O pasado xoves 21 de setembro pais e nais de Vigo concentráronse diante do CEIP Illas Cíes de Coia para protestar pola privatización do servizo de “oficial de instalación municipal” (“conserxes”) en varios colexios do concello. “Non podemos consentilo” dicían os convocantes, a Federación Olívica de Asociacións de Pais e Nais de centros escolares de Vigo (Foanpas). Desde esta federación, desde sindicatos e o mesmo sector afectado, consideran que a medida de, até o de agora, posible privatización deste servizo de oficiais de instalacións municipais acabará minguando aínda máis o ensino público restándolle calidade sobre todo no coidado das instalacións escolares. Polo de agora son vinte e catro os postos que están sen cubrir.
PRIVATIZACIÓN
A problemática co persoal que atende os colexios de Vigo nace a partir da última reforma laboral. “Até o de agora contrataban persoal por seis meses” di Iolanda Alonso, CIG. Ese persoal era chamado de novo para o seguinte curso, mesmo se convocaban bolsas para ter unha lista con nomes da que ir tirando e así encher xubilacións, baixas e outras incidencias. Este persoal viña traballando por acumulación de tarefas e contratación temporal. “Estabamos nunha situación que podería ser considerada como fraude, a contratación por acumulación de tarefas era unha contratación temporal” sinala Jesús Fajardo, antigo oficial de instalacións nun colexio. “Viñeron algunhas denuncias por esta situación e ademais, coa última reforma laboral, viron que podían ser sancionados”.
A resposta do Concello de Vigo ante a posibilidade de verse en problemas co Ministerio de Traballo, deixou de recorrer ás listas de contratación e “en vez de facernos fixos di que privatizará” o servizo. “Esa é a resposta do Concello: non teño persoal abondo para cubrir prazas, por tanto, privatizo” apunta Francisco García, UGT. Mentres tanto, hai cincuenta persoas que están esperando ser chamadas para cubrir vacantes, todas ellas dentro dunha bolsa de contratación que requería unha formación previa para poder figurar.
Porén, nin as mesmas persoas afectadas nin sindicatos nin Foanpas saben se a privatización será inmediata ou non. Actualmente hai 24 colexios sen “conserxe”, aproximadamente o 50% dos centros de primaria e infantil de Vigo. “Non hai previsión de cando pode realizarse esta privatización” di Francisco García. “Antonte o concelleiro Xabier Pérez Igrexas (BNG) dicía que non se sabe nada” di Jesús Fajardo. A pesar disto, os traballadores e traballadoras afectadas entenden que o proceso está en marcha.
NON SON “DA XUNTA”
O caso dos oficiais de instalacións municipais e, en concreto, dos colexios públicos, é confundido co traballo dos bedeis ou conserxes dos centros de ensino secundario, ou mellor dito, confúndense as institucións para quen traballan. Os primeiros “pola lei de bases de réxime local a competencia de mantemento dos colexios corresponde aos concellos, pois os colexios están edificados en terreos municipais” di Iolanda Alonso. Mentres, os centros de secundaria públicos están na súa totalidade baixo competencia autonómica.
Esta diferenza é a que explica o conflito directo co Concello vigués. Á parte disto e das “explicacións” dadas polo consistorio de “falta de persoal” abondo para atender todas as prazas sen ocupar, tamén engaden que non se pode exceder dun determinado número de contratos temporais. A contradición é que “hai OPEs que deberan estar xa cubertas como son as de 2017, 2018 e 2019 e aínda estamos con elas, con todo, convocouse unha OPE para unha praza de oficial de instalacións municipais mentres as 50 persoas da última bolsa convocada xa pasaran unha proba” describe Iolanda Alonso. A pesar de todo, Alonso cre que o Concello non cubrirá esa praza convocada mediante OPE.
Ao dito anteriormente súmase a contradición no interior do mesmo goberno local. O organigrama do Concello ten como terceira tenente de alcalde a Elena Espinosa Mangana, que ademais leva a Área de Goberno, de Emprego, Fondos Europeos, Patrimonio, Medio Ambiente, Educación, Deportes e Mocidade. Dentro desta área está a Concellería delegada dirixida por Olga Alonso Suárez, quen leva a delegación de Educación e Recursos Humanos e Formación. Olga Alonso respondería ante Elena Espinosa. Por tanto, dentro da mesma área de goberno creáronse as bolsas de contratación para os colexios por estaren dentro de Educación e ao mesmo tempo se paralizaron as mesmas contratacións, orde chegada de Recursos Humanos, departamento incluído na Área que leva Educación.
Á parte, Foanpas, sindicatos e traballadores consideran que a privatización fará minguar a calidade do ensino público en Vigo, en tanto en canto non haberá un oficial durante toda a xornada escolar. “A idea é crear unhas ‘cuadrillas’ que irán atendendo segundo as necesidades que se presenten” di Francisco García. Por tanto, a presenza permanente dun técnico será substituída por traballadores e traballadoras que irán puntualmente. O temor é que ao final sexa o equipo docente quen quede coa tarefa de abrir e pechar o centro escolar.
Un exemplo é o presentado polo STEG denunciando que o CEIP Igrexa-Candeán, situado no rural vigués, “carece ademais de conserxe, por decisión da Concellería de Educación de Vigo, o cal provoca moitas dificultades no recibimento ás familias e supón a realización de traballos extra ás docentes”. De momento, as peticións de traballadores e traballadoras, pais e nais para reunirse coas autoridades locais non tiveron resposta.