Inicio Blog Páxina 646

A Orquestra Clásica de Vigo interpretará a banda sonora de ‘Canto de emigración’

A Orquestra Clásica de Vigo retoma este sábado, 25 de marzo, a tempada ‘Escoitas’ cun concerto no que interpretará en directo a banda sonora da película ‘Canto de emigración’, a reconstrución feita por Pepe Coira, que será proxectada por primeira vez en Vigo. A cita será ás 20,30 horas no auditorio do Teatro Afundación.

‘Canto de emigración’ é a imaxinación da película perdida de Antonio Román, “obra única e vangardista do patrimonio cinematográfico galego”. No ano 1935 estreábase en Madrid a primeira película do director ourensán, unha peza de 20 minutos realizada “a modo da vangarda socialista” que retrataba “a dureza do traballo no campo e o drama da emigración” seguindo como fío condutor da música do compositor tudense Teódulo R. Páramos.

Esta película perdeuse tras a guerra e na actualidade o material localizado son cartas, o guión, entrevistas en revistas da época, dúas fotogramas e o manuscrito da partitura orixinal, conservado pola familia do compositor.

Así, ‘Canto de emigración’ é un traballo de investigación e reconstrución dirixido polo cineasta Pepe Coira no que se busca chegar á imaxe a través dos vestixios existentes, “empregando a partitura como fonte principal”.

Abel Caballero: “O PSOE está en moi bo momento”

0

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou este sábado, no marco do Comité Federal do PSOE, que a política municipal no Partido Socialista está en “moi bo momento”, xa que as próximas eleccións municipais do próximo 28 de maio teñen unha “importancia singular” en cada cidade.

Neste sentido, subliñou que van ás eleccións con “moito optimismo, porque vai haber moi bo resultado”, en tanto que non considera que lle prexudique o “excesivo ruído” no Goberno de coalición, xa que consideran que “van subir”. En concreto, Caballero lembrou que en Vigo ten o 68% do voto, así como subliñou que Madrid ten unha candidata “magnífica”, referíndose a Reyes Maroto.

Pola súa banda, afirmou que os candidatos ás eleccións municipais do PSOE “teñen a certeza de que van gañar a alcaldía”.

A Xunta elimina tres puntos de vertedura de augas residuais no concello de Vigo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, eliminou tres puntos de vertedura de augas residuais na parroquia de Cabral cara ao rego de Pepín, no municipio de Vigo.

Este foco foi identificado, explican nun comunicado, no marco das inspeccións de rastrexo polos técnicos do Programa de Control de Verteduras, dependente de Augas de Galicia. O traballo dos inspectores da Xunta e a colaboración dos técnicos do Concello de Vigo permitiron identificar as propiedades nas que se orixinaban as achegas irregulares ao dominio público hidráulico.

Para acabar con estes focos foi necesaria a instalación dun novo colector de saneamento na avenida da Ponte, que permitiu a conexión das vivendas das que procedían as verteduras á infraestrutura de saneamento municipal.

Pablo López, primeiro artista confirmado para os concertos de Castrelos

O artista malagueño Pablo López actuará o próximo 24 de xullo no auditorio de Castrelos, sendo o primeiro concerto do programa Vigo en Festas 2023 desvelado polo alcalde, Abel Caballero.

En rolda de prensa, o rexedor olívido destacou que López é unha das figuras “máis importantes do pop actual”, desde que se deu a coñecer en 2008 na sexta edición de Operación Triunfo, onde quedou en segunda posición por detrás de Virginia Maestro.

Na actualidade é un dos coach habitual do programa ‘La Voz’ e obtivo un dobre disco de platino en 2015 con ‘El mundo y los amantes inocentes’ e en 2017 con ‘Camino, fuego y libertad’.

Ademais, Abel Caballero indicou que “deica pouco” anunciase algo relacionado con como levarán a cabo este ano as reservas de entradas para acceder á platea de Castrelos, dando a entender que quizá sexa necesario dispor da Pass Vigo para priorizar así a súa venda a cidadáns vigueses.

Estaleiros Armón e Ceferino de Blas, Medallas de Ouro Cidade de Vigo 2023

Estaleiros Armón e o xornalista e cronista oficial da cidade, Ceferino de Blas (no seu caso, a título póstumo) recibirán este ano a Medalla de Ouro Cidade de Vigo, que se entregará no acto que se celebra con motivo da festividade da Reconquista, o próximo 23 de marzo.

Así o confirmou en rolda de prensa o alcalde da cidade, Abel Caballero, quen sinalou que este ano se recoñecerá o traballo da empresa de construción naval (que hai uns meses fíxose coas instalacións dos antiga Hijos de J. Barreras), especializada “en buques de altísima tecnoloxía e alto valor engadido”.

Por outra banda, este ano e de forma excepcional, entregarase outra Medalla de Ouro, neste caso ao xornalista, director durante anos de Faro de Vigo e cronista oficial da cidade, Ceferino de Blas, falecido o pasado 19 de febreiro.

Petición de dezaoito anos de cárcere para o acusado de matar o seu provedor de cocaína en Chapela

A Fiscalía pide 18 anos de cárcere para un home acusado de asasinar o seu provedor de cocaína na súa vivenda da parroquia redondelana de Chapela, e que será xulgado a partir deste luns por un tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, na noite do 27 de xaneiro de 2021, o acusado chamou á vítima para anunciarlle que, como outras veces, iría á súa casa a comprar cocaína. O provedor preparoulle a droga e, como era o seu costume, deixoulle a porta aberta. Pouco despois, presentouse na vivenda, situada preto da praia de Arealonga, e fíxoo sen diñeiro, aínda que levando encima un rolo de cinta adhesiva de embalar e unhas luvas brancas de látex.

O procesado entrou na casa sen chamar e atopouse á vítima ceando na mesa do salón. Como este negouse a fiarlle a cocaína, o sospeitoso foi ao baño e púxose as luvas; a continuación, “con ánimo de atentar contra a súa vida”, achegouse ao outro home por detrás e pasoulle o brazo polo pescozo mentres tiña a boca chea de comida, comprimíndolle e tapándolle con forza ao mesmo tempo o nariz e a boca.

Así, causoulle a morte por asfixia, un proceso facilitado polo feito de que a vítima tiña unha traqueotomía debido a un accidente de tráfico, e porque, ademais dos problemas respiratorios, foi atacado por detrás sen que tivese posibilidade de reacción ou de defensa.

A continuación, coa cinta illante que levara, amordazó o corpo xa sen vida, e atouno de pés e mans. Despois colocoulle un chaleco encima da cara e fuxiu do lugar, levándose consigo o teléfono da vítima e as chaves da súa casa, que logo enterrou nunha zona rural da parroquia. O corpo do falecido foi localizado tres días despois, e o presunto autor do asasinato foi detido pola Policia Nacional a mediados de marzo de 2021.

DELITO E PENA

O acusado, unha vez arrestado, recoñeceu parcialmente os feitos, e levou aos axentes ao lugar onde enterrara o teléfono e as chaves da vítima. Por iso, a Fiscalía pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de confesión.

Por outra banda, sinala que non está acreditado que actuase coas súas facultades mermadas, a pesar de que está diagnosticado dun trastorno de personalidade e un trastorno por consumo de alcol e cocaína. A Fiscalía atribúelle un delito de asasinato e pide que sexa condenado a 18 anos de prisión, e que indemnice ao catro irmáns da vítima en 16.500 euros para cada un.

A vista contra este procesado será o primeiro xuízo con tribunal de xurado que se celebre nas novas instalacións da Cidade da Xustiza de Vigo.

Dous detidos tras roubar 3.000 euros nun local de apostas en Teis

Axentes da Policía Nacional da Comisaría de Vigo-Redondela detiveron nas últimas horas a dous homes como supostos autores dun roubo con violencia e intimidación, tras atracar un local de apostas do barrio de Teis.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na noite deste xoves, cando o 091 recibiu un aviso de que se cometeu un atraco. Ao chegar ao establecemento, a encargada explicou aos axentes que estaba a facer o peche do local acompañada por dous clientes (un deles estaba na porta), cando dous individuos ataviados con roupa escura e perrucas achegáronse con senllos coitelos e intimidaron ao cliente que estaba fóra para que se metese no interior.

Este cliente negouse e iniciouse un forcexo cun dos atracadores, momento que aproveitou o outro sospeitoso para acceder ao establecemento e intimidar á encargada a fin de apoderarse da caixa rexistradora. O individuo arrincouna do seu lugar e marchouse correndo co seu cómplice.

A Policía puxo en marcha un dispositivo de procura e conseguiu localizar aos sospeitosos a poucos metros do lugar do atraco. Nese momento, un deles estaba forzado a caixa rexistradora, que contiña case 3.000 euros en efectivo. Ambos foron detidos e postos a disposición xudicial.

O BNG propón converter a fábrica de pintura abandonada de Teis nunha gran factoría de creación cultural

O BNG presentou este venres a súa proposta para converter a antiga fábrica da Compañía Viguesa de Pinturas, no barrio de Teis, de titularidade municipal e abandonada desde hai anos, nunha gran factoría de creación cultural.

Así o trasladou o concelleiro e candidato nacionalista á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrrexas, que puxo en valor a súa aposta por “volver dotar” á cidade de dinamismo cultural, fronte ás políticas de “desesertización cultural” do actual goberno municipal.

Tras manter un encontro con creadores culturais da cidade, no que tamén participou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o edil nacionalista presentou esta proposta recuperación dunhas instalacións que forman parte do patrimonio industrial da cidade, e que son do Concello desde 2001, sen que ata agora dar un uso.

O candidato explicou que a súa pretensión é converter ese espazo, onde “se crían matogueiras e roedores”, nun punto de creación cultural en todas as disciplinas, con residencias artísticas nacionais e internacionais, que poña un dos seus focos na lusofonía, con programación permanente, laboratorios experimentais, espazos de convivencia artística e para exibir “o enorme talento que latexa en Vigo”.

Tras constatar que, nos últimos anos, “desapareceron unha vintena de programas culturais” na cidade, Pérez Igrexas apostou por volver convertela nunha urbe “creadora”, e lembrou que “cando o BNG foi decisivo” no Concello, sempre se notou esa aposta pola cultura local.

LEI DE DEREITOS CULTURAIS

Pola súa banda, Ana Pontón lamentou que “a luz cultural está a apagarse” na cidade, cando Vigo sempre estivo á “vangarda” e tivo un papel importante na renovación e internacionalización cultural de Galicia.

Segundo subliñou, a cultura é “un intanxible do que non se pode prescindir” e puxo en valor a proposta da rehabilitación da fábrica de pinturas, seguindo o ronsel doutras iniciativas similares en localidades como Allariz (Ourense) ou Guimaraes (Portugal).

Así mesmo, subliñou que, ademais do apoio municipal, “a cultura tamén necesita máis apoio da Xunta”, e lembrou que esta industria supón lle 2 % do PIB galego e o 3 % do emprego. “Pero nos últimos anos de políticas do PP houbo unha asfixia do sector, con cada vez menos apoios e menos espazos”, denunciou.

Nese contexto, lembrou que o BNG está a traballar na elaboración dunha lei de dereitos culturais e sistema público cultural de Galicia, que teña como eixos centrais que “a cultura é un dereito”, que necesita “máis financiamento”, e que debe “redefinirse” o sistema institucional vinculado con este ámbito para apoiar a creadores, tecer unha industria máis potente e apoiar ao talento e a creatividade.

Denunciado un condutor que encaixou o coche contra unha xardineira e negouse a facer a proba de alcolemia

A Policía Local de Vigo identificou e denunciou a un condutor, J.P.B., de 50 anos de idade, como presunto autor dun delito contra a seguridade viaria, ao negarse a facer a proba de alcolemia tras verse involucrado nun accidente.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron o pasado fin de semana de madrugada, cando un turismo chocou contra unha xardineira da vía pública na rúa Sevilla e logo deuse á fuga.

Tras recibir aviso telefónico, o 092 despregou un dispositivo de procura e localizou ao condutor na confluencia das rúas Barcelona e Hispanidade. A súa localización viuse favorecida polo feito de que o condutor, no incidente, rebentara o pneumático dianteiro dereito.

Unha vez identificado, os axentes convidáronlle a realizar a proba de alcolemia, dado que presentaba síntomas de embriaguez, pero este negouse, polo que foi denunciado e o seu vehículo inmobilizado.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed