InicioPolíticaPablo Iglesias, 'abonado' a Vigo

Pablo Iglesias, ‘abonado’ a Vigo

O líder de Podemos repite mitin na cidade en apenas un mes, tras vir na campaña das eleccións xerais e agora repetir na das municipais.

PUBLICADO O

- Advertisement -

O secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, volveu de novo a Vigo, unha das súas prazas favoritas. Apenas un mes despois de vir a un mitin para as eleccións xerais, o líder morado regresou para darlle pulo aos seus de cara ás municipais do domingo 26 de maio.

Iglesias cargou de novo contra as doazóns de Amancio Ortega á sanidade pública, sinalando que a diferenza entre unha democracia e unha ditadura é que na primeira calquera persoa “independentemente da súa conta bancaria” ten acceso aos mellores hospitais e aos mellores profesionais, e que isto non dependa “da caridade de ningún millonario senón do Estado”.

No mitin en Vigo, o líder ‘morado’ incidiu en que sen dereitos sociais non hai democracia, e por este motivo, exporán ao PSOE, para un goberno de coalición, “un programa democrático que se fundamente no cumprimento dos dereitos sociais”.

Neste sentido, apuntou en clara alusión a Ortega que “os multimilonarios non necesitan” que se garantan eses dereitos sociais porque “lles molesta o Estado” e “moléstalles ter que pagar impostos”. “Non necesitan sanidade publica, nin escolas públicas”, dixo, para engadir que quen necesita o dereito, a lei, e as institucións “é a maior parte da xente”.

Así, insistiu en que o seu programa de goberno para negociar unha coalición “vai ser basicamente que a lei a ten que cumprir todo o mundo, non só a xente humilde”.

“NON PEDIREMOS NADA DIFÍCIL”

Neste sentido, sobre as negociacións co PSOE para a formación dese hipotético Goberno de coalición, Iglesias indicou que desde Unidas Podemos non pedirán “nada difícil, nada complicado”, senón que demandarán que o que contén a Constitución Española se compre. “Non imos pedir nada difícil, nada complicado, somos conscientes da nosa forza, pediremos o que está contido no texto da Constitución”, especificou, para logo lamentar que algunhas formacións  a usen como arma arreboladiza e non a lean.

Tras isto, o líder morado afeou á banca (sinalando á presidenta do Santander, Ana Patricia Botín) e á CEOE que explicitamente se pronunciasen sobre a necesidade de que Unidas Podemos non chegue ao Executivo. “Aínda así hai unha maioría social que xa non llo cre e quere un goberno progresista que se traduza en políticas que beneficien á xente”, engadiu.

Tras isto, profundou nas propostas que configuraban o seu programa electoral, como o de que haxa un sistema fiscal proporcional (aludiu ao artigo 31 da Constitución) que faga que non só os traballadores asuman a carga fiscal do país.

Tamén se referiu ao artigo 35 para destacar que grazas a eles o Goberno subiu o Salario Mínimo Interprofesional a 900 euros e que fronte aos agoiros de “caos”, “non se afundiu a economía”. “Nós dicimos que hai que subilo aínda máis, que non é por xustiza social senón por eficacia económica”, engadiu.

“GOLPEÁRONNOS DURO”

Durante a súa intervención, o líder de Podemos lembrou a campaña de difamación que sufriu a súa formación e unha vez máis apuntou á policía ‘patriótica’, ao PP e aos medios que difundiron as “noticias fabricadas”, e dixo que “a pesar do duro” que lles golpearon, hoxe están “máis preto que nunca de formar parte do goberno do Estado”.

Entón, lembrou que en 2016 quixeron que cresen que Ciudadanos “era unha forza rexeneradora e progresista” e que por tanto debían apoiar a “un goberno de Ciudadanos presidido por Sánchez”. “Agora os que crearon a Ciudadanos xa non enganan a ninguén, e se non, que vexan a actuación estelar de Rivera (líder de Ciudadanos) onte no Congreso”, apostilou.

ÚLTIMAS

( Vídeo) Un guerreiro celta que empequeneceu ao Barça

O multiinstrumentalista galego, Abraham Cuperio, actuou este sábado na previa do RC Celta -...

Vigo ‘pecha’ o seu Nadal ante a alerta laranxa por temporal

Ante a alerta da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior sobre fenómeno meteorolóxico adverso...

O conservatorio de Gondomar levará o nome de Conchita Quintas

Así o anunciou o alcalde Paco Ferreira durante o concerto de Santa Icía deste...

A Xunta dota de docente á unidade de Saúde Mental infanto-xuvenil do Cunqueiro

A Xunta dotou á nova unidade de hospitalización de Saúde Mental infanto-xuvenil do Álvaro...