InicioSociedadeSuspendida a condena de dous anos de prisión a un acusado reincidente...

Suspendida a condena de dous anos de prisión a un acusado reincidente de tráfico de drogas en Vigo

Ten que pagar unha multa de 16.251 euros que, de non pagala, deberá pasar un día de privación de liberdade por cada 500 euros

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, suspendeu este mércores a condena de dous anos de prisión a un home acusado de tráfico de drogas na cidade de Vigo por dispor no seu domicilio de diferentes sustancias estupefacientes e utensilios para preparalas para a súa venda.

A Fiscalía solicitaba nun principio cinco anos de cárcere pola suposta comisión dun delito de tráfico de drogas, despois de que o propio home xa fose condenado a unha pena de tres anos de prisión en 2019 polo mesmo delito, a cal se atopaba tamén suspendida condicionada ao seguimento dun tratamento de desintoxicación.

Tal como recollía o Ministerio Fiscal no seu escrito de acusación, os feitos sucederon en abril de 2020, en pleno confinamento domiciliario polo Covid-19, cando axentes policiais acudiron á vivenda do acusado tras un aviso por un suposto incumprimento das medidas vixentes pola declaración do Estado de Alarma.

Despois de que o home abrise a porta aos funcionarios, un dos actuantes decatouse de que había unha báscula de precisión. O propio acusado recoñeceu ser consumidor de drogas e que a usaba para preparar as súas doses. Preguntado por se tiña sustancias en casa, de forma voluntaria recoñeceu que tiña MDMA ou cocaína.

Por iso, ese mesmo día levou a cabo de forma legal unha entrada e rexistro da vivenda, onde ademais de sustancias estupefacientes incautáronse uns 6.650 euros, básculas de precisión, dous teléfonos móbiles e cartóns de visita con anotacións mensuais, entre outros elementos.

Nun principio, Fiscalía solicitaba para o home cinco anos de cárcere por un delito de tráfico de drogas, así como unha multa de 25.000 euros pero, finalmente chegou a un acordo coa defensa de dous anos de prisión, que non serán efectivos se o acusado non volve cometer ningún delito en tres anos desde este mércores, non dá positivo en drogas e acode a tratamento para tratar a súa recoñecida adicción ás drogas, e unha multa de 16.251 euros que, de non pagala, deberá pasar un día de privación de liberdade por cada 500 euros. Ademais, ao acusado impónselle as costas procesuais.

Na resolución, a sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra tivo en conta o agravante de reincidencia e as atenuantes de que o home confesou ser adicto ás drogas e que este se atopaba baixo os efectos de substancias ilegais.

ÚLTIMAS

Caballero acusa a Rueda e o PPdeG de deixar a Vigo sen Facultade de Medicina: “É unha pésima noticia”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cualificou este venres como unha "noticia pésima"...

A Xunta e o Porto de Vigo dan por finalizada a limpeza da vertedura de aceite de palma na ría

Tras unha semana de traballos de retirada e contención, a Xunta e o Porto...

O alto tribunal galego mantén a condena a un home por abusar dunha muller mentres durmía

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia desestimou o recurso de apelación dun home condenado...

Localizan tres polisóns, dous menores, ocultos nun camión que ía embarcar cara ao Reino Unido

Axentes da Policía Nacional, da Garda Civil e da Policía Portuaria de Vigo localizaron...