Inicio Blog Páxina 1064

Achan na rúa a un home falecido, que morreu supostamente por un derrame

O corpo dun home falecido foi localizado na mañá deste venres nunha rúa de Vigo que, supostamente, morreu por un derrame interno.

Así o confirmaron fontes da Policía Nacional, que indicou que o corpo foi achado nas avenidas da cidade de Vigo ás 9,48 horas deste venres.

O achado foi comunicado ao xulgado de garda. Tras o levantamento do cadáver pola autoridade xudicial, as mesmas fontes policiais indicaron que se confirma que se trata de “unha morte natural por un derrame interno”.

Chamada á clase traballadora para “tomar de novo as rúas” de Vigo este 1 de maio

A CIG, por unha banda, e UGT e CC.OO., por outro, chaman os traballadores galegos a “tomar de novo as rúas” este sábado 1 de maio, con senllas manifestacións centrais convocadas en Vigo e con lemas centrados no ano e dous meses de crise sanitaria pola pandemia de coronavirus e a súa afectación no mercado laboral e as condicións de vida dos cidadáns.

Así, AS tres organizacións sindicais con máis representación en Galicia volven convocar por separado, a CIG baixo o lema ‘Unha saída galega xusta fronte á crise’ –a súa marcha central sairá ás 12,00 horas da Dobrada, en Vigo– e UGT e CC.OO. porque ‘Agora toca cumpir. Un país en débeda coa súa xente traballadora’ –con mobilización desde as 11,30 horas no cruzamento de Vía Norte con Urzáiz–.

A CIG convocou, en concreto, 16 manifestacións e concentracións, que se desenvolverán entre as 11,30 e as 12,00 horas do sábado. As mobilizacións previstas por parte de UGT e CC.OO. son unha decena, entre as 11,30 e as 12,30 horas.

En rolda de prensa, o secretario xeral da central nacionalista, Paulo Carril, chamou a “saír a reivindicar unha saída xusta á crise” posto que “a pandemia está a ser aproveitada para que procesos que se estaban dando estean a significar importantes ameazas para a clase traballadora, dunha forma inxusta”, en referencia á transición ecolóxica e a dixitalización.

CRÍTICAS A GOBERNO CENTRAL E GALEGO

Ante o aumento do paro, a caída dos salarios e o incremento da precariedade e a “pobreza laboral”, Carril cargou contra o Goberno central de PSOE e Unidas Podemos ao asegurar que “segue actuando ao ditado de políticas neoliberais, disfrazadas de enorme propaganda” e “presentadas a través do diálogo social, esa secuela”. Respecto diso, acusounos de estar “a axudar ás contas das empresas” e a “que as elites económicas vexan a saída da crise dunha forma máis vantaxosa”, debido á “vixencia” das reformas laborais e das pensións, entre outras, que entende “inxustificable que sigan sen derrogarse”. Os expedientes de regulación de emprego temporais (ERTE), pola súa banda, viunos “unha vía para que a clase traballadora estea sen futuro”, ao facerse “á carta”.

En canto ao Executivo autonómico, afeou ao popular Alberto Núñez Feijóo a “opacidade” con que se está traballando na captación de fondos europeos ‘Next Generation’, e asegurou que están “a ser un auténtico festín para os fondos de investimento” e “en absoluto” están a xerar “nin emprego nin industria”. Xunto a Carril, Susana Méndez animou os traballadores a responder na rúa “coa contundencia e combatividade que require a situación”. Pola súa banda, advertiu de que as mulleres “seguen pagando dobremente cada crise” e puxo o exemplo das traballadoras de hostalaría e do comercio, ou as dos sectores relacionados cos coidados.

UGT E CC.OO.

A continuación, noutra comparecencia ante os medios de comunicación, o secretario xeral de CC.OO., Ramón Sarmiento, avogou por “recuperar a presenza nas rúas” por parte da clase traballadora, nun punto no que “se está aproximando un momento crucial” para a saída da crise. Citou casos como o do sector financeiro, o da limpeza e o da conserva, para advertir de que o “esforzo da clase traballadora non merece estas formulacións do capital e das plataformas empresariais”.

Ao Goberno central, “máis aló do discurso”, urxiulle a tomar “decisións concretas” ao ver “necesario que se modifique xa a reforma laboral”. No tocante á Xunta, pediu que o terceiro plan de rescate fronte á crise da covid incorpore a cláusula de salvagarda do emprego “se queren contar” coa participación das organizacións integradas na mesa do diálogo social (UGT e CC.OO.).

Por parte de UGT, o seu homólogo, José Antonio Gómez, expuxo que “o xustifican en base ao decreto do estado, que dá pé a que estas axudas se dean só co compromiso de que se manteña a actividade”. No entanto, “en coherencia cos outros plans de rescate”, Gómez afirmou que o decreto estatal “permite esa modificación” para incorporar a cláusula, e dixo que “a consellería –de Emprego– quedou en velo”.

O responsable de UGT tamén cualificou de “imprescindible” a derrogación das reformas laboral e das pensións, así como a subida do salario mínimo interprofesional. Pola súa banda, lamentou que “se está ouvindo falar de baixar impostos e esa conta non dá”, á vez que interpretou que os fondos europeos “son unha esperanza, unha oportunidade, pero bótase en falta que neses pseudoproxectos non se fale para nada de emprego”. Por todo iso, finalizou, é “o momento de volver tomar as rúas”.

O Celta, denunciado por “ilegalidades” na construción da cidade deportiva de Mos

1

Materialízanse as críticas ao proxecto da nova cidade deportiva do Celta. A Comunidade de Montes do Tameiga anuncia que vén de presentar unha querela nos xulgados do Porrino contra Manuel Carlos Mouriño, representante do club, así como contra a totalidade da xunta de goberno do Concello de Mós. O obxectivo da platataforma é que a xustiza acorde a suspensión das obras “e, no suposto de estar concluídas, a prohibición do uso do construído” polas “ilegalidades” apreciadas no proceso.

Estas presuntas irregularidades materialízanse, segundo os denunciantes, en varios frontes que poderían situar ao club e o concello ante a xustiza. Para comezar, subliñan que o Concello de Mós, “co fin de favorecer o inicio prematuro das obras”, procedeu a un “fraccionamento” do proxecto por fases. Deste xeito, este quedou aprobado con dúas licencias distintas, primeiro para dous campos de fútbol e un aparcamento e logo para os vestiarios e o resto de instalacións. Para a Comunidade de Montes, esta práctica supón incorrer nunha concesión de licencias “contrarias á lei”.

POSIBLE PREVARICACIÓN

O obxectivo da xunta de goberno de Mós con este fraccionamento sería “minimizar” os tempos de espera evitando trámites que podían demorar o proxecto. “A asesoría legal da Comunidade de Montes entende que todas estas actuacións poden ser constitutivas de delito por prevaricación, penado coa prisión dun ano e seis meses a catro anos e a de multa de 12 a 24 meses”, subliñan.

A Comunidade de Montes do Tameiga móstrase firme na súa denuncia, esixindo o “precinto da edificación” para asi apercibir aos querelados por un posible delito de desobediencia ou de quebrantamento de medida cautelar no caso de cruzar o precinto. De xeito paralelo, requiren ao Xulgado de que se constrúa “á maior brevidade” un presuposto de demolición das obras e que se requira aos querelados para que afiancen a cantidade presupostada.

3 CAMPOS DE FÚTBOL COA LICENCIA DE 2

Á parte dos presuntos excesos antes sinalados, a Comunidade de Montes asegura que as obras da nova cidade deportiva “exceden claramente os proxectos licenciados”. Esta denuncia apreciaríase no proxecto técnico licenciado para os campos de fútbol, onde se prevía a construción de dúas destas superficies. Con todo, e segundo destaca a plataforma, na cidade deportiva de Mós estarían tendo lugar obras para desenvolver un terceiro campo.

É por todas estas razóns que dende a Comunidade de Montes do Tameiga veñen de levar ante a xustiza ao club vigués e a Xunta de goberno de Mós. Defenden que tivo lugar unha “absoluta e groseira desviación das obras executadas” con respecto á licencia da que pretenden ampararse”; un suposto incumprimento que tería tido lugar “de forma intencionada e con coñecemento”, todo para incrementar “de xeito considerable” o volume e superficie da edificación.

O PP cualifica de “espantallo” a obra de Gran Vía

O grupo municipal do PP no Concello de Vigo tachou de “espantallo” a obra de reforma da Gran Vía e lamentou que o goberno de Abel Caballero “arrasase” un bulevar de 75 anos, no seu empeño por “mellorar” a cidade “botándoa abaixo” e “sen querer deixar outra memoria que a súa”.

Segundo trasladou o portavoz do grupo, Alfonso Marnotes, o PP non se opón a mellorar a mobilidade desa avenida, cunha notable pendente, pero criticou que a reforma non respectase a singularidade do viario e o seu bulevar.

Así, denunciou que, “ademais de tallar todas as árbores e arrasar con todos os xardíns”, colocáronse beirarrúas de formigón e non de pedra, “quítanse farois de forxa e ponse báculos de luz máis propios dun polígono industrial que dunha avenida singular” e construíuse un “armatoste”, “un espantallo de cores”, onde antes había un bulevar (en alusión aos arcos metálicos situados na zona central da rúa).

“A Gran Vía non merece isto. Merecía unha obra emblemática pero respectuosa, que recuperase os valores estéticos e cidadáns cos que foi construída. Vigo non se merece isto”, proclamou o portavoz ‘popular’.

Localizan o cadáver dun sexaxenario flotando nunha piscina privada en Mondariz

0

Os servizos de emerxencia recuperaron este xoves o corpo sen vida dun sexaxenario que apareceu flotando nunha piscina dentro da súa propiedade, no municipio pontevedrés de Mondariz.

Segundo informou o 112 Galicia, os feitos ocorreron sobre as 17,30 horas da tarde, cando un veciño chamou a emerxencias para solicitar axuda urxente para un home, que fora atopado flotando nunha piscina.

O 112 mobilizou aos servizos sanitarios do 061, ademais da a Garda Civil, aos bombeiros do Porriño e a membros de Protección Civil da Mancomunidade Oitavén-Tea.

Os profesionais sanitarios, a pesar dos esforzos por reanimar á vítima, só puideron certificar o seu falecemento.

A Xunta non descarta instalar un hospital de campaña en Vigo ante o aumento de casos

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este martes que o recinto feiral de Expocoruña e o complexo deportivo do Multiusos do Sar, en Santiago, quedarán instalados en breve como hospitais de campaña. Así mesmo, non se descarta acondicionar para o mesmo fin o Instituto Feiral de Vigo (Ifevi).

Así, anunciou que as camas que se instalen nos hospitais de campaña destinaranse a hospitalización, pero non a unidades de coidados intensivos (UCI). E o obxectivo é que as distintas áreas sanitarias atendan “cos seus recursos” estas novas plantas habilitadas para atender a pacientes do COVID-19. Máis información no Galicia Confidencial.

O alcalde de Vigo ponse a traballar no proxecto da autovía Vigo-Porriño con Ábalos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, constatou o inicio do proceso de recollida de datos que permitirá elaborar o proxecto básico da nova autovía Vigo-Porriño en túnel nunha reunión co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luís Ábalos.

Segundo detallou o rexedor nunha rolda de prensa celebrada este mércores en Vigo, este proxecto foi abordado no marco do encontro celebrado en Madrid co ministro e ao que Caballero asistiu en calidade de presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Así, o alcalde indicou que nesta reunión tamén se trataron cuestións relacionadas con investimentos do ministerio na cidade olívica.

Deste xeito, apuntou que se pediu información ao Concello no marco da recollida de datos que permitirá elaborar o proxecto da autovía en túnel e que terá que ser sometido á declaración de impacto ambiental. Tamén constatou a intención do ministerio de levar a cabo o túnel ao asegurar que “todos” os seus informes urbanísticos o contemplan.

Nese sentido, insistiu na importancia desta iniciativa, que, ao seu xuízo, permitirá actuar sobre unha autovía que se atopa “inacabada” e acusou á alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, de non estar “interesada” no proxecto.

Adicionalmente, Abel Caballero apuntou que, na reunión, revisáronse a cesión dun espazo situado na zona de Guixar titularidade do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif) ao Concello para acoller espazos de lecer, a humanización da avenida de Madrid e os accesos á nova estación intermodal.

Así mesmo, o alcalde indicou que se analizou a situación das obras de rehabilitación da muralla do Castro e a Vía Verde, así como que se abordou a iniciativa Vigo Vertical.

Tui poderá contar con fondos para a pomoción do seu patrimonio xudeu

0

Tui é desde este venres membro de pleno dereito da Red de Juderías de España. Na 52ª asemblea desta entidade, celebrada esta tarde na localidade cacereña de Hervás, formalizouse a incorporación de catro novas cidades: Tui, Béjar, Sagunto e Lorca. Con este paso complétase o proceso de admisión de novas  entidades que comezou o ano pasado coa presentación de candidaturas que foi resolta no mes de maio. 

Na asemblea desta tarde o concelleiro de Turismo, Laureano Alonso, como representante do Concello de Tui nesta asemblea,  deu conta do patrimonio tudense vinculado aos xudeus coma os Sambenitos ou as marcas criptoxudías. Laureano Alonso cualificou o encontro de “experiencia moi enriquecedora e positiva”, destacando o impulso de promoción do patrimonio xudeu que supón formar parte desta Red de Juderías de España integrada por 22 municipios .

Segundo informa o concello nun comunicado, o responsable tudense de Turismo, quixo destacar tamén o feito de que a rede destina o 20% do seu orzamento a proxectos vinculados coa posta en valor do legado xudeu, uns fondos aos que Tui poderá dende agora optar presentando proxectos en ámbitos coma a música, a cultura, a gastronomía,… 

Hoxe amais estableceuse un primeiro contacto entre Tui con Monforte e Ribadavia para poder plantexar actividades conxuntas dos tres municipios galegos integrados na rede.

O Goberno central ve neceario “axilizar” os trámites aduaneiros por un posible Brexit sen acordo

A secretaria xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, resaltou a necesidade de que a Unión Europea (UE) estea “preparada” para a posibilidade de que se produza unha saída sen acordo do Reino Unido, ante o que avogou por “axilizar os trámites en aduanas”.

Preguntada polos medios tras un acto en Vigo, insistiu en que o Goberno central estará “atento” ao modo no que o Reino Unido abandone a UE co obxectivo de “acompañar” ao sector pesqueiro nesta transición, así como para “atopar un novo encaixe na súa relación” con este país. No entanto, a secretaria xeral de Pesca asegurou que a situación “desexable” sería que esta separación levase a cabo “dun modo ordenado”, é dicir, con acordo.

Ademais, remarcou como unha das principais inquietudes do sector pesqueiro español o movemento de mercadorías en Reino Unido. Mentres, lembrou que o acceso a augas británicas afecta en maior medida a outros países que contan con máis buques que faenan nelas, como Bélxica, Francia e Dinamarca. Por iso, subliñou que a UE traballará para atopar “saídas alternativas” á pesca nesta zona.

Con todo, avanzou que é “difícil” avanzar as medidas que se tomarán unha vez que se produza o Brexit dada a imposibilidade de coñecer como “reaccionará” ese Estado ante o mesmo.

Arrinca o proceso de licitación dos accesos á estación do AVE de Vigo, cun investimento de 21,4 millóns

O proceso de licitación das obras para construír os accesos á nova estación do AVE de Vigo e acondicionar toda a contorna arrincará a próxima semana, cando se prevé que se aprobe a actuación no Consello da Xerencia de Urbanismo (como paso previo á aprobación en Xunta de Goberno).

Segundo informou en rolda de prensa o alcalde, Abel Caballero, os traballos, que terán un investimento de máis de 21,4 millóns de euros, iniciaranse nun prazo de 4 a 6 meses, dado que “teñen que estar acabados en maio de 2021” e han de desenvolverse coordinadamente coa construción do Centro Vialia deseñado por Thom Mayne.

As obras que se licitarán inclúen os accesos ao complexo intermodal (por valor de 17,2 millóns de euros), entre os que se contempla a construción dun túnel para conectar Lepanto coa autoestrada; a remodelación da antiga Praza da Estación (1,7 millóns); a urbanización da contorna e integración da paisaxe (1,2 millóns); e o acceso á estación de autobuses (900.000 euros).

Deses 21,4 millóns de euros, a maior parte de financiamento será achegada por Adif, un 68 % (14,5 millóns), mentres que Concello e Xunta de Galicia achegarán 3,4 millóns de euros cada unha das administracións (un 16 % do total do custo). A este investimento hai que engadir o custo do propio Centro Vialia, cuxa execución xa está “ao 35 %”, a construción da terminal de buses por parte da Xunta e, nun futuro, a instalación dun ascensor que conectará o complexo coa rúa García Barbón.

“É a obra máis importante que se fixo nunca na cidade (…), haberá un antes e un despois”, proclamou Abel Caballero, quen subliñou que Vigo leva 12 anos esperando por esta actuación, porque “o Goberno de Rajoy parouna durante 6 anos”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed