Inicio Blog Páxina 1048

Profesionais de sete países analizan o ‘narcosubmarino’ localizado en Cangas

Efectivos do Centro de Análise e Operacións Marítimas de Narcóticos (MAOC-N), que engloba a especialistas de sete países europeos, inspeccionaron este venres en Vigo o ‘narcosubmarino’ localizado en Cangas o pasado mes de novembro.

Segundo trasladaron fontes da Subdelegación do Goberno en Pontevedra, o persoal do organismo especializado en Narcóticos celebrou unha reunión técnica en Vigo. Posteriormente, analizou o somerxible, que se atopa en instalacións do Consorcio da Zona Franca.

Ao encontro tamén asistiron profesionais da Xefatura Provincial de Dependencias Aduaneiras, a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba; o comandante xefe provincial da Garda Civil, Simón Venzal; e a comisaria provincial da Policía Nacional, Estíbaliz Palma.

En concreto, o MAOC, cuxa sede se atopa en Lisboa, foi fundado en 2007 e está composto por profesionais de Francia, Italia, Irlanda, Países Baixos, Reino Unido, Portugal e España.

Este centro, financiado polo Fondo Internacional de Seguridade da Unión Europea (UE), representa un foro de cooperación multilateral na loita contra o narcotráfico nos ámbitos marítimo e aéreo.

Ademais, este organismo europeo de intelixencia está composto por funcionarios adscritos a autoridades policiais, aduaneiras, militares e marítimas dos seus países membros. Adicionalmente, dispón dun observador permanente de Estados Unidos (EEUU) a través da Administración de Control de Drogas.

LOCALIZACIÓN DO ‘NARCOSUBMARINO’

Deste xeito, os profesionais do MAOC inspeccionaron o primeiro ‘narcosubmarino’ localizado en Europa, en concreto, nun operativo de Garda Civil, Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira. O batiscafo fora afundido polos seus propios tripulantes na zona de Punta Couso, polo que foi preciso reflotalo ata o peirao da ría canguesa de Aldán, tras o que se acharon máis de 3.000 quilos de cocaína no seu interior.

Como consecuencia, a operación saldouse coa detención de seis persoas que, na actualidade, permanecen en prisión. En concreto, nunha primeira actuación interceptouse a dúas dos tripulantes do batiscafo, de nacionalidade ecuatoriana, a cuxo arresto se sumaron días despois os dun terceiro tripulante e outros dous homes que prestarían apoio desde terra (todos eles galegos). Posteriormente, detívose en Valencia unha sexta persoa, un home orixinario de Galicia, por ser supostamente o encargado da descarga da cocaína.

A Fiscalía pide o internamento “non voluntario e urxente” nun centro psiquiátrico do anciá raiacohes de Vigo

A Fiscalía de Vigo solicitou ao Xulgado de Familia número 12 da cidade o internamento psiquiátrico “non voluntario e urxente” de J.A.V.V., de 80 anos de idade, coñecido como o ‘el rayacoches’ tras pasar este venres polo xulgado.

Así os confirmaron fontes do ministerio público, que detallaron que esta medida ten por obxecto levar a cabo “un diagnóstico completo do seu estado e, en particular da súa saúde psíquica”.

Por outra banda, a Fiscalía tamén solicitou que os servizos sociais avalíen a súa posible situación de vulnerabilidade e a súa capacidade para vivir só e atender ás súas necesidades. Todo iso co fin de analizar o seu posible internamento nunha residencia.

J.A.V.V. compareceu este venres ante a xuíza do penal número 1 de Vigo, en relación cun xuízo pendente por causar danos nunha ducia de vehículos aparcados. O home enfróntase por estes feitos a unha multa de 16.000 euros.

Vigo evita un novo pelotazo urbanístico

Vigo non será escenario dun novo pelotazo urbanístico en tempo de crise. O Concello de vigo rexeitou definitivamente a á petición da promotora de Porto Cabral, Intu Eurofund, para que o espazo no que se situaría o centro comercial fora incluído no instrumento de ordenación provisional. En concreto, o Concello denegou a solicitude ao entender que a petición de inclusión debe vir dos titulares dos terreos, que eran reacios a este proxecto.

Tras coñecer a decisión do concello a compañía expresou a súa “profunda decepción” por esta decisión e abriu a porta a buscar outra localización fóra da cidade olívica. “A construción de Porto Cabral entra agora nun momento crítico”, dixo este luns o conselleiro Salvador Areneree sen descartar novas localizacións.

Intu-Eurofund criticou ao concello vigués co que, lembrou, efectuaron xestións durante oito anos para realizar este proxecto no que, insitiu, “íanse investir 1.000 millóns de euros 100% privado (800 de Intu-Eurofund e 200 dos operadores) e 6.450 empregos”.

ALEGRÍA

A decisión do concello foi ben acollida polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) e Marea de Vigo que, ademais, demandaron que se inhabilite o proxecto do centro comercial e de lecer Porto Cabral mediante o novo Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que se atopa en proceso de redacción.

A ese respecto, Marea de Vigo sinalou que a resposta do Consistorio foi “a única posibilidade legal” e advertiu de que legalizar novas superficies comerciais sen dispor dunha PXOM “que estableza criterios reais socioeconómicos, ambientais e de recursos hídricos” levaría unha “irresponsabilidade política“. Pola súa banda, o BNG cualificou de “despropósito” a solicitude de inclusión no instrumento de ordenación provisional dos terreos nos que se situaría o centro comercial por parte dos promotores.

Os traballadores de Povisa, ‘sen voz nin voto’ na negociación entre a empresa e o Sergas

0

Desde hai 10 días o persoal de Povisa non ten información algunha sobre como van evolucionando as negociacións entre a empresa e o Sergas. Por iso membros do comité se concentraban este martes pola mañá diante do edificio do organismo público.

“Esiximos que nos reciban. Solicitamos unha xuntanza hai tempo e aínda non nos contestaron. Queremos saber a versión da administración e queremos saber tamén como vai afectar todo isto ás traballadoras e traballadores”. Así o explicaba no decurso da concentración a voceira do comité de empresa, María Xesus Neira, quen lembraba que “estamos a día 27 e que o prazo para o remate do preacordo remata o 28 de decembro. Deberían chegar a un acordo antes. Se non é así e remata o preconcurso de acredores entrariamos en concurso o que cambiaría moito as cousas e estariamos nunha situación moi dura para todas e todos”.

Sindicatos en POVISA/ Miguel Núñez

Neira denuncia que, de momento, ao persoal non se lle garantiu que se vaia negociar un novo convenio para os traballadores/as que leva conxelado 8 anos. Xunto a isto denuncia tamén que “hai moito persoal ao que se lle impuxo unha xornada reducida e nós queremos que se volva ás 40 horas”. Porén as súas demandas de incluír nas negociacións melloras laborais e económicas non parecen estar incluídas nas negociación.

Povisa foi contactando co comité, todos os venres agás o da semana pasada, para informalo de como ían as negociacións. “O que di é que non avanzan gran cousa, que o único que teñen garantido é a farmacia ambulatoria e o PERLE que é o de rebaixar as listas de espera, pero que non supón unha cantidade de cartos e que nos puntos máis importantes como é a farmacia ambulatoria de alto impacto que non chegaron a acordo, nin noutras cuestións”. Por iso Neira insiste en que “necesitamos saber o que está pasando e como vai afectar todo aos traballadores/as”.

Abel Caballero calma os ánimos polo imposto ás fincas urbanas

O alcalde de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero, destacou a “seguridade xurídica” que achegará a adaptación á sentenza do Tribunal Constitucional (TC) do imposto de plusvalía, que suporá que deixe de ser “confiscatorio” e “vaia a baixar de forma moi significativa”.

Así se manifestou este martes nunha rolda de prensa en Vigo, onde lembrou que o Real Decreto-lei que adapta o Imposto sobre o Incremento do Valor dos Terreos de Natureza Urbana ás consideracións do TC entrará en vigor este mércores. Neste sentido, o presidente da FEMP resaltou a súa “satisfacción” por esta adecuación e lembrou que, “axiña que” como accedeu a este cargo, en 2015, e “antes” de que o TC se pronunciara sobre o imposto de plusvalías, pediu a reforma da Lei reguladora das facendas locais porque “era unha lei de abuso”.

“Viamos que era un imposto confiscatorio”, sinalou en relación á taxa de plusvalías Abel Caballero, que lamentou que “tivese que haber tres sentencias do TC” para que se producise a súa adaptación. Así as cousas, celebrou que “felizmente agora se cambiase” e achegar “seguridade xurídica para todos”.

“O que fai o Real Decreto-lei, é, sinxelamente, facer que o imposto recaia sobre o beneficio real que se obtivo. Se non se obtivo beneficio, o imposto é cero”, explicou. Por tanto, destacou que o imposto de plusvalía “vai baixar de forma moi significativa en relación ao que os cidadáns pagaban fai cinco ou seis anos”.

A Xunta acusa ao alcalde de Bueu de “politizar” a reunión sobre o acceso de familiares a Ons

A Xunta aprazou a reunión prevista para a tarde deste mércores en Santiago co alcalde de Bueu (Pontevedra) e cos portavoces dos grupos municipais, para abordar o acceso de concesionarios e os seus familiares ao arquipélago de Ons, e acusou ao rexedor de “politizar” esta cuestión.

A través dun comunicado, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda confirmou o adiamento desta reunión por “a politización das negociacións que a Xunta está a levar a cabo sobre as condicións de acceso dos familiares dos titulares da concesión á illa de Ons”.

Así, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén Do Campo, xustificou esta decisión polo “uso partidista” desta cuestión “en plena campaña electoral“, e lamentou que “ao único ao que se dedica o rexedor municipal é a atrasar as negociacións que a Xunta iniciou cos concesionarios”.

O motivo desta reunión son as discrepancias sobre o acceso a Ons, unha vez que, co Plan Reitor de Usos e Xestión do Parque Nacional Illas Atlánticas, quedan reguladas as condicións de visita ás illas.

ACCESO RESTRINXIDO

Os veciños de Ons, co apoio do Concello de Bueu, denuncian que se restrinxiron os seus dereitos, posto que as novas condicións limitan o libre acceso á illa só para os concesionarios e os seus ascendientes ou descendentes, excluíndo a outros familiares.

Pola súa banda, a Xunta sostén que os veciños, do mesmo xeito que o persoal adscrito ao Parque ou o de mantemento, quedan excluídos da cota restrinxida de visitantes –máximo 1.300 ao día– e poden acceder libremente.

Para atender a demanda dos concesionarios, o acceso abriuse tamén aos seus familiares, e identificarase cun carné aos achegados máis directos (de ata cuarto grao). A ese respecto, a administración, que xa ha emitidos uns 60, calcula que emitirá máis de 500 carnés, aínda que advertiu de que esa ampliación debe facerse “tendo en conta os informes técnicos que sinalan a capacidade de carga deste enclave natural”.

Pese ao adiamento da reunión, o Concello de Bueu confirmou que o alcalde e os veciños desprazaranse igualmente a Santiago, e realizarán unha concentración de protesta ás portas do Palacio de Congresos.

Abel Caballero pide aos Reis Magos o fin da pandemia

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, desvelou que este ano pediu aos Reis Magos de Oriente o “fin” da pandemia da COVID-19.

Preguntado tras visitar a cabalgata ‘estática’ instalada en Vigo e saudar ás súas ‘maxestades’ de Oriente, o rexedor mostrou a súa esperanza de que finalice a crise sanitaria do coronavirus.

Así mesmo, Caballero indicou que aspira a que o desenvolvemento da urbe “continúe” na mesma liña que ata o momento, xa que, ao seu xuízo, “vai a velocidade de lóstrego”.

No persoal, sinalou que as súas preferencias pasan por recibir unha gravata ou unha bufanda, coas que se mostrou convencido de que será obsequiado por Melchor, Gaspar e Baltasar.

O claustro da UVigo aproba iniciar a tramitación que permitirá crear tres novas facultades

O claustro da Universidade de Vigo (UVigo) aprobou instar o consello de goberno a iniciar os expedientes precisos para crear as facultades de Dirección e Xestión Pública, Deseño e Relacións Internacionais.

A sesión, que tivo lugar este venres nun formato que combinou a asistencia virtual e a presencial, foi a primeira do claustro que se celebrou desde o inicio da pandemia, segundo explicou a universidade.

Durante a mesma, apostouse pola creación dunha facultade de Dirección e Xestión Pública co obxectivo de incrementar a visibilidade das titulacións ligadas á administración, aínda que a sede manterase no edificio da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, en Pontevedra.

Mentres, a creación das facultades de Deseño e Relacións Internacionais foi motivada pola posta en marcha destas titulacións. Así, o novo Grao de Deseño e o Máster Universitario en Deseño e Dirección Creativa en Moda situaranse en antigas dependencias da Xunta na rúa Benito Corbal de Pontevedra.

A Facultade de Relacións Internacionais crearase para acoller unha nova titulación e exponse que se sitúe de modo inicial no Edificio Xurídico-Empresarial de Ourense.

ESCOLA DE TITULACIÓNS PROPIAS

Así mesmo, na sesión avalouse crear a Escola Aberta de Formación Permanente, que acollerá as titulacións propias da universidade e cuxa sede se situará no campus de Vigo. A profesora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación será a encargada da súa dirección e prevese que a súa oferta de cursos estea preparada en setembro de 2021.

Neste contexto, presentáronse o borrador do Plan Estratéxico 2021-2026 e o informe de Transparencia 2019. O novo plan articúlase en base á formación, a relación coa sociedade, a organización e os recursos, a investigación e a transferencia e as persoas. Ademais, fixa como valores a internacionalización, a defensa da igualdade e o fomento da lingua galega e alíñase cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e a Axenda 2030.

Do mesmo xeito, o reitor da UVigo, Manuel Reigosa, abordou as medidas adoptadas debido á pandemia, como a posta en marcha do Campus Remoto e a realización de probas PCR ao persoal da universidade, no marco da presentación do informe anual.

Ademais, o reitor avanzou que, tras unha reunión mantida coa Xunta este xoves, a universidade contará con máis financiamento para afrontar gastos derivados da pandemia.

O claustro tamén deu luz verde ao regulamento da Valedoría Universitaria, o nomeamento da nova presidenta do consello de estudantes e a adhesión da UVigo ao documento de apoio ás universidades públicas galegas.

A reunión completouse coa aprobación da incorporación ao clasutro de decanos e directores de centros e da creación dunha comisión de traballo para elaborar o Regulamento de Inspección da Universidade.

Científico vigués atopa dúas novas especies de verme de terra

O docente e investigador da Universidade de Vigo, Daniel Fernández Marchán, xunto a investigadores da Universidade Complutense de Madrid (UCM) e do Instituto de Bioloxía Evolutiva (CSIC-UPF) lograron describir dúas novas especies de verme de terra, e publicaron o seu achado en ‘Systematics and Biodiversity’.

Segundo informaron desde a institución académica viguesa, este científico, experto en taxonomía, participou na descrición de dúas novas especies de verme de terra, bautizadas como ‘Carpetania matritensis’ e ‘Carpetania complutensis’, diferentes da especie ‘Carpetania elisae’ (xa descrita con anterioridade) e da que, ata agora, non se distinguían.

O propio Fernández Marchán destacou que o descubrimento de tres especies, que ata agora eran aparentemente unha soa, pon de manifesto a existencia de “unha biodiversidade escondida que non podemos protexer, se non é detectada previamente”.

Este tres especies de verme de terra son de maior tamaño que outras especies coñecidas, teñen unha cor pálida, e raramente saen á superficie. As súas características morfolóxicas son tan similares que foi moi difícil distinguilas.

O profesor da UVigo foi o encargado de realizar a maior parte das análises de datos xenéticos e morfolóxicos, e sinalou que, para levar a cabo o estudo, desenvolvéronse dúas metodoloxías durante algo máis de dous anos. Así, primeiro empregouse a técnica Genotyping-by-sequencing (GBS) para estudos xenéticos e, posteriormente, estudáronse unhas estruturas reprodutivas minúsculas chamadas quetas xenitais, mediante microscopía de varrido.

Este científico lembrou que a actividade dos vermes de terra supón unha acción beneficiosa porque inflúe no incremento da produtividade vexetal, o aumento da retención de auga en chans, e na redución da compactación ou erosión.

Preséntase na Policía para que o deteñan e non ter que estar “na casa coa súa nai”

Un veciño de Vigo de 44 anos de idade, J.J.L.G., presentouse ante a Xefatura da Policía Local e solicitou aos axentes que o detivesen porque, segundo expuxo, estaba “farto de estar na casa coa súa nai”, polo confinamento decretado no marco do estado de alarma.

Segundo confirmaron fontes policiais, este home presentouse ante a garita da Policía sobre as 18,30 horas deste martes, e pediu ser detido mentres aseguraba que era portador do Covid-19.

A Policía solicitou unha ambulancia e, tras explorar ao home, o persoal médico explicoulle que non presentaba sintomatoloxía compatible coa infección por coronavirus e recomendoulle que volvese ao seu domicilio.

Con todo, dúas horas máis tarde, o home volveu a dependencias policiais e novamente pediu ser detido. Nesa ocasión argumentou que estaba “indignado” por ter que permanecer en confinamento domiciliario e que estaba “farto de estar na casa coa súa nai”.

DENUNCIAS POR INCUMPRIR O DECRETO DE ESTADO DE ALARMA

Por outra banda, a Policía tramitou nas últimas horas varias denuncias contra cidadáns que incumpriron a obrigación de permanecer nas súas casas ou desprazarse só en casos xustificados, en cumprimento do Real Decreto sobre o estado de alarma.

Este martes tramitouse denuncia contra un cidadán que, sobre as 10,20 horas, foi identificado na rúa Urzáiz cando se dispuña a ofrecer un espectáculo rueiro. O home, D.F.C:, de 47 anos de idade, colocara un taburete, micrófono, altofalante, guitarra e unha manta para vender CDs.

Minutos despois, e na mesma zona, foron identificados para sanción outros dous homes, de 56 e 45 anos de idade, que estaban a exercer a venda ambulante.

Na tarde do martes tamén se tramitou denuncia contra un vigués de 74 anos de idade, J.R.C., que foi sorprendido na rúa Felipe Prósperi, cando negociaba os servizos cunha prostituta na vía pública.

Todas estas denuncias súmanse a outra realizada tamén o martes pola Policía Local, que identificou á dona e a catro clientes dun bar da Avenida de Hispanidade, que estaban “a tomar viños” no local, infrinxindo o Real Decreto do estado de alarma.

COMENDO NUN LOCAL POR UNHA AVARÍA

Por outra banda, a Policía Local tamén acudiu este martes pola tarde a un establecemento hostaleiro no que, segundo denunciaron algúns veciños, había actividade e xente no seu interior, na zona de Casabranca.

Cando chegou a Policía comprobou que, efectivamente, dentro do local había cinco persoas comendo nese momento. A titular do negocio explicou aos axentes que todos conviven na mesma vivenda, e que tiveran que comer no establecemento debido a unha avaría na cociña do seu domicilio.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed