InicioSucesosTres minutos de silencio no Pleno de Vigo en recordo do bombeiro...

Tres minutos de silencio no Pleno de Vigo en recordo do bombeiro falecido o sábado cando traballaba

PUBLICADO O

- Advertisement -

A sesión ordinaria do Pleno do Concello de Vigo convocada para este luns arrincou con tres minutos de silencio en memoria de Sergio S.D., o bombeiro da cidade falecido o pasado sábado cando estaba a traballar nunha inspección dun inmoble. Así, antes de comezar a sesión, o alcalde deu paso a ese tres minutos de silencio cos que a Corporación municipal rendeu homenaxe a este funcionario que perdeu a vida o pasado fin de semana mentres participaba nos labores de inspección dun edificio na zona de Beiramar, momento no que se produciu un derrube.

O propio corpo de bombeiros da cidade rendeu unha emotiva homenaxe ao seu compañeiro falecido en acto de servizo este domingo, cunha concentración, na que tamén participaron membros da Policía Local, no parque central de Teis. Igualmente, os bombeiros participaron nas exequias fúnebres e acompañaron á familia e achegados de Sergio no tanatorio este domingo.

O goberno vigués fixo público un comunicado o mesmo sábado, no que manifestaba o seu pésame pola morte de Sergio S.D., e confirmaba a declaración de loito oficial e suspensión de axenda do alcalde e os concelleiros. Así mesmo, expresaba o seu recoñecemento a todo o corpo de bombeiros polo seu labor diario.

Na sesión plenaria deste luns, e antes de entrar no debate, a concelleira do PP, Patricia García, en nome do seu grupo, quixo sumarse ás condolencias á familia e amigos do funcionario falecido, e recoñecer o “encomiable labor” que Sergio e os seus compañeiros prestan nun “servizo esencial”. Do mesmo xeito, o portavoz do grupo municipal do BNG, Xabier Pérez Igrexas, manifestou tamén o recoñecemento do seu grupo ao “labor imprescindible” do servizo de bombeiros da cidade e expresou o seu agarimo cara á familia e compañeiros deste traballador municipal.

ÚLTIMAS

Feridas catro persoas tras bater o seu vehículo contra varios estacionados en Vigo

Catro persoas resultaron feridas en Vigo tras bater o seu vehículo contra varios estacionados....

Os traballadores do lixo de Vigo van á folga indefinida desde este domingo tras fracasar a negociación

O comité de empresa da concesionaria da recollida de lixo e limpeza viaria do...

Piden 4 anos e medio de cárcere para a edil de Seguridade de Vigo polo caso Saltamontes

As acusacións particulares do chamado caso Saltamontes de Vigo, que representan aos pais e...

Un baionés recolle 60.000 sinaturas para esixir ao Goberno e a UE a obriga de introducir sensores antiabandono nas sillas infantís

Despois do falecemento de outra nena de dous anos este fin de semana en...