O estudo ‘Radiografía da violencia machista dixital na prensa galega’, o cuarto informe deste tipo elaborado polo Observatorio de Machismo Dixital da Cátedra Feminismos 4.0 (impulsada pola Universidade de Vigo e a Deputación de Pontevedra), alerta sobre a “invisibilización” da ciberviolencia machista nos medios de comunicación galego e constata que a crecente prevalencia deste tipo de violencia non ten un reflexo proporcional neses medios como feito noticiable. Así o trasladou a directora da Cátedra, Águeda Gómez, nunha rolda de prensa na que se presentou o informe, e na que tamén participaron a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación, Sandra Bastos, e a vogal da Asociación Xornalistas Galegas, Marga Tojo.
Para a elaboración deste estudo analizáronse 238 pezas xornalísticas de La Voz de Galicia (45,9 %), Faro de Vigo (37,8 %), El Progreso (2,7 %), El Correo Gallego (5,4 %), Diario de Pontevedra (2,7 %) e El País (2,7 %), das que case o 61 % estaban enfocadas en casos de violencia machista dixital, e un 39 % en accións para combatela. En 2023, o informe localizou 315 pezas, das que o 51,6 % centrábanse nas accións e o 48,4 %. Por outra banda, con respecto ao contido desas informacións centradas en casos de violencia, o 20 % están vinculadas á ‘manosfera’ (rede de sitios web que promoven a masculinidade tóxica e a misoxinia); o 32,4 % refírese a ciberviolencia con menores implicados; o 38,6 % trata asuntos relacionados co sexo ou xénero; e o 9 % refírese a violencia dixital exercida contra mulleres por ter presenza pública (xornalistas, políticas, artistas, etc.)
Con respecto ás informacións sobre accións para combater esta violencia, o 38,8 % aborda a prevención, o 25,8 % céntrase na lexislación, o 22,6 % son informacións relacionadas co activismo, e o 11,8 % refírense a informes e estudos publicados. En resumo, o volume de noticias sobre ciberviolencia machista “é sempre maior” que o volume de informacións sobre accións para combatela. En xeral, a maioría de informacións sobre este tipo de violencia céntranse na pornografía e o uso de IA para crear pornografía dixital, e as noticias ‘deepfake‘.
CONCLUSIÓNS
Segundo explicou Águeda Gómez, o estudo conclúe que hai “unha falta de recoñecemento social das experiencias de violencia dixital que sofren as nenas e mulleres”, e que, aínda que os datos de prevalencia deste tipo de violencia son “alarmantes”, non é proporcional o seu reflexo nos medios de comunicación. Tamén conclúe que hai un “auxe xeneralizado” da ciberviolencia machista cara ás menores e que, aínda que existen protocolos institucionais para frear o ciberacoso, estes están dirixidos ao uso que os menores fan de internet e das redes sociais.
En definitiva, prodúcese “certa invisibilización da ciberviolencia machista nos medios, a pesar da súa relevancia”. Segundo lembrou Águeda Gómez, un estudo da revista Nature revela que unha gran maioría de persoas expresa a súa satisfacción como usuarios de internet, fóra das mulleres, que o perciben como un espazo hostil para elas. A representante de Xornalistas Galegas, Marga Tojo, pola súa banda, agradeceu o rigor do traballo e valorou que, desde 2019, produciuse unha “evolución positiva”, xa que entón “menos do 1 % das informacións en medios abordaban cuestións coa igualdade de xénero”. Ademais, reclamou a figura da editora de xénero e formación de xénero “en todas as redaccións”. Finalmente, a deputada de Benestar Social e Igualdade da Deputación, Sandra Bastos, fixo fincapé na importancia dos medios de comunicación como “axentes activos, que constrúen relato”, na loita contra a ciberviolencia machista.