O pleno de Vigo aprobou este luns, cos votos favorables do goberno local socialista e o voto en contra do PP e do BNG, a taxa turística que se implantará, de xeito progresivo, a partir do 1 de outubro e que gravará as persoas visitantes con cantidades de entre 0,80 e 2 euros, segundo o tipo de aloxamento.
A ordenanza estabelece que, para os hoteis de 5 estrelas (normais e superior) e os de 4 estrelas superior, a taxa será de 1,82 euros máis IVE (2 euros); para o resto dos hoteis de 4 estrelas e 3 estrelas, será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para o resto de hoteis e pensións a taxa será de 1,09 euros máis IVE (1,20 euros); para as vivendas de uso turístico será de 1,46 euros máis IVE (1,60 euros); para os albergues, campamentos de turismo, estabelecementos de turismo rural, apartamentos e vivendas turísticas será de 0,73 euros máis IVE (0,80 euros).
Así mesmo, estabelece unha taxa turística de 1,20 euros para as estadías en embarcacións de cruceiros turísticos, aínda que neste caso non se aplicará ata o 1 de xullo de 2027. En todo caso, a ordenanza contempla supostos de “recarga cero” e exencións. Así, desde a súa entrada en vigor, prevista para outubro deste ano, ata o 1 de xullo de 2027, haberá recarga cero para a terceira, cuarta e quinta noite, e, a partir de entón, computarase un máximo de cinco noites por cada estadía.
Por outra banda, non estarán suxeitas á taxa as estadías por motivos de saúde (da persoa e das súas persoas acompañantes), as estadías de deportistas federados pola asistencia a competicións, as estadías realizadas por causa de forza maior (derivadas de aloxamentos xestionados a través dos servizos sociais municipais). Ademais, quedan exentas da taxa as persoas menores de idade, as persoas con discapacidade igual ou superior ao 65 %, as estadías subvencionadas por programas sociais dunha administración pública, as estadías nos albergues públicos xestionados pola Xunta a través do Plan Xacobeo e as estadías en albergues xuvenís.
DEBATE PLENARIO
No pleno deste luns, o concelleiro de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu a implantación desta taxa, que é “a máis barata” das cidades da fachada atlántica e máis baixa ca en cidades como A Coruña ou Santiago. “É unha taxa equilibrada, proporcionada”, subliñou, antes de insistir en que a implantación será “progresiva”.
Aneiros sinalou que os ingresos por esta taxa servirán para reforzar a promoción turística da cidade e explicou que foi anunciada “con tempo”, polo que os operadores e o Porto teñen marxe para facer a súa planificación. Mentres, o PP criticou que a ordenanza “non foi froito do consenso” co sector e que mesmo o propio alcalde, Abel Caballero, rexeitou en 2023 estabelecer ese tipo de imposto. Así mesmo, a concelleira “popular” Patricia García reclamou ao goberno local que “concrete” cal será o destino dos fondos que se recaden e concluíu que esta taxa só ten “un fin recadatorio”.
Pola contra, o voceiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que, cando os nacionalistas propuxeron implantar unha taxa turística en 2024, o goberno local se opuxo e “ridiculizou” a proposta. Agora, aprobouse unha ordenanza que, segundo remarcou, “é un invento recortado”, que “non responde aos intereses” da cidade. Pérez Igrexas afeou que a taxa non acade o máximo que permite a lei e que mesmo contemple “agasallos fiscais” para os grandes operadores. “Será un fondo para retroalimentar este modelo, de seguir a atraer un turismo masivo”, advertiu, e engadiu que o recadado debería dedicarse a cuestións como a vivenda, o reforzo dos servizos públicos e, en definitiva, a “compensar o impacto negativo” do turismo na cidade.
