Inicio Blog Páxina 1047

A ameaza do botellón: Máis dun millón de menores consumen alcol cada ano en España

O consumo de alcohol por parte dos menores é una das maiores preocupacións de nais, pais e educadores, máis á luz dos datos. A Uvigo non se quere quedar atrás no estudo desta problemática, polo que acolleu este martes no seu campus de Ourense a celebración do obradoiro ‘Alcol e menores: facemos algo?’.

O seu director, Manuel Isorna, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, sinala como os obxectivos desta iniciativa foron desenvolver nas e nos asistentes unha visión o máis obxectiva posible da relación entre menores e consumo de alcohol, coñecer algunhas das consecuencias a nivel neurolóxico deste consumo e examinar algunhas das principais problemáticas asociadas ao consumo de alcol, especialmente o chamado “consumo por atracón”.

Ana Torrado, directora de área de Dinamización Cultural e Educativa e Integración do Campus de Ourense, foi a encargada de inaugurar a actividade, que forma parte da programación de obradoiros que se desenvolven este cuadrimestre desde o campus de Ourense.

Cun formato especial dun só día, esta formación, apuntou, enmárcase na liña desta programación de traballar polo “desenvolvemento de destrezas transversais complementarias” e de “achegarse ás demandas e necesidades da sociedade”. Así, Ana Torrado amosou a súa satisfacción pola posta en marcha dun curso que “trata dunha realidade tan dolorosa como é a incidencia do alcol na mocidade”.

Botellón/ José María Moreno

A programación do obradoiro incluíu o desenvolvemento de diferentes conferencias a cargo de expertos tanto do eido académico como do sanitario ou da prevención e concienciación. José María Failde, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, foi o encargado de iniciar as conferencias falando de prevalencia e niveis de dependencia do alcohol, tabaco e cannabis, especialmente no caso do alumnado universitario.

Seguiulle unha intervención do propio Manuel Isorna sobre vellas e novas formas do consumo de alcol na mocidade. Os dous fixeron un repaso por algunhas das cifras que se manexan de consumo desta droga en menores.

Así, lembraron, a Enquisa sobre Uso de Drogas en Ensino Secundario en España 2016/2017, feita polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, apunta ao alcol como a principal droga consumida por este colectivo, cunha prevalencia do consumo nos últimos 12 meses entre os mozos e mozas de 14-18 anos do 75,4%, non habendo diferenzas significativas entre o consumo por xénero.

Outras das cifras expostas na xornada tomando como fonte os datos ministeriais apuntan a que en 2016 323.900 estudantes de 14 a 16 anos empezaron a beber alcol e que o número de estudantes de 14 a 18 anos que consumiron alcol en 2016 ascende a 1.160.200.

Botellón/ ACS Laietans

Ademais dos datos, Manuel Isorna fixo fincapé na evolución nas últimas décadas do consumo desta droga nos menores, especialmente tralo auxe do coñecido como “botellón”, e nas problemáticas asociadas a este “consumo por atracón”.

Tendo en conta a preocupación que suscitan estes datos, Gerardo Flórez, do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense, falou aos asistentes dos danos asociados ao consumo de alcol na poboación xuvenil; e Fernando Cadaveira, da Universidade de Santiago de Compostela, interveu sobre esta droga e o cerebro adolescente, concretamente sobre problemas estruturais e funcionais asociados ao consumo intensivo de alcol.

Botellón/ Rufus Gefangenen

Descendentes de Alexandre Bóveda, Amancio Caamaño e Ramiro Paz presentan querelas polos seus fusilamentos

Descendentes do dirixente galeguista Alexandre Bóveda, o que fora presidente da Deputación de Pontevedra Amancio Caamaño e o impresor e líder político Ramiro Paz presentaron querelas polos fusilamentos dos seus familiares, ocorridos entre agosto e novembro de 1936 en Pontevedra tras o golpe de estado franquista.

Os descendentes das vítimas trasladáronse este luns ao Consulado de Arxentina en Vigo xunto ao seu equipo de avogados para presentar as querelas contra o franquismo, as primeiras a nivel autonómico que se unirán á causa seguida pola xuíza Servini no país latinoamericano polos asasinatos cometidos entre agosto e novembro de 1936 en Pontevedra.

A letrada do equipo de Dereitos Humanos do Grupo de Avogados Novos de Vigo Irene Álvarez explicou que a actuación requiriu dunha gran investigación para recompilar datos como fotografías e cartas que probasen a “represión sistemática das familias que se adhiren á querela”, o que causou “dificultades”.

Nesta liña, destacou que este foi “un momento moi importante” xa que supón un “paso” para “loitar contra o silencio dos crimes nese período”. Mentres, criticou que “o Estado consolide un sistema de impunidade” ao “non querer axuizar e investigar” estes feitos.

Así mesmo, o neto de Alexandre Bóveda e representante da fundación á que dá nome o seu avó Valentín García indicou que a investigación realizada busca demostrar que o seu familiar, Caamaño e Ramiro Paz “foron asasinados inxustamente” ante un proceso xudicial como o aberto en Arxentina.

“RECUPERACIÓN DE DEREITOS COLECTIVOS”

Ademais, sinalou que se aspira a que esta actuación permita constituír “unha vía de recuperación de dereitos colectivos” de “todos os fusilados e represaliados” e dunha “sociedade que vive desmemoriada”. Así, confiou en que se mostre que houbo “milleiros” de crimes contra a Humanidade, que, por tanto, non deben prescribir.

A neta do que fora presidente da Deputación de Pontevedra entre 1932 e 1933 Begoña Caamaño tamén subliñou que “nunca” debería adoptarse unha Lei de amnistía e incidiu en que “non se busca unha vinganza, pero si un recoñecemento da gran inxustiza que se fixo con esa xente”. Do mesmo xeito, apelou a querelarse ás familias doutras vítimas do franquismo.

Cano Paz, neto do líder político pontevedrés, puxo en valor o traballo levado a cabo polo seu pai “buscando papeis e indo a rexistros por unha banda e por outro sen conseguir froitos” e ao que sinalou que el e a súa irmá buscan dar continuidade.

Tamén mostrou a súa esperanza de que as súas fillas sigan esta loita, xa que se mostrou convencido que “o Estado ten suficientes armas” para “mantelos calados” a eles e outras persoas. Por iso, recalcou que aspira a que se lembre “a todos os fusilados e represaliados”, así como ás persoas que “sufriron penurias a raíz do golpe do Estado do 36”.

O acto tamén contou coa participación de representantes de CeaQua, Iniciativa Galega pola Memoria e a deputada provincial de Memoria Histórica, María Ortega.

Hostaleiros vigueses maniféstanse de novo para pedir o seu “rescate” e alertan da crítica situación do lecer nocturno

0

O sector hostaleiro de Vigo volveu a saír á rúa este martes, cunha caravana reivindicativa de coches que percorreron o centro da cidade, para volver reclamar un “plan de rescate” para este sector e para denunciar a súa situación, especialmente a do lecer nocturno, que “leva 8 meses pechado” e non ten horizonte de futuro acerca da recuperación da súa actividade.

O presidente da Asociación Provincial de Establecementos Musicais e Establecementos Regulados (APEMER), Carlos Rodríguez, explicou que a inmensa maioría destes locais levan 9 meses pechados e sen poder facturar a pesar de facer investimentos para cumprir os protocolos de seguridade.

Segundo denunciou, o sector está “farto” de “escoitar falar de axudas que non chegan”, e apuntou que estes negocios xa non necesitan axudas, senón un “rescate”. Respecto diso, lembrou que, a pesar de non ter actividade, seguiron pagando alugueres, cotas de Seguridade Social e autónomos.

Tamén denunciou que, a pesar de acollerse a Expedientes de Regulación de Emprego Temporal (ERTE), estes non están a ser “eficaces” porque algúns traballadores están a cobrar con atraso, hai “moitos erros burocráticos”, e dáse a circunstancia de que se lles obriga a manter os empregos durante un ano cando retomen a actividade, “cando nin sequera sabemos como imos reactivar, con que horarios e con que aforamentos”. “Están a arruinar as empresas e destruíndo emprego”, lamentou.

PROTOCOLOS DE SEGURIDADE

Carlos Rodríguez incidiu en que o sector hostaleiro e, en concreto, o sector do lecer nocturno, foron “os primeiros” en traballar con protocolos de seguridade sanitaria e subliñou que os empresarios estarían dispostos mesmo a facer test de antíxenos aos clientes.

Nese sentido, o portavoz de APEMER lembrou que os pubs e discotecas foron os únicos negocios que, o pouco tempo que puideron abrir durante a pandemia, fixeron rexistro de todos os seus clientes.

Segundo recalcou, non se rexistraron brotes nin houbo casos demostrados de contaxios nestes locais, máis aló dun empregado dun establecemento que deu positivo, porque se contaxiou nun ximnasio, e sen que houbese consecuencias para o resto de traballadores nin clientes do local.

Por todo iso, os hostaleiros, con apoio de empresas de distribución e taxistas, volveron a protagonizar este martes unha caravana de protesta, que saíu da Avenida de Samil en dirección ao centro da cidade, e acabou no monte de Ou Castro.

Así, decenas de vehículos, camións e furgonetas de repartición percorreron as rúas de Vigo adornados con globos vermellos e negros, e con carteis onde podían lerse lemas como ‘Por un plan de rescate xusto para o sector’, ‘Salvemos a hostalaría’ou ‘Non somos o problema’.

Profesionais contra o negacionismo da COVID: “O temor dos pacientes é non ver máis á familia”

0

Esta é o relato en primeira persoa de Galys, profesional de radioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, ante o negacionismo extendido de que o COVID19 é unha mentira ou un complot de gobernos e multinacionais.

“Radiografía de tórax 12.08.2020 … o medo reflíctese na súa mirada. É algo ao que teremos que volver a afacernos. O paciente chega con febre, dor e con gran dificultade para respirar. Así leva un par de días na casa ata que finalmente tivo que entrar por urxencias e cos seus síntomas é atendido como paciente covid.

Para facerlle a radiografía teño que deitalo sobre a placa. É incómodo e a súa dificultade respiratoria increméntase por momentos. Tras facer a radiografía o paciente bótase a chorar mentres nos dá as grazas… ao vernos cos EPIs – equipos de protección individual – sabe que está na zona Covid-19 e o seu maior temor é terminar ingresado e non poder ver á súa familia que quedou fóra de urxencias por estar xa en zona de illamento.

Un paciente con só vernos ataviados co EPI xa sente o temor de non volver atrás, a quedar ingresado sen poder ver aos seus seres queridos ata que volva para casa, no mellor dos casos. É unha agonía que percorre todo o seu corpo desde o primeiro instante que cruza as portas de urxencias.

E con ese medo que vemos nos seus rostros todos os días, nós, os profesionais sanitarios, temos que convivir mentres ti segues crendo que isto é un complot ou unha mentira, e ogallá fose un mal soño, pero o covid-19 é unha realidade, unha realidade que cando menos o esperas pódeche deixar sen respiración, sen capacidade para tomar unha simple bocanada de aire.

Agora o ti podes pensar o que queiras, pero o que non penso aceptar é que me digas que é mentira o que eu vexo día tras día ante os meus propios ollos”

A cota de visitas ás Illas Atlánticas segue no aire en fase 1 e a Xunta esixe aclaracións

0

Coa chegada da fase un permítense grupos de dez persoas nos parques naturais nacionais; pero a Consellería de Medio Ambiente pediu de novo aclaracións, neste caso ao director de Parques Nacionais, Juan José Areces, posto que segue sen saber cal é o número de persoas que estaría permitido, á vez, nas illas galegas como Ons ou Cíes.

Deste xeito, despois da carta enviada o pasado 6 de maio ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, no que a conselleira Ángeles Vázquez preguntou á ministra Teresa Ribera unha maior concreción sobre a cota que se establecerá no momento en que entrase en vigor a fase 1; de novo este luns, 11 de maio, e coincidindo coa nova etapa da desescalada, a Xunta púxose en contacto co Goberno.

Así, na misiva, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, manifestou que a Xunta “non alcanza a comprender a interpretación que parece trasladarse desde o organismo” de Parques Naturais e que fai referencia á prohibición de acceso público a estes espazos. Coa excepción, engade, do caso de empresas de turismo activo, que estaría permitido entrar un grupo de dez persoas.

“Conscientes, por tanto, de que non existe fundamentación sanitaria para que se interprete restrictivamente o acceso público aos parques naturais, é polo que che fago chegar esta carta, para os efectos de resolver dúbidas interpretativas e para os efectos que, como presidente de Parques Nacionais, veles tamén para que a cidadanía poida gozar gratuitamente dos espazos naturais protexidos, gardando as medidas de distanciamento social”, sinala a misiva.

Na carta que envía a directora xeral de Patrimonio Nacional lémbrase que xa non hai limitacións para desprazarse dentro da provincia, á vez que o acceso aos lugares públicos está permitido desde o 1 de maio.

Na misiva anterior, a conselleira lembraba que, no momento en que ser permiten as visitas, a Xunta ten que volver activar a aplicación co número de prazas que se poidan ofertar, así como organizar o servizo regular de acceso ás illas, cos horarios e condicións de atracada nos portos e as compañías que ofrecen este servizo.

Abel Caballero acusa a algúns presidentes autonómicos do PP de “querer politizar” a desescalada

O presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) e alcalde de Vigo, Abel Caballero, acusou a algúns dirixentes autonómicos de querer “politizar” a desescalada tras mostrar o seu desacordo coa decisión do Goberno de que rexións pasaban á Fase 1.

Así se expresou nunha entrevista en RNE, recollida por Europa Press, na que defendeu os criterios “técnico profesionais” que tomou o Executivo para decidir que provincias pasaban á seguinte fase fronte ás críticas do goberno madrileño e da Comunidade Valenciana que denunciaban cambios de última hora nas normas.

“Non o vexo así, o Goberno está a actuar con criterios técnicos profesionais que poderán gustar máis ou menos pero non lle vexo ningún rumbo político. Teño a sensación que son os mesmos dirixentes das comunidades autónomas os que queren politizar a situación“, subliñou Caballero en alusións, principalmene, ás autonomías gobernadas polo PP.

Con todo, o alcalde de Vigo apoiou a decisión do Goberno de tomar a provincia como referencia para este proceso de ‘desescalada’, aínda que puxo en valor a “importancia” do municipalismo neste procedemento. Neste sentido, Caballero destacou o labor que realizaron os concellos no proceso de confinamento e é por iso polo que pediu ter ese papel crave tamén no “complexo” paso do desconfinamiento. Tamén insistiu na esixencia de utilizar o superávit e os remanentes neste proceso.

CONVIDA AO PP A SEGUIR OS PASOS DE Cs

Por outra banda, Abel Caballero tamén falou sobre cuestións de ámbito nacional, en concreto polo apoio de Cs á prórroga do estado de alarma. A este respecto, o líder da FEMP convidou ao PP a “incorporarse” aos apoios ao Executivo e borrar así “fronteiras ideolóxicas”.

“O ámbito local nun momento concreto non pode condicionar unha política para 47 millóns de persoas, non pode ser que o que suceda en ningún concello condicione a posición política para determinar apoios ao estado de alarma, é unha forma de escusar unha actitude preconcibida”, sentenciou Caballero.

Interveñen 11.000 luvas e 510 máscaras en Mos

0

Axentes da Policía Local de Mos e da Garda Civil interviñeron 11.000 luvas, 124,5 litros de alcol sanitario e 510 máscaras.

A Policía local de Mos, xunto coa Garda Civil, informaron de dúas actuacións en empresas que se dedicaban ao almacenamento, venda e distribución de material sanitario do que o Goberno, no marco do estado de alarma decretado pola crise do coronavirus, ordenou informar a Sanidade.

A primeira das accións produciuse este martes 17 de marzo, durante a quenda de mañá, concretamente entre as 10,00 e as 11,00 horas. Tivo lugar nunha empresa do Polígono do Rebullón que contaba con diverso material sanitario, como máscaras e solución hidroalcohólica, material do que debería informar Sanidade e non o fixo.

Os axentes da Policía Local procederon a dar aviso á Garda Civil, e conxuntamente ambos os dous corpos, acudiron ao lugar a levantar acta.

UN ESTABLECEMENTO EN PUXEIROS

A segunda actuación produciuse este mércores 18 de marzo ás 15,30 horas, cando unha patrulla da Policía Local de Mos se dirixiu a un establecemento da zona de Puxeiros tras decatarse de que estaban a vender máscaras.

Ao chegar ao local atopáronse con que xa non quedaba material e retiráronse, pero pouco despois sorprenderon ao dono do establecemento descargando dun vehículo, no seu domicilio, o material para repor no seu negocio, e incautóuselle unha gran cantidade de máscaras, luvas e solución hidroalcohólica.

En total, transportaba no seu coche 11 caixas de 10 paquetes de 100 luvas, 8 caixas de 12 unidades de alcol de 1 litro, 3 caixas de 15 unidades de alcol de 0,5 litros, 1 caixa de 24 unidades de alcol de 250 mililitros, 31 paquetes de 10 unidades de máscaras brancas, 3 paquetes de 50 unidades de máscaras brancas, e 1 paquete de 50 unidades de máscaras azuis.

En total, interviñéronselle 11.000 luvas, 124,5 litros de alcol e 510 máscaras. O material incautado foi trasladado pola Garda Civil ás súas dependencias para posteriormente informar o Ministerio de Sanidade.

Ademais, a Policía Local de Mos tivo que interpor xa tres sanciones por vulnerar as restricións do estado de alarma.

Piden 14 anos de cárcere para os socios de Bautista Administradores, en Vigo, por apropiarse de 1,1 millóns de comunidades

A Fiscalía pide 7 anos de cárcere para o responsable de Bautista Administradores e outros tantos para a súa filla, aos que acusa de apropiarse de máis dun millón de euros de case 80 comunidades de propietarios e particulares cuxas leiras, case todas en Vigo, xestionou esta empresa entre 2008 e 2013.

O escándalo de Bautista saíu á luz cando as comunidades de propietarios empezaron a descubrir que as súas contas quedaban en números vermellos, ou que non se pagaban as facturas a pesar de que os veciños ingresaran o diñeiro. Agora chega aos tribunais, cun xuízo que se celebrará do 6 ao 10 de maio na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo.

O ministerio público relata no seu escrito de acusación que R.M.B.F. e a súa filla M.B.M. chegaron a xestionar, como administradores de leiras, case 70 comunidades de propietarios e garaxes en diversas rúas de Vigo, e en Panxón, Nigrán. A iso sumábase a xestión dos inmobles dunha decena de particulares propietarios.

A administración desas leiras facíase, ou ben directamente a través dunha conta a nome da acusada M.B.M., ou ben por medio das contas bancarias de cada unha das comunidades. Nesas contas abonábanse todos os gastos e ingresos xerados polas comunidades.

Segundo sostén a Fiscalía, os acusados desviaron diñeiro dos afectados, ou ben transferíndoos directamente ás súas contas, ou mediante recibos duplicados ou talóns. Ademais, deixaron de pagar débedas das comunidades e facturas, o que xerou ‘descuberto’ en varias das contas e recargas por atraso no abono de facturas, que tiveron que ser asumidos polas propias comunidades.

O ministerio público estima que o desfalco realizado polos acusados ascende a 1,14 millóns de euros, entre os que tamén se atopa o diñeiro que se apropiaron dos arrendamentos dos inmobles de particulares.

Por todo iso, considéraos autores dun delito continuado de apropiación indebida e pide para cada un deles 7 anos de cárcere, e o pago dunha multa de 2.520 euros. Ademais, deberán devolver o diñeiro que quedaron e, nese caso, como pai e filla tiñan pólizas de seguro, tamén pide que as compañías aseguradoras contribúan ao pago da responsabilidade civil (ata o límite marcado polas devanditas pólizas).

Dous homes atracan un taxista a punta de coitelo en Vigo

Axentes da Policía Nacional de Vigo detiveron dous homes, de 43 e 40 anos de idade, como presuntos autores dun roubo con forza, despois de que atracasen a un taxista na cidade olívica a punta de coitelo.

Os feitos ocorreron, segundo informaron fontes policiais, na pasada madrugada, cando o propio taxista chamou ao 091 para denunciar quefora vítima dun atraco.

Segundo relatou aos axentes que acudiron ao lugar, sobre as 4,30 horas recolleu a dous homes na Praza de Fernando El Católico. Un deles sentou detrás e outro no asento do copiloto, e pedíronlle que os levase á rúa Pino.

Cando chegaron ao seu destino, o ocupante da parte de atrás pagou o servizo cun billete totalmente desgastado e o taxista preguntoulle se non tiña outro. Nese momento, o home que lle pagou sacou un coitelo afiado e estreito e púxollo sobre o pescozo, mentres lle gritaba que lle entregase todo o diñeiro.

O chofer deulle un sobre coa recadación ao sospeitoso que viaxaba no asento dianteiro, que recolleu o diñeiro e fuxiu. Mentres, o outro viaxeiro mantivo o coitelo no seu pescozo e reclamoulle que lle dese todo o que levaba encima e as chaves do coche, antes de fuxir tamén á carreira.

A Policía Nacional despregou un dispositivo de procura, e logrou localizar aos sospeitosos. Un deles camiñaba pola rúa Numancia, mentres que o outro foi interceptado noutra rúa próxima.

Os dous foron detidos e trasladados a Comisaría, onde se comprobou que ambos teñen numerosos antecedentes, algúns deles por outros roubos con violencia. Os arrestados e as dilixencias practicadas foron postos a disposición do xulgado de instrución número 6 de Vigo, en funcións de garda.

Elena Muñoz denuncia a “discriminación salarial” da Policía Local

A portavoz do Grupo Municipal Popular vigués, Elena Muñoz, advertiu de que, se o goberno local non convoca un pleno extraordinario no prazo dunha semana para abordar a “discriminación salarial” da Policía Local, o seu grupo solicitará que se leve a cabo.

Nunha rolda de prensa recollida polo PP nun comunicado, Muñoz lembrou que no pleno de abril de 2018 aprobouse por unanimidade o cobro do total dos complementos dos policías locais en caso de baixa laboral, en igualdade de condicións que os bombeiros. No entanto, remarcou que nos marcos orzamentarios aprobados na última sesión non se recolle esta medida.

Ademais, resaltou que o Grupo Municipal Popular presentara unha moción de urxencia para abordar esta situación no pleno celebrado esta semana, aínda que finalmente non se puido votar esta moción.

Por outra banda, a preguntas dos xornalistas, asegurou que existen probas de que a intención do Goberno central é pechar a sede do Instituto Social das Forzas Armadas (Isfas) na cidade, que contrapuxo ao anuncio do alcalde, Abel Caballero, que afirmara que se mantería operativa tras reunirse coa ministra de Defensa, Margarita Carballos.

A este respecto, a portavoz popular asegurou que o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolle a rescisión do contrato do director do centro e que estas instalacións xa non están rexistradas na páxina web do Ministerio de Defensa.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed