Inicio Blog Páxina 83

A cidade olívica convertida en escaparate da guerra

0

Baixo a sombra da oliveira, símbolo histórico de paz, Vigo convértese por un día nun escenario de exhibición militar que contradí ese legado. O desfile das Forzas Armadas non só ocupará o espazo público, senón que reforzará unha narrativa de seguridade baseada na forza nun contexto de crecente rearmamento e consolidación da industria militar na cidade.

O desfile do Día das Forzas Armadas en Vigo non é un acto neutro nin simplemente festivo. Preséntase como unha celebración institucional, mais na práctica funciona como unha exhibición de poder que ocupa o espazo público e o transforma nun escenario de normalización da lóxica militar. As rúas, que pertencen á vida cotiá da xente, convértense por unhas horas nun escaparate de armamento, disciplina e xerarquía. Non é só unha cuestión estética. É unha mensaxe política.

Cando carros militares, avións e columnas de soldados atravesan a cidade, transmítese a idea de que a seguridade depende da forza e da capacidade de combate. Esa mensaxe cala de forma sutil pero persistente. Non se discute, non se problematiza, simplemente se integra como parte do decorado institucional. A presenza masiva de símbolos militares non invita á reflexión crítica, senón á aceptación. A guerra, ou a súa preparación, aparece así como algo inevitábel, case natural.

Este tipo de actos tamén funcionan como ferramentas de lexitimación nun contexto máis amplo de aumento do gasto militar en Europa. Mentres se incrementan os orzamentos de defensa, multiplícanse os discursos que apelan á necesidade de estar preparados fronte a ameazas difusas. O desfile encaixa perfectamente nesa narrativa. Non o explica nin o xustifica, porén reforza emocionalmente a idea de que o militar é necesario, incluso incuestionábel.

En Vigo, esta realidade adquire unha dimensión especialmente significativa. A cidade leva anos consolidándose como un centro relevante da industria militar e naval, cun tecido empresarial no que a construción de buques de guerra e as tecnoloxías de defensa ocupan un lugar crecente. Esta especialización non é neutra, porque xera unha dependencia económica que condiciona o debate público, onde a crítica ao militar tende a presentarse como unha ameaza ao emprego e ao investimento. Porén, esta dinámica vai máis aló dos estaleiros. Nos últimos anos, Vigo e a súa contorna integráronse tamén na cadea de valor da tecnoloxía militar avanzada, incorporando actividades ligadas á electrónica, ás comunicacións e ao desenvolvemento de microchips. Empresas como Indra ilustran este desprazamento cara a un modelo no que software, sensores e infraestrutura dixital forman parte central da produción vencellada á defensa. O resultado é unha expansión do complexo militar-industrial cara a ámbitos de alta tecnoloxía, sostida en boa medida por financiamento público e orientada prioritariamente a usos militares, que reconfigura de maneira silenciosa o tecido produtivo e limita as posibilidades dun desenvolvemento industrial centrado en aplicacións civís e socialmente útiles.

Porén, esta relación entre economía e industria militar merece ser analizada con máis coidado. O emprego que xera este sector é limitado en comparación con outros ámbitos e require grandes volumes de investimento público. Ademais, trata cunha produción que, no mellor dos casos, queda almacenada e, no peor, acaba sendo utilizada en conflitos que provocan destrución e sufrimento. A pregunta de fondo é incómoda pero necesaria. Que tipo de desenvolvemento económico se está promovendo cando unha cidade depende en parte da fabricación de ferramentas de guerra

O desfile contribúe a invisibilizar estas contradicións. Presenta as Forzas Armadas como unha institución allea a calquera controversia, asociada a valores como o servizo ou o sacrificio, sen abrir espazo para cuestionar o papel que xogan dentro dunha dinámica global de rearmamento. A industria que hai detrás, as decisións políticas que a impulsan e as consecuencias sociais que implica quedan fóra de foco.

Ao mesmo tempo, resulta difícil ignorar o contraste entre este tipo de eventos e as necesidades reais da cidade. Vigo, como tantas outras urbes, enfróntase a problemas de acceso á vivenda, presión sobre os servizos públicos e desigualdades crecente. Nun contexto así, dedicar recursos, atención institucional e espazo público a unha exhibición militar revela unha determinada escala de prioridades.

A crítica ao desfile non é unha crítica ás persoas que forman parte das Forzas Armadas, senón ao uso político e simbólico que se fai delas. Non se trata de negar a existencia de riscos no mundo, senón de cuestionar a idea de que a resposta principal deba ser sempre a militarización. Hai outras formas de entender a seguridade, máis ligadas á cohesión social, á xustiza e á garantía de dereitos básicos.

Transformar unha cidade nun escenario de exhibición militar, aínda que sexa por un día, contribúe a consolidar unha visión estreita do que significa estar seguros. E esa visión encaixa perfectamente cun modelo europeo que avanza cara a un maior gasto en defensa e unha maior dependencia da industria militar. O problema non é só o desfile en si, senón o que representa dentro dun cambio máis amplo.

Se se acepta sen debate, o risco é que este tipo de actos deixen de ser excepcionais para converterse en parte habitual da paisaxe política. E cando iso ocorre, a capacidade de cuestionar o rumbo diminúe. Por iso é importante abrir discusións incómodas, tamén a nivel local. Porque o que está en xogo non é só un evento puntual, senón a dirección cara á que se orienta a sociedade.

A escultura ‘A Mestra’ de Nogueira, en Bouzas, por fin, protexida

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica este mércores a resolución pola que se acorda anotar no censo do patrimonio cultural de Galicia o grupo escultórico ‘A Mestra’ de Camilo Nogueira, situado sobre unha base cadrada con un caño de auga na rúa Simancas, no barrio vigues de Bouzas.

A Lei de Patrimonio Cultural de Galicia establece que os bens e manifestacións do patrimonio cultural, mentres non sexan declarados BC ou catalogados, deben incluírse no censo para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores. No caso desta escultura, trátase dunha obra do artista vigués Camilo Nogueira, composta por unha figura feminina, de maior altura, rodeada por un grupo de figuras infantís. Representa unha mestra de escola que sinala o libro dun dos seus alumnos mentres acaricia outro neno.

Os servizos de inventario da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural redactaron un informe no que propoñen incluir esta obra, realizada en granito, no censo do patrimonio cultural.

O tren A Coruña-Vigo volve sufrir atrasos por incidencias técnicas a primeira hora

Dous trens que facían o percorrido entre Vigo e A Coruña sufriron atrasos este mércores a primeira hora da mañá tras rexistrarse varias incidencias técnicas. Segundo indicaron fontes de Renfe consultadas por Europa Press, os servizos afectados foron o Media Distancia Vigo-A Coruña das 06.34 horas e o Rexional que cobre a mesma ruta ás 06.58 horas.

UN TREN SAÍU CON 77 MINUTOS DE ATRASO

O primeiro dos servizos afectados saíu da cidade olívica con 77 minutos de demora. Con todo, as viaxeiras e viaxeiros que tiñan previsto coller ese tren en Santiago foron reubicados noutras circulacións. Pola súa banda, as persoas usuarias do Rexional foron tamén reubicadas noutros servizos ou realizaron o transbordo por estrada, segundo o seu destino ou lugar de procedencia.

OUTRO ATRASO POLA ROTACIÓN DE MATERIAL

As mesmas fontes indicaron que, pola rotación de material, o tren das 08.00 horas Vigo-A Coruña saíu con 55 minutos de atraso. Renfe asegurou que as persoas viaxeiras afectadas foron informadas mediante mensaxes e a través das canles habituais. A compañía subliñou tamén que está a traballar para resolver estas incidencias e achegar os usuarios aos seus destinos canto antes, ben mediante a reubicación noutros servizos ferroviarios ou ben por estrada. Os atrasos volven poñer o foco sobre os problemas recorrentes nas conexións ferroviarias internas de Galicia, especialmente nun dos corredores máis utilizados da comunidade, o que une Vigo, Santiago e A Coruña.

Unha persoa ferida tras envorcar co seu coche en Mos

Unha persoa resultou ferida na tarde deste mércores tras producirse un accidente no que un coche terminou envorcado na localidade de Mos. Segundo fontes do 112 consultadas por Europa Press, os feitos ocorreron pasadas as 16:30 horas e foi un particular o que chamou aos servizos de emerxencia, alertando de que podería haber persoas atrapadas dentro do vehículo.

Por iso, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias deuse aviso ao corpo de bombeiros, á Policía Local, ao GES de Mos e ao 061. Precisamente os profesionais sanitarios informaron de que finalmente todos os ocupantes do coche puideron saír do automóbil, sendo necesaria asistencia médica para unha persoa.

A UVigo vota este mércores para elixir Reitorado entre Belén Rubio, Carmen García Mateo e Jacobo Porteiro

A comunidade educativa da Universidade de Vigo (UVigo) está chamada este mércores a votar nas eleccións ao Reitorado do centro universitario para elixir entre os tres candidatos que se presentan a estes comicios: Belén Rubio, Carmen García Mateo e Jacobo Porteiro. Con todo, é necesario que un deles consiga polo menos o 50% dos votos para facerse co cargo na primeira volta. Desta maneira, os candidatos dan por feito que terá que producirse unha segunda votación que enfronte aos dous máis votados deste mércores.

No entanto, nada está decidido e poida que algún consiga o obxectivo de alzarse co Reitorado nas próximas horas. Así o sinalou García Mateo, que no seu último día de campaña subliñou que é moi probable que sexa necesaria unha segunda volta, pero deixando claro que a súa intención é conseguir ser reitora este mércores. Segundo dixo en declaracións a Europa Press, trátase dun proceso “moi longo” que comezou xa hai “ano e medio”, con estes últimos 15 días “moi intensos”. Non se mostrou nerviosa, senón “expectante”, esperando conseguir a confianza da comunidade educativa para facerse co Reitorado, aínda que manifestando o seu respecto polo resto de candidatos.

Belén Rubio mostrouse convencida de ter posibilidade de pasar a unha segunda volta e de que, tras ela, poder ser a seguinte reitora da UVigo. No suposto de ter que apoiar a outro candidato se non sae elixida, dixo que é “moi difícil” porque os programas son “diferentes”. Neste punto, lamentou que, ao seu xuízo, García Mateo non fai unha “aposta forte pola internacionalización” o cal é unha “falta” moi importante. Respecto de Porteiro, dixo que non ve no seu programa unha aposta “clara” de estabilización e de consolidación para o Persoal Docente e Investigador.

Precisamente Jacobo Porteiro tampouco quixo sinalar a quen votaría en caso de non ser elixido para pasar a unha suposta segunda volta. El indicou que se mostrase algunha preferencia “estaría a condicionar o voto” aos que o apoiaron a el e “iso vai radicalmente en contra do que pensa que deben ser unhas eleccións ao Reitorado”. “Non creo que sexa unha cuestión de persoas, senón entre modelos e non vexo o modelo que nós propomos identificado con ningunha das outras dúas candidaturas”, insistiu.

ELECCIÓNS

Este mércores a comunidade educativa da UVigo está chamada a votar nas eleccións ao Reitorado para elixir entre os tres candidatos. Será ás 18:00 horas cando pechen as urnas e comezará o reconto. O xoves proclamaranse os resultados provisionais, aínda que se espera que a noite do mércores xa se coñezan os primeiros datos.

No caso de que ningún dos tres candidatos alcance o 50% dos votos, levarase a cabo unha segunda volta, que será o venres 15 de maio.

Caballero acusa a Xunta e Deputación de non facer vivenda mentres o PP repróchalle que as súas son “só papel”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, volveu arremeter contra a Xunta e contra o PP a conta da vivenda, e insistiu en que, entre Concello e Zona Franca, teñen en marcha máis de 800 vivendas na cidade, á vez que instou á Deputación a construír tamén pisos protexidos en Vigo. En declaracións remitidas aos medios, o rexedor olívico insistiu en que o Concello “rehabilitou máis de 400 vivendas” nunha ducia de ámbitos da cidade, cun investimento de máis de 6 millóns. Igualmente, reiterou que o Concello ten 715 vivendas “en marcha” en Santa Cristina, Barreiro ou Esturáns, ás que se suman 90 de Zona Franca na zona de Balaídos.

“A pregunta é cantas vivendas de promoción constrúe a Deputación en Vigo? Porque a Deputación non construíu nin promocionou nin unha soa vivenda en Vigo. Porque as competencias de vivenda son da Xunta, o Concello non ten e a Deputación tampouco, pero se o Concello as fai, a Deputación poderíaas facer igual. A que espera? Que se poñan a iso de forma inmediata”, proclamou Abel Caballero. O alcalde denunciou que, fronte ás 715 vivendas promovidas pola administración municipal, a Xunta non promove “nin unha de aluguer” e “para vender 62 soamente, dándolle o solo o Concello”. “O PP de Vigo, a Xunta e a Deputación están a rirse desta cidade”, concluíu.

RESPOSTA DO PP

En resposta ás palabras dun “nervioso” alcalde, a presidenta do PP, Luisa Sánchez, insistiu en lembrar que o Concello non rehabilitou “nin unha soa das vivendas” mencionadas por Caballero, senón que o fixeron os particulares “co seu diñeiro e con axudas que proceden da UE, concedidas pola Xunta e polo Goberno de España”. Con respecto ás vivendas de promoción municipal, subliñou que ningunha delas se está construíndo aínda e sinalou que o alcalde está tan “desesperado” como para agora reclamar á Deputación que constrúa vivenda pública cando non ten competencias.

“Ao contrario que o Concello de Vigo, que si as ten. Lémbrolle que ten sobre a súa mesa un informe do secretario municipal que cita ata catro leis que lle dan competencias ao Concello de Vigo para construír vivenda. Ese informe está incluído no expediente aberto para constituír a empresa pública de vivenda, a cal non podería crear se non tivese competencias”, subliñou Luisa Sánchez. Por outra banda, cuestionou por que Caballero non reclamou vivenda protexida á Deputación durante os 8 anos que estaba presidida pola socialista Carmela Silva, e suxeriu ao rexedor que centre os seus esforzos “en achegar algo para solucionar o principal problema da cidade”.

Finalmente, a presidenta local do PP volveu lembrar que a única administración que está a facer vivenda protexida en Vigo é a Xunta, con máis de 300 pisos en obras en Navia dun total de 1.600 que se construirán nos próximos anos, aos que se suman as vivendas programadas nos ámbitos de Ramón Nieto (1.400 vivendas) e Ofimático (2.300 vivendas). “E mentres a Xunta está a actuar, el fala de vivendas que só están no papel”, sentenciou.

Sindicatos do metal de Pontevedra planean 3 xornadas de folga máis os días 19, 20 e 21, coincidindo con Navalia

As organizacións sindicais UGT, Comisiones Obreras (CC.OO.) e CIG planean outras tres xornadas de folga os días 19, 20 e 21 de maio se non se alcanza un acordo de convenio tras as tres primeiras paradas que se realizarán o 7, o 13 e o 14 deste mes.

Estes novos paros coincidirían coa celebración da Feira Internacional da Industria Naval (Navalia), que terá lugar no Instituto Ferial de Vigo entre o 19 e o 21 de maio. “Hai condicións que valen máis que o salario. Esiximos condicións dignas”, insistiron os tres sindicatos, criticando o “inmobilismo” da patronal, a pesar de que se solicitaron moitas melloras que “non supoñen un lastre económico”.

En rolda de prensa, Xulio Fernández (CIG) puxo en valor a unidade sindical á hora de convocar estas protestas, asegurando que a parte empresarial non negociou “de boa fe” durante os máis de dez encontros mantidos, porque “quixo impoñerse sen ter en conta as propostas” dos traballadores. Tanto el como Santiago García, de Comisiones Obreras, insistiron en que “hai máis condicións que o salario”, referíndose a outros aspectos do sector que queren mellorar para facelo “máis atractivo”. “É o momento. Sempre din que non hai persoas cualificadas para o sector”, afirmou Cristian González (UGT), reclamando “condicións atractivas” para que os mozos queiran traballar no metal.

MÁIS FOLGAS

Por iso, saen ás rúas este xoves, día 7, na primeira xornada de folga. A manifestación partirá ás 09.00 horas do estaleiro Armón, percorrerá a rúa Coruña, Camelias e chegará ao Concello, para despois dirixirse á Delegación da Xunta. Uns 33.000 traballadores da provincia están convocados aos primeiros tres paros, aos que prevén engadir outros tras xornadas de folga se non se alcanza un acordo. Espérase que o 100% dos empregados secundasen a folga, ante as condicións “moi duras” que padece o sector.

PATRONAL

Pola súa banda, nun comunicado conxunto, as tres patronais do sector (Asime, Atra e Instalectra) criticaron o “bloqueo sistemático” dos sindicatos, que rexeitaron unha proposta máxima de suba salarial do 14,5% en catro anos. “Aínda que desde a parte empresarial aceptamos varias propostas sindicais e fixemos movementos nas últimas reunións, ao non ser valoradas positivamente esas cesións pola parte sindical, vimosnos obrigados a volver ás propostas que presentamos na 10.ª reunión, modificando a suba do 14,5% ao 13% para catro anos de convenio, así como a redución de 8 horas de xornada anual, que en lugar de aplicarse en 2027 aplicaríase en 2028″, recoñeceron os empresarios.

A oposición de Vigo carga contra a zona de baixas emisións e acusa ao alcalde de “mentir” sobre as multas

O PP de Vigo acusou ao alcalde, Abel Caballero, de “mentir” sobre a zona de baixas emisións da cidade, unha vez se confirmou que si haberá multas para os condutores que accedan sen permiso ás áreas protexidas, mentres que o BNG reclamou que se aposte por un reforzo do transporte público e non por un réxime sancionador. Nun comunicado, os populares esixiron ao rexedor que “pida desculpas” á cidadanía pola natureza da ordenanza aprobada este luns, que inclúe sancións.

“Caballero recorreu a un eufemismo, dicindo que non se multará de inicio pero iso é o mesmo que admitir que se acabará multando”, sinalou a presidenta do PP de Vigo, Luisa Sánchez. “Confírmase que o alcalde faltaba á verdade cando aseguraba que as áreas de baixas emisións en Vigo non terían un carácter sancionador e que, en caso de haber multas, non se implantarían ata dentro de 20 anos. Asegurouno recentemente e sen rubor algún. Só hai que repasar a hemeroteca”, engadiu.

Luisa Sánchez solicitou que se apuren “todos os prazos legais para atrasar ao máximo a entrada do réxime sancionador ao tempo que se amplíen tamén todo o posible as exencións dos vehículos afectados”.

Na mesma liña falou o portavoz do BNG local, Xabier Pérez Igrexas, quen reclamou a Abel Caballero que “desista” das restricións con multas e que reforce o transporte público da cidade. O nacionalista reivindicou “alternativas reais” ao uso de coche particular en lugar de “prohibicións, sancións e caros sistemas de videovixilancia”.

Pérez Igrexas denunciou “anos de opacidade” durante a tramitación da ordenanza, que saíu á luz este luns. “Por que insistir en aplicar un modelo fracasado, inxusto socialmente e que non reduce as emisións, senón que o único que fai é desprazar algúns tráficos a outras rúas?”, preguntouse o portavoz nacionalista.

O centro comercial Praza Elíptica de Vigo acolle a cuarta edición do Vintax Market a próxima semana

O centro comercial Praza Elíptica de Vigo acollerá a semana que vén a cuarta edición do Vintax Market, un mercado con roupa de segunda man e de autor e complementos sustentables, como bolsos ou bixutaría feita a man. Segundo a organización, este evento levarase a cabo entre os días 15 e 16 de maio co obxectivo de dar visibilidade a marcas, artesáns e artistas que apostan pola reutilización.

O mercado, que se celebrará na planta baixa do centro comercial, comezará ambos os días a partir das 12:00 horas e pechará ás 20:30 horas. “Trátase dun espazo dedicado á moda sustentable e circular para promover o consumo responsable e consciente”, subliñaron nun comunicado, convidando a veciños e visitantes a acudir para coñecer o traballo dos creadores locais.

Nesta edición, do mesmo xeito que xa se fixo nas tres anteriores, celebradas en xuño, setembro e decembro de 2025, destinarase parte do diñeiro recadado nas inscricións a apoiar iniciativas cun impacto positivo tanto para o planeta como para as persoas directamente.

O Concerto das Letras Galegas homenaxeará a Begoña Caamaño en Vigo cunha proposta musical de Uxía

O Consello da Cultura Galega e o Concello de Vigo lembrarán a Begoña Caamaño na 16ª edición do Concerto das Letras Galegas, que se celebrará este ano en Vigo, lugar de nacemento, formación e primeiros pasos profesionais da homenaxeada neste Día das Letras Galegas. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto coa intérprete encargada da proposta musical, Uxía; Bea Caamaño, irmá de Begoña; e Aleixo Amoedo, membro da Comisión Executiva, presentaron o programa desta cita, que será unha festa musical con moitas sorpresas, na que se mesturará a tradición galega con sonoridades atlánticas e lusófonas.

O concerto, de entrada libre e gratuíta, terá lugar no Auditorio Mar de Vigo o 16 de maio ás 20:30 horas e poderá seguirse en directo a través da web do CCG e na Televisión de Galicia, no marco da programación do Día das Letras Galegas. O alcalde, Abel Caballero, ofreceu a cooperación do Concello para desenvolver esta proposta musical, mentres que a presidenta do Consello, Rosario Álvarez, destacou o peso que Vigo tivo na figura da homenaxeada.

Naceu no Calvario, nunha cidade que conformou a súa personalidade e a súa obra desenvolvida despois noutros lugares, dixo. O programa, engadiu Rosario Álvarez, percorrerá musicalmente a súa personalidade, na que ten cabida o feminismo, o antimilitarismo, o xornalismo galego e o galego. Sobre a proposta musical, Uxía incidiu en que se tratará dunha festa na que festexamos a vida e a obra de Begoña e, con ela, tamén celebraremos a todas as mulleres indómitas, porque falaremos de sororidade, de feminismo e de cancións inspiradas na súa obra.

O programa desta edición do Concerto das Letras Galegas inspírase nos textos literarios e no labor xornalístico e radiofónico da autora homenaxeada. Trátase dun concerto composto por 14 pezas que transitan do íntimo ao festivo, no que Uxía Senlle rende homenaxe á memoria dunha das súas grandes amigas. Ao mesmo tempo, a proposta percorre tanto os gustos musicais de Begoña como aquelas composicións que acompañaron a súa traxectoria profesional.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed