O BNG de Vigo volveu instar este mércores á Xunta de Galicia e ao goberno municipal a abandonar a “batalla estéril de egos, selfies e logotipos” que, segundo denuncian, mantén bloqueada dende hai anos a recuperación da ETEA e o desenvolvemento do Campus do Mar. O portavoz municipal nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, sinalou a través dun comunicado que o permanente intercambio de reproches entre o PP e o PSOE non beneficia en absoluto á cidade nin ao barrio de Teis, servindo unicamente para prolongar unha parálise que cualificou de inxustificable.
O representante nacionalista lembrou que as instalacións perderon o seu uso militar no ano 2002 e que, malia aprobarse un proxecto sectorial en 2012, a maior parte dos desenvolvementos seguen sen avanzar máis de dúas décadas despois. Pérez Igrexas censurou o que considera un “deixamento” por parte da Xunta nos espazos da súa competencia e lamentou que tanto os populares como os socialistas só ofreceran ata o de agora promesas incumpridas. Para o BNG, a ETEA non pode seguir sendo un espazo secuestrado pola propaganda nin polos conflitos partidarios de ambas administracións.
Neste sentido, o Bloque demandou unha cooperación institucional real que veña acompañada de prazos concretos e dun calendario serio de actuacións. Pérez Igrexas manifestou o seu desexo de que o convenio entre o Concello, a Xunta e a Zona Franca supoña finalmente un punto de inflexión para que este espazo estratéxico deixe de ser un escenario de confrontación política e pase a ser un motor de desenvolvemento para o barrio de Teis e para todo Vigo.
