabaleiro reclamou que non se pechen as instalacións nin os servizos de pediatría de Coia e Pintor Colmeiro, senón que se incrementen.

O BNG propón impulsar comunidades enerxéticas locais para producir e consumir enerxía renovable

O BNG de Vigo propuxo que o Concello cree unha oficina municipal de enerxía co obxectivo de impulsar comunidades enerxéticas locais na cidade para que veciños produzan e consuman a súa propia enerxía renovable. Nun comunicado, o Bloque reivindicou medidas ante a “pobreza enerxética” que afecta a miles de familias en Vigo, “onde un de cada cinco fogares ten dificultades para manter a súa vivenda quente no inverno”.

Respecto diso, o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, defendeu “devolver aos vigueses o control deste recurso básico” fronte á “dependencia actual de grandes compañías eléctricas que deciden prezos e condicións sen participación da cidadanía para seguir alimentando os seus lucros millonarios”. Así, subliñou que estas comunidades locais permitirían que veciños, colectivos e pequenas empresas, co apoio das administracións públicas, se organizaran para producir e consumir enerxía renovable con instalacións compartidas en cubertas de edificios públicos e privados. “Reduciría custos, garantiría a estabilidade fronte ás subidas de prezos e promovería a solidariedad e a sosteniilidad nos barrios”, apuntou Igrexas.

O Festival de Cans supera os datos da pasada edición, con 235 obras inscritas

O Festival de Cans, que celebrará o seu XXIII edición na aldea de Cans  entre o 19 e o 23 de maio, recibiu un total de 235 obras inscritas nas diferentes categorías, superando as 230 do pasado ano. Tal e como destacan nun comunicado, trátase dun dato especialmente significativo dado que o certame só admite a concurso obras de autoría galega. A cifra supón ademais o segundo mellor rexistro da súa historia, unicamente superado polas 255 obras de 2019.

A orixe das obras “evidencia a proxección internacional” do talento galego, con creadoras e creadores asentados en países como Alemaña, Bélxica, Reino Unido, Arxentina, Portugal ou Canadá, así como en cidades como Barcelona, Madrid, Pamplona, Valencia ou León.

Un dos datos máis salientables desta edición é o forte crecemento da categoría de ficción, que alcanza os 66 curtametraxes, fronte ás 41 do pasado ano. Entre as obras preséntase unha ampla diversidade de propostas, desde o cine de xénero até a comedia ou proxectos híbridos nas fronteiras do documental.

Apuntan que este incremento pode estar relacionado co feito de que o Festival de Cans recupera este ano o recoñecemento como certame calificador para os Premios Goya, o que permitirá ás obras premiadas sumar puntos de cara a estes galardóns. Na categoría de non ficción, ‘Furacáns’, recibíronse 38 obras, a mesma cifra que na anterior edición, mentres que en ‘Novas Camadas’ (menores de 25 anos) concorrerán 29 traballos.

Pola súa banda, a categoría de animación suma 11 obras, mantendo cifras similares ás do pasado ano. Moitas das pezas presentadas terán a súa estrea en Cans, consolidando o festival como un espazo crave para o lanzamento de novas propostas no circuíto audiovisual. No apartado de videoclips, rexistráronse 80 inscricións, “confirmando o papel de Cans como referencia estatal no ámbito do vídeo musical de autor”. Na sección doutras obras, que inclúe webseries, videocreacións e formatos experimentais, contabilizáronse 16 inscricións, en liña coa edición anterior.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed