Inicio Blog Páxina 1065

Clarisse e Iván Roade, os mellores na 40º edición do Belarmino Alonso

A proba máis histórica do campo a través galego, o Memorial Belarmino Alonso organizado polo Comesaña Sporting Club, acadou este domingo 25 de novembro a súa 40º edición.

Como está a ocorrer nos últimos anos, a competición celebrouse nun terreo enlamado tras días de chuvias fortísimas. Dá igual que escampara: o ‘dano’ xa estaba feito e resultou unha proba tan esixente coma sempre, se cadra un chisquiño máis co renovado circuíto.

En canto ás probas reinas, na carreira feminina venceu Clarisse María Pinho Cruz (1978, Independiente), que completou os 7.040 metros aproximados, cheos de desniveis e zig-zags, en 32:50. Completaron o podio Sandra Mosquera Losada (1990, Adas Proinor) e Sofía Freaza Otero (1982, Comesaña Sporting Club).

María Soledad Castro Soliño, a atleta con máis podios da historia desta proba con 14 en total, sempre fiel ao Comesaña, foi quen de clasificarse sexta aos seus 53 anos. Por equipos, o Comesaña foi o vencedor.

40º Memorial Belarmino Alonso/ Miguel Núñez

En canto á proba masculina, impúxose Iván Roade (1993, Adas Proinor), e completaron o podio dous atletas portugueses, Nuno Costa (1986, Tambre Bike & Running) e Jorge Santa Cruz (1989, Sporting Clube Braga).

Cabe destacar a actuación de Jorge Puig Malvar (1997, Club Atletismo Santiago), que sendo un atleta do 97, e polo tanto da categoría promesa, logrou quedar a só 6 segundos das medallas a nivel absoluto.

Por equipos, proclamouse vencedor o San Miguel de Marín, por diante do Comesaña, o C.A. Porriño e o Club Deportivo Pinarium.

40º Memorial Belarmino Alonso/ Miguel Núñez

En canto ás demais probas, venceu con autoridade Hugo García Souto na Sub 18 Masculina, incluso por diante do primeiro clasificado Sub 20, Iván Salgado Troncoso. Ambas categorías completaron conxuntamente algo máis de 4 quilómetros.

Curiosamente, tamén na proba feminina foron superiores dúas atletas Sub 18, Paula de la Torre Carabelos e Blanca Armenteros Rey, á campiona Sub 20, Lucía Cardesín.

40º Memorial Belarmino Alonso/ Miguel Núñez

En suma, máis aló dos resultados, foi unha nova e gran festa do atletismo galego e vigués, que non só trouxo a algúns dos maiores referentes do noso atletismo senón que, no que respecta aos máis pequenos, resiste un ano máis ao sedentarismo de moda para facelos calzar uns clavos con moita paixón e encherse de lama ata os nocellos.

 

Nove investidores interesados en adquirir o estaleiro Barreras

Polo menos 9 investidores situáronse (ata a pasada semana) para adquirir o estaleiro Hijos de J. Barreras e remitiron á empresa os seus ‘manifestos de interese’ e ofertas indicativas, que non son vinculantes, segundo confirmaron fontes da compañía.

En todo caso, esa cifra de potenciais compradores pode ser mesmo maior, tendo en conta que o prazo para presentar ofertas remata este luns, aínda que a empresa eludiu concretar se houbo máis investidores interesados de última hora.

A partir de agora abrirase outra fase no proceso de venda do emblemático estaleiro vigués, xa que a compañía (neste caso a consultora Kroll, contratada por Cruise Yatch YardCo, dona da empresa) debe facer unha criba para seleccionar os candidatos finais.

Unha vez confeccionada esa ‘short list’, os investidores interesados deberán presentar xa as ofertas vinculantes e abrirase un proceso de auditoría (‘due diligence’). Neste trámite, trasladaron desde o estaleiro, priorizarase o plan industrial que os compradores presenten.

A consultora encargada de pór á venda Barreras iniciou este proceso a finais de verán, coa distribución dun documento de venda entre decenas de empresas e potenciais investidores, nacionais e internacionais. Tratábase na súa maioría de estaleiros e empresas vinculadas á construción naval, pero tamén firmas relacionadas coa eólica ‘offshore’.

A empresa non quixo desvelar o prezo de venda do estaleiro, aínda que o sector dá por feito que esa cifra será simbólica, tendo en conta as “cargas” que pesan sobre Barreiras (débedas pendentes, patrimonio negativo e litixios iniciados por Havila e Armas, por proxectos que non se chegaron a finalizar). Ademais, o prezo variará en función de se os investidores quedan con Barreras e coas súas continxencias, ou se só están interesados na unidade produtiva.

A empresa, que agora está xestionada polo fondo Kroll, atópase sen actividade desde que o Evrima abandonou a súa bancada na pasada primavera. De feito, a práctica totalidade do seu persoal está afectada por un ERTE que se aprobou o pasado mes de xullo (só co apoio do sindicato UGT).

O TSXG estima un recurso do Concello de Vigo contra a Xunta por un baremo de puntuación de axudas

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso do Concello de Vigo contra a Xunta polas bases dunhas axudas a municipios para programas de emprego ao considerar que non debía valorarse a participación nunha iniciativa para potenciar a implantación de empresas.

Na sentenza, contra a que cabe recurso de casación, o tribunal estima o recurso contencioso-administrativo do Concello e impón ao Goberno galego o pago de costas ata un máximo de 1.500 euros. Con todo, afirma que “non pode ordenar retrotraer” o procedemento “ao momento en que se produciu o vicio” debido á súa conclusión, aínda que lembra que a Administración local poderá reclamar “a compensación debida pola lesión económica antixurídica que se lle produciu”.

O TSXG lembra que en decembro de 2019 a Xunta aprobou tres ordes que estableceron as bases reguladoras da concesión de subvencións destinadas a concellos para pór en práctica programas e talleres de emprego e convocounas para 2020.

O Concello formulou requirimentos para a súa anulación ao considerar que as axudas que solicitou no marco destas ordes poderían verse prexudicadas na puntuación a valorar, pero foron desestimados.

Por iso, presentou un recurso para que se recoñecese o seu dereito a que os procedementos de convocatoria das subvencións se resolvesen excluíndo a condición de ‘Concello emprendedor-Concello Doing Business’ –un protocolo de actuación entre a Xunta e a Fegamp–, así como a puntuación correspondente.

RESOLUCIÓN

O TSXG considera os municipios que se adheriron á iniciativa poderían recibir puntuación en convocatorias de axudas e subvencións dirixidas ao propósito do protocolo, fomentar a implantación de empresas e a súa fixación, pero “non podería amparar o outorgamento de puntuación algunha nas convocatorias que se dirixisen a cumprir outras finalidades radicalmente”, como as ordes impugnadas.

De feito, advirte de que a introdución de “un criterio de puntuación anómalo” nas bases supón que “se desestabilice e rompa a coherencia, neutralidade e obxectividade que deben presidir o outorgamento das subvencións públicas”.

Ademais, os xuíces conclúen que “aínda se se puidese outorgar algunha puntuación nesas convocatorias aos municipios que se adheriron á iniciativa”, a deste caso “sería notablemente desproporcionada” ao representar a quinta parte da puntuación total para os concellos que se presentasen de modo individual.

Pola súa banda, o alcalde da urbe olívica, Abel Caballero, denunciou o “abuso absoluto da Xunta” e defendeu que o Concello “ten dereito” percibir estas axudas para programas de emprego a pesar de non formar parte do protocolo ‘Concellos Doing Business Galicia’. Deste xeito, criticou que o Goberno galego “fixo unhas bases que practicamente imposibilitaban que Vigo recibise axudas”, o que supuxo que lle “birlou” á cidade 543.000 euros correspondentes ás cantidades que podería percibir.

Tui inaugura a unidade de Saúde Mental ambulatoria para o Baixo Miño

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) porá en marcha este martes, 1 de xuño, unha unidade de Saúde Mental ambulatoria no centro de saúde de Tui , que será referencia para a poboación adulta dos concellos do Baixo Miño, en concreto Tui, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Oia.

Segundo informou o Sergas, a nova unidade atenderá á poboación da comarca maior de 16 anos con problemas de saúde mental, para o que contará cun equipo de seis profesionais. Trátase de dous psiquiatras, un psicólogo, un traballador social, unha enfermeira especializada en saúde mental e un administrativo.

Este novo dispositivo enmárcase no Plan Estratéxico de Saúde Mental 2020-2024 do Sergas. Durante unha visita ao centro este luns, o xerente da área Sanitaria de Vigo, Javier Ponte, apuntou que “con esta nova dotación mellórase de forma moi significativa a accesibilidade da poboación desta comarca ao sistema sanitario, xa que non terá que desprazarse a Vigo para recibir este tipo de atención”.

Ratificada a condena a 5 anos de cárcere para un profesor de taekwondo vigués por abusos a unha alumna

A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) confirmou a sentenza que condenou a 5 anos de prisión a José C., profesor de taekwondo nun club da cidade, por un delito continuado de abusos sexuais a unha das súas alumnas, de 15 anos de idade.

Nesta resolución, que ratifica a emitida en outubro de 2020 pola sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, os maxistrados manteñen que o acusado abusou sexualmente da vítima durante dúas clases que lle impartiu no seu domicilio os días 5 e 12 de novembro de 2018 coa escusa de mellorar a súa “expresividade”.

O tribunal entende que “se só se trataba de exercicios para mellorar a expresividade da alumna nun contexto de adestramento para a alta competición, é evidente que non tería lugar excitación sexual no monitor”. A iso engade que “tampouco existe explicación razoable ao tipo de exercicios, pois ningunha das alumnas describe realizar exercicios da índole dos descritos pola menor”.

Feijóo asegura que a nova intermodal de Vigo abrirá a finais de ano

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, comunicou que a estación de autobuses da intermodal de Vigo abrirá a finais de ano, co que o transporte público na cidade olívica “vai ter un antes e un despois” e contará coa intermodal “máis ampla de todas as que se están construíndo en Galicia”.

Así se pronunciou durante unha visita ás obras desta infraestrutura, na que estivo acompañado pola presidenta de Adif, Isabel Pardo; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, entre outros cargos políticos e autoridades.

Feijóo comentou que a obra da nova estación de autobuses da intermodal atópase “nunha fase moi avanzada”, ante o que mostrou a súa “satisfacción” pola colaboración entre a distintas administración en aras de construír no centro de Vigo unha infraestrutura que permitise atopar nun mesmo punto os autobuses e o tren de alta velocidade.

COLABORACIÓN ENTRE ADMINISTRACIÓNS

Así, durante o seu discurso lembrou o “empeño” do Goberno de España, primeiro con Mariano Rajoy e agora con Pedro Sánchez, por levar a cabo esta estación intermodal. Así mesmo, agradeceu a colaboración do Concello de Vigo, que concretou e cofinanciou os accesos á estación.

Segundo sinalou, estas obras representan un “fito importante”, porque supoñen “conquerir o nó de transporte máis importante de Galicia”. Ademais, puxo en valor que esta infraestrutura “se está executando conforme ao previsto, a pesar da pandemia, a crise económica…”.

Esta estación, á que a Xunta destina en total 18 millóns de euros, recibirá dous millóns de pasaxeiros ao ano e ao redor de 500 buses diarios. Con ela, engadiu Feijóo, pasarase de tardar 15 minutos en coche ou taxi desde a estación de buses ata a de tren, a apenas “1 ou 2 minutos” para intercambiar a un taxi, tren ou autobús. “Serán uns segundos o que antes eran 30 minutos”, selou.

Presentada a nova web da Cátedra Feminismos 4.0 da Universidade de Vigo

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, presentaron este luns a nova web da Cátedra Feminismos 4.0, “un espazo moi importante que permitirá vertebrar todos os proxectos desenvolvidos ao redor desta iniciativa“.

Así o destacou a presidenta neste acto de presentación que se desenvolveu de maneira telemática e no que tamén participaron a deputada de Igualdade, Vitoria Alonso e a directora da área de Igualdade da Universidade de Vigo, Águeda González.

Carmela Silva e o reitor Manuel Reigosa coincidiron en que “a igualdade é máis que unha bandeira, é un deber e un compromiso”.

A web da Cátedra é un espazo virtual para comunicar toda a actividade do proxecto, difundir publicacións de interese, informar sobre convocatorias e enlazar a organizacións que traballen nesta área.

Concretamente, as persoas que entren nesta web poderán atopar nela toda a información e noticias sobre a Cátedra (seminarios, avisos sobre bolsas de investigación, axenda de actividades, etc.) e tamén vídeos propios, como é o caso do Workshop 2019 da Cátedra.

Ademais, tamén se enlaza con diferentes entidades investigadoras neste ámbito como é MediaLab en Vigo, Donestech en Barcelona, GenderlT.org (en Sudáfrica, América Latina e India), Fundación Activismo Feminista Dixital (Arxentina), distintas universidades norteamericanas, e outras institucións.

As persoas interesadas tamén poderán subscribirse ao boletín de novidades, que se enviará cada quince días.

UNHA “CARTA DE PRESENTACIÓN”

A presidenta provincial destacou que a nova web (www.catedrafeminismos.gal) “é unha carta de presentación” deste proxecto posto en marcha hai un ano, pero ao mesmo tempo tamén un lugar onde atopar todo tipo de información tanto vinculada ao coñecemento, á investigación e innovación e á análise feminista.

“Nela haberá información relevante de estudos de xénero porque o feminismo é un proxecto de transformación baseado en análises rigorosas”, dixo.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo sinalou que a web “é unha ferramenta moi idónea” e incidiu na “necesidade de estar presentes na rede e combater o machismo rancio que nos leva a épocas moi pasadas“.

Ademais, agradeceu á Deputación a súa axuda e fixo fincapé no compromiso da institución académica pola igualdade, “é o noso deber”.

Abel Caballero aposta por suprimir peaxes na AP-9 e pide responsabilidades ao PP por prorrogar a concesión

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, trasladou este martes a súa aposta pola supresión das peaxes na autoestrada AP-9 “se existe unha xanela de oportunidade”, e esixiu responsabilidades ao PP pola prórroga da concesión aprobada en 2000, e que supón que Audasa explotará o viario ata 2048.

Nunha roda prensa, a preguntas dos medios sobre o requirimento da Comisión Europea ao Goberno de España por un incumprimento da normativa comunitaria na aprobación das prórrogas, o rexedor olívico sinalou que, aínda que descoñece os detalles dese procedemento, “se existe unha xanela de oportunidade” dará o seu “apoio total” á eliminación do pago, polo menos no que respecta a Vigo.

Abel Caballero manifestou que a prórroga da concesión da AP-9 por 25 anos máis durante o Goberno de Aznar, e “apoiada polo PP de Galicia”, “foi unha barbaridade, un disparate”, que condena aos usuarios a “pagar eternamente”, polo que esixiu “responsabilidades” ao PP, “que nunca levantou a voz en contra das peaxes”.

Segundo recalcou o alcalde de Vigo, “todas as reducións e supresións” de peaxes nesa autoestrada foron impulsadas por gobernos socialistas. “Por iso quero que o Goberno manteña a competencia sobre a autoestrada”, proclamou, e avanzou que falará co Executivo de Sánchez sobre o requirimento da Comisión Europea e sobre a posibilidade de que a AP-9 sexa liberada de peaxe.

Estabilizado o foco do Porrriño con seis contaxiados

O brote de contaxios por COVID-19 localizado no centro do Porriño suma seis positivos tras arroxar resultados negativos os contactos destas persoas sometidos a probas PCR.

Fontes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) detallaron a Europa Press que se realizaron probas a en torno unha vintena de persoas próximas aos contaxiados e que as mesmas deron resultados negativos.

En concreto, o brote orixinouse despois de que un mozo contaxiado transmitise a patoloxía a familiares próximos e á súa moza, que nestes momentos atópanse illados nos seus domicilios.

Adicionalmente, profesionais de Atención Primaria realizan un seguemento do estado destes positivos mediante o centro de saúde da localidade pontevedresa. A Consellería de Sanidade tamén explicou este xoves á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, que os para detectar se se produciron máis contaxios.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed