InicioSucesosPetición de dezaoito anos de cárcere para o acusado de matar o...

Petición de dezaoito anos de cárcere para o acusado de matar o seu provedor de cocaína en Chapela

O acusado recoñeceu parcialmente os feitos, e levou aos axentes ao lugar onde enterrara o teléfono e as chaves da vítima. A Fiscalía pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de confesión.

PUBLICADO O

- Advertisement -

A Fiscalía pide 18 anos de cárcere para un home acusado de asasinar o seu provedor de cocaína na súa vivenda da parroquia redondelana de Chapela, e que será xulgado a partir deste luns por un tribunal de xurado, na sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Segundo o escrito de acusación pública, na noite do 27 de xaneiro de 2021, o acusado chamou á vítima para anunciarlle que, como outras veces, iría á súa casa a comprar cocaína. O provedor preparoulle a droga e, como era o seu costume, deixoulle a porta aberta. Pouco despois, presentouse na vivenda, situada preto da praia de Arealonga, e fíxoo sen diñeiro, aínda que levando encima un rolo de cinta adhesiva de embalar e unhas luvas brancas de látex.

O procesado entrou na casa sen chamar e atopouse á vítima ceando na mesa do salón. Como este negouse a fiarlle a cocaína, o sospeitoso foi ao baño e púxose as luvas; a continuación, “con ánimo de atentar contra a súa vida”, achegouse ao outro home por detrás e pasoulle o brazo polo pescozo mentres tiña a boca chea de comida, comprimíndolle e tapándolle con forza ao mesmo tempo o nariz e a boca.

Así, causoulle a morte por asfixia, un proceso facilitado polo feito de que a vítima tiña unha traqueotomía debido a un accidente de tráfico, e porque, ademais dos problemas respiratorios, foi atacado por detrás sen que tivese posibilidade de reacción ou de defensa.

A continuación, coa cinta illante que levara, amordazó o corpo xa sen vida, e atouno de pés e mans. Despois colocoulle un chaleco encima da cara e fuxiu do lugar, levándose consigo o teléfono da vítima e as chaves da súa casa, que logo enterrou nunha zona rural da parroquia. O corpo do falecido foi localizado tres días despois, e o presunto autor do asasinato foi detido pola Policia Nacional a mediados de marzo de 2021.

DELITO E PENA

O acusado, unha vez arrestado, recoñeceu parcialmente os feitos, e levou aos axentes ao lugar onde enterrara o teléfono e as chaves da vítima. Por iso, a Fiscalía pide que se lle aplique a circunstancia atenuante de confesión.

Por outra banda, sinala que non está acreditado que actuase coas súas facultades mermadas, a pesar de que está diagnosticado dun trastorno de personalidade e un trastorno por consumo de alcol e cocaína. A Fiscalía atribúelle un delito de asasinato e pide que sexa condenado a 18 anos de prisión, e que indemnice ao catro irmáns da vítima en 16.500 euros para cada un.

A vista contra este procesado será o primeiro xuízo con tribunal de xurado que se celebre nas novas instalacións da Cidade da Xustiza de Vigo.

ÚLTIMAS

Volven prender lume en Chandebrito oito anos despois da traxedia na que morreron dúas persoas

Un lume forestal que comezou onte á noite en Chandebrito (Nigrán) queimou 0,73 hectáreas...

Caballero, contra as peaxes na A-52 e A-55: “As construtoras que se dediquen a contruír”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, arremeteu este venres contra a proposta da patronal...

Abel Caballero tacha de “bobada” a proposta do PP para o centro de asociacións

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, negou este venres que poña problemas á Xunta...

A praia a Calzoa, a difícil convivencia entre liberdade canina e respecto pola natureza

Celebridades como o exfutbolista Vlado Gudelj e o músico Abraham Cupeiro participan na campaña...