InicioPolíticaFeijóo presume da súa xestión e alerta contra un "multipartito variable"

Feijóo presume da súa xestión e alerta contra un “multipartito variable”

Pide non deixar para os despachos o que se pode "resolver nas urnas".

PUBLICADO O

- Advertisement -

O presidente da Xunta e candidato do PPdeG á reelección, Alberto Núñez Feijóo, alertou sobre o risco de deixar o goberno de Galicia en mans dun “multipartito variable”, nun escenario de crise socioeconómica tras a pandemia de coronavirus, e puxo en valor a capacidade de xestión, experiencia e preparación do seu equipo.

Así o trasladou nun mitin en formato reducido, ante algo máis dun centenar de persoas, celebrado nunha das salas do Auditorio Mar de Vigo, e no que puxo en valor a xestión que a Xunta e os profesionais sanitarios fixeron da emerxencia pola COVID-19.

Feijóo proclamou que a resposta do goberno galego á pandemia foi “acertada”, guiada “polo corazón e a cabeza”, e advertiu de que “o que vén por diante non vai ser fácil”. A ese respecto, apuntou que as consecuencias da pandemia “se sufrirán máis” cando se acabe a vixencia dos ERTES ou cando as empresas teñan que devolver os préstamos solicitados.

Ante ese escenario, o candidato do PPdeG prometeu “esforzo” e “programa” para, ademais de “seguir mellorando a Sanidade”, “non dar ningún emprego por perdido”. Feijóo apelou á experiencia, capacidade de xestión e preparación do seu equipo para afrontar o escenario postcovid e, tras afirmar que “Galicia saberá responder á situación económica e social que nos deixa a pandemia”, proclamou: “Nos próximos 4 anos prometo xestión, xestión e xestión, e a miña única prioridade será Galicia, Galicia e Galicia”.

“Non hai tempo para discusións, nin para ver como se reparten a Xunta entre partidos dun multipartito variable”, advertiu, e contrapuxo a “estabilidade, unidade e certezas” que ofrece o PP á “inestabilidade”, os “experimentos” e “incertezas” que ofrecen o resto de partidos.

ALERTA SOBRE OS “PACTOS” E “CARAMBOLAS”

Por iso, pediu aos cidadáns que voten o próximo 12 de xullo, sen deixarse influír polos que pretenden “activar o medo”, porque os colexios electorais foron “inspeccionados” e pódese votar “con seguridade”. “Non deixedes (o próximo goberno galego) á sorte, aos pactos e carambolas, non deixedes para os despachos dos partidos o que se pode resolver nas urnas”, reclamou Feijóo.

Finalmente, o líder do PPdeG fixo balance dalgúns dos proxectos e iniciativas postos en marcha ao longo dos seus 11 anos de goberno autonómico, e subliñou que quere seguir sendo “un presidente de todos os galegos”. “Non me presento para derrotar a ninguén, senón que para Galicia saia gañando”, sentenciou Feijóo, quen asegurou que non perderá tempo “confrontando” con outros partidos, porque “quen ten programa e proxecto, non ten tempo para faltar ao respecto aos demais”.

ÚLTIMAS

O BNG e o Concello de Vigo cruzan críticas pola “inacción” ante o prezo da vivenda

O grupo municipal do BNG criticou este luns a "inacción" da Xunta e do...

Caballero presume dun 90 % de ocupación en Vigo polo Nadal e carga contra os “antiVigo”: “Desgústalles que nos vaia ben”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, cifrou no 90 % o nivel de ocupación...

Un home enfróntase a sete anos de prisión acusado de vender droga no bar que rexentaba en Baiona

Un home sentará este martes no banco dos acusados na sección quinta da Audiencia...

Luz Casal actuará en Vigo no Teatro Afundación en febreiro de 2026 dentro da súa nova xira

A cantante Luz Casal ofrecerá un concerto no Teatro Afundación de Vigo o vindeiro...