Inicio Blog Páxina 89

O BNG chama a manifestarse o 30 de maio en Vigo ante a presenza dos reis polo desfile das forzas armadas

O BNG presentou este venres na súa sede comarcal de Ferrol a campaña ‘Na Galiza: Paz, soberanía e dereitos‘, unha iniciativa coa que a formación nacionalista pretende facer fronte ao que considera unha preocupante escalada belicista internacional e un proceso de militarización crecente da sociedade galega.

Así mesmo, volve facer un chamamento a participar na protesta convocada por Galiza pola paz convocada para o 30 de maio en Vigo, coincidindo coa presenza dos reis de España pola celebración do desfile das forzas armadas.

Nunha rolda de prensa encabezada pola responsable comarcal do BNG, Pilar Lozano, e o deputado no Parlamento de Galicia Mon Fernández, ambos os dirixentes debullaron os eixos dunha campaña que pivota sobre o rexeitamento ao aumento do gasto militar, a denuncia do imperialismo como raíz dos conflitos armados e a defensa da soberanía galega fronte ao que cualifican como inxerencias do Estado español.

Pilar Lozano sinalou directamente a Estados Unidos e a unha Unión Europea “sumisa aos intereses do imperialismo” como responsables dunha estratexia baseada en “a creación dun clima de medo para xustificar o aumento do gasto en defensa”. A dirixente comarcal advertiu que este incremento orzamentario “repercute directamente na redución dos recursos destinados a sanidade, a educación e a outros servizos públicos”.

Pola súa banda, o deputado autonómico Mon Fernández profundou na análise das relacións internacionais e vinculou a campaña cunha reflexión máis ampla sobre o modelo de sociedade. “Hoxe, máis que nunca, cobra pleno sentido que nos preguntemos en que tipo de mundo queremos vivir, conscientes de que todo nos toca, todo nos afecta”, afirmou.

A EFCA incrementa preto dun 5% as súas inspeccións en 2025, con 5.000 infraccións

A Axencia Europea de Control da Pesca (EFCA, polas súas siglas en inglés), con sede en Vigo, executou en 2025 unhas 48 245 inspeccións, o que supón un incremento superior ao 5 % respecto das arredor de 45 700 realizadas en 2024.

Así o explicou a directora executiva da Axencia, Susan Steele, nun encontro coa prensa para informar sobre o traballo do último exercicio e sobre a elección dos novos responsables do organismo. Das máis de 48 000 inspeccións coordinadas en 2025, unhas 5 000 foran propostas por infracción, un 4 % máis que as arredor de 4 800 de 2024. En canto ás faltas máis repetidas, o 50 % das rexistradas relacionouse con operacións poscaptura en mar ou en terra, mentres que un 15 % estivo vinculado ás obrigas de declaración e á inscrición dos buques de pesca.

Ademais, o 7 % das infraccións estaba relacionado con artes ou métodos de pesca e o 6 % con épocas de pesca ou zonas de veda, entre outras. Steele detallou o traballo que realizou a Axencia ao longo do ano pasado, no que se executou o 99 % do Programa de Traballo Anual e o 100 % do orzamento. “Ao longo do ano, a EFCA continuou a colaborar estreitamente cos Estados membros da Unión Europea e coa Comisión Europea, prestando apoio operativo na coordinación das actividades de control e inspección pesqueira”, afirmou, en referencia aos sete plans de despregamento conxunto implementados en todas as cuencas mariñas da Unión.

Entre outros asuntos, na rolda de prensa comentouse tamén o contrato para integrar tres novas patrulleiras durante catro anos, cuxo importe ascendería a uns 75 millóns de euros. Segundo indicou o responsable da Unidade de Servizos Corporativos da EFCA, Marcel Dedic, están a dar-se os “últimos pasos” para ese novo contrato, que terá “condicións moi similares” ás do anterior, pero haberá que agardar aínda varios meses para telo confirmado.

NOVO PRESIDENTE

Noutro orde de asuntos, Steele salientou que durante a reunión celebrada este xoves pasado oConsello de Administración da EFCA elixiu ao novo presidente e ao vicepresidente, que exercerán o cargo ata outubro de 2029. En concreto, o director xeral adxunto da Comisión Europea na DG MARE, Kestutis Sadauskas, será o novo presidente da Axencia, mentres que Michael Finn será o vicepresidente, sendo actualmente membro do consello por Irlanda.

Vigo desbloquea a tramitación urbanística para a nova Praza de España

A Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo aprobará definitivamente o vindeiro martes os convenios para o desenvolvemento das zonas 2 e 3 da Praza de España segundo confirmou o alcalde Abel Caballero para impulsar a ocupación das parcelas comprendidas entre Gran Vía e as rúas Pizarro, Porto Rico e Honduras nun movemento que busca acelerar a transformación urbanística desta área estratéxica da cidade.

O desenvolvemento da contorna basearase en proxectos singulares de alta calidade arquitectónica que requiren da tramitación dun estudo de detalle previo para asegurar que o solo non edificado se reserve integramente para uso público nunha aposta municipal por dotar de novos espazos abertos á cidadanía a través de convenios que o rexedor sitúa nunha folla de ruta de alta velocidade executiva para o crecemento vigués.

Almuiña retira as competencias de Urbanismo ao edil de Baiona investigado pola Fiscalía

O alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, retirou as competencias de Urbanismo, Patrimonio e Vivenda ao concelleiro José Ángel Bahamonde, mentres a Fiscalía investiga unha “posible incompatibilidade” derivada da súa condición de socio dunha empresa construtora. Con todo, o edil manterase dentro do goberno local como responsable das áreas de Medio Ambiente e Infraestruturas.

O rexedor informou desta decisión en rolda de prensa, explicando que el mesmo asumirá as rendas de Urbanismo por “respecto” á xustiza e co obxectivo de liberar de “presión” ao concelleiro, quen sufriu diversas críticas e mesmo pintadas na súa vivenda. “Sigo considerando a José Ángel unha persoa honesta“, apostilou Vázquez Almuiña, quen reivindicou en todo momento a presunción de inocencia para o seu compañeiro de filas. O goberno local tivo coñecemento o pasado 20 de marzo de que Bahamonde era socio da firma Encaixa Modular, empresa que obtivo licenza municipal para construír dez apartamentos turísticos no municipio.

VERSIÓN DE BAHAMONDE

Pola súa banda, José Ángel Bahamonde explicou que non tiña relación coa construtora ao inicio do mandato e que entrou a formar parte da compañía a finais de 2024. Segundo a súa versión, pensaba que non tería que actualizar a súa declaración de bens ata o final da lexislatura, pero decidiu presentar a documentación ante o “balbordo social” xerado polo tema.

O edil defendeu a súa xestión asegurando que “nunca deu trato de favor a ninguén” e que a concesión da licenza de obra é un “acto regrado” no que non cabe a discrecionalidade. Bahamonde insistiu en que non actuou de forma imparcial nin en desigualdade de condicións, e confirmou que toda a documentación do expediente xa foi posta a disposición do xulgado para a súa revisión.

Vigo aproba o retranqueo dos colectores de Balaídos para ampliar Tribuna cara ao Mundial 2030

O goberno de Vigo aprobará finalmente este venres o proxecto para o retranqueo dos colectores que permitirá reformar de novo a bancada de Tribuna do estadio de Balaídos. Segundo indicou o alcalde, Abel Caballero, esta actuación é unha “parte importantísima” dos traballos necesarios para que o estadio vigués poida cumprir coas esixencias da FIFA e converterse en sede do Mundial de Fútbol 2030.

O rexedor explicou que baixo o chan de Tribuna discorren dous grandes colectores, o do río Lagares e o de Fragoso, que deben ser desviados para acometer a nova ampliación. Esta tarefa de enxeñaría civil requirirá un volume de escavación de aproximadamente 8.500 metros cúbicos. O investimento estimado para esta fase supera os 2,8 millóns de euros, unha contía que Caballero agarda que sexa financiada a partes iguais entre o Concello, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Este paso técnico supón, en palabras do alcalde, o inicio da obra física da nova bancada de Tribuna. O proxecto final ten como obxectivo que Balaídos alcance unha capacidade de 43.000 espectadores, superando así o requisito mínimo que establece a organización do Mundial para os estadios que acollerán partidos da competición.

A investigación polo accidente mortal no Saltamontes de Matamá encara a súa recta final

A investigación xudicial do accidente mortal ocorrido na atracción Saltamontes, en agosto de 2024, nas festas de Matamá (Vigo), encara a súa recta final coa práctica das últimas declaracións testemuñais. O procedemento atópase á espera de que o xuíz de instrución dite o auto para o arquivo das actuacións ou para a apertura de xuízo oral. Este xoves prestaron declaración como testemuñas un bombeiro e dous axentes da Policía Local de Vigo, así como dous técnicos municipais. O avogado da parella do mozo falecido sinalou que as dilixencias practicadas poñen de manifesto que a atracción non cumpría coa documentación pertinente nin coas condicións para funcionar, e defendeu que o Concello non debeu permitir nin sequera a súa instalación.

Nesa mesma liña, o letrado lembrou que existiu un correo electrónico remitido desde a Concellería de Seguridade á Xefatura da Policía Local informando de que varias atraccións, entre elas o Saltamontes, non entregaran toda a documentación e carecían de autorización. No entanto, o avogado recalcou que “non había unha orde expresa” á Policía para proceder ao precinto desas atraccións ou para impedir que se puxesen en marcha, ao contrario do que sostén a concelleira de Seguridade. “Bótanse a culpa uns a outros“, sinalou o letrado, quen trasladou a súa confianza en que non se arquive o procedemento para que os responsables paguen polo que deixaron de facer.

Os feitos ocorreron na madrugada do 3 de agosto de 2024, cando un dos brazos da atracción rompeu e un mozo de 36 anos, Iván C.H., caeu ao baleiro sufrindo lesións que lle causaron a morte. Días despois, o Concello de Vigo aclarou que non se autorizou o funcionamento da estrutura porque faltaba documentación, unha circunstancia que, segundo a versión municipal, fora notificada tanto ao propietario como á comisión de festas. Na causa figuran como investigados o dono do Saltamontes, o presidente da comisión de festas de Matamá, a concelleira de Seguridade Patricia Rodríguez, o xefe da Policía Local, o xefe da área municipal de Seguridade, o perito que revisou a atracción e a propia comisión de festas como entidade.

Un estudo do IEO investiga as especies causantes de floracións de algas nocivas nas Rías Baixas

Un equipo do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO, CSIC), en colaboración coa Universidade de Vigo e o Instituto Francés de Investigación para a Explotación do Mar, publicou un estudo no que se define o nicho ecolóxico-conxunto de condicións ambientais, relacións bióticas e funcións que determinan o papel que xoga cada especie dentro dun ecosistema de distintas especies de fitoplancto nas Rías Baixas.

O estudo, que acaba de publicarse na revista Harmul Algae, presta especial atención a microalgas formadoras de floracións algais nocivas (FAN) frecuentes na zona, con impacto potencial sobre a saúde pública e a actividade marisqueira. O traballo emprega observacións de alta resolución vertical, incluíndo mostras de fitoplancto recollidas co ‘Muestreador de Escala Fina’. Este sistema permite obter simultaneamente 15 mostras, a intervalos de 20 centímetros, sen alterar a súa distribución natural, facilitando unha “mostraxe dirixida” en tempo real a capas de interese.

Esta tecnoloxía permitiu detectar estruturas oceánicas e agregacións de organismos que pasan desapercibidos nos programas de seguimento convencionais onde se recollen mostras de auga a intervalos de varios metros. Os resultados permiten detallar o microhábitat específico das especies obxectivo.

Unha condutora resulta ferida tras facer un trompo e saírse da vía na VG-20 ao seu paso por Vigo

Unha condutora resultou ferida na tarde deste xoves en Vigo tras saírse da vía mentres circulaba pola VG-20 ao seu paso pola parroquia de Matamá. Segundo fontes do 112 consultadas, os feitos ocorreron pasadas as 15:15 horas no punto quilométrico 6 da devandita vía, en dirección á cidade olívica.

Foi un particular o que alertaba de que un coche se saíu da vía tras facer un trompo e quedar en dirección contraria á de circulación. Por iso, deuse aviso ao 061, que atendeu á condutora que presentaba dor nunha man, e á Garda Civil de Tráfico, que se desprazou ata o lugar para garantir a seguridade na zona.

Rescatadas seis persoas que se atopaban a bordo dun veleiro a 155 millas de Vigo

Gardacostas de Galicia, no helicóptero Pesca 1, rescatou este mércores a seis persoas que se atopaban a bordo dun veleiro a 155 millas de Vigo, unha operación que cualificaron de “límite” pola longa distancia. En concreto, tratábase dunha embarcación de bandeira estoniana á que tiveron que auxiliar “con ventos sur de 30 nós e ao límite de combustible“, xa que se atopaba cunha vía de auga e sen motor.

A actuación levou a cabo tras recibir aviso do Centro Coordinador de Salvamento Marítimo de Fisterra ás 9:30 horas. A pesar das dificultades iniciais de comunicación, utilizouse tamén o sistema Starlink con conexión satelitaria para contactar a través dunha persoa en terra en Estonia.

Os tripulantes, catro homes e dúas mulleres, informaron de que a vía de auga estaba controlada temporalmente, pero solicitaron a evacuación e activaron a radiobaliza de emerxencia tras quedar a mercé das condicións meteorolóxicas no mar.

A CIG chama a lanzar un “berro de non á guerra coherente” este 1 de maio en Vigo

A CIG chama a lanzar un “berro de non á guerra” este 1 de maio, Día Internacional do Traballador, pero avisa de que “ten que ser coherente”, en alusión velada ao presidente do Goberno central, Pedro Sánchez. Ademais, a central nacionalista, entre outras loitas en ámbitos como a sanidade, a educación e o metal, insta a a clase traballadora a mobilizarse este Primeiro de Maio contra o “discurso tóxico” do absentismo, unha mensaxe “falsa” que atribúe á patronal e pola que censura o Executivo autonómico, presidido por Alfonso Rueda, que está “fando apoloxía” del.

“Non pode ser que a clase traballadora paguemos a guerra”, advertiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, en rolda de prensa. Xunto a el, a secretaria confederal de organización, Susana Méndez, explicou que a mobilización de Vigo será a central este ano, no que a central nacionalista lanzará un “berro mundial pola paz e pola soberanía” nunha vintena de vilas e cidades. Carril, pola súa banda, denunciou o aumento do gasto militar e o feito de “estar na OTAN”, así como a promoción de desfiles como o que se celebrará en Vigo, para avisar de que o “berro de non á guerra ten que ser coherente”.

“UNIDADE DE ACCIÓN”

Ademais, animou os traballadores a dar unha “resposta” á “criminalización de persoas enfermas”, polo plan de control de baixas laborais anunciado pola Xunta, que dá máis peso, lamentou, aos “axentes de abuso” que ve nas mutuas. Por último, fixo un chamamento á “unidade de acción”, tamén en alusión velada, neste caso a UGT e CC.OO., fronte ás políticas do Goberno e aos “abusos” da patronal.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed