Inicio Blog Páxina 525

Proposta de Conxemar para a ampliación en 39.000 metros do Ifevi en varias fases e presenta o plan de tráfico para a XXIV feira

0

Conxemar presentou este xoves o seu estudo de alternativas para unha nova ampliación do Instituto Feiral de Vigo (Ifevi), ás portas da celebración da súa 24ª feira, que este ano contará cun plan especial de tráfico, no que colaboraron a organización do evento, Audasa, Garda Civil, Aena, e Policía Local de Vigo e Mos, para evitar os habituais colapsos nos accesos ao recinto.

Nunha rolda de prensa celebrada en Vigo, o presidente de Conxemar, Eloy García, acompañado por arquitectos do estudo Fraga, Quijada e Portolés, presentou o estudo de posibilidades de ampliación do Ifevi, que se estrutura en sete fases, das que as tres primeiras están desenvolvidas en detalle, tanto en valoración económica como en prazos.

As fases posteriores, da 4 á 7, estimáronse de forma xeral ao situarse no longo prazo. Así, o tres primeiras fases executaríanse entre os anos 2023 e 2031, cun orzamento estimado de 38,7 millóns de euros, que suporía a ampliación en 13.000 metros cadrados de superficie feiral e gañar 1.000 prazas de aparcadoiro. Para acometer este tres fases necesitaríase expropiar aproximadamente 23.000 m2.

A longo prazo (fases 4 e 5) exponse a construción de dous novos edificios feirais que engadirían outros 13.000 m2,cun custo estimado de 25 millóns de euros. A fase 6 sería a máis complexa debido ao desnivel con respecto á cota do espazo feiral actual: exponse a urbanización de 30.000 m2, a construción dun edificio feiral de 6.500 m2 e a construción de 700 prazas de aparcadoiro. O orzamento orientativo é de 36 millóns de euros nun prazo de 3 anos.

Finalmente, unha sétima fase consistiría na construción doutro edificio feiral, anexo ao da fase 6 de 6.500 m2. Estímase o custo en 8 millóns de euros nun prazo de 2 anos. En total, Conxemar pon sobre a mesa a posibilidade de gañar 39.000 metros cadrados de espazo expositivo no período 2023-2040, cun total de 73.000 metros cadrados de expropiacións.

PLAN DE TRÁFICO

Por outra banda, os responsables de Conxemar presentaron tamén ante os medios o plan especial de tráfico deseñado para axilizar os accesos á feira a próxima semana.

Así, cortarase a entrada 157 da AP-9 desde a Avenida do Tranvía en Vigo, convertendo este tramo da rúa dun único sentido cara ao Ifevi. Ademais, para acceso exclusivo de expositores, con acreditación visible no seu vehículo, que procedan da AP-9 en sentido descendente desde Puxeiros, abrirase un ramal ata agora inhabilitado que conecta a AP-9 co aparcadoiro do recinto.

Os expositores que queiran acceder a este ramal vindo pola autoestrada AP-9 desde Vigo, terán que tomar a saída 159B e acceder de novo á autoestrada pola entrada 7B, e así chegar polo carril dereito á desviación do ramal de expositores.

Ademais, a saída 157 da AP-9 quedará pechada aos transportes que superen os 3.500 quilos e a Avenida do Tranvía quedará anulada en sentido ascendente, desde o cruzamento coa Avenida de Santa Mariña, onde se instalará unha rotonda para virar.

Con respecto ao aparcadoiro, Conxemar disporá de 1.400 prazas adicionais: mil prazas no aparcadoiro do aeroporto de Peinador e outras 400 no recinto coñecido como VigoParking, todas elas gratuítas. Os cortes de tráfico aplicarase os días 3 e 4 de outubro, desde as 8,00 ata as 13,00 horas.

MARCA “AGRIDOCE”

O presidente de Conxemar, Eloy García, trasladou a súa confianza en que estas medidas axuden a paliar os atascos e dificultades de circulación que, cada ano, repítense nas inmediacións do recinto feiral, especialmente as dúas primeiras mañás do evento.

Así mesmo, volveu a insitir na necesidade de que esta feira poida contar con máis espazo e subliñou que na edición de 2023 bateuse unha marca de expositores. Respecto diso, indicou que se trata unha marca “agridoce” porque moitas empresas e organismos “quedáronse fóra”. “Temos unha lista de espera que daría para encher outro pavillón”, constatou

Nesta edición de Conxemar, a presenza de empresas creceu nun 13 % ata alcanzar as 770, e a organización espera superar os 26.060 visitantes rexistrados na edición do ano pasado. Finalmente, Conxemar anunciou que, proximamente, presentaranse os resultados dun estudo encargado a Zona Franca e a Universidade de Vigo, sobre o impacto económico tanto da feira como do Congreso de FAO que se celebra sempre na véspera.

Rouba cun coitelo e un pasamontañasn un céntrico mesón do centro de Vigo

A Policía Nacional busca desde o sábado pola mañá ao autor dun roubo con intimidación cometido nun establecemento hostaleiro do centro de Vigo, de onde levou a recadación que había na caixa.

O individuo entrou ás 12,00 horas do sábado tapando a súa cara cun pasamontañas a un mesón de Travesía de Vigo e ameazou cun coitelo aos traballadores do local, segundo informou a Policía Nacional.

Así, logrou que lle entregasen a recadación da caixa. Desde entón, a policía abriu unha investigación para identificar, localizar e proceder á detención do asaltante.

Investigado un mozo de Cangas ao que lle interviñeron 31 plantas de marihuana nunha leira

0

A Garda Civil de Cangas investiga a un veciño, de 29 anos de idade, como suposto responsable dunha plantación de marihuana incautada na localidade. Interviñéronselle 31 plantas de cannabis, 22 delas de grandes dimensións. O cultivo localizouse por mor das investigacións realizadas por efectivos de Seguridade Cidadá e do forte cheiro a marihuana que había nunha leira.

Ademais, podíase apreciar desde o exterior unha agrupación de grandes plantas baixo un alpendre a modo de invernadoiro, co teito de plástico, así como outros exemplares ocultos entre a vexetación do terreo. O Instituto Armado, ademais de investigar ao novo, trasladou as plantas a Sanidade Exterior de Vigo. As dilixencias foron entregadas no xulgado de garda de Cangas.

Moaña sae á rúa para demandar a volta do PAC ao centro de saúde da localidade

0

Máis dun milleiro de persoas saíron este domingo ás rúas de Moaña, convocados pola Mesa Pola Sanidade Pública do municipio e a Plataforma SOS Sanidade Pública para demandar á Consellería de Sanidade a volta do PAC ao centro de saúde da localidade.

Encabezada por unha pancarta na que se podía ler ‘Coa nosa saúde non se xoga’ — ‘Coa nosa saúde non se xoga’–, a marcha partiu pasadas ás 11,00 horas do Centro de Saúde de Domaio e nela participou tamén a líder do BNG, Ana Pontón.

A portavoz nacionalista destacou que o PP “pon contra as cordas a sanidade pública” con “continuos recortes” que neste caso, asegurou, “non son produto da casualidade”, senón que “responden a un claro deseño do PP para deteriorar a sanidade pública e beneficiar á sanidade privada.

Pola súa banda, a alcaldesa de Moaña, Leticia Santos, expuxo que os case 20.000 veciños do concello “carecen de PAC” ao ser trasladado a Cangas en abril do ano 2020 “coa escusa do confinamento e coa promesa de devolvelo ao finalizar a pandemia”.

Así mesmo, lembrou que os veciños do municipio pontevedrés levan 96 semanas concentrándose para reclamar servizos sanitarios “xustos” e avanzou que continuarán coas mobilizacións para alcanzar a asistencia sanitaria “que necesitan”.

Unha veciña de Ponteareas acepta catro anos e medio de cárcere por tentar matar o seu exmozo

0

Unha veciña de Ponteareas aceptou catro anos e medio de cárcere por tentar matar o seu exmozo. Inicialmente, Fiscalía solicitaba once anos de prisión nun xuízo fixado para este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra.

Na aplicación da pena, tívose en conta a atenuante de alteración psíquica. Ademais, impúxoselle a prohibición de aproximarse e comunicarse coa vítima durante un ano superior á pena de prisión imposta.

Segundo o escrito do Ministerio Fiscal, a procesada mantivo unha relación sentimental coa vítima que finalizou a principios do mes de decembro de 2022. Nese momento, el comunicoulle o seu desexo de concluír a relación e a procesada non aceptou esta decisión, comezando a enviarlle “múltiples audios e mensaxes de texto” a través de WhatsApp para tratar de “mover a súa vontade e lograr que este retomase a relación sentimental con ela”.

Nestas mensaxes, continúa Fiscalía, a procesada díxolle á súa parella que “do amor ao odio hai un paso” e que “se preparase, que o que viría sería moi caro”.

Así, o día 26 de decembro, a acusada presentouse no domicilio da vítima co pretexto de manter unha conversación en persoa sobre a súa situación sentimental. Unha vez na súa vivenda, afirma o escrito de Fiscalía, a procesada preguntoulle se volvería con ela, ao que el contestou cunha negativa.

A continuación, “coa escusa de coller un vaso de auga”, ela acudiu á cociña e colleu un coitelo cunha folla de 10 centímetros que “escondeu cando entrou de novo no salón”, onde se atopaba a vítima vendo a televisión.

Deste xeito, a acusada, “con ánimo de causarlle a morte e aproveitando que el non lle prestaba atención nese momento”, extraeu o coitelo e cortoulle a caluga “de lado a lado”.

Ao sentir o corte, explica o Ministerio Fiscal, a vítima incorporouse e “se volteó cara á procesada”, que “ao non poder continuar cortando o pescozo” comezou a lanzarlle o coitelo “en dirección ao peito coa intención de cravarllo e causarlle a morte”.

A reforma laboral pode deixar na rúa aos “conserxes” dos colexios públicos de Vigo

0

O pasado xoves 21 de setembro pais e nais de Vigo concentráronse diante do CEIP Illas Cíes de Coia para protestar pola privatización do servizo de “oficial de instalación municipal” (“conserxes”) en varios colexios do concello. “Non podemos consentilo” dicían os convocantes, a  Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas). Desde esta federación, desde sindicatos e o mesmo sector afectado, consideran que a medida de, até o de agora, posible privatización deste servizo de oficiais de instalacións municipais acabará minguando aínda máis o ensino público restándolle calidade sobre todo no coidado das instalacións escolares. Polo de agora son vinte e catro os postos que están sen cubrir.


PRIVATIZACIÓN

A problemática co persoal que atende os colexios de Vigo nace a partir da última reforma laboral. “Até o de agora contrataban persoal por seis meses” di Iolanda Alonso, CIG. Ese persoal era chamado de novo para o seguinte curso, mesmo se convocaban bolsas para ter unha lista con nomes da que ir tirando e así encher xubilacións, baixas e outras incidencias. Este persoal viña traballando por acumulación de tarefas e contratación temporal. “Estabamos nunha situación que podería ser considerada como fraude, a contratación por acumulación de tarefas era unha contratación temporal” sinala Jesús Fajardo, antigo oficial de instalacións nun colexio. “Viñeron algunhas denuncias por esta situación e ademais, coa última reforma laboral, viron que podían ser sancionados”.

A resposta do Concello de Vigo ante a posibilidade de verse en problemas co Ministerio de Traballo, deixou de recorrer ás listas de contratación e “en vez de facernos fixos di que privatizará” o servizo. “Esa é a resposta do Concello: non teño persoal abondo para cubrir prazas, por tanto, privatizo” apunta Francisco García, UGT. Mentres tanto, hai cincuenta persoas que están esperando ser chamadas para cubrir vacantes, todas ellas dentro dunha bolsa de contratación que requería unha formación previa para poder figurar.

Porén, nin as mesmas persoas afectadas nin sindicatos nin Foanpas saben se a privatización será inmediata ou non. Actualmente hai 24 colexios sen “conserxe”, aproximadamente o 50% dos centros de primaria e infantil de Vigo. “Non hai previsión de cando pode realizarse esta privatización” di Francisco García. “Antonte o concelleiro Xabier Pérez Igrexas (BNG) dicía que non se sabe nada” di Jesús Fajardo. A pesar disto, os traballadores e traballadoras afectadas entenden que o proceso está en marcha.

NON SON “DA XUNTA”

O caso dos oficiais de instalacións municipais e, en concreto, dos colexios públicos, é confundido co traballo dos bedeis ou conserxes dos centros de ensino secundario, ou mellor dito, confúndense as institucións para quen traballan. Os primeiros “pola lei de bases de réxime local a competencia de mantemento dos colexios corresponde aos concellos, pois os colexios están edificados en terreos municipais” di Iolanda Alonso. Mentres, os centros de secundaria públicos están na súa totalidade baixo competencia autonómica.

Esta diferenza é a que explica o conflito directo co Concello vigués. Á parte disto e das “explicacións” dadas polo consistorio de “falta de persoal” abondo para atender todas as prazas sen ocupar, tamén engaden que non se pode exceder dun determinado número de contratos temporais. A contradición é que “hai OPEs que deberan estar xa cubertas como son as de 2017, 2018 e 2019 e aínda estamos con elas, con todo, convocouse unha OPE para unha praza de oficial de instalacións municipais mentres as 50 persoas da última bolsa convocada xa pasaran unha proba” describe Iolanda Alonso. A pesar de todo, Alonso cre que o Concello non cubrirá esa praza convocada mediante OPE.

Ao dito anteriormente súmase a contradición no interior do mesmo goberno local. O organigrama do Concello ten como terceira tenente de alcalde a Elena Espinosa Mangana, que ademais leva a Área de Goberno, de Emprego, Fondos Europeos, Patrimonio, Medio Ambiente, Educación, Deportes e Mocidade. Dentro desta área está a Concellería delegada dirixida por Olga Alonso Suárez, quen leva a delegación de Educación e Recursos Humanos e Formación. Olga Alonso respondería ante Elena Espinosa. Por tanto, dentro da mesma área de goberno creáronse as bolsas de contratación para os colexios por estaren dentro de Educación e ao mesmo tempo se paralizaron as mesmas contratacións, orde chegada de Recursos Humanos, departamento incluído na Área que leva Educación.

Á parte, Foanpas, sindicatos e traballadores consideran que a privatización fará minguar a calidade do ensino público en Vigo, en tanto en canto non haberá un oficial durante toda a xornada escolar. “A idea é crear unhas ‘cuadrillas’ que irán atendendo segundo as necesidades que se presenten” di Francisco García. Por tanto, a presenza permanente dun técnico será substituída por traballadores e traballadoras que irán puntualmente. O temor é que ao final sexa o equipo docente quen quede coa tarefa de abrir e pechar o centro escolar.

Un exemplo é o presentado polo STEG denunciando que o CEIP Igrexa-Candeán, situado no rural vigués, “carece ademais de conserxe, por decisión da Concellería de Educación de Vigo, o cal provoca moitas dificultades no recibimento ás familias e supón a realización de traballos extra ás docentes”. De momento, as peticións de traballadores e traballadoras, pais e nais para reunirse coas autoridades locais non tiveron resposta.

Traballadores afectados polo ERE de Nueva Pescanova concentraranse en Conxemar para “dar visibilidade” á situación

0

Traballadores afectados polo expediente de regulación de emprego (ERE) de Nueva Pescanova anunciaron que se concentrarán o próximo 3 de outubro na feira Conxemar para “dar visibilidade” á situación que viven. Nun comunicado, o comité de empresa informou das accións que levarán a cabo nas próximas semanas, en protesta polo “inxusto” ERE, comezando por asistir a Conxemar.

Todo iso despois de que o comité se reunise cos afectados este xoves para explicar o proceso, que pretende o despedimento de 82 persoas. Tras unha primeira reunión de negociación, levada a cabo este pasado mércores, os representantes dos traballadores e a compañía volverán reunirse os días 5, 9, 10, 17, 18, 25 e 26 de outubro. Entre outras cousas, o comité cargou contra Abanca, accionista maioritario de Nueva Pescanova, lamentando o “descoñecemento” que ten do grupo ao acometer unha decisión así.

Foi o pasado 6 de setembro cando Nueva Pescanova informou os comités de empresa e delegados sindicais da súa intención de iniciar este ERE, que xustifica “por causas económicas e organizativas” e que se cinguirá ás áreas de soporte de Chapela e Madrid. A pesar de que nun primeiro momento anunciou que afectaría a unhas cen persoas, finalmente serán uns 82 os despedimentos.

A ARVI impulsa con fondos da UE proxectos sobre eficiencia, rastrexabilidade, seguridade, formación e revalorización

0

A Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI, presentou este xoves os cinco proxectos que impulsa, en cooperación con empresas e centros de investigación, financiados con fondos Next Generation da UE, e que abarcan áreas como a eficiencia enerxética, a rastrexabilidade, a seguridade alimentaria, a formación e capacitación, ou a revalorización de subproductos.

Así o trasladou o presidente de ARVI, Javier Touza, durante a xornada de presentación de resultados deste cinco proxectos piloto (que xa foron probados e están a funcionar), celebrada en Vigo. Trátase de iniciativas nas que cooperaron centros tecnolóxicos como Cetmar, Gradiant, Energylab ou Anfaco-Cecopesca, e que permiten ao sector pesqueiro adaptarse “aos retos presentes e futuros”.

O proxecto Next EmpleaMar é unha iniciativa para mitigar o problema de substitución xeracional no sector, a través dunha plataforma que utiliza a Intelixencia Artificial para pór en contacto aos demandantes de emprego e ás empresas que buscan profesionais. Ademais, permite emitir alertas sobre caducidade de certificacións e acreditacións que necesitan as tripulacións.

En segundo lugar, impulsouse o proxecto Buque Eficiente, un sistema de xestión da eficiencia enerxética nos sistemas frigoríficos e conxeladores dos barcos, con monitorización en tempo real de parámetros. O proxecto Pescando 4.0 é unha plataforma que integra tecnoloxía ‘blockchain’ para garantir a rastrexabilidade dos produtos pesqueiros, desde o momento da captura ata que se pon á venda.

Intertimar é unha iniciativa que busca o aproveitamento da calor residual dos barcos para inertizar as vísceras do peixe a bordo e destruír así os parásitos de forma sustentable. Finalmente, presentouse o proxecto Abasap, un prototipo para a compactación de subprodutos pesqueiros e a súa revalorización, transformándoos para a obtención dunha especie de salsa, de especial interese para os mercados asiáticos.

SECTOR “ENVORCADO”

Na xornada de presentación de resultados, a subdirectora xeral de comercialización pesqueira e acuicultura da Secretaría Xeral de Pesca do MAPAMA, Carola González, puxo en valor que ARVI envorcouse “nesta convocatoria de axudas con cargo aos fondos europeos, e chamou a “aproveitar a oportunidade” que supoñen eses recursos porque “a innovación é o futuro do sector pesqueiro”.

Pola súa banda, o presidente do Porto de Vigo, Carlos Botana, subliñou que a pesca viguesa e galega son “referentes no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable” e que sempre foi exemplo de sustentabilidade, rastrexabilidade ou innovación.

Finalmente, en representación do Concello, a concelleira Elena Espinosa destacou que, tras estes proxectos innovadores e de investigación, está “a mellora da produtividade e a achega de maior valor engadido” na industria pesqueira, que debe saber adaptarse ás novas esixencias e demandas dos consumidores.

Piden seis anos de cárcere para un acusado de apuñalar no peito a un home en Vigo

0

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, xulgará o vindeiro mércores, día 4 de outubro, a un home acusado de apuñalar no peito a outro home na cidade olívica.

A causa procede do Xulgado de Instrución número 4 de Vigo e pola feitos Fiscalía solicita para o procesado unha pena de seis anos de cárcere, así como o pago dunha indemnización de 4.800 euros á vítima polas lesións e as secuelas, ademais de 3.450 euros ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) polos gastos de asistencia médica.

Segundo recolle o Ministerio Público no seu escrito de acusación, foi en novembro de 2021 cando a vítima e a súa parella, ao saír da casa duns amigos, pasaron pola vivenda do agora acusado, o cal comezou a insultar ao home. Nun momento dado, achegouse á parella e iniciouse unha discusión, sacando un coitelo que levaba detrás da cintura e cravándollo no peito “con ánimo de acabar coa súa vida”.

A agresión provocou lesións que puidesen producirlle a morte se non é pola rápida asistencia médica que recibiu, segundo indica Fiscalía. Por iso, solicita seis anos de cárcere e o pago de máis de 8.000 euros, así como unha orde de afastamento de polo menos 200 metros da vítima.

A UVigo, condenada a devolver o desconto da cota patronal a persoal investigador

0

A sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso colectivo presentado pola CIG-Ensino, considerando nula a práctica de descontar a cota patronal a persoal investigador e condenando á Universidade de Vigo (UVigo) a devolver as ditas cantidades.

Os traballadores afectados en cuestión son os elixidos para beneficiarse das axudas da modalidade denominada Margarita Salgas (para a contratación de novas doutoras e doutores) e o programa María Zambrano (de atracción de talento internacional). Esta resolución únese á que o TSXG levou a cabo o pasado verán, que obrigaba a realizar o mesmo á Universidade da Coruña (UdC). “Só queda pendente a sentenza que afecta á Universidade de Santiago de Compostela, cuxo xuízo xa tivo lugar”, reivindicou o sindicato nun comunicado.

No caso da sentenza da UVigo, en liña coa da UdC, declara nula a práctica de detraer do importe das axudas a cota empresarial á Seguridade Social, para determinar desta maneira o salario a abonar ao persoal contratado. Así, estima que os traballadores teñen dereito a percibir polo menos as contías que figuran no Real Decreto que regula as axudas (3.500 euros brutos ao mes para quen realice estancia no estranxeiro e de 2.800 euros en España no caso de Margaridas Salgas e 4.000 euros brutos mensuais no caso de María Zambrano).

Só na UVigo están nesta situación 38 persoas. O total das universidades galegas ascende a 136, segundo datos da CIG. A CIG mostrou a súa satisfacción por esta decisión do alto tribunal galego, pero pediu aos equipos reitores das universidades un “cambio” á hora de afrontar este tipo de conflitos, lembrando que inicialmente a organización propuxo unha arbitraxe para evitar a vía xudicial e que só se acudiu aos tribunais ante a negativa das tres universidades.

HOXE EN GALICIA

Loading RSS Feed