Inicio Blog Páxina 91

O BNG denuncia “opacidade” no custo do desfile das Forzas Armadas e o peche das Travesas

O BNG de Vigo denuncia a “opacidade” do goberno local de Abel Caballero sobre o custo do desfile das Forzas Armadas na cidade, previsto para o vindeiro 30 de maio, así como o peche do complexo deportivo das Travesas para o seu uso como campamento militar. Nun comunicado, o portavoz nacionalista, Xabier Pérez Igrexas, advertiu de que o Bloque “non ten acceso a ningún expediente municipal” relacionado co evento, a pesar de que xa se superou o prazo legal para que o Concello facilite esa información.

Ademais, desde o BNG censuraron a negativa de incluír como asunto de urxencia na comisión de deportes a solicitude de comparecencia do concelleiro Manel Fernández, quen estivo “casualmente ausente” da sesión a pesar de presidir o organismo. O obxectivo da comparecencia era abordar as consecuencias do peche do complexo das Travesas para a actividade deportiva da cidade.

Para Igrexas, este silencio supón “unha tomadura de pelo” para os veciños e os clubs deportivos que fan uso das instalacións. Segundo denunciou, o complexo das Travesas vai ser clausurado desde o 27 de abril ata o 7 de xuño para converterse nun campamento militar, o que afectará directamente á programación e adestramentos das entidades usuarias durante esas semanas.

Vigo recibe este martes a súa primeira tripla escala de cruceiros con máis de 7.500 turistas

O Porto de Vigo acollerá este martes, día 22 de abril, a súa primeira tripla escala de cruceiros da tempada con máis de 7.500 turistas, contando coa visita dos barcos ‘Britannia‘, ‘Ventura‘ e ‘Le Bellot‘. Tal como informa a Autoridade Portuaria, será a partir das 06:30 horas cando o peirao de Comercio e a Estación Marítima de Transatlánticos vexan atracar a estes tres cruceiros.

En concreto, o ‘Britannia‘ trátase do “xigante” da xornada con 330 metros de eslora. Chegará procedente da Coruña con máis de 4.300 cruceiristas e 1.400 tripulantes. Partirá sobre as 17:00 horas cara a Cherburgo (Francia). O ‘Ventura‘, tamén da navieira P&O Cruises, ten 290 metros de eslora e transporta a máis de 3.000 pasaxeiros. Chegará desde Southampton (Reino Unido) e porá rumbo a Lisboa ás 17:00 horas. Por último, o ‘Le Bellot‘ é un cruceiro de “ultraluxo” da compañía Ponant, que atracará con 184 pasaxeiros a bordo.

“Mañá é un día de máxima relevancia. A coincidencia de tres cruceiros de primeiro nivel non só demostra a nosa capacidade operativa para xestionar grandes volumes de pasaxeiros simultaneamente, senón que reafirma a confianza das grandes navieiras como P&O e Ponant nas nosas instalacións”, subliñou o presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Carlos Botana.

“Estamos ante a primeira das escalas triplas dun ano que será excepcional. Ademais das 11 escalas dobres programadas, xa miramos cara ao 2 de setembro, cando recibiremos outra tripla cita co ‘Liberty of the Seas’, o ‘Iona’ e o ‘Mein Schiff 6’. Vigo segue consolidándose como o porto con mellores infraestruturas do Atlántico para o turismo de cruceiros, desde o gran formato ata o luxo de expedición”, engadiu Botana.

A Xunta e Vicus Gallaecia analizan os retos da mobilidade e urxen un calendario para o AVE Vigo-Porto

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou este luns nun encontro co grupo de empresarios Vicus Gallaecia, onde abordaron os retos para mellorar a mobilidade da Comunidade, centrándose tanto no transporte ferroviario como nos aeroportos. Levado a cabo no Hotel Pazo Os Escudos de Vigo, Calvo trasladou aos empresarios a postura do Goberno galego para captar rutas aéreas mediante a promoción turística en orixe, sumándose así ao modelo proposto por AENA.

Respecto ao AVE entre Vigo e O Porto, o conselleiro advertiu da “falta dun calendario realista” por parte do Executivo central español, o que considera un “obstáculo” para a competitividade empresarial. Ante os medios de comunicación, Calvo puxo en valor a importancia de debater sobre asuntos que interesan aos empresarios e tratar de buscar solucións “positivas” para todos os axentes implicados.

Pola súa banda, o presidente de Vicus Gallaecia, José Manuel Fernández Alvariño, agradeceu a Diego Calvo que asistise á comida deste luns. O representante empresarial subliñou a importancia de falar dos aeroportos galegos para buscar solucións que impulsen o desenvolvemento económico e a conectividade do territorio.

Carmen García Mateo abre a campaña ao Reitorado da UVigo reivindicando “seriedade” fronte á improvisación

A candidata a reitora da Universidade de Vigo (UVigo), Carmen García Mateo, abriu este luns a súa campaña para as eleccións ao Reitorado que se celebrarán en maio, reivindicando a importancia de “avanzar con seriedade” e con “planificación”. A catedrática encabeza a candidatura Nós Universidade, unha das tres opcións que competirán nas urnas o vindeiro 6 de maio. Precisamente a idea de planificación, fronte á improvisación, foi un dos eixos máis repetidos do seu discurso, no que puxo o foco na solvencia, na capacidade de xestión e na necesidade de deixar atrás os “parches”.

Nun acto celebrado no auditorio da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, García Mateo quixo tamén poñer en valor os 12 membros da súa candidatura, aos que definiu como un equipo “serio” e con “capacidade de execución”. A aspirante falou da necesidade de coidar o capital humano e de “situar a UVigo no lugar que se merece tanto por talento como por historia”. “Todas as persoas contan”, insistiu, reivindicando os meses de traballo previos que, segundo sinalou, lle permitiron recoller a voz dos distintos colectivos que forman parte da universidade.

Carmen García Mateo repasou tamén os principais eixos da súa proposta, entre eles o seu “compromiso” cunha xestión eficaz, a vontade de impulsar un proxecto compartido e a necesidade de abandonar o “minifundismo” para que a UVigo actúe como “motor de Galicia”. Noutras presentacións previas da súa candidatura tamén defendera unha universidade construída desde os tres campus, con máis autonomía e peso estratéxico para cada un deles.

Unha investigación iniciada en Vigo destapa unha rede que enganaba migrantes con falsas ofertas de emprego

Unha investigación da Policía Nacional iniciada en Vigo permitiu desmantelar unha rede dedicada a captar cidadáns estranxeiros nos seus países de orixe mediante falsas ofertas de emprego, e levou á detención do presunto xefe da trama en Oviedo. A operación foi desenvolvida de forma conxunta polas Brigadas de Estranxeiría e Fronteiras da Comisaría de Vigo-Redondela e da Xefatura Superior de Policía de Asturias.

As pescudas comezaron na cidade olívica cando, durante a revisión da documentación presentada por unha muller estranxeira para un trámite administrativo, os axentes detectaron que os contratos e papeis achegados non se correspondían con ningunha empresa real. Segundo a Policía, a muller acudiu á Comisaría sen saber que xa era vítima da trama, despois de ser trasladada a España enganada polos seus responsables co obxectivo de utilizala para captar novas vítimas, sen que ela fose consciente diso.

Tras tomarlle declaración, os investigadores descubriron varias empresas ficticias, todas vinculadas a unha mesma persoa, que se empregaban como “carta de presentación” para atraer persoas interesadas a través das redes sociais. Deste xeito, os delincuentes publicaban anuncios nos que ofrecían a posibilidade de traballar en España, sobre todo no sector dos transportes, onde existe demanda de persoal cualificado.

A cambio dunha determinada cantidade de diñeiro, a rede ofrecía un “pack completo” que incluía xestións e trámites documentais, falsas citas para exames de capacitación profesional e a promesa de acceso a unha bolsa de emprego. As vítimas comezaban a pagar xa desde os seus países de orixe coa esperanza de conseguir un posto de traballo, unha expectativa que nunca chegaba a materializarse.

O traballo conxunto das unidades policiais, coa participación da Interpol, permitiu identificar a tres persoas relacionadas coa trama delituosa. Segundo fontes policiais, o principal responsable vivía en Oviedo e contaba con dous colaboradores no estranxeiro, encargados de recibir parte dos pagamentos realizados polas vítimas. Unha vez localizado, os axentes da Brigada de Estranxeiría e Fronteiras da Xefatura Superior de Asturias organizaron un operativo para proceder á súa detención, que finalmente levaron a cabo nun domicilio de Oviedo no que se atopaba de forma temporal.

O Concello reforza servizos para facilitar a regularización

O Concello de Vigo reforzou o servizo de atención ao público para “atender ao gran número de persoas estranxeiras” que están a acudir ao consistorio para realizar os trámites necesarios para iniciar o seu proceso de regularización.

Así o trasladaron fontes municipais, que sinalaron que, a pesar da “masiva afluencia”, o servizo estivo funcionando “con axilidade” grazas á “previsión” do Concello. Deste xeito, hai dous novos ‘portelos’ no Rexistro e catro traballadores públicos no servizo de Estatística (padrón) para atender a estar persoas. Estas medidas “permiten atender a máis xente e ampliar as citas diarias de modo considerable”.

O Concello activará un dispositivo permanente para situacións de violencia de xénero

O Concello de Vigo activará o 1 de maio un novo dispositivo de acollemento transitorio e de urxencia para mulleres residentes na cidade vítimas de violencia de xénero, segundo avanzou o alcalde, Abel Caballero, en declaracións remitidas aos medios.

“Trátase de que, se hai un caso de violencia de xénero que necesite de atención inmediata, ter un lugar para poder ofrecer á muller vítima para que estea alí, ter equipos de apoio, ter psicólogos e ter profesionais que estean á beira destas mulleres vítimas de violencias de xénero”, explicou o rexedor olívico.

Así, trátase dun dispositivo que estará dispoñible as 24 horas do día, os 365 días do ano, para dar atención continuada e de forma inmediata. Por outra banda, Caballero lembrou que, ademais deste dispositivo, o Concello “cede á Xunta” o inmoble para o Centro de Emerxencia para mulleres vítimas de violencia de xénero, que acoden “de toda Galicia”, e achega un cuarto de millón de euros “a ese espazo da Xunta”. “Por tanto, somos cidade líder na loita contra as violencias machistas”, proclamou o rexedor.

Dous furtivos reinciden dúas noites seguidas mariscando ilegalmente en Teis

Axentes da Policía Local de Vigo identificaron a dous mariscadores furtivos que estaban a extraer ameixa de forma ilegal nos areais da parroquia de Teis e que foron sorprendidos en dúas noites consecutivas.

Segundo informaron fontes policiais, axentes da unidade de drons Fénix realizaron o pasado xoves pola noite un operativo de vixilancia nas praias da ETEA e de Ríos. Alí, aproveitando as mareas e as fases lunares, detectaron a presenza de dous homes extraendo ameixas, aos que localizaron grazas ás cámaras térmicas.

O primeiro deles, C.C.B., de 55 anos, ao verse sorprendido, arroxou apresuradamente un cubo coas capturas cara a unha zona afastada da beira. Ao operativo sumouse a Policía Autonómica, que contou co apoio da unidade Fénix para localizar o furtivo.

Pouco despois, foi localizado na zona outro home, xa coñecido pola Policía polos seus antecedentes como furtivo, J.A.F.M., tamén de 55 anos, que igualmente estaba a extraer ameixas. As dilixencias practicadas foron remitidas á Consellería do Mar por parte da Policía Autonómica, que propuxo a ambos os dous homes para sanción.

A seguinte actuación tivo lugar na noite seguinte, na mesma zona. Alí, a Policía Local volveu detectar a presenza dun home mariscando ilegalmente na praia de Ríos de Fóra. Cando abandonaba o lugar, foi interceptado polos axentes e, ao identificalo, comprobaron que se trataba de C.C.B., o mesmo home denunciado o día anterior.

Momentos despois, foi sorprendido outro home, tamén realizando actividade furtiva. Tratábase do outro identificado na noite anterior, J.A.F.M., que levaba un capazo con ameixas. De novo, ambos foron denunciados e os bivalvos devoltos ao mar.

Sumar Galicia impulsa unha proposta de coalición de esquerdas en Vigo de face ás próximas eleccións municipais

Movemento Sumar Galicia remitiu unha carta a Esquerda Unida, Verdes Equo, Anova e Podemos Vigo para solicitar unha reunión conxunta e avanzar cara á construción dunha posible coalición de esquerdas na cidade de Vigo, co fin de presentarse ás eleccións municipais de 2027.

A carta, asinada pola secretaria de Organización de Sumar Galicia, Gloria Alonso e polo secretario comarcal de Vigo, Diego J.Diarte, expón que a iniciativa responde a un acordo adoptado na última asemblea de Sumar en Vigo e “expresa a vontade de abrir un proceso de diálogo con responsabilidade e vontade de acordo para explorar puntos programáticos comúns e definir liñas de actuación compartidas”.

Os responsables de Sumar Galicia sinalaron que o propósito é “construír unha alternativa con capacidade de maioría en Vigo, baseada na unidade das forzas de esquerda e nun proxecto sólido para a cidade”. sí, lembran que a organización “conta con experiencia de colaboración” en distintos espazos sociais e políticos de Vigo, como a Plataforma Cívica prol Palestina, que consideran “un exemplo de coordinación entre diferentes sensibilidades ao redor de obxectivos comúns”.

Sumar Galicia apunta á necesidade de articular respostas políticas coordinadas nun contexto municipal no que fan falta “propostas alternativas” ás actuais políticas do goberno de Abel Caballero, apostando por unha proposta centrada nas necesidades sociais, na defensa dos servizos públicos e a mellora das condicións de vida da maioría social.

Como primeiro xesto simbólico desa vontade de colaboración, Sumar Galicia propuxo a participación conxunta na mobilización do Primeiro de Maio, cunha presenza unitaria “baixo unha mensaxe común de defensa dos dereitos laborais e sociais”. inalmente, trasladaron o seu desexo de que esas reunións poidan desenvolverse nas próximas semanas, para avanzar cara a un posible “acordo amplo” que permita presentar á cidadanía “unha candidatura unitaria, cohesionada e con vocación de maioría”.

O aeroporto de Vigo opera con “normalidade” no cuarto día de folga dos controladores aéreos

Os aeroportos de Vigo e A Coruña funcionan “con normalidade” na xornada deste luns, na que é o cuarto día de folga indefinida dos controladores aéreos, segundo informaron fontes de Aena.  Este luns cúmprense catro días do paro indefinido convocado polos sindicatos USCA (Unión Sindical de Controladores Aéreos) e CC.OO. que denuncian escaseza de persoal, deterioración das condicións laborais e impacto na seguridade operacional.

A folga afecto ás torres de control xestionadas pola empresa Saerco, no caso de Galicia, as dos aeroportos de Peinador e Alvedro, mentres que no resto de España están afectadas as terminais de Jerez de la Frontera, Madrid-Catro Ventos, Sevilla, El Hierro, Fuerteventura, Lanzarote e La Palma. Con todo, os sindicatos denunciou que, en Galicia, a folga queda sen efectos prácticos debido a uns servizos mínimos do cento por cento, que cualificaron como “abusivos”.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed